Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade do acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 27 de novembro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Monte Paraños, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Paraños, no concello de Covelo (expediente RE22045).
O 24.9.2024 o Servizo de Montes desta xefatura territorial emitiu o seguinte informe:
«Feitos:
Primeiro. O 26.9.2022 e con número de rexistro de entrada 2022/2358119, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Paraños (Covelo) solicita a revisión do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) de Paraños (ID2611), excepto o monte Medelas e parte do monte Quinteiro-As Pereiriñas. A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22045. Consta no expediente a seguinte documentación:
– Revisión do esbozo do monte veciñal da CMVMC de Paraños, parroquia de Paraños, concello de Covelo, Pontevedra. Foi asinada o 15.5.2024 pola enxeñeira técnica forestal colexiada número 908 do Colexio Oficial de Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia (COETFG).
– Certificado do 21.5.2024 da secretaria, coa conformidade do presidente da CMVMC de Paraños, da aprobación na asemblea xeral do 11.5.2024.
– Cartografía en formato dixital ETRS 89 UTM zone 29N EPGS:25829.
Unha vez revisada a memoria técnica achegada da revisión dos montes veciñais:
– O monte veciñal de Paraños está composto polos montes: As Medelas, Da Grifa, Peroxa-Roupeiro, Parada, Picoto e Quinteiro-As Pereiriñas. A CMVMC de Paraños defende a súa propiedade por ser montes que xestionan e que están incluídos no Catálogo de montes de utilidade pública cos números 231, 253, 254, 256 e 258.
– Non se revisa o perímetro do monte Medelas nin o linde do monte Quinteiro-As Pereiriñas co monte veciñal da CMVMC de Sta. Mariña de Covelo.
– No monte Peroxa-Roupeiro inclúese a superficie gañada na vía xudicial á CMVMC de Mouriscados (concello de Mondariz).
– Levouse a cabo un levantamento topográfico das parcela con GPS de precisión centimétrica en que se percorreu todo o perímetro e se identificaron muros e marcos de separación con outras propiedades particulares e outros montes veciñais. A proposta de esbozo inclúe varios enclavados de propietarios particulares.
– No linde co monte veciñal da CMVMC de Prado da Canda (Covelo) respéctase o procedemento de deslindamento número 122/2005 do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Ponteareas.
– No linde co monte veciñal da CMVMC de Mouriscados a proposta axústase case na totalidade á cartografía do instrumento de xestión co número 3600407. O documento foi aprobado na Asemblea Xeral da CMVMC de Mouriscados do 18.6.2023.
– No linde co monte veciñal da CMVMC de Meirol a proposta axústase case na totalidade á cartografía actualizada do instrumento de xestión co número 3600337. O documento foi aprobado na Asemblea Xeral da CMVMC de Meirol do 30.10.2021.
Segundo. Os montes veciñais de Paraños foron clasificados polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 4.5.1979 cunha superficie inicial de 220,00 ha. Mediante a Sentenza número 195/2001, da Sección Terceira da Audiencia Provincial de Pontevedra, de apelación contra a sentenza número 168/98 do Xulgado de Primeira Instancia de Ponteareas increméntase en 230 ha a superficie da CMVMC de Paraños. A superficie total inicial é de 450 ha.
Segundo os datos do sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:
– Non consta contrato de xestión activo coa Administración forestal.
– A CMVMC de Paraños dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 360056 e vixente ata 2031.
– Consta a expropiación de 3,82 ha para a estrada de conexión entre a autovía A Cañiza-Batalláns e a CN-120.
– Os montes As Medelas, Peroxa-Roupeiro, Picoto e Quinteiro-As Pereiriñas recoñécese que foi debuxado no esbozo do estudo previo de clasificación.
– O monte Da Grifa non foi debuxado no esbozo do estudo previo de clasificación, pero consta no expediente a Orde do 22 de xullo de 1987 pola que se exclúen do catálogo de utilidade pública (CUP) varios montes da provincia de Pontevedra (DOG núm. 163, do 26 de agosto de 1987) por ser firme a resolución do Xurado Provincial de Montes que os clasifica como montes veciñais en man común en que aparece o monte Costa de Grifo co número 231 do CUP e pasa a ser pertenza da CMVMC de Paraños.
– O monte Parada non foi debuxado no esbozo do estudo previo de clasificación, pero consta no expediente a Orde do 16 de setembro de 1987 pola que se exclúen do catálogo de utilidade pública varios montes da provincia de Pontevedra (DOG núm. 191, do 5 de outubro) por ser firme a resolución do Xurado Provincial de Montes que os clasifica como montes veciñais en man común en que aparece o monte Parada co número 254 do CUP e pasa a ser pertenza da CMVMC de Paraños.
Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 311,22 ha (superficie sen proxección) e de 35,17 km. Non se modifica a descrición dos límites da resolución de clasificación do 4.5.1979 do Xurado de MVMC de Pontevedra.
Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Paraños (Covelo), expediente RE22045, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
Segunda. A revisión parcial do esbozo do MVMC Paraños, da CMVMC de Paraños, proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola comunidade e queda definido consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a memoria técnica indicada no feito primeiro».
Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal Paraños e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,
ACORDA:
Aprobar a revisión parcial do esbozo do monte veciñal denominado Monte Paraños; clasificado a prol da CMVMC de Paraños (Covelo), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por el.
Pontevedra, 28 de xaneiro de 2025
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
