O día 10 de xaneiro de 2025 a Consellería do Mar publicou a Orde do 17 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas dirixidas ao sector da acuicultura para investimentos produtivos e creación de empresas, investimentos para a neutralidade climática e servizos de asesoramento, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e se procede á súa convocatoria para o ano 2025, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE205F).
Esta orde publicouse co obxecto de establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2025 as seguintes modalidades de axudas:
1. Modalidade A: axudas destinadas á realización das actuacións que a continuación se detallan, que teñen por obxecto fomentar a competitividade e sustentabilidade do sector da acuicultura e impulsar o espírito empresarial:
a) Investimentos para unha acuicultura economicamente viable, competitiva e atractiva.
b) Mellora e construción das infraestruturas dependentes das explotacións acuícolas e asociadas directamente ás súas instalacións.
c) Protección das instalacións fronte a adversidades climáticas, alteracións da contorna e auga, escapes, depredadores etc.
d) A creación de empresas acuícolas por parte de novas persoas acuicultoras para impulsar o espírito empresarial e favorecer a remuda xeracional.
2. Modalidade B: axudas destinadas a contribuír á neutralidade climática mediante a redución da pegada de carbono, o incremento da eficiencia enerxética e a reconversión a fontes de enerxía renovables.
3. Modalidade C: axudas destinadas a mellorar o rendemento, a competitividade e a sustentabilidade das explotacións acuícolas a través dos servizos de asesoramento de carácter técnico, científico, tecnolóxico, xurídico ou económico ás explotacións.
A modalidade A das axudas ten como finalidade fomentar a competitividade e sustentabilidade do sector a través do apoio a investimentos que contribúan a alcanzar os obxectivos da estratexia autonómica de acuicultura (ESGA), e impulsar o espírito empresarial. Neste marco promoveranse a mellora e construción das infraestruturas dependentes das explotacións acuícolas e asociadas directamente ás súas instalacións, entre as que se atopan as embarcacións auxiliares de acuicultura.
A Orde do 17 de decembro de 2024, no seu artigo 7.2, establece:
«Artigo 7. Investimento máximo subvencionable e intensidade da axuda
2. Modalidades A e B: a contía máxima da axuda será o 50 % do gasto total subvencionable para as operacións executadas por pemes e do 40 % no caso de grandes empresas, ata un límite máximo de 25.000.000,00 € de axuda por beneficiario.
No caso de solicitudes para a construción de barcos auxiliares de acuicultura, a contía máxima do gasto subvencionable da operación será de 300.000,00 €. Este importe será incrementado en 25.000,00 € por cada establecemento de acuicultura do cal sexa/n titular/es a/as persoa/s solicitante/s, ata o límite máximo de 600.000,00 € de custo subvencionable por embarcación».
Tendo en conta que o parágrafo segundo do artigo 7.2 supón unha restrición á finalidade establecida nos criterios de selección do Programa do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), por canto limita os proxectos de construción de embarcacións auxiliares de acuicultura, é preciso realizar a modificación da orde e suprimir o parágrafo citado.
Por todo iso, informada a Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Axencia Instituto Enerxético de Galicia e a Intervención Delegada da Comunidade Autónoma, e logo do informe da Asesoría Xurídica, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,
DISPOÑO:
Artigo único
Modifícase a Orde do 17 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas dirixidas ao sector da acuicultura para investimentos produtivos e creación de empresas, investimentos para a neutralidade climática e servizos de asesoramento, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e se procede á súa convocatoria para o ano 2025, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE205F), que queda modificada como segue:
Primeiro. O artigo 7 queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 7. Investimento máximo subvencionable e intensidade da axuda
1. As axudas reguladas nesta orde teñen carácter de subvencións de capital e non constitúen axudas de Estado.
2. Modalidades A e B: a contía máxima da axuda será o 50 % do gasto total subvencionable para as operacións executadas por pemes e do 40 % no caso de grandes empresas, ata un límite máximo de 25.000.000,00 € de axuda por beneficiario.
3. Modalidade C: a contía máxima da axuda será o 50 % do gasto total subvencionable da operación.
4. Para os efectos indicados terase en conta a definición de peme da Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, segundo a que son microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes), as empresas con menos de 250 empregados e cun volume de negocios anual igual ou inferior a 50 millóns de euros ou un balance xeral anual igual ou inferior a 43 millóns de euros.
As empresas deberán cumprir os criterios de independencia, segundo o indicado na mencionada recomendación. Así mesmo, para o cálculo dos efectivos (número de persoas ocupadas) e dos importes financeiros, terase en conta o indicado nela.
5. O importe do gasto total subvencionable será o que se obteña da valoración dos custos do proxecto con criterios técnico-económicos, obxectivos e homoxéneos, de acordo cos informes técnicos emitidos».
Segundo. Esta modificación terá efectos para a totalidade de solicitudes presentadas desde o inicio do prazo de presentación de solicitudes (11.1.2025).
Terceiro. Esta modificación supón a ampliación do prazo de presentación das solicitudes nun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2025
Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar
