BDNS (Identif.): 814001.
De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de nais e pais de alumnado (ANPA) dos centros educativos sustentados con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
2. Tamén poderán ser entidades beneficiarias as federacións e confederacións de asociacións de nais e pais que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Segundo. Obxecto
1. A orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e realizar a convocatoria para o ano 2025 das subvencións destinadas ás asociacións de nais e pais de alumnado (ANPA) legalmente constituídas e ás federacións ou confederacións de ANPA, dos centros educativos sustentados con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización das seguintes liñas de actuación:
a) Actividades de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres, dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias, ás ANPA e á comunidade educativa, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento SI449B capítulo II desta orde).
b) Actuacións orientadas a facilitar a corresponsabilidade nas familias con menores a cargo de ata 16 anos inclusive, mediante a creación de servizos de coidado profesional e a creación de emprego de calidade no ámbito dos coidados, así como accións de formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados destinados ao desenvolvemento do Plan Corresponsables (código de procedemento SI436C-capítulo III desta orde).
2. Para os efectos desta convocatoria, son compatibles as solicitudes de axuda en ambas as liñas de actuación. Así mesmo, son compatibles as solicitudes por parte dunha asociación de nais e pais coa que presente a federación ou confederación en que a dita asociación estea incorporada. Cada asociación ou agrupación de ANPA só poderá presentar unha solicitude de axuda en cada procedemento, en que poderán incluír unha ou varias das tipoloxías de acción establecidas en cada un deles.
3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 20 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións ás asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia para financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiadas en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e para o desenvolvemento das actuacións do Plan Corresponsables, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento SI449B e SI436C).
Cuarto. Importe
1. Para o financiamento destas axudas destínase crédito por importe total de un millón de euros (1.000.000,00 €) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 con cargo ás aplicacións orzamentarias seguintes:
|
Procedemento |
Aplicación |
Proxecto |
Importe |
|
SI449B |
08.07.313D.481.2 |
2025 00050 |
400.000,00 € |
|
SI436C |
08.07.312G.481.3 |
2021 00175 |
600.000,00 € |
2. A contía máxima da axuda que se pode conceder para as actividades de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento SI449B), é de 3.000 euros para as solicitudes de asociacións de nais e pais que se presenten de xeito individual, e de 6.000 euros para as solicitudes de federacións ou confederacións de ANPA.
3. A contía máxima da axuda para o desenvolvemento das actuacións do Plan Corresponsables (código e procedemento SI436C) será de 15.000,00 euros, cando se trate dunha solicitude dunha asociación de nais e pais, e de 20.000,00 euros, no caso de que se trate dunha solicitude dunha federación ou confederación de ANPA.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2024
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
