DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Martes, 11 de febreiro de 2025 Páx. 11170

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 31 de xaneiro de 2025 pola que se regula a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dedica unha especial atención á educación de persoas adultas, co obxectivo de que todas as persoas teñan a posibilidade de adquirir, actualizar, completar ou ampliar os seus coñecementos e aptitudes para o seu desenvolvemento persoal e profesional. Para iso, establece os principios que deben rexela e regula as condicións en que deben impartirse as ensinanzas para persoas adultas conducentes a títulos oficiais.

A este respecto, no artigo 5 establece que corresponde ás administracións públicas promover ofertas de aprendizaxe flexibles que permitan a adquisición de competencias básicas e, se é o caso, das correspondentes titulacións, a aquelas persoas novas e adultas que abandonaron o sistema educativo sen ningunha titulación.

No artigo 69 dispón que as administracións educativas promoverán medidas tendentes a ofrecer a todas as persoas a oportunidade de accederen ás ensinanzas de bacharelato e adoptar as medidas oportunas para que as persoas adultas dispoñan dunha oferta específica destes estudos organizada de acordo coas súas características. Neste mesmo artigo recolle que as administracións educativas, no ámbito das súas competencias, organizarán periodicamente probas para a obtención directa do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos.

A Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, introduciu importantes remodelacións no currículo e a organización do bacharelato, que foron desenvolvidas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia polo Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia. O decreto recolle na súa disposición adicional terceira que a consellería con competencias en materia de educación organizará probas para que as persoas maiores de vinte anos poidan obter directamente o título de bacharel sempre que demostren alcanzar os obxectivos e as competencias clave do bacharelato. As devanditas probas, que deberán contar coas medidas de accesibilidade universal e as adaptacións que precise todo o alumnado con necesidades educativas especiais, organizaranse de maneira diferenciada segundo as modalidades do bacharelato.

En aplicación do Decreto 118/2023, do 27 de xullo, polo que se modifica o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, as probas para a obtención directa do título de bacharel que se realicen na Comunidade Autónoma de Galicia a partir do curso 2024/25 organizaranse baseándose na configuración curricular establecida no Decreto 157/2022.

Por todo o exposto, cómpre fixar no marco normativo descrito as disposicións de carácter xeral que rexan a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos no ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 31 que é da competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

Esta orde estrutúrase en catro capítulos, referidos a disposicións xerais, procedemento de admisión, recoñecemento de estudos previos e exencións e validacións, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

Esta orde respecta os principios de boa regulación previstos no artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, así como os principios establecidos no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

No que se refire aos principios de necesidade e eficacia, trátase dunha norma necesaria para a regulación da proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos conforme o Decreto 157/2022, do 15 de setembro.

De acordo cos principios de proporcionalidade e de simplicidade, contén a regulación esencial da estrutura e características xerais desta proba ao non existir ningunha alternativa regulatoria menos restritiva de dereitos.

Conforme os principios de seguridade xurídica e eficiencia resulta coherente co ordenamento xurídico e permite unha xestión máis eficiente dos recursos públicos.

Cumpre tamén cos principios de transparencia e accesibilidade, xa que se identifica claramente o seu propósito, e durante o procedemento de tramitación da norma permitiuse a participación activa das persoas potenciais destinatarias a través dos trámites de consulta pública previa e de publicación no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 41 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

En virtude do exposto, como conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, facendo uso das competencias que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e da habilitación contida na disposición adicional terceira do Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia,

ACORDO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto regular a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos no ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Finalidade e efectos da proba

1. A proba ten por obxecto verificar se as persoas participantes alcanzaron os obxectivos e as competencias clave do bacharelato establecidos no Decreto 157/2022, do 15 de setembro.

2. As persoas participantes que superen a proba poderán solicitar o título de bacharel.

3. No caso de non superación da totalidade da proba, as cualificacións obtidas nos exames e exercicios superados manteranse para sucesivas convocatorias reguladas de acordo con esta orde.

Artigo 3. Requisitos que deben reunir as persoas participantes

1. Poderán participar na proba as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser maior de vinte anos ou cumprir esa idade no ano natural en que se realiza a proba.

b) Non estar en posesión do título de bacharel en ningunha das súas modalidades nin estar en posesión de calquera outra titulación declarada equivalente para os efectos académicos.

c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nestas ensinanzas no curso escolar en que se realice a proba.

2. O incumprimento dalgúns destes requisitos suporá a anulación da inscrición na correspondente convocatoria e, se é o caso, dos resultados académicos obtidos nela.

Artigo 4. Características xerais da proba

1. A proba organizarase de xeito diferenciado segundo as distintas modalidades ou vías de bacharelato e constará de dous exercicios:

a) Primeiro exercicio: exames correspondentes a materias comúns a todas as modalidades de bacharelato.

b) Segundo exercicio: exames correspondentes a materias específicas de cada modalidade ou vía.

2. Cada exame poderá englobar máis dunha materia.

3. Os contidos dos exames terán como referente os aspectos básicos do currículo establecidos no Decreto 157/2022, do 15 de setembro.

4. A proba considerarase superada cando se superen os dous exercicios que a compoñen.

5. Os exercicios da proba, as instrucións para a súa administración e os criterios de avaliación e cualificación serán elaborados polo órgano directivo con competencias en materia de educación de persoas adultas.

Artigo 5. Convocatoria

1. O órgano directivo con competencias en materia de educación de persoas adultas convocará mediante resolución polo menos unha proba anual.

2. Na resolución pola que se convoque a proba indicaranse:

a) As modalidades e vías de bacharelato convocadas.

b) O procedemento e o prazo de presentación das solicitudes de inscrición.

c) A data e o lugar de realización da proba.

d) A distribución temporal para a realización dos diferentes exercicios.

e) As normas para a realización da proba.

f) A composición dos tribunais que a xulgarán.

3. A resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia e, para os efectos informativos, no portal educativo da consellería con competencias en materia de educación.

Artigo 6. Centros

1. A proba realizarase nos centros públicos docentes determinados anualmente polo órgano directivo con competencias en materia de educación de persoas adultas.

2. A dirección e o persoal dos centros sede da proba colaborarán en todo o necesario na súa xestión e organización e poñerán á disposición do tribunal a documentación relativa ás persoas participantes e os locais necesarios para a súa realización.

3. Os centros sede conservarán toda a documentación relativa á proba para a súa tramitación e custodia.

4. O órgano directivo con competencias en materia de educación de persoas adultas poderá designar centros colaboradores para a xestión administrativa da proba.

Artigo 7. Tribunais

1. Para avaliar e supervisar a proba, a persoa titular do órgano directivo con competencias en materia de educación de persoas adultas nomeará tribunais constituídos por un presidente ou presidenta e catro vogais, de acordo coa Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. Para cada tribunal designarase un tribunal suplente.

2. Actuará como secretaria ou secretario a vogal ou o vogal de menor antigüidade no corpo, agás que o tribunal acorde determinalo doutro xeito. No caso da mesma antigüidade, actuará como secretaria ou secretario a persoa de menor idade.

3. Os tribunais estarán compostos por persoal funcionario de carreira en situación de servizo activo pertencente aos corpos de inspectores de Educación, de catedráticos de ensino secundario ou de profesores de ensino secundario especialistas en cada un dos ámbitos obxecto da proba e que, preferentemente, estean impartindo bacharelato e sexan membros do claustro do profesorado do centro sede da proba.

4. Na composición dos tribunais tenderase á presenza equilibrada de mulleres e homes.

5. Para os efectos de colaboración cos tribunais na Administración e na corrección dos exercicios, poderanse constituír comisións técnicas integradas por funcionarios e funcionarias dos corpos de catedráticos de ensino secundario ou de profesores de ensino secundario especialistas nas distintas materias que compoñen a proba.

6. Para os efectos de colaboración cos tribunais na realización de tarefas técnicas de apoio, poderase propoñer a incorporación de persoal auxiliar colaborador. O persoal auxiliar deberá ter a capacidade profesional propia da función para a cal sexa designado.

7. Serán funcións dos tribunais:

a) Organizar nos centros sede a realización da proba.

b) Administrar, avaliar e cualificar a proba.

c) Cubrir as actas de avaliación e expedir as certificacións correspondentes.

d) Atender e resolver as reclamacións presentadas.

e) Calquera outra función encomendada polo órgano directivo con competencias en materia de educación de persoas adultas no ámbito das súas competencias.

