A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma segundo o Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.
O Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de comercio interior. Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, o fomento, a modernización e o desenvolvemento do comercio, e a programación e a xestión de axudas destinadas a estes fins.
Na actualidade, o comercio tradicional está sometido a un profundo proceso de cambio que exixe realizar un esforzo de renovación e adaptación continuo, co obxecto de que se volva situar na posición histórica que, tradicionalmente, veu desempeñando no desenvolvemento económico e social das nosas vilas e cidades.
Por isto, e co obxecto de contribuír a construír un sector comercial máis competitivo e dinámico, recóllese un conxunto de medidas entre as que cabe subliñar a dinamización e a revitalización dos centros comerciais abertos da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa adaptación á súa contorna, creando espazos confortables e de lecer que promovan o incremento da competitividade do comercio de proximidade, a incentivación do consumo e a satisfacción das necesidades da poboación, así como a xeración de puntos de atracción comercial nas cidades e vilas galegas.
En consecuencia, co fin de promover a recuperación das vilas en xeral e do seu comercio en particular, tanto desde o punto de vista económico e social como urbanístico, contribuíndo a evitar o despoboamento que nos últimos anos se está producindo nos centros urbanos, esta orde diríxese ás asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia e que leven a cabo proxectos de interese para a dinamización e a revitalización dos centros comerciais abertos.
Todo iso faise no marco da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como consonte a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na medida en que sexa aplicable, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases (anexo I) polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinadas ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización do comercio local (código de procedemento CO300A).
Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2025.
2. A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.
c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.
3. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de 2.500.000,00 € financiado con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, que se imputará da seguinte forma:
|
Código de proxecto: 2015 00254 |
|||
|
Tipo de axuda |
Importe |
Aplicacións |
|
|
Programas de actividades de dinamización comercial (artigo 5 das bases reguladoras) |
2.250.000,00 € |
1.000.000,00 € |
14.06.751A.481.01 |
|
1.250.000,00 € |
14.06.751A.781.1 |
||
|
Actuacións de dinamización extraordinarias (artigo 7 das bases reguladoras) |
250.000,00 € |
250.000,00 € |
|
4. Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.
Artigo 2. Solicitudes
Para poder ser entidade beneficiaria da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo IV desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 8 das bases reguladoras.
Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día 19 de febreiro de 2025. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión
Unha vez recibidas as solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 5. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 6. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 7. Información ás entidades
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CO300A, poderase obter información a través dos seguintes medios:
1. Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal
2. Na páxina web oficial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
3. Nos teléfonos 981 54 45 30 e 981 54 55 57 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
4. No enderezo electrónico: dxc.axudas.comercio@xunta.gal
Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).
De acordo co establecido no artigo 14.1, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Recursos
Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións.
Disposición adicional segunda. Delegación de competencias
Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, para resolver a concesión ou denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos perda de dereito ao cobramento e de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas ou entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro
para a dinamización do comercio local (código CO300A)
Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a dinamización do comercio local.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (300.000 € nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, Serie L).
De conformidade coa antedita normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 300.000 € durante calquera período de tres anos. O concepto de única empresa inclúe todas as empresas que teñan, polo menos, un dos seguintes vínculos entre si:
a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto de accionistas ou socios doutra empresa.
b) Unha empresa ten dereito a nomear ou remover a maioría dos membros da administración, dirección ou control doutra empresa.
c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato suscrito con ela ou unha cláusula estatutaria da segunda empresa.
d) Una empresa, accionista ou asociada a outra, controla en solitario, en virtude dun acordo suscrito con outros accionistas ou socios destes últimos, a maioría dos dereitos de voto das súas accionistas ou asociadas.
As empresas que manteñan algunha das relacións previstas nas letras a) a d) a través doutra ou doutras empresas tamén terán a consideración de empresa única.
3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e os investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.
En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 5, e, de ser o caso, no artigo 7 destas bases reguladoras, sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de novembro de 2024 ata o 31 de outubro de 2025.
Artigo 2. Financiamento, compatibilidade e concorrencia
1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de 2.500.000,00 € financiado con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, que se imputará da seguinte forma:
|
Código de proxecto: 2015 00254 |
|||
|
Tipo de axuda |
Importe |
Aplicacións |
|
|
Programas de actividades de dinamización comercial (artigo 5 das bases reguladoras) |
2.250.000,00 € |
1.000.000,00 € |
14.06.751A.481.01 |
|
1.250.000,00 € |
14.06.751A.781.1 |
||
|
Actuacións de dinamización extraordinarias (artigo 7 das bases reguladoras) |
250.000,00 € |
250.000,00 € |
|
De existir remanente no orzamento destinado ás actuacións previstas no artigo 7 destas bases reguladoras, poderase reasignar para as actuacións previstas no artigo 5 financiadas con igual aplicación orzamentaria 14.06.751A.781.1
2. As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán compatibles con calquera outras outorgada polas distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais, da Unión Europea ou internacionais, para distinta finalidade, sen que en ningún caso poidan ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, superen o custo total da actividade subvencionada.
Artigo 3. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras e sempre que nas entidades solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as agrupacións permanentes de comerciantes, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia e plena capacidade, legalmente constituídas baixo calquera forma xurídica, cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia e desenvolvan proxectos de dinamización e incentivación do consumo de interese e transcendencia nos centros comerciais abertos definidos no artigo 24 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.
En todo caso, as entidades deberán ter unha antigüidade mínima de tres anos na data de publicación desta orde e atoparse ao día na obriga de aprobación, polo órgano competente, das contas anuais nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria (2022-2023).
2. Para os efectos desta orde, terán a consideración de centros comerciais abertos as agrupacións de comerciantes que cumpran os seguintes requisitos:
a) Dispoñer de xestión profesionalizada. Para estes efectos, enténdese por xestión profesionalizada a disposición dunha xerencia propia e permanente que deberá ter contratada, mediante un contrato laboral, unha persoa física que desenvolva funcións de xestión, contabilidade, dinamización comercial, información e asesoramento ás persoas comerciantes, durante o período comprendido entre o 1 de novembro de 2024 ata o 31 de outubro de 2025, de xeito continuado.
A persoa contratada non poderá ser membro nin formar parte dos órganos de goberno e dirección da entidade solicitante nin formar parte dos órganos de goberno, dirección ou xerencia de ningunha outra asociación ou federación de comerciantes beneficiaria dalgunha das axudas postas en marcha pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo durante os anos 2023 e 2024.
b) Ter unha delimitación territorial claramente definida dentro da área urbana do concello e integrar un dos principais eixes comerciais.
A delimitación territorial do centro comercial aberto comprenderá unha zona urbana claramente delimitada, continua e integrada por un eixe comercial, formado por un ou varios eixes comerciais principais e secundarios, debendo existir continuidade entre as rúas e prazas deles.
Para estes efectos, considérase eixe comercial un conxunto de rúas, prazas ou avenidas, peonís ou non, cunha alta concentración comercial e diversidade de oferta de servizos e ocio.
c) Contar cun mínimo de 50 comercios retallistas asociados na súa delimitación territorial e dados de alta na intranet da Dirección Xeral de Comercio e Consumo (plataforma Redic portal do comerciante galego).
d) Presentar unha diversidade de oferta comercial, con predominio da oferta especializada en equipamento persoal.
e) Os comercios retallistas asociados deben representar, polo menos, o 50 % do número total de socios dados de alta na intranet da Dirección Xeral de Comercio e Consumo (plataforma Redic portal do comerciante galego).
f) Contar con ingresos suficientes para asegurar a viabilidade económico-financeira da entidade. Para estes efectos, considéranse suficientes os orzamentos que teñan ingresos procedentes de cotas dos asociados que alcancen, como mínimo, 30 % do investimento solicitado.
g) Dispoñer de canles de comunicación dixital actualizadas periodicamente. Contar cun portal ou páxina web actualizada, app (whatsapp ou similar) e perfís activos en redes sociais con contidos de interese tanto para os comerciantes como para o público xeral, en que se inclúan, como mínimo, as campañas de promoción e dinamización, os eventos, así como os servizos do centro comercial aberto.
A actualización da información, no caso das redes sociais, será, como mínimo, semanal, e no resto de canles dixitais, segundo a demanda.
h) Realizar xornadas de formación periódicas para os asociados, con medios propios ou externos, e servir de punto de asesoramento e información permanente sobre temas de interese comercial.
i) Dispoñer dun programa de actividades de formación e dinamización co contido mínimo establecido no artigo 5 e que comprenda, polo menos, o período subvencionable.
3. Os centros comerciais abertos situados en municipios que teñan a consideración de grande cidade (A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo) contarán coas seguintes peculiaridades:
a) Unicamente no caso dos concellos destas sete grandes cidades poderá recoñecerse como beneficiaria destas axudas máis dunha agrupación de comerciantes que leven a cabo proxectos de dinamización e incentivación do consumo en centros comerciais abertos no mesmo termo municipal.
O número máximo de centros comerciais abertos en cada unha das cidades vén determinado polo número de comercios retallistas (CNAE 47) existentes no concello segundo os datos publicados polo IGE (ano 2022), nunha proporción de 550 comercios retallistas por cada centro comercial aberto.
b) A delimitación territorial será única e exclusiva para cada centro comercial aberto sen que en ningún caso poida ser coincidente ou compartir o mesmo espazo con outro existente.
No caso de presentarse varias solicitudes cunha delimitación territorial coincidente, o contorno da delimitación territorial virá determinado pola aplicación dos seguintes criterios:
1º. No caso de coincidir un eixe comercial principal, este quedará integrado na delimitación territorial do centro comercial aberto que corresponda de acordo cos seguintes criterios seguindo a súa orde de prelación:
– O que xa o tiña integrado na delimitación territorial recoñecida ao abeiro da orde de convocatoria de 2024 (código de procedemento CO300A).
– O que teña máis comercios asociados dentro do propio eixe principal.
Terá a consideración de eixe comercial principal a rúa, avenida ou praza que conte cunha densidade comercial dun mínimo do 50 % de establecementos comerciais sobre o total de empresas existentes nel e que sirva de elemento vertebrador dos eixes comerciais secundarios adxacentes.
2º. No caso de coincidir un eixe comercial secundario, este quedará integrado na delimitación territorial do centro comercial aberto que corresponda, de acordo cos seguintes criterios seguindo a súa orde de prelación:
– O que o tiña integrado na delimitación territorial recoñecida ao abeiro da orde de convocatoria de 2024 (código de procedemento CO300A).
– O que teña máis comercios asociados dentro do propio eixe secundario.
Terán a consideración de eixes comerciais secundarios o conxunto de rúas, prazas ou avenidas contiguas e lindeiras cun eixe comercial principal e que conten cunha alta densidade comercial.
3º. Os núcleos históricos consideraranse un eixe comercial con identidade propia, de tal forma que neles só poderá existir un único centro comercial aberto. A delimitación territorial do centro comercial aberto comprenderá o seu contorno natural ou, de ser o caso, o que así estivese declarado.
No caso de presentarse varias solicitudes cunha delimitación territorial coincidente nun núcleo histórico, terá a consideración de centro comercial aberto o que cumpra os seguintes criterios seguindo a súa orde de prelación:
– O que tivese recoñecida esta delimitación territorial ao abeiro da orde de convocatoria de 2024 (código de procedemento CO300A).
– O que teña máis comercios asociados dentro do propio núcleo histórico.
4. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26 de xuño de 2014, L 187/1).
Artigo 4. Rede de dinamización comercial (Redic)
1. A Rede de dinamización comercial (Redic), como instrumento da Xunta de Galicia para impulsar a dinamización comercial, servirá de plataforma habilitada pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo para que os centros comerciais abertos acrediten o cumprimento dos requisitos da súa representatividade do sector comercial.
2. Para estes efectos, na plataforma Redic, o centro comercial aberto deberá dar de alta como asociados os comercios retallistas e o resto dos integrantes da asociación, con indicación respecto a cada un deles da seguinte información:
• Nome e apelidos ou razón social.
• NIF.
• Nome comercial.
• Enderezo.
• Datos de contacto (número de teléfono e correo electrónico).
• Datos comerciais (IAE principal e categoría comercial).
Ademais, no caso de centros comerciais abertos situados nas sete grandes cidades, cada comerciante retallista deberá validar a súa condición de asociado na plataforma Redic.
3. Para o cumprimento dos requisitos previstos nas letras c) e e) do punto 2 do artigo 3 e dos tramos establecidos no punto 1 do artigo 6, só se terán en conta os comercios retallistas incluídos nos IAE establecidos no anexo II e os salóns de peiteado situados na delimitación territorial correspondente que estean dados de alta como asociados na plataforma Redic e validados como asociados no caso dos centros comerciais abertos nas grandes cidades. Non computarán para o cumprimento dos ditos requisitos os establecementos comerciais colectivos nin os establecementos comerciais individuais situados dentro deles.
4. A relación de asociados que se terá en conta para os efectos do disposto no punto 3 será a que conste actualizada na plataforma Redic como máximo na data de finalización do prazo previsto para a presentación de solicitudes no artigo 3.4 da convocatoria.
Artigo 5. Actuacións subvencionables
1. Consideraranse subvencionables os programas de actividades de dinamización comercial que teñan como obxectivo a incentivación do consumo e a atracción de clientes/as, habituais ou potenciais, co fin de incrementar as vendas no comercio local.
a) O programa deberá incluír, como mínimo:
– A planificación e desenvolvemento de seis (6) campañas de dinamización comercial que conten coa participación directa dos comercios asociados e das persoas consumidoras, distribuídas de forma uniforme ao longo do período subvencionable, preferentemente a razón dunha campaña cada dous meses (novembro-decembro, xaneiro-febreiro, marzo-abril, maio-xuño, xullo-agosto e setembro-outubro). Non se poderá incluír a mesma actividade en dous tramos de dous meses diferentes, agás na campaña de Nadal e Reis.
Estas campañas de dinamización poderán consistir en concursos, sorteos, organización de feiras de oportunidades e eventos de promoción comercial, bonos, descontos ou calquera outro incentivo para a persoa consumidora vencellada a una compra.
Cada unha das campañas de dinamización deberán ter identidade e substantividade propia que as identifique como unha campaña.
– A programación e desenvolvemento de dúas (2) actividades formativas.
Estas actividades formativas poderán consistir en congresos, obradoiros e xornadas formativas dirixidas á mellora da cualificación profesional dos comerciantes asociados ou actuacións de información sobre temas de contido xeral ou específico de interese comercial.
b) O programa poderá complementarse con accións de fidelización e de servizos para a clientela.
Estas actividades de fidelización poderán consistir en implantación ou mantemento de marketplace (suxeito as indicacións sinaladas no anexo III), tíckets de aparcadoiro, app e tarxetas de fidelización, servizo de entrega a domicilio, consignas e calquera outra actuación ou servizo que teña por finalidade fidelizar a persoa consumidora.
Para os efectos da valoración establecida no punto 1.2 do artigo 13, as diferentes accións de fidelización e de servizos á clientela consideraranse unha única actividade.
2. Para o desenvolvemento do programa de actividades de dinamización comercial, consideraranse subvencionables as seguintes categorías de gastos:
a) Gastos en medios de comunicación e publicidade: deseño, elaboración de contidos e difusión de publicidade en medios de comunicación, redes sociais, portal web ou outros soportes físicos ou dixitais e videos promocionais.
Gastos de publicidade impresa: deseño, impresión e difusión de cartelaría, folletos, lonas, rifas ou similares e elaboración de material promocional (merchandising e agasallos).
b) Gastos de execución: aluguamento de carpas, cadeiras, stands ou similares, equipamentos de son e iluminación, servizos de montaxe, desmontaxe e vixilancia, elementos decorativos e calquera outro gasto asociado á campaña de dinamización que sexa imprescindible para a súa execución.
Os gastos de animación, entretemento e diversión infantil, pasarrúas, gastos musicais e socioculturais, sempre que teñan carácter complementario e estean vencellados a unha campaña específica.
c) Gastos en dixitalización e fidelización: servizos de creación e mantemento de páxina web, marketplace (suxeito ás indicacións sinaladas no anexo III) ou app, mupis e tótems dixitais, de xestión de redes sociais, de envíos por empresas de loxística, do servizo de repartición a domicilio e tíckets de aparcamento.
Gastos de formación.
d) Gastos de xestión: asesoría externa e gastos de persoal do propio centro comercial aberto indispensables para o desenvolvemento das actividades, gastos correntes, seguros de responsabilidade civil e calquera outro gasto de xestión indispensable para o desenvolvemento das actividades.
Os gastos financeiros, os de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais, periciais e os gastos de garantía bancaria poderán ser subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.
3. En ningún caso o importe de cada categoría de gastos subvencionables do conxunto do programa de actividades de dinamización comercial do centro comercial aberto pode superar o corenta por cento (40 %) do investimento máximo subvencionable.
Así mesmo, en ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables pode ser superior ao valor de mercado.
4. Consideraranse gastos e actuacións non subvencionables:
a) Os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda, segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) As actuacións ou, de ser o caso, os gastos asociados a actuacións que non inclúan a publicidade do financiamento do proxecto pola Xunta de Galicia de acordo co establecido nos artigos 20.h) e 21 destas bases reguladoras.
c) Os gastos concertados con entidades ou persoas vinculadas ao xerente da entidade de acordo co establecido no artigo 22 destas bases reguladoras.
d) As campañas de dinamización, promoción ou calquera outra actuación que teñan exclusivamente por finalidade o patrocinio, a colaboración ou a axuda económica que comporten actividades lúdicas, turísticas, de exaltación gastronómica, deportivas ou similares, sen relación co fomento da actividade comercial e sen a participación directa dos establecementos comerciais asociados.
e) Os premios resultantes de sorteos ou de calquera outra combinación aleatoria.
f) A realización de cócteles e actos análogos.
g) As bolsas comerciais elaboradas con plástico (reciclado, non reciclado, compostable ou biodegradable).
h) A edición e a publicación de revistas, xornais e medios análogos, en soporte físico ou dixital.
i) Os regalos promocionais que non leven incluída a publicidade da Xunta de Galicia nos termos establecidos nos artigos 20 h) e 21 destas bases reguladoras.
j) A publicidade xenérica do centro comercial aberto, das campañas dirixidas á captación de asociados e de campañas que teñan como única finalidade e actuación a promoción e difusión dun determinado período de actividade comercial (rebaixas, día do pai, nai, namorados ou similar).
k) Os servizos de ludoteca ou gardaría.
l) Os tíckets de aparcamento en aparcadoiros públicos municipais.
m) Os tíckets de aparcamento que non estean facturados directamente por empresas de aparcamento.
n) Calquera axuda de custo e desprazamentos, agás no caso de cursos de formación dirixidos á unidade xerencial promovidos pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo, e os gastos de persoal da entidade solicitante, agás do/da xerente.
o) Os gastos inventariables e calquera outro gasto que non sexa indispensable nin estea directamente relacionado co obxecto da subvención.
Artigo 6. Investimentos máximos subvencionables e intensidade da axuda
1. O investimento máximo subvencionable modúlase en tres tramos en función do número de comercios asociados incluídos nos IAE establecidos no anexo II, incluídos os salóns de peiteados, segundo os datos obtidos da intranet habilitada pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo a través da base de datos da plataforma Redic, portal do comerciante galego:
a) 65.000,00 € para os centros comerciais abertos que teñan 100 ou máis comercios asociados.
b) 55.000,00 € para os centros comerciais abertos que teñan entre 99 e 70 comercios asociados.
c) 40.000,00 € para os centros comerciais abertos que teñan entre 69 e 50 comercios asociados.
2. A porcentaxe da subvención modúlase en función da puntuación total acadada na valoración do programa de actividades de dinamización comercial de cada centro comercial aberto de acordo cos criterios de valoración establecidos no punto 1.1 do artigo 13 destas bases reguladoras.
A intensidade da axuda queda establecida de acordo coa seguinte escala de puntuación total acadada:
|
Puntuación total |
Intensidade da axuda |
|
Máis de 12 puntos |
90 % |
|
Máis de 8 e ata 12 puntos |
80 % |
|
De 4 a 8 puntos |
70 % |
Artigo 7. Actuacións de dinamización extraordinarias
1. Os programas de actividades de dinamización comercial que, de acordo co previsto no punto 1 do artigo 13 destas bases reguladoras, acadasen unha puntuación de máis de 12 puntos poderán incrementar a axuda ata un máximo de 50.000,00 € para o financiamento dunha campaña de dinamización comercial extraordinaria, non incluída nas actuacións previstas no artigo 5, que teña como obxectivo a incentivación do consumo e a atracción de clientes/as, habituais ou potenciais, co fin de incrementar as vendas no comercio local.
A intensidade da axuda para a campaña extraordinaria será do 90 % do investimento máximo subvencionable.
2. A campaña de dinamización extraordinaria poderá desenvolverse en calquera momento ao longo de todo o período subvencionable.
3. Para o desenvolvemento da campaña extraordinaria de dinamización consideraranse subvencionables as categorías de gasto establecidas no punto 2 do artigo 5 destas bases reguladoras, así como calquera outro que sexa necesario e indispensable para a súa execución. Non se considerarán subvencionables os gastos e actuacións previstas no punto 4 do artigo 5.
3. Para a concesión da axuda prevista neste artigo teranse en conta os criterios de valoración establecidos no artigo 14 destas bases reguladoras.
Artigo 8. Documentación complementaria
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo IV, a seguinte documentación:
a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente. A referida documentación deberá acreditar que entre os seus fins se abrangue a promoción e defensa do sector comercial e o seu ámbito non é superior ao termo municipal onde estea localizado o centro comercial aberto, ou, na súa falta, a acreditación de ter iniciado os trámites para realizar as correspondentes modificacións.
b) Documento acreditativo de poder bastante para actuar ante a Administración da persoa representante legal da entidade solicitante.
c) Composición actualizada da xunta directiva da entidade asociativa onde figure a data de nomeamento dos distintos membros.
d) Orzamento do exercicio corrente da entidade asociativa aprobado polo órgano competente segundo o anexo VI.
e) Certificado de ter aprobadas as contas anuais pola xunta directiva da entidade asociativa no exercicio 2023 segundo o anexo VII.
f) Copia da acta da sesión en que se informe ás persoas comerciantes asociadas do proxecto para o cal se solicita a subvención.
g) Memoria asinada do programa de actividades de dinamización comercial e formación que deberá incluír, polo menos, respecto de cada unha das campañas para as cales se solicita a subvención:
– A denominación.
– A descrición individualizada, pormenorizada e detallada da actividade.
– A localización e datas previstas para a súa realización.
Así mesmo, deberanse identificar cun número ordinal (do 1 ao 6) as seis campañas de dinamización mínimas e obrigatorias que integran o programa para a súa valoración e expoñer e, de ser o caso, achegar a documentación que acredite a implantación e o alcance de cada un dos criterios que concorren en cada unha das ditas campañas de dinamización.
Esta documentación non será obxecto de requirimento polo que, na súa falta, a puntuación correspondente será de cero (0) puntos.
h) Investimentos solicitados, segundo o anexo V co orzamento total do programa de actividades de dinamización comercial solicitado, con indicación do investimento máximo estimado imputado a cada campaña e actividade do programa e coa desagregación do seu importe por categoría de gastos, segundo o disposto no punto 2 do artigo 5 destas bases reguladoras.
i) Copia do contrato do/da xerente e currrículo.
j) Anexo XI de autorización para a comprobación de datos da persoa xerente contratada e, no caso de opoñerse á consulta, informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
k) Informe da mesa local de comercio sobre o proxecto de dinamización comercial obxecto da solicitude da subvención, de conformidade co disposto no artigo 3.b) do Decreto 183/2011, do 15 de setembro, polo que se regulan as mesas locais de comercio ou, de ser o caso, a solicitude do dito informe dentro do prazo de presentación de solicitudes.
l) Plano coa delimitación do centro comercial aberto, con indicación das rúas e prazas que conforman o eixe comercial, principais e secundarios, e coa concreción das rúas, prazas ou avenidas que conforman o seu perímetro.
Ademais, deberase localizar no plano, cun número, a situación de cada un dos comercios asociados que figuran dados de alta na Redic de acordo co establecido no artigo 4 destas bases reguladoras e a lenda co nome comercial de cada un deles.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
4. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.
b) NIF da entidade representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
e) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Atriga.
g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
i) Consulta de concesións pola regra de minimis.
j) Consulta de vida laboral dos últimos 5 anos, no caso do xerente/a.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos pertinentes. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa solicitante ou persoa representante para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 10. Órganos competentes
A Subdirección Xeral de Artesanía, Entidades e Promoción Comercial será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución, correspondéndolle á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.
Artigo 11. Instrución dos procedementos
1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 20.5 Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, considerarase que desiste da súa solicitude, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 9 destas bases reguladoras resulta que a persoa solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma ou coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na liña d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro electrónico de anuncios da páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase facer indicación de que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado taboleiro. Se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, o órgano instrutor poderá realizar, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión avaliadora, de acordo co establecido no artigo seguinte.
5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de desestimación, na cal se indicarán as causas desta.
En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 3 da orde de convocatoria.
Artigo 12. Comisión de Valoración
1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios fixados nos artigo 13 e 14 destas bases reguladoras e redactar un informe en que conste a relación de todas as solicitudes admitidas por orde de puntuación, indicando de xeito individualizado a puntuación detallada en cada un dos criterios de avaliación e a puntuación total obtida.
O dito informe servirá de base ao órgano instrutor para a elaboración da proposta de resolución de concesión ou de desestimación da subvención.
Para efectuar a valoración das solicitudes a Comisión de Valoración poderá solicitar cantas aclaracións considere oportunas.
3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:
Presidencia:
– O/a subdirector/a xeral de Artesanía, Entidades e Promoción Comercial.
Vogais:
– O/a xefe/a de servizo de Promoción Comercial e Artesanía.
– Dous/dúas xefes/as de sección da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
– Un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que fará as funcións de secretario/a.
Artigo 13. Criterios de valoración do programa de actividades de dinamización
1. Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da contía e da preferencia na concesión das subvencións para a realización das actuacións previstas no artigo 5 serán os seguintes:
1.1. Criterios de valoración das campañas de dinamización obrigatorias:
a) A disposición dun plan de comunicación. Valorarase a publicidade e márketing de cada unha das campañas e o seu grao de difusión entre os asociados e persoas consumidoras. De 0 a 3 puntos.
b) A capacidade da campaña para atraer e motivar a persoa consumidora na percepción de obter unha vantaxe adicional pola compra no comercio local. De 0 a 3 puntos.
c) A disposición ou implantación dun sistema de indicadores para cuantificar a participación en cada unha das campañas ou de seguimento de resultados e eficacia de cada campaña. De 0 a 3 puntos.
d) O carácter innovador da actuación respecto tanto das campañas desenvolvidas con anterioridade polo centro comercial aberto como doutras campañas de dinamización existentes. De 0 a 1 punto.
e) A capacidade da campaña para captar a clientela nova ou outros sectores de persoas consumidoras. De 0 a 1 punto.
1.2. Outros criterios de valoración:
a) A calidade do programa de actividades de dinamización comercial. De 0 a 3 puntos.
b) O número de campañas de dinamización adicionais por riba do número mínimo exixido. 0,20 puntos por campaña ata un máximo de 1 punto.
c) O desenvolvemento no programa de accións de fidelización. De 0 a 1 punto.
2. A puntuación total do programa de actividades de dinamización comercial será a media da puntuación acadada na valoración das 6 campañas de dinamización obrigatorias máis a suma da puntuación acadada nas letras a), b) e c) do punto 1.2 deste artigo.
3. Non terán a consideración de subvencionables as campañas de dinamización que obteñan nas letras a), b) ou c) do punto 1.1 deste artigo cero (0) puntos, nin os programas de actividades de dinamización comercial que non acaden unha puntuación mínima de 4 puntos.
4. No caso de que máis dunha solicitude obtivese a mesma puntuación, utilizaranse como criterios de desempate pola seguinte orde:
1º. O maior número de comercios asociados á entidade.
2º. A maior puntuación obtida na media da valoración das campañas de dinamización.
3º. A maior puntuación acadada na valoración da calidade do programa de actividades de dinamización comercial.
4º. A maior puntuación acadada na valoración do número de campañas de dinamización.
De persistir o empate, atenderase á data e hora de presentación das solicitudes e prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automáticamente o número de entrada máis baixo.
Artigo 14. Criterios de valoración das actividades de dinamización extraordinarias
1. Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da contía e da preferencia na concesión das subvencións para a realización das actuacións previstas no artigo 7 serán os seguintes:
a) A calidade da campaña de dinamización. De 0 a 8 puntos.
– A capacidade da campaña para poñer en valor a importancia do consumo no comercio local.
– A capacidade de impacto nas vendas do comercio local.
– O dimensionamento da campaña e a súa capacidade de atracción da poboación local e da súa área de influencia ao comercio local.
– A sinerxía con outros sectores de actividade económica local (hostalaría, praza de abastos, artesanía, turismo, educación, deporte, servizos sociais, etc.).
b) O financiamento e/ou colaboración das administracións locais para o seu desenvolvemento. De 0 a 3 puntos.
c) A disposición dun plan de comunicación. Valorarase a publicidade e márketing da campaña e o seu grao de difusión entre os asociados e persoas consumidoras. De 0 a 3 puntos.
d) A capacidade da campaña para atraer e motivar ao consumidor na percepción de obter unha vantaxe adicional pola compra no comercio local. De 0 a 3 puntos.
e) A disposición ou implantación dun sistema de indicadores para cuantificar a participación na campaña ou de seguimento de resultados e eficacia da campaña. De 0 a 3 puntos.
f) O carácter innovador da actuación respecto tanto das campañas desenvolvidas con anterioridade polo centro comercial aberto como doutras campañas de dinamización existentes. De 0 a 1 punto.
g) A capacidade da campaña para captar a clientela nova ou outros sectores de persoas consumidoras. De 0 a 1 punto.
2. Non terán a condición de subvencionables as campañas de dinamización extraordinarias que obteñan nas letras c), d) ou e) cero (0) puntos, nin as que que non acaden unha puntuación mínima de 5 puntos na letra a).
3. No caso de que máis dunha solicitude obteña a mesma puntuación, utilizarase como criterio de desempate a maior puntuación acadada en cada letra segundo a orde establecida. En caso de persistir o empate, atenderase á data e hora de presentación das solicitudes e prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral, e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.
Artigo 15. Audiencia
1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e as xustificacións que consideren pertinentes.
2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.
Artigo 16. Resolución e notificación
1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución que será elevada á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Na proposta de resolución constarán, de ser o caso:
a) As solicitudes inadmitidas a trámite co motivo de inadmisión.
b) As solicitudes que desisten da súa petición.
c) As solicitudes desestimadas coas causas de desestimación.
d) As solicitudes estimadas por orde de prelación con indicación separada, de ser o caso:
– Das solicitudes que se propoñen para obter a subvención ata o esgotamento de crédito.
– Das solicitudes que, sendo subvencionables, quedan en reserva por falta de crédito. Estas solicitudes quedarán en reserva para ser atendidas, de ser o caso, ben co crédito que quede libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas subvencións.
2. A persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, á vista da proposta formulada polo órgano instrutor, ditará a correspondente resolución que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, as causas da desestimación ou inadmisión.
Na resolución indicarase o importe da axuda, expresado en equivalente bruto da subvención, e o seu carácter de axuda de minimis en aplicación do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, Serie L).
En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.
3. A resolución será notificada individualmente ás entidades beneficiarias, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45 da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.
4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 17. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa. Se a resolución non é expresa, a entidade solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.
b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa.
Artigo 18. Modificación da resolución
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.
2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:
a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.
b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.
c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supoñan a desestimación da axuda ou subvención.
3. A entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 10 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia ás entidades interesadas na forma prevista no artigo 15 destas bases reguladoras.
Artigo 19. Renuncia
A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.
Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias
Son obrigas das entidades beneficiarias:
a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.
b) Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Comunicar ao órgano concedente ou á entidade colaboradora, se é o caso, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando as axudas de minimis obtidas para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2 destas bases reguladoras. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención.
Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
e) No caso de non consentir a súa consulta na solicitude, acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso. Manter un sistema de contabilidade separada, de orixe e aplicación de fondos ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas co proxecto ou actividade subvencionada.
g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
h) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento desta e no artigo 18 destas bases reguladoras.
i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
j) Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos durante un período de dous anos desde a súa concesión, agás nos casos que, pola súa natureza, as actuacións teñan carácter de gasto corrente ou se esgoten co seu uso.
k) Participar as persoas que ocupen a xerencia nos cursos formativos que en materia de xestión de centros comerciais abertos promova, de ser o caso, a Xunta de Galicia, así como en calquera actividade de información ou dinamización promovida pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo para cuxa asistencia sexa convocado.
l) Comunicar con antelación suficiente á Dirección Xeral de Comercio e Consumo os actos de presentación das campañas promocionais para os efectos da asistencia, de ser o caso, dunha persoa representante da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
m) Cumprir coas obrigas de información contidas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
n) Conservar un exemplar de cada material promocional que forme parte do proxecto financiado coa imaxe corporativa institucional da Xunta de Galicia durante un período de 2 anos.
ñ) Evitar en todas as actuacións subvencionadas calquera imaxe discriminatoria da muller, fomentando a igualdade, así como evitar o uso dunha linguaxe sexista.
o) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contraer o compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores cuxo obxecto social non se corresponda coa actividade subvencionable ou que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo, que estean vinculadas entre si ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, error idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
Artigo 21. Obrigas específicas de publicidade
As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En concreto, as entidades beneficiarias deberán facer constar o cofinanciamento da Xunta de Galicia en todas as actuacións, actividades e materiais que formen parte do proxecto financiado ao abeiro desta orde de axudas, coa inserción da imaxe corporativa institucional básica da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.
Estas medidas deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración. No caso de comunicacións ou notas informativas en medios de comunicación, deberá incluírse a referencia de que a actuación foi subvencionada pola Xunta de Galicia.
Artigo 22. Subcontratación
Enténdese que unha entidade beneficiaria subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.
Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
O/a xerente non poderá estar vinculado/a con contratistas ou subcontratistas para a execución total ou parcial das actividades obxecto da subvención. Para estes efectos, considerarase que existe vinculación nos supostos previstos no artigo 43.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En ningún caso, a persoa beneficiaria poderá subcontratar a execución total ou parcial do proxecto presentado con entidades que non realicen por si mesmas e directamente as actuacións obxecto da subvención.
Artigo 23. Xustificación e aboamento da subvención
1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na forma sinalada no artigo 8 da convocatoria e, en todo caso, como máximo ata o 31 de outubro de 2025, da documentación prevista no punto 2 deste artigo.
Non obstante, de conformidade co previsto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para o pagamento parcial da subvención correspondente ás actuacións realizadas no período subvencionable do 1 de novembro de 2024 ata o 31 de maio de 2025, a documentación xustificativa poderá presentarse ata o 15 de xuño de 2025. Para o pagamento das actuacións realizadas no período subvencionable do 1 de xuño ata o 31 de outubro de 2025, a documentación xustificativa deberá remitirse, como máximo, ata o día de finalización do período subvencionable.
2. Xunto a solicitude de pagamento, parcial ou total, segundo o modelo do anexo VIII, deberá achegarse a seguinte documentación:
a) Memoria xustificativa asinada do cumprimento do programa de actividades de dinamización comercial que deberá incluír, polo menos, respecto a cada unha das campañas realizadas:
– A denominación e número ordinal da campaña.
– A localización e datas efectivas da súa realización.
– O número e características dos comercios participantes e persoas beneficiarias.
No caso de actuacións de tíckets de aparcamento, a memoria deberá describir a dinámica de emprego dos tíckets, da entrega dos tíckets polos/as comerciantes e do seu uso efectivo no aparcadoiro correspondente. Así mesmo, deberanse especificar os comercios participantes, o número de bonos ou tíckets emitidos, o número de bonos entregados a cada un deles e o custo unitario de cada tícket, así como calquera outra información que se considere necesaria para a súa xustificación.
De ser o caso, documentación acreditativa da adquisición de bonos ou horas de aparcamento en condicións económicas mais vantaxosas que as ofrecidas ao público en xeral.
No caso de envíos a domicilio, contratos ou acordos asinados coas empresas loxísticas que presten o servizo.
No caso de actividades formativas, a relación das persoas asistentes, a localización e datas efectivas da súa realización e un cuestionario ou valoración da actividade por parte dos/das asistentes.
b) Documentación xustificativa e evidencias gráficas, de ser o caso, do cumprimento dos criterios de valoración que concorren en cada unha das campañas de dinamización:
– Execución do plan de comunicación previsto.
– Cumprimento de indicadores de participación e seguimento de resultados.
c) Xustificantes dos investimentos:
– Relación nominativa de facturas, agrupadas e ordenadas por actuacións subvencionables, facendo constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto, importe en euros e data de pagamento, segundo o anexo VIII.
– Os gastos xustificaranse mediante a presentación das facturas dos provedores (numeradas na mesma orde que se relacionan no anexo VIII) que deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación, e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa.
Cando a entidade beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.
As facturas deberán estar emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do programa e a data límite de xustificación, de acordo co previsto no punto 1 deste artigo.
Non serán admisibles as facturas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, error idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
– A xustificación dos pagamentos acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.
Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.
– Os gastos do xerente xustificaranse mediante copia do contrato, currículo, as nóminas e xustificantes de pagamento e a relación nominal das persoas traballadoras (documento RNT). No caso de imputar gastos de Seguridade Social da persoa xerente, a relación de liquidación de cotizacións (documento RLC).
En canto á documentación xustificativa do pagamento da nómina de outubro de 2025 e do pagamento da Seguridade Social e IRPF dos meses de setembro e outubro de 2025, no caso de imputarse e de non se dispor dela antes da finalización do prazo de xustificación, deberase facer constar na memoria e na relación de investimentos xustificados do anexo VIII e presentarse tan pronto se teña no seu poder.
– Respecto aos gastos correntes de pagamento sucesivo relativos ao período subvencionable, no caso de imputarse e de non se dispor da documentación xustificativa antes de finalizar o prazo de xustificación, deberase facer constar na memoria e na relación de investimentos xustificados do anexo VIII e presentarse tan pronto se teña no seu poder.
d) Material fotográfico que evidencie a realización de cada unha das actividades segundo a descrición da memoria e que amose, de forma clara e inequívoca, o cumprimento das obrigas de publicidade da financiación do proxecto, de acordo co establecido nos artigos 20.h) e 21 destas bases reguladoras.
No caso de publicidade en medios de comunicación achegarase un dossier coa dita publicidade nos medios escritos e un certificado das emisións nos medios radiofónicos e audiovisuais asociadas a cada campaña.
e) Certificación, do órgano que teña atribuídas as facultades, da aplicación dos fondos á finalidade para a que foron concedidos.
f) Anexo IX coas declaracións responsables actualizadas da entidade solicitante:
– Do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa de calquera outra axuda de minimis recibida durante os tres anos anteriores.
– De non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– De estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.
g) Anexo X coa información relativa aos indicadores de actuación.
h) Certificacións expedidas polos organismos competentes acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Atriga, no caso que a entidade interesada denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para a consulta destas certificacións.
i) De ser o caso, os tres orzamentos exixidos de conformidade co previsto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo a contraer o compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores cuxo obxecto social non se corresponda coa actividade subvencionable ou que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo, que estean vinculadas entre si ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, error idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
3. Non se admitirán desviacións entre o importe concedido en cada categoría de gasto e o importe finalmente xustificado.
4. Transcorrido o prazo indicado sen que a entidade beneficiaria presente a documentación solicitada, aplicarase o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
5. Os órganos competentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non sexan remitidos pola entidade beneficiaria dentro do prazo que se sinale, poderá entenderse que renuncia á axuda.
Artigo 24. Pagamento
Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.
O libramento da subvención realizarase, como máximo, en dous pagamentos parciais a medida que sexan realizadas e xustificadas as actuacións subvencionadas mediante transferencia bancaria ao número de conta designado pola entidade beneficiaria.
As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorrencia con outras subvencións ou axudas, observarase o establecido no artigo 2.2 destas bases reguladoras.
Artigo 25. Incumprimento, reintegros e sancións
1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ou de incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.
2. O procedemento para declarar a procedencia da perda deste dereito será o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance e, se é o caso, establecerá a obriga de reintegro.
Cando se trate de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.
Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, deberá reintegrarse o total da cantidade percibida cando o cumprimento non acade o 60 % do investimento subvencionado.
4. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases reguladoras seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.
Artigo 26. Control
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da subvención.
Alén do anterior, a subvención estará sometida á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.
Artigo 27. Publicidade
No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, a entidade beneficiaria, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.
Non obstante o anterior, cando o importe das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexa de contía inferior a 3.000,00 € non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Artigo 28. Remisión normativa
Para todo o non previsto nestas bases reguladoras aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade; no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, Serie L) e no resto de normativa que resulte de aplicación.
ANEXO II
Epígrafes do IAE subvencionables
641. Comercio polo miúdo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.
642. Comercio polo miúdo de carnes e refugallos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza, e de produtos derivados deles.
643. Comercio polo miúdo de peixes e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.
644. Comercio polo miúdo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.
645. Comercio polo miúdo de viños e bebidas de todas clases.
646. Comercio polo miúdo de elaborados de tabaco e de artigos de fumador.
647. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e bebidas en xeral.
651. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.
652. Comercio polo miúdo de medicamentos, artigos de drogaría e limpeza, perfumaría e cosméticos (agás 652.1).
653. Comercio polo miúdo de artigos para o equipamento do fogar e a construción (agás 653.4).
656. Comercio polo miúdo de bens usados tales como mobles, roupa e enxoval ordinario de uso doméstico.
657. Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.
659. Outro comercio ao por menor.
665. Actividades empresariais de comercio realizadas fóra do establecemento permanente: «comercio retallista por correo ou catálogo». No caso de comercio en liña, non será subvencionable a comercialización en liña de produtos ou servizos non comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.
972. Salóns de peiteado e institutos de beleza.
ANEXO III
Características para o desenvolvemento de marketplaces
I. Características xerais do marketplace.
1. Desenvolvemento propio de marketplace en propiedade con programación a medida ou cun software de xestor especializado en marketplace ou con soporte multitenda nativo, non baseado en plugins.
2. O deseño deberá adaptarse a múltiples dispositivos, resolucións e pantallas e permitir unha visualización correcta desde todos eles.
3. O peso das imaxes debe ser inferior a 350KB e a resolución máxima será de 72 dpi.
4. As páxinas deberán contar con optimización para SEO, incluíndo especificamente:
a. Configuración das metaetiquetas de título e descrición segundo as boas prácticas establecidas polos buscadores.
b. Arquivo robots.txt optimizado e mapa do sitio sitemap.xml.
c. Que non existan ligazóns rotas ou erros 404 ou 500.
d. No caso dunha web multiidioma, deberase contar coas etiquetas canónicas correspondentes.
e. As imaxes deberán ter o atributo descritivo Alt.
f. Non poderá existir contido duplicado.
5. Dispor dun carro da compra en que poder realizala.
6. Incorporar unha pasarela de pagamentos para finalizar as compras de xeito completamente en liña.
7. Os prezos e información sobre envíos teñen que ser correctamente configurados e indicados de acordo co contrato que teña a/o propietaria/o do marketplace coa/coas empresa/s de servizo de mensaxaría.
8. Que exista unha páxina específica para a/o comerciante dentro do marketplace.
9. Que estea visible para a/o compradora/o final a información de contacto da/do vendedora/o para poder executar os seus dereitos de consumo e protección de datos, engadidos enlaces a redes sociais, páxina web (se dispón dela) e a lista de produtos ofertados por esa/e vendedora/o.
10. As/os comerciantes deberán dispor dun panel de control desde o que xestionar as súas vendas e obter información e estatísticas das vendas realizadas.
II. Características das fichas de produto.
Facilitar un titorial ás/aos comerciantes para que poidan crear eles mesmos as fichas de produto e que estas cumpran cos seguintes requisitos:
O peso das imaxes debe ser inferior a 350KB e a resolución máxima será de 72 dpi.
Descrición dos produtos de polo menos 300 palabras.
Mínimo de 2 imaxes por produto, agás para aqueles que, pola súa natureza, non procedan das imaxes, como o caso de produtos dixitais ou cursos.
Estar organizados por categorías e etiquetas.
II. Características do aloxamento.
A/o propietaria/o do marketplace debe dispor de acceso ao aloxamento no hosting ou servidor en que estea situada/o.
Aloxamento web dentro da Unión Europea.
Aloxamento web que permita unha velocidade de carga acorde cos requisitos actuais de Google.
Contar con certificado seguro SSL para o marketplace (https).
4. Condicións legais.
Cumprir con toda a lexislación vixente xeral e en materia de consumo.
Engadir a información legal en materia de consumo accesible, completa e doada de atopar (prezos, envíos, devolucións, reclamacións, etc.).
Os prezos deben estar indicados segundo unidade de medida (prezo por kg, prezo por litro...), e debe especificarse se os impostos están engadidos ou non.
Dispor dunha páxina co aviso legal, identificando a/o responsable da explotación do marketplace e conforme a lexislación vixente.
As cookies cuxa instalación automática non está permitida por lei non poderán instalarse sen o permiso expreso da/do usuaria/o da web.
Dispor dunha páxina coa información de privacidade segundo a lexislación vixente.
Incorporar calquera outra páxina con información legal que sexa necesaria para cumprir coa lexislación vixente no momento da creación do marketplace.
