A Constitución española, no seu artigo 14, proclama o dereito á igualdade e prohibe calquera discriminación por razón de sexo e, no artigo 9.2, formula o mandamento expreso aos poderes públicos para que promovan as condicións para que a igualdade do individuo e das agrupacións en que se integra sexan reais e efectivas. Polo que respecta á Comunidade Autónoma de Galicia, o Estatuto de autonomía determina, no seu artigo 4, que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social.
A promoción da igualdade entre mulleres e homes constitúe un obxectivo básico e prioritario para a Administración autonómica, o que ten o seu reflexo na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, con que se pretende reforzar o compromiso da Comunidade Autónoma de Galicia coa eliminación da discriminación das mulleres e coa promoción da igualdade entre mulleres e homes, así como na implantación de plans nos que se definen e recollen estratexias globais para o establecemento de mecanismos que posibiliten a participación das mulleres en condicións de igualdade en todos os ámbitos da sociedade.
Así mesmo, nos sucesivos documentos autonómicos de planificación estratéxica para a igualdade entre mulleres e homes defínese e consolídase como un dos seus principais obxectivos promover a coeducación, a igualdade e a prevención da violencia contra as mulleres no eido educativo, coa implicación de todos os compoñentes que conforman a comunidade educativa.
No VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, como parte da fundamentación do ámbito 5 «Educación para a igualdade e prevención das violencias contra as mulleres» recóllese a realidade de que o sistema educativo non pode asumir en exclusiva o labor da educación en valores de igualdade, polo que é esencial a implicación das familias, e para isto resulta fundamental a sensibilización e formación en materia de igualdade de xénero, enfocada á ruptura de estereotipos.
O II Plan galego de benestar laboral, conciliación e corresponsabilidade 2022-2025 ten por finalidade a consolidación e a visibilización de actuacións de distinta índole que incidan na conciliación, desde a base da corresponsabilidade familiar, poñendo o foco nunha repartición equitativa das responsabilidades doméstico-familiares entre mulleres e homes, en liña coas últimas decisións adoptadas pola Comisión Europea. Así mesmo, promóvese a dignificación dos coidados, a calidade do emprego neste ámbito e das persoas profesionais, fomentando, así mesmo, a ruptura de estereotipos que levan á feminización dos coidados e a infrarrepresentación dos homes neste ámbito.
En materia de conciliación da vida laboral, persoal e familiar, tamén se está a traballar desde o Plan Corresponsables. Esta é unha política pública promovida polo Ministerio de Igualdade, concretamente na Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, que ten por obxecto iniciar o camiño cara á garantía do coidado como un dereito en España desde a óptica da igualdade entre mulleres e homes, ao abeiro da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes. O artigo 14 establece que lles corresponde aos poderes públicos o establecemento de medidas que aseguren a conciliación do traballo e da vida persoal e familiar das mulleres e dos homes, así como o fomento da corresponsabilidade nos labores domésticos e na atención á familia, e no artigo 44 sinala que os dereitos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral se lles recoñecerán aos traballadores e ás traballadoras de forma que fomenten a asunción equilibrada das responsabilidades familiares, evitando toda discriminación baseada no seu exercicio.
Por outra banda, ante o problema da violencia de xénero, o Pleno do Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade en novembro de 2016 unha proposición non de lei pola que se instaba o Goberno para promover a subscrición dun Pacto de Estado en materia de violencia de xénero polo Goberno da Nación, as comunidades autónomas e cidades con Estatuto de autonomía e a Federación Española de Municipios e Provincias, que seguise impulsando políticas para a erradicación da violencia sobre a muller como unha verdadeira política de Estado. Este proceso culminou o 27 de decembro de 2017, coa ratificación de común acordo por parte de todas as CCAA, do documento final do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Neste documento recóllese no seu eixe 1 de ruptura do silencio, sensibilización e prevención, e sobre todo no ámbito da educación, varias medidas nas cales as familias e as asociacións de nais e pais teñen un importante papel e oportunidade de implicarse e impulsar a erradicación de estereotipos de xénero e na erradicación da violencia contra as mulleres.
O 22 de xullo de 2022 a Conferencia Sectorial de Igualdade aprobou o Acordo relativo ao establecemento dun marco de actuación conxunta que garanta a prórroga e permanencia das políticas públicas e os servizos que se derivan do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, co obxecto de asegurar as condicións básicas que garantan a igualdade de todas as mulleres no exercicio dos seus dereitos fronte á violencia. Este acordo ten como finalidade consolidar o traballo fronte á violencia contra as mulleres no conxunto do Estado, avanzando na institucionalización e a permanencia dos compromisos adquiridos no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Para estes efectos, o acordo ten por obxecto impulsar o deseño de mecanismos de colaboración que garantan a estabilidade orzamentaria e administrativa de maneira que permitan soster os actuais e futuros servizos vinculados ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
O 20 de marzo de 2023 publicouse no Boletín Oficial del Estado a Resolución do 16 de marzo de 2023, da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, pola que se publica o Acordo da Conferencia de Sectorial de Igualdade, do 3 de marzo de 2023, polo que se aproba o Plan conxunto plurianual en materia de violencia contra as mulleres (2023-2027). Este acordo inclúe un catálogo de referencia de políticas e servizos en materia de violencia contra as mulleres conforme os estándares internacionais de dereitos humanos. No punto 1 recolle a «Prevención e sensibilización fronte a todas as formas de violencia contra as mulleres» que se concreta, entre outras, en «accións de sensibilización e toma de conciencia fronte a todas as formas de violencia contra as mulleres que presten atención ás súas causas, especialmente á relación directa entre desigualdade e violencia e os estereotipos de xénero, e á responsabilidade dos homes para a erradicación destas».
No ámbito da Comunidade autónoma de Galicia correspóndenlle á Consellería de Política Social e Igualdade, como órgano superior da Administración, as facultades para promover e adoptar as medidas encamiñadas á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes, segundo dispón o Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica. Concretamente, a través da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, correspóndenlle, entre outras, a función de impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como tamén, a función de planificar, deseñar, coordinar e avaliar a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de igualdade entre mulleres e homes, e a promoción da corresponsabilidade entre mulleres e homes no ámbito persoal, familiar e laboral.
Polo anteriormente exposto, a Consellería de Política Social e Igualdade pretende con esta convocatoria impulsar, a través das asociacións de nais e pais do alumnado dos centros educativos de Galicia sustentados con fondos públicos, a formación, sensibilización, información das familias e asociacións de nais e pais na perspectiva de xénero, concienciando ás fillas e fillos, ao alumnado e á comunidade educativa sobre os estereotipos de xénero existentes e visibilizar as mulleres e as nenas promovendo unhas relacións respectuosas e en igualdade que preveñan a violencia de xénero. Así mesmo, tamén pretende proporcionar apoio específico ás necesidades de conciliación das familias con nenas, nenos, rapaces e rapazas menores de 16 anos e incidir na sensibilización en materia de corresponsabilidade.
Esta orde adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e ao regulamento que a desenvolve, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo. Así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ten en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Por outra banda, a Orde da entón Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no correspondente proxecto de lei de orzamentos aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.
De acordo co disposto no artigo 3.1 da dita Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao de disposición ou compromiso de gasto.
Así mesmo, segundo o establecido no seu artigo 5, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.
Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, no uso das atribucións que me foron conferidas,
RESOLVO:
CAPÍTULO I
Disposicións comúns
Artigo 1. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e realizar a convocatoria para o ano 2025 das subvencións destinadas ás asociacións de nais e pais de alumnado (ANPA) legalmente constituídas e ás federacións ou confederacións de ANPA, dos centros educativos sustentados con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización das seguintes liñas de actuación:
a) Actividades de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres, dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias, ás ANPA e á comunidade educativa, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento SI449B capítulo II desta orde).
b) Actuacións orientadas a facilitar a corresponsabilidade nas familias con menores a cargo de ata 16 anos inclusive, mediante a creación de servizos de coidado profesional e a creación de emprego de calidade no ámbito dos coidados, así como accións de formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados destinados ao desenvolvemento do Plan Corresponsables (código de procedemento SI436C-capítulo III desta orde).
2. Para os efectos desta convocatoria, son compatibles as solicitudes de axuda en ambas as liñas de actuación. Así mesmo, son compatibles as solicitudes por parte dunha asociación de nais e pais coa que presente a federación ou confederación en que a dita asociación estea incorporada. Cada asociación ou agrupación de ANPA só poderá presentar unha solicitude de axuda en cada procedemento, en que poderán incluír unha ou varias das tipoloxías de acción establecidas en cada un deles.
3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade, accesibilidade universal e non discriminación.
Artigo 2. Financiamento
1. Para o financiamento das axudas previstas nesta convocatoria destínase crédito por importe total de un millón de euros (1.000.000,00 de €) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 con cargo ás aplicacións orzamentarias seguintes:
|
Procedemento |
Aplicación |
Proxecto |
Importe |
|
SI449B |
08.07.313D.481.2 |
2025 00050 |
400.000,00 € |
|
SI436C |
08.07.312G.481.3 |
2021 00175 |
600.000,00 € |
2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
3. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
4. O crédito asignado para o procedemento SI449B será obxecto de desconcentración nos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade, segundo os resultados da avaliación das solicitudes conforme os criterios establecidos no artigo 12 desta orde. A dita avaliación será realizada pola Comisión de Valoración prevista para este procedemento no artigo 11 desta orde.
Artigo 3. Compatibilidade e concorrencia
1. Estas axudas son compatibles con outras subvencións, axudas e ingresos, ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou entidades públicas ou privadas.
2. O importe da subvención concedida non poderá superar en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, o custo da actuación ou actividade que vai desenvolver a entidade solicitante, nin o importe total do correspondente concepto de gasto.
En caso de que o conxunto das axudas supere o custo das actividades ou gastos subvencionables, esta axuda reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.
3. No caso de asociacións de nais e pais de alumnado (ANPA) legalmente constituídas, federacións ou confederacións de ANPA solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas compatibles concedidas para a mesma actuación ou actividade, deberán acreditar a súa natureza e contía. Para o caso de que se trate dun mesmo concepto de gasto vinculado a diversas subvencións, deberán facer constar de forma clara o importe do gasto imputado en cada unha delas.
Artigo 4. Entidades beneficiarias: requisitos xerais
1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de nais e pais de alumnado (ANPA) dos centros educativos sustentados con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
2. Tamén poderán ser entidades beneficiarias as federacións e confederacións de asociacións de nais e pais que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
3. As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, os requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 respectivamente da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. Así mesmo, deberán dispor da estrutura técnica e capacidade financeira suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos.
5. Non ter sido sancionadas, en virtude de resolución administrativa ou sentenza xudicial firme, pola comisión de infraccións graves ou moi graves en materia de prevención de riscos laborais no ano anterior ao da publicación desta orde.
6. Non ter sido sancionadas por resolución administrativa firme ou condenadas por sentenza xudicial firme por levar a cabo prácticas laborais consideradas discriminatorias pola lexislación vixente, salvo cando se acredite cumprir coa sanción ou a pena imposta e elaborar un plan de igualdade ou adoptar medidas dirixidas a evitar calquera tipo de discriminación laboral entre mulleres e homes. Corresponderalle ao titular do órgano competente en materia de igualdade dar a súa conformidade a estas medidas.
7. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
Artigo 5. Presentación de solicitudes e prazo
1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. As solicitudes de axuda relativas ao procedemento SI449B dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, ao Departamento Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade competente en función da provincia na cal a asociación teña establecida a súa sede social. As solicitudes de axuda relativas ao procedemento SI436C dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, á Dirección Xeral de Promoción da Igualdade da Consellería de Política Social e Igualdade.
Artigo 6. Documentación complementaria
1. As entidades interesadas deberán achegar con cada solicitude (anexo I.1 ou I.2, segundo a liña de subvención solicitada) a seguinte documentación:
a) Anexo II.1 ou II.2: certificación expedida pola secretaría da entidade en que se faga constar, entre outros, o acordo de solicitar a subvención ao abeiro desta orde e da composición actual da xunta directiva, correctamente inscrita ou en trámite de inscrición no rexistro correspondente.
b) Anexo III.1 ou III.2: orzamento desagregado dos gastos subvencionables e memoria descritiva das actuacións e actividades.
No procedemento SI436C poderán presentar unha memoria complementaria para os efectos de ampliar a información requirida no anexo III.2. Esta memoria deberá estar asinada pola persoa representante da entidade e a súa extensión non poderá exceder os 10.000 caracteres (sobre 3 páxinas). No procedemento SI449B non se valorará ningunha memoria complementaria.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 8. Comprobación de datos
1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa que actúa en representación da entidade solicitante.
b) NIF da entidade representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
e) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
f) Inscrición da entidade no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia.
g) Estatutos da entidade debidamente legalizados segundo a normativa vixente.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I.1 e/ou I.2) e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 9. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.
Artigo 10. Emenda da solicitude
1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá á entidade solicitante para que, no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.
Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os citados requirimentos de emenda faranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación.
2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.
Artigo 11. Instrución dos procedementos e Comisión de Valoración
1. A instrución do procedemento SI449B correspóndelle ás unidades de Igualdade dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade e a do procedemento SI436C correspóndelle á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.
Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos a unha Comisión de Valoración, segundo o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. As solicitudes presentadas ao abeiro do procedemento SI449B serán examinadas por unha Comisión de Valoración que estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade e contará coas seguintes vogalías: a persoa titular do Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación, a persoa titular do Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade; a persoa titular do Servizo de Planificación e Mellora da Coordinación da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e unha persoa traballadora de cada unha das unidades de igualdade designada pola respectiva persoa titular do departamento territorial. A secretaría da comisión exerceraa unha das vogalías dos servizos centrais da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade.
Se por calquera causa algunha das persoas non puidese asistir á reunión, será substituída pola persoa funcionaria que designe o órgano competente para o outorgamento da axuda. Nos outros casos, será substituída pola persoa funcionaria que designe a presidencia da comisión.
Na composición da Comisión de Valoración procurarase a presenza equilibrada de mulleres e homes.
3. As solicitudes presentadas ao abeiro do procedemento SI436C serán examinadas por unha Comisión de Valoración que estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade e contará coas seguintes vogalías: a persoa titular do Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade; a persoa titular do Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación; e dúas persoas que presten servizos na Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade designadas pola persoa titular desta subdirección. A secretaría da comisión exerceraa unha das persoas que actúan como vogais da comisión.
No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a Comisión de Valoración, será substituída pola persoa designada pola presidencia da comisión.
Na composición Comisión de Valoración procurarase a presenza equilibrada de mulleres e homes.
4. O órgano instrutor, por petición da Comisión de Valoración, poderá requirir ás entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional aclaratoria que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.
5. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 12, a Comisión de Valoración emitirá un informe, segundo o cal o correspondente órgano instrutor elevará unha proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, propoñendo a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.
No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda, pero que non se inclúen na proposta de concesión anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en lista de espera por orde de puntuación para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou por producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, o órgano instrutor poderá formular sucesivas propostas de resolución con anterioridade á fin do prazo de xustificación das axudas.
Artigo 12. Criterios de valoración
1. A Comisión valorará as solicitudes consonte os seguintes criterios:
1.1. Criterios comúns a ambos procedementos.
1.1.1. Polo número de familias membros da asociación e a porcentaxe que representen sobre o total de familias que conforman a comunidade educativa do centro escolar ao que representan no curso académico 2024/25, cando se trate de asociacións ou, no caso de federacións ou confederacións de ANPA, en función do número de asociacións de nais e pais do alumnado que as integran, ata un máximo de 25 puntos, de acordo co seguinte:
– No caso das ANPA, valorarase de acordo coas seguintes porcentaxes de representación no centro educativo: máis do 10 % e ata unha porcentaxe do 20 %, 5 puntos; máis do 20 % e ata o 30 %, 10 puntos; máis do 30 % e ata o 40 %, 15 puntos; máis do 40 % e ata o 60 %, 20 puntos; máis de 60 %, 25 puntos.
– No caso de federacións e confederacións, polo número de asociacións de nais e pais integradas nelas, 2,5 puntos por cada asociación ata un máximo de 25 puntos.
1.1.2. Domicilio do/dos centro/s educativo/s situado e segundo a poboación do concello:
– Ata 5.000 habitantes: 15 puntos.
– De 5.001 a 10.000 habitantes: 12 puntos.
– De 10.001 a 20.000 habitantes: 9 puntos.
– Máis de 20.000 habitantes: 6 puntos.
A poboación dos concellos poderase consultar no portal web https://igualdade.xunta.gal/
Para o caso de solicitude de federacións e confederacións de asociacións de nais e pais, terase en conta o domicilio dos centros educativos a que se refire a solicitude conxunta, e valorarase tomando a puntuación que responda á maioría de concellos en que se sitúan as ANPA involucradas nesa solicitude conxunta. En caso de empate, valorarase o grao de urbanización máis favorable.
1.1.3. Polo alcance da xustificación da axuda concedida para o mesmo procedemento polo que se solicita a subvención deste ano ao abeiro da convocatoria de axudas ás ANPA do ano 2023 (DOG núm. 108, do 8 de xuño), valorarase ata 10 puntos de acordo coa seguinte modulación: se a xustificación acadou unha porcentaxe de entre o 80 % e o 85 %, 4 puntos; máis do 85 % e ata o 95 % incluído, 6 puntos, e máis do 95 %, 10 puntos.
1.1.4. Por non ter sido beneficiara no 2023 e 2024 do mesmo procedemento polo que se solicita a subvención: non ser beneficiaria nunha convocatoria (2023 ou 2024), 5 puntos; non ser beneficiaria nas dúas convocatorias, 10 puntos.
1.1.5. Por ter a xunta directiva unha composición equilibrada (presenza de mulleres e homes de forma que, no conxunto a que se refira, as persoas de cada sexo non superen o 60 por cento nin sexan menos do 40 por cento): 5 puntos.
1.1.6. Por contar con páxina web e/ou dominio web propios e actualizados en que se difunda a actividade da ANPA ou da federación ou confederación: 10 puntos se ten 4 ou máis publicacións nos últimos 12 meses e 5 puntos se ten de unha a tres publicacións nos últimos 12 meses. Para ser tidas en conta deberá ser visible a súa data de publicación. O antedito período de 12 meses rematará o mesmo día que o prazo de presentación de solicitudes.
1.2. Criterios específicos do procedemento SI449B:
1.2.1. Contido técnico da actuación e actividades: ata 20 puntos. Polo uso de linguaxe inclusiva e de instrumentos de avaliación como indicadores de seguimento e avaliación e enquisas de satisfacción da actividade ata 5 puntos e polo contido e coherencia das actividades, ata 15 puntos.
1.2.2. Emprego de tecnoloxías da información e comunicación (TIC): ata 5 puntos. Valorarase o seu uso nas actividades e a opción de que sexan non presenciais a través de plataformas en liña.