8. As/os funcionarias/os que formen parte dos tribunais, das comisións técnicas ou realicen funcións de persoal auxiliar colaborador terán dereito ás indemnizacións por razón do servizo previstas na normativa vixente.

Artigo 8. Medidas de accesibilidade universal e adaptacións da proba

1. As persoas con necesidades educativas especiais que acrediten estar en situación de discapacidade poderán solicitar a adaptación do acceso, dos medios, dos procedementos e do tempo de realización da proba, así como recursos adicionais para a desenvolver.

2. Para os efectos desta orde, enténdese por persoa en situación de discapacidade aquela que teña recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

3. O tribunal correspondente determinará se procede a adopción das medidas solicitadas en cada caso e comunicaralle a cada persoa interesada a adaptación ou adaptacións autorizadas. Cando o considere oportuno, o tribunal solicitará informe do equipo de orientación específico provincial.

4. O tribunal adoptará as medidas e facilitará os recursos adicionais que se determinen. Cando sexa necesario, poñerá esta circunstancia en coñecemento do departamento territorial da consellería con competencias en materia de educación para que facilite os recursos necesarios.

5. As solicitudes de adaptación formalizaranse de acordo co establecido nos artigos 10.2.e) e 12.1.b) desta orde.

CAPÍTULO II

Procedemento de admisión na proba

Artigo 9. Verificación da identidade das persoas solicitantes

1. A identidade das persoas solicitantes quedará acreditada mediante DNI, NIE, pasaporte ou calquera outro documento acreditativo da identidade recoñecido en dereito.

2. A comprobación da identidade da persoa solicitante realizarase de oficio sempre que a persoa interesada preste o seu consentimento expreso. No caso de que se opoña, deberá achegar copia do documento acreditativo da identidade.

Artigo 10. Solicitude de inscrición

1. As persoas interesadas en participar na proba presentarán unha única solicitude de inscrición nos prazos, lugares e termos que determine a resolución anual de convocatoria.

2. Na solicitude de inscrición deberase indicar:

a) A modalidade e, de ser o caso, a vía de bacharelato elixida.

b) Os exercicios e exames en que se solicite inscrición.

c) Cando proceda, os exercicios e exames para os cales se solicita exención, validación ou recoñecemento de estudos previos superados.

d) No caso de estar en posesión do título de técnica ou técnico en formación profesional, do título de técnica ou técnico en Artes Plásticas e Deseño ou do título profesional de Música ou de Danza, indicación, cando proceda, da opción de non realización do segundo exercicio.

e) Cando proceda, a necesidade de adaptación de acceso, medios, procedementos e tempo que por razón de discapacidade se precisen para a realización da proba, con indicación das medidas solicitadas.

Artigo 11. Documentación

Xunto coa solicitude de inscrición presentarase:

a) Declaración responsable de non estar en posesión do título de bacharel en ningunha das súas modalidades nin estar en posesión de calquera outra titulación declarada equivalente para os efectos académicos.

b) Declaración responsable de non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nestas ensinanzas no curso escolar en que se realice a proba.

Artigo 12. Documentación complementaria

1. Cando proceda, xunto coa solicitude de inscrición presentarase a seguinte documentación:

a) DNI, NIE, pasaporte ou documento acreditativo da identidade recoñecido en dereito.

b) Cando se solicite adaptación de acceso, medios, procedementos e tempo, certificación do ditame de discapacidade.

c) No caso de que se solicite a validación dalgunha materia ou o recoñecemento de estudos previos, certificacións académicas que acrediten o dereito á súa concesión.

d) No caso de que se solicite a exención da realización dalgún exame ou exercicio, documentación que acredite o dereito á súa concesión.

2. Ao previsto no punto anterior deste artigo aplicarase o establecido no artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 13. Listaxe de persoas admitidas e excluídas e prazos de reclamación

1. No tempo e forma que estableza a resolución anual de convocatoria, publicarase a listaxe de admisións e exclusións, con expresión neste último caso dos seus motivos.

2. Xunto coa relación de persoas admitidas e excluídas sinalaranse para cada persoa solicitante os exames en que figura inscrita, con indicación, se é o caso, do recoñecemento de estudos previos realizados e da concesión de exencións e validacións, de conformidade co establecido nos artigos 14, 15, 16 e 17 desta orde e coa documentación presentada.

