DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Venres, 14 de febreiro de 2025 Páx. 12483

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de xaneiro de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación dos montes denominados Eido, Mulariña, Barco e Portela, solicitado a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salvaterra, na parroquia de Salvaterra (Salvaterra de Miño).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1º da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 27 de novembro de 2024, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, director territorial, coa asistencia dos vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes, Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia, Antonio Lorenzo González, vogal representante dos veciños da CMVMC de Salvaterra, e do secretario do Xurado, José Alberto Cousido Fernández, funcionario adscrito ao Servizo Xurídico-Administrativo, adoptou a seguinte resolución:

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data de entrada 23.4.2019, Antonio Lorenzo González, como presidente e en representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salvaterra, concello de Salvaterra de Miño, presentou a solicitude de clasificación como montes veciñais en man común das parcelas denominadas Eido, Mulariña, Barco e Portela. Achegou como documentación copia da acta da asemblea xeral da comunidade en que se aprobou a solicitude de clasificación, un informe técnico con planimetría e informe de validación gráfica das parcelas.

O 29.5.2019, o Servizo de Montes indicou que os datos achegados pola comunidade solicitante permiten identificar plenamente as parcelas Eido, Mulariña, Barco e Portela, que corresponden coas referencias catastrais 36050A10600106, 36050A00400264, 36050A11001425 e 35050A00400305, respectivamente. Nas tres primeiras parcelas aparece como titular catastral a Comunidade de Montes de Salvaterra, mentres que na parcela Portela aparece como titular catastral o Concello de Salvaterra. Ningunha delas está clasificada.

Segundo. O Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común acordou, na súa sesión do 16.10.2019, incoar o correspondente expediente de clasificación das ditas parcelas a favor da Comunidade de Montes de Salvaterra, concello de Salvaterra de Miño.

O 22.10.2019 solicitóuselle ao Servizo de Montes a elaboración do informe preceptivo, conforme o artigo 20 do Decreto 260/1992 do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de Montes Veciñais en Man Común. O 29.7.2020 recibiuse o citado informe do Servizo de Montes, que en síntese contén os seguintes datos:

a) A parcela Eido é unha carballeira con algún pé de piñeiro, eucalipto e loureiro, practicamente sen estrato arbustivo nin subarbustivo. Compróbase a existencia de carteis que anuncian o «Monte comunal de Salvaterra», cun uso de esparexemento e recreo.

b) As parcelas Mulariña e Portela son dúas parcelas lindeiras, illadas do resto do monte veciñal. A primeira está poboada por unha masa mixta de fustal baixo de piñeiro e eucalipto, con algún pé de carballo e loureiro e cun estrato subarbustivo formado por fentos. A parcela Portela ten unha terceira parte ocupada por un desterre sen vexetación e o resto poboado por masa mixta de carballo, eucaliptos e loureiro, sen estrato arbustivo e sen herbáceo. Compróbase a existencia de carteis “Monte comunal de Salvaterra” e sen uso definido.

c) A parcela Barco tamén está illada do resto do monte veciñal, atravesada por un camiño e parcialmente inundada no momento da inspección. Contén unha estación hidrolóxica e unha edificación de abastecemento de auga. A vexetación é de ribeira, con algún pé de carballo e salgueiro. Existen carteis de «Monte comunal de Salvaterra» cun uso de recreo e uso público (estación hidrolóxica e abastecemento de auga).

Terceiro. O 24.1.2020, a Comunidade de Montes de Salvaterra presentou nova documentación sobre as parcelas obxecto do expediente:

– Informe do historiador Gregorio Casado González con diversa documentación histórica sobre os montes de Salvaterra, onde se recolle en varios documentos que o Concello de Salvaterra non posúe montes propios. Achega copia da «Resposta ao interrogatorio relativo aos bens de propios do partido xudicial de Ponteareas, Concello de Salvaterra de Miño. Ano de 1852».

– Copia da notificación do secretario municipal do Pleno do 8.1.2003, en que se aproba o proxecto técnico da obra de colector xeral do río Tea, comunicando a expropiación na parcela Barco dun terreo de 276,45 m2. Tamén copia da acta previa de ocupación, do 3.8.2005, en que consta que o terreo que se expropiará será de 264 m2. Tamén copia da constitución do depósito correspondente na Delegación de Facenda de Pontevedra.