1.3. Criterios específicos do procedemento SI436C:
1.3.1. Servizos de coidado profesional para familias con menores a cargo de ata 16 anos de idade (ata 25 puntos):
a) Polo número de horas de posta á disposición e prestación dos servizos de coidado profesional por día nalgunha das actuacións: ata 3 horas diarias, 3 puntos; máis de 3 horas e ata 6 horas ao día, 6 puntos; más de 6 horas ao día, 10 puntos.
b) Pola continuidade e posta á disposición das actuacións, ata 10 puntos de acordo co seguinte:
b.1) Polo número de actuacións que se desenvolvan en períodos non lectivos (Nadal, Entroido, Semana Santa e verán): 1 punto por período ata un máximo de 4 puntos.
b.2) Pola continuidade das actuacións que se van desenvolver: desde 1 mes e ata catro meses, 2 puntos; máis de catro meses e ata sete meses, 4 puntos; máis de 7 meses e ata 9 meses, 5 puntos; máis de 9 meses, 6 puntos.
c) Pola posta á disposición e prestación de servizos de coidados en días festivos e/ou fins de semana cun mínimo de 4 días dentro do período subvencionable: 5 puntos.
1.3.2. Accións de formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados (ata 25 puntos):
a) Polo número de actividades ou número de edicións da mesma actividade que se van desenvolver, 1 punto por cada unha ata un máximo de 10 puntos.
b) Pola duración do total das accións de formación e sensibilización, ata un máximo de 10 puntos: 2 puntos por cada 4 horas (4 horas, 2 puntos; 8 horas, 4 puntos; 12 horas, 6 puntos; 16 horas, 8 puntos; e máis de 16 horas, 10 puntos).
c) Por posibilitar a formación en liña: 5 puntos.
No momento da xustificación deberase acreditar e documentar a súa realización.
1.3.3. No suposto de que unha ANPA, federación ou confederación de ANPA solicite a subvención para levar a cabo ambas as dúas tipoloxías de proxectos (servizos de coidado e accións de formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados), a puntuación máxima que pode acadar na valoración dos criterios específicos do Plan Corresponsables establecidos nos puntos 1.3.1 e 1.3.2 anteriores non poderá exceder os 25 puntos en total polo que, se excede, corresponderanlle un máximo de 25 puntos.
2. As entidades que cumpran os requisitos ordenaranse en orde decrecente segundo os criterios e pautas de valoración establecidos neste artigo e outorgarase por esta orde e ata esgotar o crédito, segundo o establecido no artigo 25.2 e 28.5.
3. No suposto de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicar axuda a todas elas, o desempate resolverase tendo en conta a puntuación máis alta obtida nos criterios específicos de cada procedemento (punto 1.2 no caso do procedemento SI449B e punto 1.3 no caso do procedemento SI436C) e a continuación, seguindo a orde en que figuran os criterios comúns no número 1.1, ata que se produza o desempate. De persistir o empate, a preferencia determinarase pola data e hora de presentación da solicitude.
Artigo 13. Resolución e notificación
1. Avaliadas as solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 12, o órgano instrutor, á vista do informe da Comisión de Valoración, elevará unha proposta de resolución do seguinte xeito:
– No procedemento SI449B, elevará a proposta de resolución á persoa titular do departamento territorial da Consellería de Política Social e Igualdade, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade.
– No procedemento SI436C, elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade.
2. O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada por silencio administrativo.
3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as resolucións destas subvencións serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Nesta publicación especificaranse a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas, con expresión sucinta dos motivos da desestimación.
4. Unha vez publicada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días a súa aceptación, e deberá comprometerse a executar a/as actuación/s subvencionada/s no prazo e condicións establecidas na convocatoria, presentando o anexo IV.1 e anexo IV.2, segundo corresponda. No caso de non comunicar este aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.
5. As notificacións de resolucións e actos administrativos distintas ás previstas no número 3 deste artigo e no artigo 10 desta orde practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
6. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
7. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
8. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
9. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 14. Réxime de recursos
As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditase no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte á publicación da resolución, se o acto for expreso ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. As ditas resolucións tamén poderán ser impugnadas directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 15. Modificación da resolución de concesión das axudas
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. Así mesmo, segundo o previsto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, unha vez recaída a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido sempre que se respecten as bases da convocatoria, a actuación subvencionable e non dea lugar a unha execución deficiente e/ou incompleta.
3. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular do órgano competente para ditar a resolución da concesión da axuda, logo da correspondente tramitación e, se é o caso, con audiencia da entidade interesada.
Artigo 16. Prazo e xustificación da subvención
1. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da realización da actuación ou actuacións subvencionadas coa data límite do 11 de decembro de 2025. De acordo co sinalado no artigo 7 desta orde, a dita documentación deberá presentarse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
2. Dentro do prazo establecido no número 1 anterior, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación xustificativa:
2.1. Documentación común a ambos os procedementos:
a) Anexo V.1 ou V.2: Solicitude de pagamento debidamente asinada pola persoa que ten a representación da entidade.
b) Anexo VI.1 ou VI.2: Certificación do gasto realizado.
c) Anexo VII.1 ou VII.2: Recollida de indicadores.
d) Acreditación documental, material ou gráfica (fotografías do uso do cartel conforme o establecido no artigo 18.e) e outras fotografías, copias, capturas de pantalla...) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da actividade subvencionada, de acordo co establecido no artigo 18 desta orde.
e) Un exemplar de todos os materiais elaborados: carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías e outros documentos, nos cales deberá figurar o logotipo da Consellería de Política Social e Igualdade. No procedemento SI436C deberá constar, así mesmo, o logotipo da Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres do Ministerio de Igualdade, xunto coa imaxe gráfica do Plan Corresponsables e no procedemento SI449B os logotipos do Ministerio de Igualdade e o do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.
f) Modelo 190 de resumo anual e retención de ingresos á conta do IRPF (modelo 111) correspondentes ao período durante o cal se desenvolveu a medida ou actividade subvencionada, e xustificantes bancarios do ingreso do modelo 111 do IRPF.
Non obstante o anterior, cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso en período voluntario. En todo caso, a dita presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.
2.2. No procedemento SI449B será necesario presentar:
a) Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na certificación do anexo VI.1 e a documentación acreditativa do seu pagamento.
Para poder ser tidos en conta, os gastos deben estar xerados no período comprendido entre o 1 de decembro de 2024 e o 30 de novembro de 2025 e deberán estar efectivamente pagados, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación, o 11 de decembro de 2025.
Para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias.
b) Memoria de execución da actuación subvencionada, que deberá recoller, como mínimo:
– Descrición das actuacións e actividades desenvolvidas (datas de realización, duración, contidos e metodoloxía empregada no seu desenvolvemento).
– Indicación de como se atenderon as necesidades das persoas con discapacidade (se for o caso).
– Publicidade e divulgación que se realizou.
– Número de familias e persoas participantes desagregadas por sexo.
– Aqueloutros aspectos que se consideren de interese para a descrición da actuación ou actividade.
– No caso de que as accións fosen en liña, deberán xustificalo documentalmente mediante capturas de pantalla e enlace á sesión, entre outros.
– Informe sobre a coherencia do contido da actividade coas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e a inclusión explícita da perspectiva de xénero e a adecuación da actividade aos fins para a que está deseñada e para o colectivo a que se dirixe.
2.3. No procedemento SI436C será necesario presentar:
a) Para xustificar o custo real dos gastos directos de persoal, copia dos seguintes documentos:
– No caso de persoal propio da entidade beneficiaria: contrato de traballo e nóminas e recibos de liquidación de cotizacións, así como a relación nominal de persoas traballadoras e documentos bancarios que acrediten a súa realización.
– No caso de contratación mercantil ou externa dos gastos de persoal: facturas ou documentos con valor probatorio equivalente polo importe correspondente ao persoal contratado, onde figuren os datos identificativos das persoas traballadoras e o período e horas traballadas, así como os correspondentes xustificantes bancarios acreditativos do seu pagamento. No xustificante bancario deberán constar o número de factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa pagadora e da destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa que emite a factura.
Para poder ser tidos en conta os gastos directos de persoal subvencionables a custo real (nóminas, facturas...), deben estar xerados entre o 1 de decembro de 2024 e o 30 de novembro de 2025 e deberán estar efectivamente pagados, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación, o 11 de decembro de 2025.
Para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias.
b) Anexo VIII: memoria xustificativa da medida subvencionada, con descrición detallada de cada unha das actuacións desenvolvidas, incluída a tipoloxía dos gastos directos realizados, así como os resultados obtidos, con indicación do número de persoas participantes desagregadas por sexo.
No caso de que a entidade beneficiaria sexa unha federación ou confederación de ANPA, deberá achegar unha listaxe das entidades integrantes que recibiron servizos con cargo a esta axuda.
No caso de que se desenvolvesen accións de formación e sensibilización, engadirase unha memoria detallada das actividades e dos módulos impartidos. No caso de que as accións fosen en liña, deberán xustificalo documentalmente (capturas de pantalla, enlace á sesión...).
c) Anexo IX: relación numerada das persoas participantes.
Para o caso de que as persoas participantes sexan menores de idade, a dita relación referirase aos proxenitores, preferentemente nai, pai ou ben a persoa que exerza a tutela.
Esta relación será única para todas as actuacións e actividades da medida subvencionada, con independencia de que os fillos ou fillas participasen nunha ou varias das actuacións.
d) Anexo X: Certificación de que os ingresos percibidos foron revertidos nas propias actuacións desenvolvidas no marco do Plan Corresponsables, se é o caso.
e) De ser o caso, a documentación acreditativa recollida no artigo 28.3 segundo a circunstancia correspondente.
3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido para o efecto comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención.
No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención concedida e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.
4. Unha vez recibida a documentación xustificativa, antes de proceder ao seu pagamento, poderanse realizar as actuacións de comprobación que se consideren oportunas para verificar o cumprimento da conduta, actuación ou actividade subvencionada.
5. Antes de proceder ao pagamento da axuda, deberá figurar no expediente a declaración acreditativa de que as entidades beneficiarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.
Artigo 17. Pagamento da subvención
1. O pagamento do importe da subvención realizarase do seguinte xeito: un primeiro pagamento en concepto de anticipo con anterioridade á xustificación da axuda, que se fará efectivo unha vez realizada a publicación da resolución e aceptada por parte da entidade segundo o anexo IV.1 ou IV.2. No caso de non comunicar expresamente a aceptación no prazo indicado no artigo 13.4, entenderase tacitamente aceptada e procederase ao pagamento do anticipo.
Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, o anticipo acadará o 80 % da subvención concedida. No caso de que o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, prevese, ademais, o pagamento anticipado dun 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros.
De conformidade co establecido no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias quedan exoneradas da constitución de garantías.
2. Unha vez presentada a xustificación procederase ao libramento final da axuda concedida, pola contía que corresponda, deducido, de ser o caso, o importe aboado en concepto de anticipo.
3. Para o caso de que non se xustificase a totalidade do gasto tido en conta para a determinación da contía da subvención («custo total da actuación» no anexo I.1 e «Subvención solicitada para custos de persoal» anexo I.2), a axuda minorarase proporcionalmente.
Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais que resulten exixibles segundo a normativa xeral de aplicación, en particular, as seguintes:
a) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención dentro do período e prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación. En todo caso, terase que acreditar que as actividades desenvolvidas respondan a unha actividade desta convocatoria.
b) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control. Así mesmo, conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
c) Dispor no desenvolvemento das actuacións dun plan de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevencións dos riscos laborais.
d) Comprobar que as persoas que se vaian contratar para o desenvolvemento de actuacións con menores dispoñen do correspondente certificado de inexistencia de antecedentes por delitos de natureza sexual, así como do certificado negativo de antecedentes penais relacionados con delitos contra a infancia.
e) Facer constar na publicidade, documentación elaborada e na páxina web, no caso de dispor dela, o logotipo Consellería de Política Social e Igualdade. Así mesmo, no procedemento SI436C deberán constar o da Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres do Ministerio de Igualdade, xunto coa imaxe gráfica do Plan Corresponsables, e no procedemento SI449B o logotipo do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero e o do Ministerio de Igualdade. Todos estes logotipos estarán dispoñibles na páxina web https://igualdade.xunta.gal/
En todo caso, nos espazos que utilice a entidade para a realización das actividades informarase do financiamento público a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible, segundo os modelos dispoñibles na páxina web https://igualdade.xunta.gal/
f) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.
g) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Política Social e Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
h) Dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais, en concreto, ao disposto no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos) na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa concordante.
As entidades beneficiarias da subvención serán responsables de informar de maneira fidedigna ás persoas destinatarias finais do tratamento que levarán a cabo sobre os seus datos, conforme o especificado no artigo 13 do Regulamento xeral de protección de datos, así como dos aspectos incluídos no parágrafo anterior, para o cal solicitarán o seu consentimento explícito. Así mesmo, as entidades beneficiarias serán responsables de custodiar a documentación que acredite o cumprimento destas obrigas.
i) Facilitar toda a información requirida pola Consellería de Política Social e Igualdade, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas e por outros órganos de control impostos pola normativa no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
Artigo 19. Responsabilidade
A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria. A actuación da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas e demais normativa de aplicación pola tipoloxía do servizo subvencionado.
Artigo 20. Incumprimento, reintegros e sancións
1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.
2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.
3. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.
4. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade da minoración ou do reintegro serán os seguintes:
a) Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas concorrentes para a mesma finalidade que financien as actuacións subvencionadas.
b) Procederá o reintegro dun 2 % sobre a contía total da axuda percibida no caso de incumprimento das obrigas recollidas no artigo 18.b) e 18.e).
c) Procederá a minoración ou, de ser o caso, o reintegro dun 2 % sobre a contía total da axuda percibida cando na fase de xustificación non se acredite que se posibilitou a formación en liña, dato que se tivo en conta para a valoración da solicitude.
d) No procedemento SI449B, atendendo á descrición realizada na memoria e a acreditación material e gráfica achegada, cando se desprenda que o programa ou algunha das actuacións non responde a unha actividade de difusión, información e formación para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero que poida enmarcarse nalgunha das tipoloxías previstas nas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do eixe 1, que define o artigo 24 desta convocatoria como accións subvencionables, a subvención será minorada nun 15 %.
e) En todo caso, non xerarán dereito ao cobramento da subvención e procederá o reintegro do anticipo cando se teña constancia de que o desenvolvemento das actuacións no seu conxunto non se adecuou á finalidade e obxecto desta orde.
Artigo 21. Control
1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o desfrute da subvención.
2. A Consellería de Política Social e Igualdade levará a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das obrigas derivadas desta orde e demais normativa aplicable.
3. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
Artigo 22. Base de datos nacional de subvencións
A consellería concedente publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, entidade beneficiaria, cantidade concedida e a finalidade da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Así mesmo, de conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións.
Artigo 23. Información ás entidades interesadas
Sobre os procedementos administrativos asociados a esta orde, que teñen os códigos SI449B e SI436C poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos. Así mesmo, a Dirección Xeral de Promoción da igualdade: http://igualdade.xunta.gal, nos teléfonos da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade: 881 99 59 81, 881 99 59 47, 881 99 59 96, 881 99 57 65 (procedemento SI436C) e, no caso do procedemento SI449B, nos teléfonos das unidades de igualdade dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade (A Coruña: 881 88 12 54; Lugo: 982 29 43 55; Ourense: 988 38 67 99; Vigo: 986 81 76 58).
CAPÍTULO II
Actividades de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención
e rexeitamento da violencia contra as mulleres, en desenvolvemento do Pacto
de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento SI449B)
Artigo 24. Accións subvencionables
1. Poderán ser obxecto de subvención ao abeiro desta convocatoria a realización de programas e actividades de difusión, información e formación para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero, que vaian realizar as ANPA, federacións e confederacións de ANPA, dirixidos ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias e á comunidade educativa, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, realizadas entre o 1 de decembro de 2024 e o 30 de novembro de 2025.
Así mesmo, para que o programa e actividades poidan ser subvencionados ao abeiro desta orde teñen que incluír, como mínimo, o desenvolvemento e realización dunha actividade dirixida directamente ás familias, nais e pais, que facilite a difusión, información, coñecemento e mesmo a reflexión sobre as actividades de difusión levadas a cabo co alumnado e o resto da comunidade educativa.
Serán obxecto de subvención as citadas actividades e programas que respondan a algunha ou algunhas das seguintes tipoloxías recollidas nas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do eixe 1:
a) Escolas de pais e nais e/ou formación para as familias e/ou alumnado en temas de igualdade, de educación afectivo-sexual (aspectos fisiolóxicos e afectivo-emocionais) e sobre violencia de xénero.
b) Elaboración de materiais informativos para nais e pais que lles axuden a detectar a violencia de xénero da que poden ser vítimas ou agresores as súas fillas ou fillos adolescentes.
c) Realización de accións de formación, sensibilización e difusión, contra a cousificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas, para as familias e/ou alumnado e comunidade educativa.
d) Formación para pais e nais e/ou para mozas e mozos sobre o uso adecuado e crítico da internet e as novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos (stalking, sexting, grooming, etc.).
e) Accións de formación coas familias e/ou alumnado sobre novas masculinidades para romper cos micromachismos e os comportamentos machistas adquiridos polos estereotipos, e actuacións encamiñadas a mellorar a percepción que o alumnado e as familias teñen sobre a diversidade sexual e a homosexualidade, contra as situacións de acoso do alumnado LGTBIQ e as repostas da comunidade educativa perante o problema da homofobia.
f) Outras accións de formación e información para nais e pais e/ou para o alumnado que sensibilicen as familias sobre os estereotipos persistentes na sociedade e tamén no eido educativo e sobre pautas para previr a violencia de xénero, ou para detectala e que se dean a coñecer entre as familias os protocolos existentes nos casos de agresións ou violencia contra as mozas.
2. Na solicitude poderase incluír unha ou varias das tipoloxías de acción recollidas no primeiro número deste artigo.
Artigo 25. Contía da subvención
1. A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta liña é de 3.000 € para as solicitudes de asociacións de nais e pais que se presenten de xeito individual e de 6.000 € para as solicitudes de federacións ou confederacións de ANPA.
2. O importe da axuda calcularase con base no gasto subvencionable e no importe solicitado. As entidades que cumpran os requisitos contidos nesta convocatoria ordenaranse en orde decrecente segundo os criterios e pautas de valoración establecidos no artigo 12, outorgando por esta orde o 100 % do importe solicitado ata esgotar o crédito.
No caso de esgotarse o crédito, propoñerase unha lista de espera que se atenderá segundo a orde de puntuación para o caso de desistencias ou renuncias de entidades beneficiarias, nos termos indicados no último parágrafo do artigo 11.5.
Artigo 26. Gastos subvencionables
1. Terán a consideración de gastos subvencionables os derivados da realización das actuacións e actividades previstas no artigo 24.1 xerados no período comprendido entre o 1 de decembro de 2024 e o 30 de novembro de 2025, ambos os dous incluídos, que respondan aos seguintes conceptos:
a) Gastos das persoas relatoras e/ou contratación mercantil ou externa da prestación dunha actividade ou servizo externo.
b) Gastos derivados da realización da actuación ou actividade subvencionada: elaboración ou adquisición de materiais e publicacións específicas para o desenvolvemento da actividade; gastos de publicidade e difusión da actuación, así como o material de oficina necesario para a súa realización.
c) Outros gastos correntes directamente derivados da realización da actuación e actividade subvencionada que estean debidamente xustificados e se consideren necesarios para o seu desenvolvemento.
En ningún caso serán subvencionables gastos de protocolo ou representación e gastos en concepto de agasallos para as persoas relatoras.
Non serán subvencionables os gastos en bens inventariables cando superen na súa totalidade o 25 % do importe finalmente xustificado.
2. Para os efectos destas axudas, non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.
3. Para os efectos da consideración dos gastos como subvencionables e para a súa xustificación, deberán axustarse ao seguinte:
a) Reunir os seguintes requisitos: ser un gasto directo da acción, adecuado aos obxectivos, que exista constancia documental sobre a súa realización de xeito verificable, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, estar efectivamente realizado no período establecido e pagado, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación da subvención.
b) Así mesmo, admitirase a acreditación de gastos realizados mediante factura simplificada (antes denominado tícket), como documento substitutivo das facturas, sempre que se cumpra o disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.
c) No caso de pagamento mediante cheque terá que ser, en todo caso, nominativo e vir acompañado da xustificación bancaria acreditativa do cargo na conta que figure nel.
d) Con carácter excepcional, e dada a tipoloxía das entidades beneficiarias, formadas por nais e pais, segundo se recolle no punto 3 do artigo 42 do citado Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, poderase aceptar a xustificación do pagamento mediante recibo da persoa ou entidade provedora para gastos de escasa contía nos que necesariamente se teña que incorrer para o desenvolvemento da actuación ou actividade obxecto da subvención que teñan un importe menor de 300 euros e que a súa suma non supere o 15 % do importe concedido. O dito recibo terá como contido mínimo os seguintes datos: persoa/entidade que emite o recibo, cantidade recibida e concepto polo que se percibe.
4. Non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán como gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación ou actividade subvencionada, tales como contratación de persoal, alugueiro de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministración relacionados con eles.
CAPÍTULO III
Plan Corresponsables (código de procedemento SI436C)
Artigo 27. Accións subvencionables
1. Considéranse subvencionables as actuacións cuxa finalidade sexa facilitar a conciliación das familias con menores de ata 16 anos de idade, mediante a posta en marcha de servizos de coidado profesional, a creación de emprego de calidade no sector dos coidados e a sensibilización da sociedade, particularmente dos homes, en materia de corresponsabilidade e coidados.
As actuacións destinaranse con carácter prioritario á atención de familias monoparentais maternas e monoparentais paternas, mulleres vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia contra as mulleres, persoas con discapacidade, persoas en risco de exclusión social e unidades familiares en que existan outras responsabilidades relacionadas cos coidados.
Nos procesos de valoración do acceso aos servizos postos en marcha con cargo aos fondos recibidos deberán considerarse como criterios de valoración o nivel de renda e as cargas familiares das persoas que soliciten a participación neles.
2. Ao abeiro deste programa, serán subvencionables as seguintes tipoloxías de proxectos:
2.1. Servizos de coidado profesional de calidade, e con garantía de dereitos laborais dos/das profesionais que presten os seus servizos neste marco, de menores de ata 16 anos de idade, coa posibilidade de desenvolver unha ou máis das seguintes modalidades:
a) No domicilio por un número determinado de horas semanais.
b) En dependencias públicas convenientemente habilitadas para o efecto, cumprindo coas garantías sanitarias, tales como escolas, centros municipais ou polideportivos, entre outros.
c) Uso de espazos habilitados tales como centros educativos, centros socioculturais, etc.
2.2. Accións de formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados destinados a impulsar modelos de masculinidades corresponsables e igualitarios. As ditas accións poderán ter un espectro amplo (materiais divulgativos, estudos/informes técnicos, programas formativos, celebración de xornadas, obradoiros, etc.) e dirixiranse a homes ou ao conxunto da sociedade se se considera oportuno. En calquera caso, as accións enmarcadas nesta categoría de proxectos deberán ter sempre o obxectivo de promover a implicación e sensibilización dos homes en materia de corresponsabilidade e coidados.
3. Os servizos de coidados poderán prestarse tanto fóra do horario escolar (períodos non lectivos, vacacións escolares, ampliación de horario escolar, etc.), como dentro del (servizo de coidado para menores expulsadas/os do centro escolar, non escolarizados, etc.) sempre que teñan como finalidade facilitar a conciliación das familias con menores de ata 16 anos a cargo e cando os ditos servizos non poidan ser cubertos por outros (educativos, sociais ou doutro tipo).
Para a provisión de coidados a menores de ata 16 anos de idade poderanse usar, preferentemente, os espazos públicos habilitados (centros educativos, centros socioculturais, polideportivos, bibliotecas, etc.). Para a utilización excepcional doutros espazos de carácter privado, cando sexa imposible a utilización de espazos públicos ou semipúblicos (públicos de xestión privada ou privados de xestión pública), requirirase autorización previa da Consellería de Política Social e Igualdade.
4. No caso de servizos de coidado profesional, deberán supoñer en todo caso a creación de emprego de calidade e/ou o fomento do emprego de persoas mozas con perfís profesionais relacionados cos coidados a menores, como técnica/o superior en Animación Sociocultural e Turística, monitoras/es de lecer e tempo libre, técnica/o superior en Ensino e Animación Sociodeportiva, Educación Infantil e Primaria, auxiliares de Gardaría e Xardín de Infancia, así como titulacións análogas. Valoraranse, de maneira preferente, aqueles perfís que teñan, ademais da acreditación mencionada, formación en materia de igualdade (axentes de igualdade, técnico/a superior en Promoción da Igualdade de Xénero, etc.). Entenderanse como análogas aquelas titulacións que poidan ter unha nomenclatura distinta das citadas, pero se enmarquen no ámbito do coidado.
A inclusión de perfís relacionados co ámbito educativo e da atención a persoas con discapacidade non implica que se poidan poñer en marcha proxectos educativos que van máis aló do coidado a menores para facilitar a conciliación familiar, nin que os gastos de atención especial a persoas con necesidades educativas especiais ou discapacidade se encontren incluídos entre os subvencionables.
5. Queda excluído o financiamento de gastos que se materialicen en prestacións económicas directas a persoas e/ou familias.
Artigo 28. Contía da subvención
1. A contía da subvención que se concederá determinarase en función do número de persoas que se vaian contratar para desenvolver os servizos de coidado e/ou as accións de formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados destinadas a impulsar modelos de masculinidades corresponsables e igualitarios recollidos no artigo 27.2, tendo en conta os límites máximos da subvención establecidos neste artigo.
2. Para determinar o gasto subvencionable e o importe da subvención teranse en conta os custos directos de persoal dos/das profesionais que leven a cabo as medidas do Plan Corresponsables.
3. A contía utilizada para o cálculo é de ata 34.700,00 euros por persoa contratada a tempo completo para un período de 12 meses, incluídas as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora. O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial ou por un período inferior a 12 meses.
A contía da axuda por persoa contratada incrementarase en 3.000,00 euros non acumulables cando a persoa contratada estea nalgún dos seguintes colectivos, sempre e cando se indique na solicitude:
– Mulleres maiores de 45 anos.
– Mulleres vítimas de violencia de xénero.
– Persoas con grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.
Para o caso de mulleres contratadas vítimas de violencia de xénero, a acreditación documental da súa circunstancia recollerase na fase de xustificación das axudas, coa documentación acreditativa desta situación segundo o previsto no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.
Para o caso de persoas contratadas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, a acreditación documental da súa circunstancia recollerase na fase de xustificación das axudas, coa certificación acreditativa desta situación no caso de que esta non fose emitida pola Xunta de Galicia.
4. En todo caso, a contía máxima da axuda será de 15.000,00 euros, cando se trate dunha solicitude dunha Asociación de Nais e Pais, e de 20.000,00 euros, no caso de que se trate dunha solicitude dunha federación ou confederación de ANPA.
5. O importe da axuda calcularase con base no gasto subvencionable e no importe solicitado. As entidades que cumpran os requisitos contidos nesta convocatoria ordenaranse en orde decrecente segundo os criterios e pautas de valoración establecidos no artigo 12, outorgando por este orde o 100 % do importe elixible solicitado ata esgotar o crédito.
No caso de esgotarse o crédito, propoñerase unha lista de espera que se atenderá segundo a orde de puntuación para o caso de desistencias ou renuncias de entidades beneficiarias, nos termos indicados no último parágrafo do artigo 11.5.
6. Se é o caso, a subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade do custo de persoal.
7. Cando as entidades beneficiarias teñan establecido o pagamento dunha taxa pola prestación do servizo, os ingresos obtidos deberán destinarse ou reverter nas propias actuacións desenvolvidas no marco do Plan Corresponsables, circunstancia que deberá acreditarse na fase de xustificación da subvención mediante certificación asinada pola persoa secretaria da entidade beneficiaria (anexo X). No caso de que non as revertan ou non se xustifique segundo o establecido, descontaranse os ingresos obtidos polas taxas do importe da subvención concedida no momento do pagamento final. En todo caso, deberase favorecer a gratuidade e a universalidade das actuacións e, no caso de que se establezan taxas, deberán terse en conta criterios de renda e de cargas familiares nos prezos de acceso ao servizo para as persoas usuarias.
Artigo 29. Gastos subvencionables
Serán gastos subvencionables os derivados da realización das medidas do Plan Corresponsables, definidas no artigo 27, que fosen xerados entre o 1 de decembro de 2024 e ata o 30 de novembro de 2025, e que respondan ao seguinte concepto ou categoría:
Gastos directos de persoal: serán subvencionables en concepto de custos directos de persoal as retribucións salariais brutas totais do persoal contratado para o desenvolvemento dos servizos de coidados e/ou das accións de formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados destinadas a impulsar modelos de masculinidades corresponsables e igualitarios, correspondentes ao tempo efectivo dedicado á execución da actuación ou medida subvencionada, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora.
No caso de contratación mercantil ou externa, serán subvencionables os custos de persoal que formen parte da prestación do servizo externo, sempre que o persoal e o custo pola súa contratación estean claramente identificados e detallados na factura.
Para determinar os custos directos de persoal, terase en conta soamente o tempo efectivo dedicado á execución da medida subvencionada.
Serán requisitos obrigatorios dos gastos de persoal para desenvolver os servizos de coidados de menores en familias con fillas e fillos menores a cargo de ata 16 anos, ademais dos perfís profesionais incluídos no artigo 27.4, os seguintes:
a) En todo caso, os contratos de traballo subscritos no marco deste programa –tamén aqueles nos cales se amplíe ou mellore a xornada– deberán incluír a cláusula seguinte: «Este contrato será obxecto de financiamento a través do Plan Corresponsables».
b) As persoas que se vaian contratar deben dispoñer do correspondente certificado de inexistencia de antecedentes por delitos de natureza sexual, así como do certificado negativo de antecedentes penais relacionados con delitos contra a infancia.
c) As mulleres que teñan a condición de vítimas de violencia de xénero terán preferencia se teñen o perfil profesional do posto de traballo que hai que cubrir, conforme a oferta de emprego presentada pola entidade beneficiaria.
Cada entidade deberá reservar un mínimo do 15 % da contía asignada para a contratación deste colectivo, agás que non exista un número suficiente de mulleres para alcanzar a citada porcentaxe.
d) En ningún caso poderán introducirse na selección das persoas para contratar criterios que poidan impedir a libre circulación de persoas traballadoras, tales como o empadroamento nunha determinada entidade local. En todo caso, o procedemento de selección deberá garantir a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, sen discriminación por razón de sexo, raza ou orixe étnica, relixión ou conviccións, en relación coas persoas participantes que cumpran os requisitos de acceso.
Disposición adicional única. Delegación de competencias
Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias en relación coas subvencións previstas nesta orde en relación có procedemento SI436C, así como para realizar os actos de autorización e disposición de gasto, recoñecemento de obrigas e proposta de pagamentos previstos no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Así mesmo, autorízase expresamente as persoas titulares dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade para actuar por delegación da persoa titular Consellería de Política Social e Igualdade, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias en relación coas subvencións previstas nesta orde baixo o procedemento SI449B, así como para realizar os actos de autorización e disposición de gasto, o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos previstos no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, do antedito procedemento.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde
Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade para ditar, no ámbito das súas competencias, os actos e as instrucións precisas para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2024
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
