Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 27 de novembro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado monte Buraca da Raposa, Gándaras de Torneiros e Cataboi da Comunidade de Montes Veciñais en man Común de Torneiros, no concello de O Porriño (expediente RE24005).
O 1.8.2024, o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:
«Feitos:
Primeiro. O 4.4.2024 e número 2024/1150499 de entrada no rexistro electrónico da xunta de Galicia, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Torneiros (O Porriño) solicita a revisión do esbozo da parcela Buraca da Raposa do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) Buraca da Raposa, Gándaras de Torneiros e Cataboi (ID2984). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE24005. Consta no expediente:
– Informe técnico da revisión do esbozo da carpeta ficha do monte veciñal en man común denominado Buraca da Raposa, Torneiros, O Porriño, Pontevedra. Asinado o 4.4.2024 polo enxeñeiro técnico agrícola núm. 626 de Galicia.
– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de Torneiros do 3.4.2024 da aprobación da proposta do esbozo na asemblea xeral do 24.3.2024.
– Planimetría ETRS 89 DATUM 29 EPSG 25829.
Estudada a memoria da revisión parcial do MVMC Buraca da Raposa indica:
– Correspóndese integramente co monte número 488 do Catálogo de utilidade pública. Inscrito no Rexistro da Propiedade de Tui, tomo 443, libro 66, folio 222, predio 6598.
– Realizouse o levantamento topográfico do perímetro cun receptor GPS diferencial de dobre frecuencia de precisión centimétrica e estación total.
– Os lindes quedan perfectamente definidos:
Norte: coas propiedades particulares liña de marcos de gran tamaño gravados coas letras CM (Comunidade de Montes) e numerados correlativamente do 53 ao 65 e do 1 ao 18.
Sur: coas propiedades particulares marcos numerados do 35 ao 39 e resto de marcos.
Leste: coas propiedades particulares marcos do 18 ao 25 e resto de marcos.
Oeste: cos propietarios particulares da parroquia de Cela do concello de Mos, corresponde cos marcos do deslindamento realizado polo Instituto Xeográfico Nacional entre os termos municipais do Porriño e Mos. A colindancia co monte veciñal da CMVMC de Pontellas (O Porriño) correspóndese coa Sentenza Xudicial 34/2020, do 7 de abril de 2020, do Xulgado de Instrución número 3 do Porriño, e ratificada por el TSXG na Sentenza 8/2024, do 19 de xaneiro de 2024.
– Non se acepta a revisión das parcelas adquiridas pola CMVMC de Torneiros por posuír cartografía actual.
Segundo. O obxecto da revisión é o perímetro total do MVMC da Buraca da Raposa con Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 13.1.1987 e unha superficie inicial de 40 ha.
Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:
– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.
– A CMVMC de Torneiros dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co núm. 360129 e vixente ata 2023.
– Constan diversas sentenzas xudiciais que non afectan a parcela Buraca da Raposa.
– Constan diversas compras de terreos en virtude do artigo 57 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
Terceiro. A superficie da revisión do esbozo proposto total é de 13,29 ha e non se modifican os lindes da resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 13.1.1987.
Cuarto. O 26.6.2024, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal Buraca da Raposa clasificado a favor da CMVMC de Torneiros (O Porriño), expediente RE24005, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
Segunda. A revisión do esbozo parcial do MVMC Buraca da Raposa proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Torneiros e queda definido consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a memoria técnica e a cartografía indicada no feito primeiro».
Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal Buraca da Raposa e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,
ACORDA:
Aprobar a revisión do esbozo parcial do monte veciñal denominado Buraca da Raposa clasificado a prol da CMVMC de Torneiros (O Porriño), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por el.
Pontevedra, 24 de xaneiro de 2025
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
