DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 6 de febreiro de 2025 Páx. 10318

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2025, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo para o ingreso na escala de axentes técnicos en xestión ambiental do corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, grupo B, convocado mediante a Resolución do 16 de novembro de 2023 (Diario Oficial de Galicia número 221, do 21 de novembro), pola que se dá publicidade a diversos acordos.

Na sesión que tivo lugar o 23 de xaneiro de 2025, o tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso na escala de axentes técnicos en xestión ambiental do corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, grupo B, convocado mediante a Resolución do 16 de novembro de 2023 (DOG núm. 221, do 21 de novembro),

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria e en relación co primeiro exercicio do proceso selectivo realizado o día 16 de novembro de 2024, unha vez revisadas as alegacións presentadas, anular as seguintes preguntas:

I. Quenda de promoción interna:

– Pregunta número 15 do cuestionario: substitúese pola pregunta de reserva número 116.

– Pregunta número 29 do cuestionario: substitúese pola pregunta de reserva número 117.

– Pregunta número 30 do cuestionario: substitúese pola pregunta de reserva número 118.

– Pregunta número 96 do cuestionario: substitúese pola pregunta de reserva número 123.

– Pregunta número 100 do cuestionario: substitúese pola pregunta de reserva número 124.

– Pregunta número 104 do cuestionario: substitúese pola pregunta de reserva número 125.

– Pregunta número 105 do cuestionario: non se substitúe por ningunha outra pregunta.

– Pregunta número 115 do cuestionario: non se substitúe por ningunha outra pregunta.

En consecuencia, a segunda parte do exercicio puntuarase sobre 48 preguntas, en lugar de 50.

II. Quenda de acceso libre:

– Pregunta número 40 do cuestionario: substitúese pola pregunta de reserva número 142.

– Pregunta número 54 do cuestionario: substitúese pola pregunta de reserva número 143.

– Pregunta número 55 do cuestionario: substitúese pola pregunta de reserva número 144.

– Pregunta número 121 do cuestionario: substitúese pola pregunta de reserva número 149.

– Pregunta número 125 do cuestionario: substitúese pola pregunta de reserva número 150.

– Pregunta número 129 do cuestionario: substitúese pola pregunta de reserva número 151.

– Pregunta número 130 do cuestionario: non se substitúe por ningunha outra pregunta.

– Pregunta número 140 do cuestionario: non se substitúe por ningunha outra pregunta.

En consecuencia, a segunda parte do exercicio puntuarase sobre 48 preguntas, en lugar de 50.

Segundo. Desestimar na súa totalidade as restantes reclamacións e alegacións presentadas.

Terceiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, o exercicio cualificarase de 0 a 80 puntos e para superalo será preciso obter un mínimo de corenta (40) puntos. Para estes efectos, nos criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio aprobados polo tribunal na sesión do día 29 de outubro de 2024, en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio, e publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, estableceuse que, no acceso pola quenda de promoción interna, superarían o primeiro exercicio as persoas aspirantes presentadas que acaden en cada unha das partes o 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

De se dar o caso de que o número de aspirantes que acaden, en cada unha das partes, o 50 % das respostas netas sexa inferior ao número de prazas convocadas por esta quenda, superarán o exercicio as persoas aspirantes que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

No acceso libre, superarán este exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas por esta quenda, sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Non obstante, de se dar o caso de que o número de aspirantes que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas netas sexa inferior ao resultado de multiplicar por catro o número de prazas convocadas, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións, ata acadar a devandita cifra, sempre que obtivesen, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Para os efectos do previsto nos dous parágrafos anteriores, no que se refire ao número máximo de prazas convocadas pola quenda de acceso libre, terase en conta que as prazas non cubertas pola quenda de promoción interna se acumularán ás prazas convocadas pola quenda de acceso libre.

Partindo do anterior, asignarase a valoración de 40 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 40 e os 80 puntos, proporcional ao número de respostas correctas (unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas). Do mesmo xeito, asignarase a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Realizada a corrección nesta mesma sesión, na quenda de promoción interna acadaron a puntuación mínima de 40 puntos un total de 13 persoas aspirantes no seu conxunto e fixouse en 45,20 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base II.1.1.1 da convocatoria.

En consecuencia, das vinte e catro (24) prazas da convocatoria reservadas para seren cubertas pola quenda de promoción interna, once (11) acumularanse ás prazas convocadas pola quenda de acceso libre. Unha vez realizada a dita acumulación, o total de prazas para seren cubertas pola quenda de acceso libre ascende a oitenta e tres (83) prazas.

Tendo en conta o anterior, e realizada a corrección nesta mesma sesión, na quenda de acceso libre acadaron a puntuación mínima de 40 puntos un total de 191 persoas aspirantes no seu conxunto e fixouse en 55,20 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base II.1.1.1 da convocatoria.

Cuarto. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas á proba realizada o día 16 de novembro de 2024, correspondente ao primeiro exercicio do proceso selectivo pola quenda de promoción interna e pola quenda de acceso libre, para o ingreso na escala de axentes técnicos en xestión ambiental do corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, grupo B, convocado mediante a Resolución do 16 de novembro de 2023 (DOG núm. 221, do 21 de novembro) no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. A súa presentación realizarase a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal).

Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da resolución da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada perante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2025

Verónica Tellado Barcia
Presidenta do tribunal