– Copia da notificación do secretario municipal do Pleno, do 8.1.2003, en que se aproba o proxecto técnico da obra de colector xeral do río Tea, comunicando a expropiación na parcela Eido (que aparece co nome Bouza do Viso, pero coa mesma referencia catastral) dun terreo de 115,11 m2. Tamén copia da acta previa de ocupación, do 15.6.2005, en que consta que o terreo que se expropiará será de 139 m2. Tamén copia da constitución do depósito correspondente na Delegación de Facenda de Pontevedra.

– Copia da declaración responsable para aproveitamentos madeireiros ante a Consellería de Medio Rural, con data do 30.1.2015, para a corta dun salgueiro na parcela Eido.

– Copia da declaración responsable diante da Consellería de Medio Rural, con data do 8.4.2019, para aproveitamentos madeireiros na parcela Barco.

– Copia da declaración responsable para aproveitamentos madeireiros ante a Consellería de Medio Rural, con data 8.4.2019, para a corta de dous eucaliptos na parcela Mulariña.

O Rexistro da Propiedade de Ponteareas, nun escrito do 12.8.2020, certificou que non figura inscrito ningún predio denominado Eido, Mulariña, Barco ou Portela coas características indicadas.

Cuarto. O 24.9.2020 notificouse a apertura do trámite de audiencia á Comunidade de Montes de Salvaterra e ao Concello de Salvaterra de Miño, neste último caso tamén coa solicitude de publicación do edicto. Ao tempo, solicítase a inscrición preventiva no Rexistro da Propiedade de Ponteareas, que se realiza o 20.10.2020.

Quinto. O Diario Oficial de Galicia publicou, o 7.10.2020, o anuncio do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra co acordo de iniciación do expediente de clasificación e abrindo o período dun mes para que as persoas interesadas puidesen examinar o expediente e efectuar as alegacións oportunas, de conformidade co disposto no artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro.

O 26.10.2020, a Comunidade de Montes de Salvaterra presentou un escrito en que solicita que se exclúan das parcelas Eido e Barco os terreos de 264 m2 e 115,11 m2, respectivamente, segundo constan nas actas previas á ocupación, que volve achegar. Tamén xuntou unha copia do escrito da propia Comunidade de Montes ao Concello de Salvaterra de Miño, do 19.10.2020, en que solicita planimetría das citadas parcelas coa situación dos terreos expropiados.

O 6.11.2020, o Concello de Salvaterra de Miño presentou un escrito de alegacións opoñéndose á clasificación como veciñais das parcelas Eido, Mulariña, Barco e Portela. De xeito resumido, as alegacións son as seguintes:

– O solicitante da clasificación, Antonio Lorenzo González, non acredita a súa representación da Comunidade de Montes de Salvaterra.

– Dos informes preceptivos e do servizo de topografía do Servizo de Montes dedúcese que as parcelas están illadas do resto do monte veciñal de Salvaterra, que na parcela Barco existe unha edificación e que a parcela Portela está catastrada a nome do Concello.

– Que o único que alega a Comunidade de Montes é a titularidade catastral de tres parcelas, que foi cambiada en 2018 por iniciativa unilateral da propia comunidade. Anteriormente e desde 1958 estaban a nome do Concello.

– Os montes veciñais da parroquia de Salvaterra xa foron clasificados en 1980.

– As parcelas obxecto do expediente son parcelas illadas que non foron clasificadas porque están afastadas do monte clasificado.

– Na parcela Barco hai unha instalación do Concello cedida á Confederación Hidrográfica Miño-Sil; xa que logo, non ten aproveitamento veciñal, soamente unhas árbores illadas.

O 16.12.2020, a Comunidade de Montes de Salvaterra presentou alegacións en resposta ás presentadas polo Concello. Achegou un informe do arquitecto técnico do Concello en que se fai constar que, segundo datos do Departamento de Urbanismo, os terreos expropiados para as instalacións do colector xeral do río Tea teñen unha cabida de 115,11 m2 na parcela Eido e 278,45 m2 na parcela Barco. Tamén varias declaracións xuradas de veciños que afirman o aproveitamento veciñal das parcelas Eido, Mulariña e Portela.

Sexto.– Á vista da documentación achegada pola comunidade solicitante e do informe do Servizo de Montes, as parcelas obxecto do presente expediente responden á seguinte descrición:

Concello: Salvaterra de Miño.

Parroquia: Salvaterra.

Nome do monte: Eido.

Cabida: 7.171 m2 (superficie alegada na solicitude).

Referencia catastral: 36050A106001060000LP.

Estremas:

Parcela

Titular/es

Norte e oeste

9118

Camiño público

Sur e leste

9119

Camiño público

Nome do monte: Mulariña.

Cabida: 1.423 m2 (superficie alegada na solicitude).

Referencia catastral: 36050A00400264.

Estremas:

Norte

Parcela

Titular/es

-----------

Estrada PO-403

269

Lucinda Ferreira Araújo

268

José Lorenzo Vaqueiro

267

Domingo Rodríguez Rodríguez

266

Isabel Ferrados

265

Peregrina Vaqueiro

Sur

9013

Camiño

5280

Propietario/a descoñecido/a

298

Ana Rodríguez Lorenzo

Leste

305

Predio comunal

301 e 302

Manuel Lorenzo Porto

Oeste

9101

Estrada PO-403

Nome do monte: Barco.

Cabida: 1.381 m2 (superficie alegada na solicitude).

Referencia catastral: 36050A110014250000LZ.

Estremas:

Parcela

Titular/es

Norte

1414

Dolores Concepción Lorenzo Porto

1426

José Antonio Porto Pérez

Sur

9013

Estrada ou camiño público

Leste

9013

Estrada ou camiño público

Oeste

--------------

Río Tea

Nome do monte: Portela.

Cabida: 788 m2 (superficie alegada na solicitude).

Referencia catastral: 36050A00400305.

Estremas:

Parcela

Titular/es

Norte

---------------

Estrada PO-403

310

María Araújo Piñeiro

303

José Souto

304

Antonio Serodio González

Sur

270

Propietario/a descoñecido/a

265

Peregrina Vaqueiro

264

Predio comunal

Leste

303

José Souto

304

Antonio Serodio González

302

Manuel Lorenzo Porto

Sur

9101

Estrada PO-403

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, débese entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro. Do informe preceptivo do Servizo de Montes dedúcese unha situación das parcelas compatible co aproveitamento comunal, xa sexa forestal ou de «esparexemento e recreo». A existencia de carteis que consignan a titularidade veciñal «Monte comunal de Salvaterra» debe considerarse un acto de posesión e uso.

Cuarto A Comunidade de Montes de Salvaterra presenta abondosa documentación (informe histórico, copia de documentos de expedientes de expropiación municipal nas parcelas Eido e Barco, acreditadas polo Departamento de Urbanismo do Concello de Salvaterra de Miño, e declaracións xuradas de veciños que afirman o aproveitamento veciñal das parcelas Eido, Mulariña e Portela, que acreditan o uso e xestión das parcelas obxecto deste expediente pola Comunidade de Montes de Salvaterra.

Quinto. O Concello de Salvaterra de Miño non presentou ningunha documentación que acredite a titularidade municipal das parcelas. A alegación de que estaban inscritas no Catastro a nome do Concello desde 1958 responde á aplicación da Lei hipotecaria de 1946, que adscribía aos concellos os terreos veciñais coa simple certificación do secretario municipal, e non constitúe título de propiedade. Mesmo a documentación sobre a expropiación municipal de dous terreos nas parcelas Eido e Barco para as instalacións do colector xeral do río Tea foron presentadas pola Comunidade de Montes. As alegacións de que son parcelas illadas e de que non foron clasificadas en 1980 por estaren afastadas do resto do monte veciñal son irrelevantes. Finalmente, a acreditación da representación do solicitante en nome da Comunidade de Montes de Salvaterra vén determinada polo certificado electrónico.

Da planimetría presentada pola Comunidade de Montes dedúcese que a parte expropiada polo Concello de Salvaterra na parcela Eido e ocupada actualmente polo colector do río Tea, de 115,11 m2, está situada á beira deste río e fóra da parcela catastral 36050A106001060000LP. Do mesmo xeito, a parte expropiada polo Concello de Salvaterra na parcela Barco e ocupada actualmente polo dito colector, de 278,45 m2, está situada parcialmente fóra da parcela catastral 36050A110014250000LZ e soamente ocupa 60 m2 da citada parcela na parte norte da súa estrema oeste.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o Xurado, por unanimidade,

ACORDA:

Clasificar como veciñais en man común os montes denominados Eido, Mulariña, Barco e Portela a prol dos veciños da CMVMC de Salvaterra (Salvaterra de Miño), coas seguintes características: parcela Eido, con cabida de 7.171 m2 e referencia catastral 36050A106001060000LP; Mulariña, con cabida de 1.423 m2 e referencia catastral 36050A004002640000PX; Barco, con cabida de 1.321 m2 e correspondente parcialmente coa parcela de referencia catastral 36050A110014250000LZ; e Portela, con cabida de 788 m2 e referencia catastral 36050A004003050000PV, e conforme a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 123 e 124 Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 29 de xaneiro de 2025

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra