DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Venres, 14 de febreiro de 2025 Páx. 12122

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 11 de febreiro de 2025 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal da empresa que presta servizos de limpeza nos centros hospitalarios públicos dependentes da Área Sanitaria de Ferrol e que se desenvolverá desde as 00.00 horas do día 17 de febreiro de 2025 ata as 24.00 horas do día 19 de febreiro de 2025.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

Así mesmo, o artigo 10 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo establece que cando a folga se declare en empresas encargadas da prestación de calquera xénero de servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade e concorran circunstancias de especial gravidade, a autoridade gobernativa poderá acordar as medidas necesarias para asegurar o funcionamento dos servizos.

Ademais, a xurisprudencia do Tribunal Constitucional, entre outras STC 183/2006, do 19 de xuño, vén considerando como servizos esenciais aqueles que satisfagan dereitos e intereses dos cidadáns vinculados aos dereitos fundamentais, liberdades públicas e bens constitucionalmente protexidos, como son o dereito á protección da saúde e o dereito á seguridade e hixiene no traballo.

O exercicio deste dereito na Administración como nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O desempeño da prestación da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. O que implica a necesidade de conxugar o citado exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, para preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

Os representantes do persoal da empresa Serveo, S.A.U., que presta servizos de limpeza nos centros hospitalarios públicos dependentes da Área Sanitaria de Ferrol comunicaron a convocatoria dunha folga que se desenvolverá, desde as 00.00 horas do día 17 de febreiro de 2025, ata as 24.00 horas do día 19 de febreiro de 2025.

Dado que a folga afectará o servizo de limpeza dos devanditos centros, resulta obvio que a suspensión da citada actividade pode implicar niveis de contaminación que porían en risco a saúde, tanto das persoas doentes e usuarias, como dos e das profesionais que prestan servizo nestes centros, polo que resulta procedente fixar os servizos mínimos.

Con base no que antecede, e logo da audiencia ao Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga referida na parte expositiva entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen nesta orde.

A folga convocada afecta todos/as os/as traballadores/as da empresa Serveo, S.A.U., que prestan servizos de limpeza nos centros hospitalarios públicos, dependentes da Área Sanitaria de Ferrol e desenvolverase desde as 00.00 horas do día 17 de febreiro de 2025 ata as 24.00 horas do día 19 de febreiro de 2025.

Debido á necesidade da hixiene e limpeza na prestación dos servizos sanitarios, para os efectos de manter a calidade asistencial e a seguridade dos pacientes, é preciso garantir que, con carácter xeral, as instalacións estean en perfectas condicións de limpeza, tanto no que respecta a zonas de hospitalización de enfermos, consultas, vestiarios de persoal, áreas críticas, servizos de urxencias e quirófanos, así como nas zonas comúns de uso xeral, pois as eventuais diminucións dos parámetros de limpeza nalgunha destas zonas pode incidir directamente tamén nas demais.

Polo tanto, a porcentaxe de servizos mínimos exixidos será distinto en función do nivel de risco de infección para os pacientes en cada área, pois o principal obxectivo da limpeza no medio hospitalario é diminuír a carga de microorganismos dos obxectos e superficies que rodean o paciente.

De acordo coa motivación anterior, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a cobertura axeitada do servizo esencial da asistencia sanitaria, con total seguridade para os/as pacientes, usuarios/as e traballadores/as, sen poñer en risco a realización da actividade asistencial, para os efectos de evitar así que se produzan graves prexuízos á cidadanía. E, ao propio tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.

Estas circunstancias, unidas á necesidade de garantir a presenza dun mínimo de persoal que poida atender de forma permanente a actividade imprescindible e esencial nese ámbito, determinan que se opte, polos seguintes criterios reitores, utilizados ademais noutras folgas neste sector:

1. Áreas de urxencias, laboratorio de urxencias, radiodiagnóstico de urxencias, UCI, área cirúrxica, reanimación poscirúrxica, reanimación cardíaca, oncoloxía radioterápica, hematoloxía, hospital de día e diálise: o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais.

2. Radioloxía intervencionista, esterilización e hospitalización: o persoal preciso para garantir o 70 % das presenzas e prestación de limpeza habituais.

3. Restantes áreas: o persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas e prestación de limpeza habituais.

Artigo 2

A determinación do persoal necesario con base nos criterios anteriores faraa a empresa coordinadamente coa Xerencia da Área Sanitaria de Ferrol e a súa fixación deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe contar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse axeitadamente para xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola empresa e notificada ao persoal designado.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No anexo desta resolución recóllese o número de efectivos de servizos mínimos acordado para cubrir as xornadas de folga.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios/as dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2025

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Áreas de urxencias, laboratorio de urxencias, radiodiagnóstico de urxencias, UCI, área cirúrxica, reanimación poscirúrxica, reanimación cardíaca, oncoloxía radioterápica, hematoloxía, hospital de día e diálise

Mañá

Tarde

Noite

15

15

3

Radioloxía intervencionista, esterilización e hospitalización

Mañá

Tarde

Noite

14

7

0

Restantes áreas

Mañá

Tarde

Noite

4

6

0