3. As persoas interesadas disporán dun prazo de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da listaxe provisional para reclamacións e emendas de solicitudes.

4. Unha vez resoltas as reclamacións, publicarase a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas no prazo máximo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao de finalización do prazo de reclamacións e emendas de solicitudes.

CAPÍTULO III

Recoñecemento de estudos previos, exencións e validacións

Artigo 14 Recoñecemento de cualificacións obtidas en convocatorias anteriores da proba

1. Ás persoas que participasen en convocatorias da proba reguladas de acordo con esta orde sen superala na súa totalidade recoñeceránselles en posteriores convocatorias as cualificacións obtidas nos exercicios e nos exames superados.

2. Ás persoas que participasen en convocatorias da proba anteriores á publicación desta orde sen superala na súa totalidade recoñeceránselles as cualificacións obtidas nos exercicios superados.

Artigo 15. Recoñecemento do segundo exercicio da proba

1. Poderán solicitar o recoñecemento do segundo exercicio as persoas participantes que cursasen anteriormente estudos de bacharelato sen superalos na súa totalidade e que teñan aprobadas seis materias específicas da modalidade e vía elixida, incluídas a materia obrigatoria e dúas materias de opción de cada un dos cursos.

2. Poderán solicitar o recoñecemento do segundo exercicio as persoas participantes que accedesen directamente ao segundo curso de bacharelato, sen superalo na súa totalidade, por ter superado estudos equivalentes para efectos académicos ao primeiro curso de bacharelato e que teñan aprobadas tres materias específicas da modalidade e vía elixida, incluídas a materia obrigatoria e dúas materias de opción correspondentes ao segundo curso.

3. A nota do exercicio obterase calculando a media aritmética das cualificacións das materias superadas.

4. Para as materias superadas con anterioridade nos estudos de bacharelato regulados pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, que cambiaron de denominación, aplicaranse, respectivamente, as correspondencias establecidas na Orde EDU/2395/2009, do 9 de setembro, pola que se regula a promoción dun curso incompleto do sistema educativo definido pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, a outro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na Orde ECD/462/2016, do 31 de marzo, pola que se regula o procedemento de incorporación do alumnado a un curso de educación secundaria obrigatoria ou de bacharelato do sistema educativo definido pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, con materias non superadas do currículo anterior á súa implantación, e no Real decreto 205/2023, do 28 de marzo, polo que se establecen medidas relativas á transición entre plans de estudos, como consecuencia da aplicación da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 16. Recoñecemento de exames da proba

1. As persoas participantes que cursasen anteriormente estudos de bacharelato sen superalos na súa totalidade e que teñan aprobadas algunhas materias poderán solicitar o recoñecemento dos exames da proba correspondentes.

2. No caso de exames que engloban máis dunha materia, para este recoñecemento será imprescindible acreditar a superación de todas as materias que o conforman.

3. Porén, as persoas participantes que accedesen directamente ao segundo curso de bacharelato por ter superado estudos equivalentes para efectos académicos ao primeiro curso de bacharelato, acreditarán unicamente a superación das materias de segundo curso.

4. Consignarase como nota do exame a nota da materia cursada ou, no caso de exames que engloban máis dunha materia, a media aritmética das materias acreditadas expresada con números enteiros arredondados á unidade máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

5. Para as materias superadas con anterioridade nos estudos de bacharelato que cambiaron de denominación, aplicaranse as correspondencias relacionadas no artigo 15.4 desta orde.

Artigo 17. Exencións e validacións

1. As persoas participantes poderán solicitar a validación ou a exención das materias que conforman os exames da proba nos termos establecidos na normativa vixente.

2. Os exames correspondentes a materias obxecto de validación e exención consideraranse superados para os efectos de obtención do título de bacharel.

CAPÍTULO IV

Avaliación e certificación

Artigo 18. Cualificación e avaliación da proba

1. A cualificación de cada un dos exames de que consta cada exercicio expresarase mediante cualificación numérica de 0 a 10 puntos sen decimais. Considerarase superado un exame cando a puntuación obtida nel sexa igual ou superior a 5 puntos.

2. Cada exercicio da proba considerarase superado cando a media aritmética das cualificacións obtidas nos exames que o compoñen sexa igual ou superior a 5 puntos e se obteña un mínimo de 4 puntos en cada un deles.

3. A proba considerarase superada cando se superen os dous exercicios que a compoñen.

4. A acta de avaliación recollerá os resultados de cada un dos exames e exercicios de que consta a proba.

5. A acta de avaliación recollerá, así mesmo:

a) As cualificacións obtidas nos exercicios e exames superados en anteriores convocatorias da proba. Esta circunstancia consignarase coa expresión «Anteriormente avaliado» (AA).

b) As cualificacións dos exames correspondentes a materias que fosen recoñecidas como cursadas e superadas con anterioridade en ensinanzas de bacharelato. Neste caso, a nota do exame será a media aritmética das materias que o compoñen expresada con números enteiros arredondados á unidade máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior. Esta circunstancia consignarase coa expresión «Anteriormente avaliado» (AA).

6. Os exames validados consignaranse na acta de avaliación sen cualificación numérica e coa expresión «Validada» (CV).

7. Os exames para os que se recoñecese a exención consignaranse na acta de avaliación coa expresión «Exenta/o» (EX).

8. Cando unha persoa participante non se presente a un exame, na acta de avaliación consignarase «Non presentada/o» (NP).

Artigo 19. Publicación dos resultados e reclamacións

1. Logo de avaliada a proba, o tribunal dará a coñecer as cualificacións provisionais no tempo e forma que estableza a resolución anual de convocatoria.

2. Contra estas cualificacións poderase presentar reclamación mediante escrito motivado dirixido á presidencia do tribunal no prazo de tres días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación.

3. Resoltas as reclamacións, o tribunal dará a coñecer as cualificacións definitivas no prazo de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte ao de finalización do prazo de reclamación.

4. Contra estas cualificacións poderase interpoñer no prazo dun mes recurso de alzada ante o órgano directivo con competencias en materia de educación de persoas adultas, que esgotará a vía administrativa.

Artigo 20. Proposta de titulación, modalidade e nota media

1. Concluído o proceso de avaliación e de acordo coa acta do tribunal, a directora ou o director do centro sede da proba elaborará a proposta de expedición do título de Bacharel das persoas participantes que superen a proba.

2. O título de bacharel expedirase con expresión da modalidade que corresponda e da nota media obtida.

3. A nota media do título obterase calculando a media aritmética das cualificacións dos dous exercicios que compoñen a proba, expresada nunha escala de 0 a 10 con dous decimais, arredondada á centésima, agás os casos recollidos no número 5 deste artigo.

4. Os exames validados e os exames para os cales se recoñecese a exención non computarán para o cálculo da nota media.

5. De conformidade co artigo 25 do Decreto 157/2022, do 15 de setembro, as persoas participantes que superen o primeiro exercicio da proba e estean en posesión do título de técnica ou técnico en formación profesional obterán o título de bacharel na modalidade xeral e as que estean en posesión do título de técnica ou técnico en Artes Plásticas e Deseño ou do título profesional de Música ou de Danza, obterán o título de bacharel na modalidade de artes.

A nota media que figurará nos títulos referidos no parágrafo anterior deducirase da seguinte ponderación:

a) O 60 % da nota obtida no primeiro exercicio da proba.

b) O 40 % da nota media obtida nas ensinanzas mediante as cales se accede á obtención do título, calculada conforme o establecido na normativa de ordenación que corresponda en cada caso.

Artigo 21. Expedición do título e certificacións

1. As persoas participantes que superen a proba poderán solicitar a expedición do título de bacharel na modalidade que corresponda.

2. As persoas participantes poderán solicitar a certificación dos resultados obtidos na proba. A devandita certificación expediraa a secretaria ou o secretario do tribunal correspondente e nela farase constar o visto e prace da presidenta ou presidente.

3. As certificacións da proba que se soliciten con posterioridade ao proceso de avaliación serán asinadas pola directora ou director e pola secretaria ou secretario do centro sede da proba.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogada a Orde do 10 de febreiro de 2012 pola que se regula a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Queda derrogada a Orde do 22 de decembro de 2016 pola que se modifica a Orde do 10 de febreiro de 2012 pola que se regula a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase o órgano superior ou de dirección con competencias en materia de educación de persoas adultas para ditar as medidas precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2025

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional