DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Luns, 10 de febreiro de 2025 Páx. 11139

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 23 de xaneiro de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Monte San Xoán, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xoán, no concello de Arbo (expediente RE22049).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade do acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 27 de novembro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Monte San Xoán, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xoán, no concello de Arbo (expediente RE22049).

O 24.9.2024 o Servizo de Montes deste departamento territorial emitiu o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 27.9.2022 e con número de rexistro de entrada 2022/2371149, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de San Xoán (concello de Arbo) solicita unha revisión parcial do esbozo do Monte San Xoán (ID2442), en concreto o chamado Monte Cabrón. Esta solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22049 e consta nel o seguinte:

– Memoria técnica da revisión parcial do esbozo do Monte San Xoán, de xullo de 2022. Foi asinada pola enxeñeira técnica forestal número 482 do Colexio Oficial de Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia (COETF).

– Certificado do secretario do 16.9.2022, coa conformidade do presidente da CMVMC de San Xoán, da aprobación na asemblea do 10.4.2022.

– Cartografía en formato dixital: ETRS89 DATUM29 EPSG25829.

Unha vez revisada a memoria técnica proposta, despréndese:

– O esbozo ten un único coto redondo e revísase a zona sur, tamén denominada Monte Cabrón.

– O perímetro revisado está rodeado de parcelas particulares e levouse a cabo un levantamento topográfico dos puntos de interese empregando un sistema de posicionamento global (GPS diferencial). A maioría das parcelas particulares coas cales linda o monte veciñal están limitadas por muros.

– O linde coa CMVMC de Mourentán é obxecto de deslindamento administrativo (expediente DC22037) consonte o artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

– O linde proposto coa CMVMC de Cequeliños non se acepta e deberán realizar un deslindamento consonte ao artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Segundo. O obxecto da revisión parcial é o esbozo do monte San Xoán (ID2442), coa Resolución de clasificación do 13.11.1979 e unha superficie de 92,50 ha. Segundo os datos do sistema rexistral forestal (artigo 126 da Lei de montes de Galicia):

– Non ten contrato de xestión coa Administración forestal.

– Dispón dun instrumento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 360240 e vixente ata 2029.

– Recolle as permutas autorizadas polo Xurado de MVMC de Pontevedra.

– Consta o expediente de deslindamento administrativo DC22037 entre a CMVMC de San Xoán e a CMVMC de Mourentán, consonte o artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

– Constan as revisións de esbozo da CMVMC de Mourentán (expediente RE22064) e da CMVMC de Cequeliños (expediente RE22062).

Terceiro. A revisión do esbozo parcial proposto da parte sur do Monte San Xoán, en concreto o chamado Monte Cabrón, ten unha superficie sen proxección de 71,82 ha e un perímetro revisado de 11,40 km (excluído o deslindamento coa CMVMC de Mourentán e o tramo de linde coa CMVMC de Cequeliños non revisado). Non se modifican os lindes da Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 13.11.1979.

Cuarto. O 2.10.2023 o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de San Xoán (Arbo), expediente RE22049, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en adiante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión parcial do esbozo do MVMC San Xoán, da CMVMC de San Xoán, proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola comunidade e queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a memoria técnica indicada no feito primeiro (excepto no tramo non aceptado coa CMVMC de Cequeliños)».

Unha vez vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal San Xoán e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión parcial do esbozo do monte veciñal denominado Monte San Xoán, clasificado a prol da CMVMC de San Xoán (Arbo), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por el.

Pontevedra, 23 de xaneiro de 2025

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra