Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade do acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 27 de novembro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Montes A Mó, Maruxento, Fonte Santa I e Fonte Santa II e Maruxento I e outros, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Matamá, no concello de Vigo (expediente RE22039).
O 23.9.2024 o Servizo de Montes deste departamento territorial emitiu o seguinte informe:
«Feitos:
Primeiro. O 23.9.2022 e con número de rexistro de entrada 2022/2340495, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Matamá, parroquia de San Martiño de Matamá (Vigo), solicita a revisión total do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) da Mó, Maruxento, Fonte Santa I e Fonte Santa II (ID 3211) e Maruxento I e outros (ID4163). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22039. Consta no expediente a seguinte documentación:
– Revisión do esbozo do monte veciñal en man común de Fonte Santa-Maruxento e A Mó, parroquia de Matamá, concello de Vigo. Foi asinada o 28.8.2024 pola enxeñeira técnica forestal colexiada número 908 do CETFG.
– Certificado do 26.8.2024 da secretaria, coa conformidade do presidente da CMVMC de Matamá, da aprobación na asemblea xeral do 28.4.2024.
– Cartografía en formato dixital ETRS 89 UTM zone 29N.
Logo de revisada a proposta de revisión total, despréndese:
– Levouse a cabo un levantamento topográfico da parcela con GPS de precisión centimétrica no cal percorreu todo o perímetro con varios membros da Xunta Reitora da comunidade de montes. Durante ese percorrido identificáronse os marcos de todo o perímetro e dos enclavados; todo o perímetro está delimitado por muros e marcos que o separan dos propietarios particulares.
Segundo. O MVMC da Mó, Maruxento, Fonte Santa I e Fonte Santa II (ID 3211) e o MVMC Maruxento I e outros (ID4163) foron clasificados polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 14.7.2004 con 19,77 ha e o 24.5.2011, con 0,51 ha. Segundo os datos do sistema rexistral forestal, regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:
– Non consta contrato de xestión coa Administración torestal.
– A CMVMC de Matamá dispón dun documento simple de xestión inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 3600199 e vixente ata 2026.
– Non constan actos de disposición que modifiquen a superficie do monte.
Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 18,02 ha (superficie sen proxección) e de 7,62 km:
– MVMC da Mó, Maruxento, Fonte Santa I e Fonte Santa II (ID 3211): superficie de 17,51 ha. Non se modifican os lindes establecidos na Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 7.5.1979.
– MVMC de Maruxento I e outros (ID4163): superficie de 0,51 ha. Non se modifican os lindes establecidos na Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 7.5.1979.
Cuarto. O 30.11.2022 o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Matamá (Vigo), expediente RE22039, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en adiante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
Segunda. A revisión do esbozo do MVMC da Mó, Maruxento, Fonte Santa I e Fonte Santa II (ID 3211) e do MVMC Maruxento I e outros (ID4163), da CMVMC de Matamá, proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola comunidade e queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a memoria técnica indicada no feito primeiro».
Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal da Mó, Maruxento, Fonte Santa I e Fonte Santa II (ID 3211) e do MVMC Maruxento I e outros (ID4163), e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,
ACORDA:
Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Montes da Mó, Maruxento, Fonte Santa I e Fonte Santa II (ID 3211) e do MVMC Maruxento I e outros (ID4163), clasificados a prol da CMVMC de Matamá (Vigo), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por el.
Pontevedra, 23 de xaneiro de 2025
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
