DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Xoves, 13 de febreiro de 2025 Páx. 12061

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 24 de xaneiro de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Monte Novelos, Pena Aguda e Requiáns, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vilar, no concello de Crecente (expediente RE22025).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade do acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 27 de novembro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Monte Novelos, Pena Aguda e Requiáns, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vilar, no concello de Crecente (expediente RE22025).

O 24.9.2024 o Servizo de Montes deste departamento territorial emitiu o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 14.9.2022 e con número de rexistro de entrada 2022/226000126, a Comunidade de Montes Veciñais en M;an Común (en diante, CMVMC) de Vilar, parroquia de San Xurxo de Vilar (Crecente), solicita a revisión do esbozo total do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) do Monte Novelos, Pena Aguda e Requiáns (ID2625). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22025, no cal consta a seguinte documentación:

– Revisión do esbozo do monte veciñal en man común de Chan de Novelos, Pena Aguda e Requiáns, parroquia de San Xurxo de Vilar, concello de Crecente. Foi asinado o 1.5.2024 pola enxeñeira técnica forestal colexiada número 908 do Colexio Oficial de Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia (COETFG).

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de Vilar, do 16.5.2024, da aprobación na asemblea xeral do 27.11.2022.

– Cartografía en formato dixital ETRS 89 UTM zone 29N.

Unha vez revisada a proposta de revisión total, despréndese:

– No traballo de gabinete utilizouse a superposición sobre o voo americano de 1956 e levouse a cabo un levantamento topográfico con GPS de precisión centimétrica no cal se percorreu o perímetro do monte veciñal con varios membros da Xunta Reitora da comunidade de montes. Durante ese percorrido identificáronse os marcos; a maior parte do perímetro está delimitado por muros que separan o monte veciñal das propiedades particulares.

– A proposta de esbozo do monte Novelos, Pena Aguda e Requiáns consta de 3 coutos redondos: Chan de Novelos, Pena Aguda e Requiáns.

– O linde coa CMVMC de Albeos resolveuse por sentencia xudicial descontándose unha superficie de 25.428 m2 do monte veciñal de Vilar.

– O linde co MVMC da CMVMC de Crecente non se modifica.

– Admítese o linde proposto coa CMVMC de Noceifas por non afectar o seu esbozo orixinal.

– O linde proposto coa CMVMC de Xunqueira axústase de oficio ao acto de conciliación número 02C/2017 do Xulgado de Paz de Crecente, do 8.5.2017, aprobado na asemblea xeral da CMVMC de Vilar, do 16.4.2017 (expediente PO-05-DESC/17).

– O linde proposto coa CMVMC de Valeixe axústase de oficio ao acto de conciliación número 03C/2017 do Xulgado de Paz de Crecente, do 8.5.2017, aprobado na asemblea xeral da CMVMC de Vilar do 16.4.2017 (PO-04-DESC/17).

Segundo. O MVMC de Novelos, Pena Aguda e Requiáns foi clasificado polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 7.5.1979 e cunha superficie inicial de 158 ha. Segundo os datos do sistema rexistral forestal, regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC de Vilar non dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia.

– Constan os expedientes de deslindamento coa CMVMC de Xunqueira (PO-05-DESC/17) e coa CMVMC de Valeixe (PO-04-DESC/17), ambos expedientes arquivados por falta de documentación.

– Constan as permutas autorizadas: PO-41-PER/04, con José Benito Domínguez Gómez, e PO-01-PER/21, con María del Pilar Padrón Alvarez.

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total do monte Novelos, Pena Aguda e Requiáns (ID2625) é de 137,21 ha (superficie sen proxección) e de 17,10 km revisados, respectivamente. Non se modifican os lindes establecidos na Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 7.5.1979.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Vilar (Crecente), expediente RE22025, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en adiante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo do MVMC Novelos, Pena Aguda e Requiáns, da CMVMC de Vilar, proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola comunidade e queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a memoria técnica indicada no feito primeiro (excepto na adaptación aos deslindamentos do ano 2017 coa CMVMC de Xunqueira e coa CMVMC de Valeixe).

Unha vez vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal Novelos, Pena Aguda e Requiáns e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Monte Novelos, Pena Aguda e Requiáns, clasificado a prol da CMVMC de Vilar (Crecente), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por el.

Pontevedra, 24 de xaneiro de 2025

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra