O sector lácteo é un motor da economía agraria galega con máis de 2,9 millóns de litros producidos ao longo do ano 2023, que acadaron un valor superior a 1,5 millóns de euros pagados aos 6.130 produtores e produtoras de Galicia.
Co fin de prover este sector dunha ferramenta de planificación estratéxica e que dote de transparencia e información dun xeito eficaz, faise preciso impulsar, mediante unha nova regulación, o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia.
A Consellería do Medio Rural, a través do Decreto 61/2007, do 22 de marzo, creou o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia, como órgano colexiado de asesoramento e consulta cos representantes do sector.
O tempo transcorrido desde que se creou e os cambios experimentados nestes anos na produción e na industria, así como na evolución do consumo e dos mercados do leite e dos produtos lácteos a nivel nacional e internacional, aconsellan adaptar o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia á realidade actual.
Con este fin, este decreto cambia a composición do Observatorio para acoller todos os elos da cadea de valor do leite: produción, industria, distribución e consumo. Así mesmo, redefine as funcións da Presidencia, da Secretaría e das vogalías que o conforman.
Ademais, co fin de fortalecer o seu funcionamento ordinario, permítese a creación de grupos de traballo coa participación de persoas expertas no sector lácteo alleas ao Observatorio.
Finalmente, cómpre sinalar que este decreto se adecúa aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, de conformidade co previsto no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
Por proposta da conselleira do Medio Rural, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de xaneiro de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
O obxecto deste decreto é regular o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia, como un órgano colexiado de asesoramento, consulta e análise do sector lácteo.
Artigo 2. Adscrición e sede
O Observatorio do Sector Lácteo de Galicia está adscrito á consellería competente en materia agraria e desenvolvemento rural, a través da dirección xeral competente en materia de control da cadea alimentaria. Así mesmo, ten a súa sede nas dependencias desa consellería.
Artigo 3. Funcións
1. O Observatorio do Sector Lácteo de Galicia ten as seguintes funcións:
a) Analizar a situación e evolución do sector lácteo, tendo en consideración os datos técnicos e económicos facilitados pola Administración autonómica ou outras fontes do sector, como os prezos percibidos polas persoas produtoras, a xestión económica das explotacións, os datos estatísticos con perspectiva de xénero ou a oferta e demanda dos produtos lácteos no mercado, así como o estudo da cadea de valor e das relacións comerciais e contractuais entre os distintos elos da cadea alimentaria.
b) Elaborar informes como resultado das análises anteriores.
c) Difundir os resultados dos seus informes.
d) Facer o seguimento do cumprimento das medidas da Estratexia de dinamización do sector lácteo 2020-2025 ou plan que o substitúa, así como revisar, perfeccionar e actualizar o dito plan, en consonancia coa evolución do sector.
e) Asesorar a consellería competente en materia agraria e desenvolvemento rural no relativo ao sector lácteo.
f) Impulsar a aplicación do principio de igualdade entre mulleres e homes con carácter transversal, e remitir ao órgano competente en materia de igualdade o resultado das análises de impacto de xénero feitas polo Observatorio.
g) Calquera outra función relacionada co sector lácteo que lle encargue a persoa titular da consellería competente en materia agraria e desenvolvemento rural.
2. O Observatorio do Sector Lácteo de Galicia desenvolverá as súas funcións con pleno respecto á normativa en materia de defensa da competencia. En canto a toda a información que poidan facilitar as persoas operadoras ao Observatorio, respectarase a garantía de confidencialidade, e este comprométese a non realizar intercambio ningún de información que poida achegar cada persoa operadora e que poida afectar a competitividade do sector.
Artigo 4. Composición
1. O Observatorio do Sector Lácteo de Galicia está composto pola Presidencia, a Secretaría e vinte e unha vogalías. Na súa composición procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres. As mulleres deben ser como mínimo o 40 % dos membros do Observatorio.
2. Por iniciativa de calquera dos membros, o Observatorio pode pedir a participación nas xuntanzas do Pleno de persoas con acreditada experiencia e prestixio no sector, tanto doutros departamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia como de organismos e entidades sectoriais ou académicas. Estas persoas achegarán os seus coñecementos ao debate das xuntanzas, polo que terán voz, pero non voto.
Artigo 5. A Presidencia
1. A Presidencia do Observatorio corresponde á persoa titular da consellería competente en materia agraria e desenvolvemento rural. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou doutra causa legal, as funcións da Presidencia serán exercidas polo membro do Observatorio en quen delegue.
2. As funcións da Presidencia son:
a) Representar o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia.
b) Dirixir, promover e coordinar o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia.
c) Acordar a convocatoria das sesión ordinarias e extraordinarias e fixar a orde do día.
d) Presidir as xuntanzas, moderar os debates, dirixir as deliberacións e votacións, e velar polo cumprimento das leis.
e) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.
f) Visar as actas e certificacións dos acordos expedidas pola Secretaría.
g) Nomear o resto dos membros do Observatorio e separalos, se é o caso.
h) Desempeñar outras funcións que lle atribúa o Observatorio ou sexan inherentes ao seu cargo.
Artigo 6. A Secretaría
1. A Secretaría corresponde a unha persoa funcionaria da consellería competente en materia agraria e desenvolvemento rural, nomeada pola Presidencia. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, será substituída pola persoa funcionaria que designe a persoa titular da Presidencia.
2. As funcións da Secretaría son:
a) Asistir ás reunións do Pleno con voz, pero sen voto.
b) Convocar as sesións por orde da Presidencia.
c) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das xuntanzas.
d) Remitir a convocatoria, a orde do día da xuntanza e a documentación complementaria aos membros do Observatorio cunha antelación mínima de corenta e oito horas, xunto coa acta da xuntanza anterior.
e) Expedir as certificacións das consultas, informes, ditames e acordos aprobados, co visto e prace da Presidencia.
f) Recibir as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos ou comunicacións dirixidas ao Observatorio.
g) Outras funcións que sexan inherentes ao cargo.
Artigo 7. As vogalías
1. As persoas vogais do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia e os seus suplentes serán nomeadas pola persoa titular da Presidencia, por proposta das seguintes entidades:
a) A consellería competente en materia agraria e desenvolvemento rural, que contará con tres vogalías.
b) As dúas organizacións profesionais agrarias con maior representatividade en Galicia con presenza no Consello Agrario Galego, que contarán cunha vogalía cada unha delas.
c) A asociación con maior representatividade no conxunto do sector primario galego e a asociación con maior representatividade no sector lácteo galego, que contarán cunha vogalía cada unha delas.
d) A Federación Nacional de Industrias Lácteas, que contará con tres vogais representantes da industria láctea con sede social en Galicia ou que dispoña dun establecemento permanente de transformación industrial situado na Comunidade. Nestas vogalías debe haber un equilibrio entre os tamaños das industrias e o tipo de produtos elaborados.
e) As tres asociacións do sector da distribución alimentaria con maior representatividade en Galicia, que contarán cunha vogalía cada unha delas.
f) O Consello Galego de Consumidores e Usuarios, que contará cunha vogalía.
g) O Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), que contará cunha vogalía.
h) As dúas cooperativas agrarias galegas que sexan primeiras compradoras de leite e teñan o maior número de persoas socias, que contarán cunha vogalía cada unha delas.
i) A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), que contará cunha vogalía.
j) A Federación Frisona Galega (Fefriga), que contará cunha vogalía.
k) Unha entidade representativa de mulleres rurais de Galicia, que contará cunha vogalía, de forma rotativa por un período de dous anos.
l) A organización de produtores lácteos de Galicia con maior representatividade, que contará cunha vogalía.
2. As persoas vogais do Observatorio deben pertencer a entidades sen vinculación entre elas, agás no caso de vogalías dentro da mesma alínea do número 1 anterior. No caso de propostas de entidades vinculadas, o nomeamento das vogalías farase na orde en que aparecen no número 1 anterior.
3. No caso de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa xustificada, as persoas vogais do Observatorio poderán ser substituídas polos seus suplentes.
4. As funcións das vogalías son:
a) Estudar a convocatoria, a orde do día e a documentación complementaria das xuntanzas.
b) Asistir ás xuntanzas, participar nos debates, votar os acordos e formular un voto particular, se é o caso, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.
c) Formular rogos e preguntas e propoñer asuntos para incluír na orde do día.
d) Traballar activamente nos grupos de traballo de que formen parte.
e) Propoñer a creación de grupos de traballo.
f) Outras funcións inherentes á súa condición.
Artigo 8. Duración dos nomeamentos e causas de cesamento
O mandato da Presidencia durará o tempo que a persoa sexa titular da Consellería. O resto dos membros do Observatorio teñen un mandato de catro anos a partir da data do seu nomeamento, sen prexuízo do establecido no artigo 7.1, alínea k). Porén, continuarán no cargo ata que se nomee outra persoa, aínda que tivese transcorrido este prazo.
Os membros do Observatorio tamén cesarán nas súas funcións se renuncian expresamente, son declarados incapaces para o cargo ou son inhabilitados para exercer un cargo público por sentenza xudicial firme, así como por calquera outra causa xustificada que impida o exercicio das funcións asignadas.
No caso das persoas que ocupan vogalías, tamén será causa de cesamento nas súas funcións a revogación da representación da organización ou entidade que a propuxo.
As circunstancias anteriormente sinaladas deben comunicarse á Secretaría do Observatorio.
Artigo 9. Funcionamento e apoio técnico
1. O Observatorio funcionará en pleno e en grupos de traballo.
2. A constitución do Pleno precisa como mínimo da presenza da metade dos membros, entre os que deben estar as persoas titulares da Presidencia e da Secretaría ou as persoas que as substitúan.
3. O Observatorio desempeñará as súas funcións a través da dirección xeral competente en materia de control da cadea alimentaria, que contará, de ser o caso, co apoio necesario da secretaría xeral técnica da consellería competente en materia agraria e desenvolvemento rural e do organismo competente en promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios. En todo caso, a secretaría xeral técnica da consellería competente na materia, no eido das súas competencias, prestará apoio en materia de igualdade cando sexa requirida polo Observatorio.
4. A organización e o funcionamento do Observatorio rexerase por este decreto, sen prexuízo do disposto para os órganos colexiados na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na subsección I da sección III do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Artigo 10. O Pleno
1. O Pleno é o órgano superior do Observatorio e está integrado por todos os membros previstos no artigo 4. Correspóndelle o exercicio das funcións previstas no artigo 3 e a elaboración dun regulamento de réxime interno.
2. O Pleno do Observatorio reunirase anualmente en sesión ordinaria e as veces que sexa preciso con carácter extraordinario, sempre que a Presidencia o considere oportuno. Estas xuntanzas poderán realizarse presencial ou telematicamente.
3. Os acordos adoptaranse por maioría dos membros presentes e, en caso de empate, decidirá o voto de calidade da Presidencia.
Artigo 11. Grupos de traballo
O Pleno pode crear grupos de traballo para analizar cuestións concretas relacionadas co sector lácteo. O acordo de constitución de cada grupo de traballo debe especificar a súa composición, as tarefas encomendadas e a data prevista de finalización dos traballos.
Os grupos de traballo poden estar formados por persoas con vogalías no Observatorio, persoas representantes de entidades e asociacións relacionadas co sector lácteo ou persoas expertas no asunto obxecto do traballo.
Na súa composición procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres. As mulleres deben ser como mínimo o 40 % dos membros do Observatorio.
Artigo 12. Difusión dos traballos do Observatorio
O Observatorio difundirá os datos, información, traballos e actuacións que elabore a través dun sitio web específico dentro do portal institucional da Xunta de Galicia. Esta difusión terá en conta a lexislación de igualdade na xestión das imaxes e da linguaxe inclusiva.
Disposición adicional primeira. Revogación de nomeamentos e primeira convocatoria
1. Quedan revogados todos os nomeamentos da Secretaría e das vogalías feitos ao abeiro do Decreto 61/2007, do 22 de marzo, polo que se crea o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia e se determinan as súas funcións, composición e funcionamento.
2. A partir da entrada en vigor deste decreto, a persoa titular da Presidencia do Observatorio deberá convocar a primeira xuntanza no prazo máximo de tres meses, logo do nomeamento das persoas que ocuparán a Secretaría e as vogalías.
Disposición adicional segunda. Representatividade das asociacións agrarias
Para os efectos do artigo 7.1.c), a asociación do conxunto do sector primario galego con maior representatividade é a que acadase o maior número de representantes nas últimas eleccións aos consellos reguladores de Galicia. En canto ao sector lácteo, a asociación con maior representatividade é a que ten un maior número de persoas socias.
Disposición adicional terceira. Representatividade da entidade de mulleres rurais
Para os efectos do artigo 7.1.k), para determinar que unha entidade é representativa das mulleres rurais de Galicia, terase en conta o seu número de membros, o obxecto, os fins da entidade e o ámbito territorial.
Disposición adicional cuarta. Representatividade das organizacións de produtores lácteos
Para os efectos do artigo 7.1.l), a organización de produtores lácteos galega con maior representatividade é a que ten un maior número de persoas socias.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Queda derrogado o Decreto 61/2007, do 22 de marzo, polo que se crea o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia e se determinan as súas funcións, composición e funcionamento.
Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa
Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia agraria e desenvolvemento rural para ditar as disposicións que sexan precisas para desenvolver e executar este decreto dentro da organización e materias propias do seu departamento.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte de xaneiro de dous mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural
