Antecedentes:
O nematodo da madeira do piñeiro (NMP), Bursaphelenchus xylophilus, é considerada unha das pragas de coníferas máis perigosas a nivel mundial. Este organismo nocivo presenta unha enorme capacidade de dispersión a través do material vexetal, da circulación de mercadorías mediante embalaxes de madeira ou pola transmisión a través do voo natural do seu insecto vector (Monochamus galloprovincialis).
O NMP está incluído na lista A2 da Organización Europea de Protección das Plantas (EPPO) e no anexo II do Regulamento de execución (UE) 2019/2072 como praga corentenaria da Unión. Ademais, está incluído na listaxe de pragas prioritarias do Regulamento delegado (UE) 2019/1702 da Comisión.
Durante o ano 2010 detectouse por primeira vez a presenza do NMP na Comunidade Autónoma de Galicia, no concello das Neves (Pontevedra). O 26 de novembro de 2010 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 17 de novembro de 2010, da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, pola que se declara no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a presenza do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. e se ordena comezar as medidas para a súa erradicación (DOG núm. 228, do 26 de novembro).
O 4 de febreiro de 2011 publicouse o Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro, que declara de utilidade pública a loita para a erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. e ordena as medidas para evitar a súa propagación (DOG núm. 24, do 4 de febreiro). O artigo 18.2 do dito decreto establece que as medidas adoptadas serán realizadas polos titulares do aproveitamento nos prazos sinalados pola normativa de aplicación. No caso de non adoptárense as medidas nos ditos prazos a Administración poderá proceder á súa execución de forma subsidiaria. O artigo 20.1 do dito decreto establece que, no caso de desistencia do propietario de realizar as tarefas de erradicación, ou ben porque se teñan decretado de utilidade pública os traballos de erradicación, a Administración realizará os traballos silvícolas con medios propios ou mediante contratos con empresas do sector.
O 2 do outubro de 2012 publicouse a Decisión de execución da Comisión 2012/535/UE, do 26 de setembro de 2012, relativa ás medidas de emerxencia para evitar a propagación na Unión de Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (DO L 266, do 2.10.2021, p. 42).
O 3 de decembro de 2013 publicouse a Resolución do 15 de novembro de 2013, da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, pola que se dá publicidade ao inicio da execución de medidas fitosanitarias para a erradicación do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Stenier et Buhrer) Nickle et al. (nematodo do piñeiro) na zona demarcada das Neves e na franxa tampón de 20 quilómetros coa fronteira con Portugal (DOG núm. 231, do 3 de decembro).
O 7 de xaneiro de 2015 publicouse a Resolución do 19 de decembro de 2014, da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, pola que se dá publicidade ao inicio da execución de medidas fitosanitarias para a erradicación do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Stenier et Buhrer) Nickle et al. (nematodo do piñeiro) na zona demarcada das Neves e na franxa tampón de 20 quilómetros coa fronteira con Portugal (DOG núm. 3, do 7 de xaneiro de 2015).
No ano 2016 foi detectado un novo positivo no concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra), próximo ao positivo do ano 2010, que non modificou a zona demarcada. Como consecuencia desta detección, o día 21 de xuño de 2016 publicouse a Resolución do 6 de xuño de 2016, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se declara no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a presenza dun novo brote do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nematodo do piñeiro) e se ordena comezar as medidas para a súa erradicación (DOG núm. 117, do 21 de xuño).
O 20 de abril de 2017 publicouse a Resolución do 6 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se dá publicidade ao inicio da execución de medidas fitosanitarias para a erradicación do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Stenier et Buher) Nickle et al. (nematodo da madeira do piñeiro) na zona demarcada das Neves e na franxa tampón de 20 quilómetros coa fronteira con Portugal (DOG núm. 76, do 20 de abril).
No ano 2018 foron detectadas cinco mostras con presenza do nematodo que ampliou a zona demarcada. O día 11 de xaneiro de 2019 publicouse a Resolución do 28 de decembro de 2018, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (DOG núm. 8, do 11 de xaneiro de 2019).
O día 22 de marzo de 2021 foi aprobado polo Comité Fitosanitario Nacional o Plan nacional de continxencia de Bursaphelenchus xylophilus que proporciona directrices específicas sobre os procedementos de erradicación e contención do B. xylophilus, incluíndo as medidas oficiais, que son de aplicación en todo el territorio nacional.
O día 7 de xaneiro de 2022 publicouse a Resolución do 28 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se prorrogan as medidas para a erradicación do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. ou nematodo da madeira do piñeiro (DOG núm. 4, do 7 de xaneiro de 2022).
O día 9 de decembro de 2024 publicouse a Resolución do 21 de novembro de 2024, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se declara no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a presenza de catro novos positivos do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nematodo da madeira do piñeiro) e se establecen as medidas para a súa erradicación (DOG núm. 236, do 9 de decembro).
Desde a primeira detección do NMP en Galicia no ano 2010, na zona demarcada das Neves desenvolvéronse unha serie de actuacións específicas para conseguir a súa erradicación e actuacións de vixilancia para detectar novos focos. Porén, a pesar das actuacións realizadas, non foi posible erradicar o NMP. Desde a primeira detección no ano 2010 ata a actualidade, a súa presenza foi continuada e progresiva, e o número de positivos foi en crecemento, especialmente a partir do ano 2018. Este aumento foi causado, entre outros, como consecuencia dos grandes incendios do ano 2017 en Galicia.
Consideracións legais e técnicas:
De acordo ao artigo 3 do Real decreto 739/2021, do 24 de agosto, o nematodo da madeira do piñeiro, ao ter status legal de praga de corentena da Unión, non se pode introducir, trasladar, manter, multiplicar nin liberar no territorio da UE. Este real decreto atribúe ás comunidades autónomas, nos seus respectivos ámbitos territoriais, a aplicación das medidas de protección contra as pragas dos vexetais.
O artigo 1 da Decisión de execución da Comisión 2012/535/UE, do 26 de setembro de 2012 (en diante, Decisión), define a tempada de voo do vector como o período comprendido entre o 1 de abril e o 31 de outubro, salvo no caso de que exista unha xustificación técnico-científica para unha duración diferente, tendo en conta unha marxe de seguridade de catro semanas adicionais ao principio e ao final da tempada de voo prevista.
O artigo 1 da Decisión define madeira sensible a madeira de coníferas (Coniferales), que entra nunha das seguintes categorías: madeira no sentido do artigo 1, número 2, do Regulamento (UE) 2016/2031 (conserva total ou parcialmente a súa superficie natural redonda, con ou sen casca; non conserva a súa superficie natural redonda porque foi serrada, cortada ou escindida; atópase en forma de estelas, partículas, serraduras, desperdicios de madeira, lascas ou retallos e non foi sometida a un procesamento que implique o uso de cola, calor ou presión ou unha combinación destas para a produción de pélets, briquetas, madeira contrachapada ou taboleiros de partículas; utilízase ou está previsto utilizala como material de embalaxe, independentemente de que se utilice realmente ou non para o transporte de mercadorías), madeira en forma de colmeas e caixas niño para aves. Non se entenderá por madeira sensible a madeira serrada nin os troncos de Taxus L. e Thuja L., nin a madeira tratada para eliminar o risco de infestación polo NMP.
O artigo 1 da Decisión define plantas sensibles as plantas (excepto os froitos e sementes) de Abies Mill., Cedrus Trew, Larix Mill., Picea A. Dietr., Pinus L., Pseudotsuga Carr. e Tsuga Carr.
O artigo 7.1 da Decisión establece que, no caso de que as inspeccións anuais das plantas sensibles e o vector, segundo o establecido no número 6 do anexo I, poñan de manifesto a presenza de NMP nunha zona demarcada durante un período mínimo de catro anos consecutivos e a experiencia adquirida poña de manifesto que, nesas circunstancias, é imposible erradicar o NMP, o Estado membro de que se trate poderá decidir, no seu lugar, confinar o NMP dentro da dita zona.
A artigo 7.2 da Decisión establece que, no caso de que o Estado membro decida aplicar medidas de contención en lugar de medidas de erradicación, deberá informar a Comisión de dita decisión, expoñendo os motivos. Para dar cumprimento ao indicado, no mes de xaneiro de 2025 a Comunidade Autónoma de Galicia informou o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) da decisión de aplicar medidas de contención na zona demarcada das Neves. O MAPA, pola súa vez, informou a Comisión.
O anexo II da Decisión establece as medidas de contención que se aplicarán. Tamén establece que as zonas demarcadas terán unha zona tampón cunha anchura mínima de 20 km para confinar o NMP.
O artigo 14 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal (BOE núm. 279, do 21 de novembro), habilita a Comunidade Autónoma de Galicia para adoptar algunha das medidas fitosanitarias establecidas no artigo 18 da dita lei, o que implica a facultade de desinsectar, desinfectar, inmobilizar, destruír, transformar ou someter a calquera outra medida profiláctica os vexetais e os seus produtos, así como o material con eles relacionado, que sexa ou poida ser vehículo de pragas.
A adopción destas medidas implica a entrada nos predios e parcelas dos particulares afectados polo organismo de corentena para a erradicación de todas as especies sensibles, sen prexuízo de que os titulares dos aproveitamentos procedan á execución das medidas previstas nesta resolución, de conformidade no artigo 19 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.
Esta resolución é obxecto de publicación, de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dada a concorrencia tanto dun interese público na materia como dunha pluralidade de interesados.
A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias é o órgano competente para ditar esta resolución consonte o artigo 19.1.b) do Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural.
En virtude do exposto e da lexislación en vigor,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar, con base no establecido no artigo 7.1 da Decisión de execución da Comisión 2012/535/UE, do 26 de setembro de 2012, a aplicación das medidas de contención do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus na zona demarcada das Neves da Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo. Establecer unha nova zona demarcada nas Neves, suxeita a medidas de contención, que substitúe a anterior zona demarcada en erradicación, conforme o anexo II da Decisión. A nova zona demarcada estará formada por unha zona infestada e unha zona tampón de 20 km ao redor da zona infestada. No anexo I desta resolución pódese consultar o mapa da nova zona demarcada.
Terceiro. Dentro da zona demarcada deberán executarse as medidas de contención establecidas no anexo II da Decisión de execución 2012/535/UE.
Cuarto. Establecer as seguintes medidas obrigatorias dentro da zona infestada:
Os propietarios das parcelas ou as administracións implicadas da zona infestada terán a obriga de cortar todas as árbores sensibles en que se detecte a presenza do NMP. Ademais, deberán retirar e eliminar as plantas cortadas e os restos de corta tomando todas as precaucións necesarias para evitar a propagación do NMP e os seus vectores.
Quinto. Establecer as seguintes medidas obrigatorias na zona tampón:
a) Os propietarios das parcelas ou as administracións implicadas da zona tampón terán a obriga de identificar e cortar todas as plantas sensibles mortas, con mala saúde, ou afectadas por incendios forestais ou tormentas. Ademais, deberán retirar e eliminar as plantas cortadas e os restos de corta tomando todas as precaucións necesarias para evitar a propagación do NMP e o seu vector, antes e durante a corta e ata a eliminación das plantas cortadas, nas condicións seguintes:
I. Antes da temporada de voo seguinte (do 1 de novembro ao 31 de marzo), as plantas sensibles mortas, con mala saúde, ou afectadas por incendios forestais ou tormentas deberán cortarse e destruírse in situ, trasladarse baixo control oficial á zona infestada ou retirarse. No caso de retirarse, a madeira e a casca das plantas deberá tratarse ou transformarse, segundo o indicado a seguir:
– Tratamento térmico nunha instalación de tratamento autorizada, co fin de alcanzar unha temperatura mínima de 56 ºC durante polo menos 30 minutos por toda a madeira (especialmente no centro desta) e a casca, garantindo que están libres de NMP e de vectores vivos; no caso dun tratamento térmico de compostaxe, a compostaxe levarase a cabo conforme unha especificación do tratamento que aprobe o Comité Permanente de Vexetais, Animais, Alimentos e Pensos da UE, ou:
– Ser utilizadas nunha instalación de transformación como combustible ou para outros efectos destrutivos que garantan que quedan libres de NMP e de vectores vivos.
II. Durante a tempada de voo do vector (do 1 de abril ao 31 de outubro), as plantas sensibles mortas, con mala saúde, ou afectadas por incendios forestais ou tormentas deberán cortarse de forma inmediata e destruírse in situ (converter a madeira cortada en estelas de menos de 3 cm de grosor e 3 cm de anchura), trasladarse baixo control oficial á zona infestada ou retirarse. Para poder retirarse, a madeira e a casca das plantas deberá tratarse ou transformarse, nas mesmas condicións que as indicadas no punto I.
A madeira sensible identificada na zona tampón durante a temporada de voo do vector, inmediatamente despois da súa corta, deberá ser descascada, tratada con insecticida contra o vector, ou será cuberta con unha rede empapada con insecticida. A continuación, a madeira será trasladada inmediatamente, baixo supervisión oficial, a un lugar de almacenamento ou instalación de tratamento autorizada. A madeira que non sexa descascada será tratada de novo no lugar de almacenamento ou instalación de tratamento autorizada, con un insecticida de recoñecida eficacia contra o vector ou será cuberta con unha rede para insectos empapada con tal insecticida. Os residuos da madeira producidos no momento da corta, que se abandonen in situ durante a tempada de voo do vector, serán convertidos en estelas de menos de 3 cm de grosor e de anchura.
Se se chega á conclusión de que non é axeitado descascar a madeira, tratala cun insecticida e cubrila cunha rede para insectos con insecticida, a madeira que non foi descascada será destruída inmediatamente in situ. Cando se aplique esta excepción, tanto a madeira non descascada como os residuos de madeira que se abandonen in situ, serán convertidos en estelas de menos de 3 cm de grosor e 3 cm de anchura.
b) Os propietarios das parcelas ou as administracións implicadas da zona tampón identificarán as plantas sensibles cortadas distintas das indicadas na alínea a). As plantas cortadas e os restos de corta serán retirados tomando todas as precaucións necesarias para evitar que atraian o NMP e o vector.
Sexto. Requisitos para o traslado de plantas sensibles, madeira e casca sensibles de zonas demarcadas a zonas non demarcadas e de zonas infestadas a zonas tampón.
Na zona demarcada procederase ao cumprimento dos requisitos para o traslado de plantas sensibles, madeira e casca sensibles establecidas no artigo 10 e no anexo III, sección 1, da Decisión 2012/535/UE, que se indican a seguir:
1. Requisitos para o traslado de plantas sensibles:
As plantas sensibles destinadas a plantación poderán trasladarse de zonas demarcadas a zonas non demarcadas, ou de zonas infestadas a zonas tampón, se cumpren as condicións seguintes:
a) Ser cultivadas nun lugar de produción en que non se observaron o NMP nin os seus síntomas desde o principio do último ciclo vexetativo completo.
b) Ser cultivadas ao longo de toda a súa vida cunha protección física completa que garanta que o vector non pode alcanzar as plantas.
c) Ser inspeccionadas oficialmente, analizadas e declaradas libres do NMP e do vector.
d) Ir acompañadas dun pasaporte fitosanitario para os destinos que estean dentro da Unión.
e) Ser transportadas fóra da tempada de voo do vector ou en contedores ou embalaxes pechados que garantan a imposibilidade de infestación co NMP ou co vector.
2. Requisitos para o traslado de madeira e casca sensibles, a excepción das embalaxes de madeira:
A madeira e casca sensibles, a excepción das embalaxes de madeira, poderán trasladarse de zonas demarcadas a zonas non demarcadas, ou de zonas infestadas a zonas tampón, se cumpren as condicións seguintes:
a) Ser sometidas previamente a un tratamento térmico adecuado nunha instalación de tratamento autorizada, co fin de alcanzar unha temperatura mínima de 56 ºC durante polo menos 30 minutos por toda a madeira e casca, garantindo que están libres de NMP e de vectores vivos; no caso dun tratamento térmico de compostaxe, a compostaxe levarase a cabo conforme unha especificación do tratamento que aprobe o Comité Permanente de Vexetais, Animais, Alimentos e Pensos da UE.
b) Ir acompañadas dun pasaporte fitosanitario expedido por unha instalación de tratamento autorizada. Polo que respecta á madeira sensible en forma de colmeas e caixas niño para aves, ir acompañadas do pasaporte fitosanitario ou marcadas de conformidade co anexo II da publicación nº 15 das Normas internacionais para as medidas fitosanitarias da FAO.
c) Ademais de cumprir os dous requisitos anteriores, no caso de que a madeira non estea totalmente descascada, só poderá ser trasladada fóra da temporada de voo do vector ou, no caso de que se traslade durante a temporada de voo do vector, esta deberá levar unha capa protectora que garanta a imposibilidade de infestación polo NMP ou o vector.
3. Requisitos para o traslado de madeira sensible en forma de material de embalaxe:
A madeira sensible en forma de material de embalaxe de madeira poderá trasladarse de zonas demarcadas a zonas non demarcadas, ou de zonas infestadas a zonas tampón, se cumpre as seguintes condicións:
a) Ser sometida, nunha instalación de tratamento autorizada, a un dos tratamentos autorizados especificados no anexo I da publicación nº 15 das Normas internacionais para as medidas fitosanitarias da FAO, Regulamentación da embalaxe de madeira utilizada no comercio internacional, que garanta que está libre do NMP vivo e de vectores vivos;
b) Estar marcado conforme o anexo II da devandita norma internacional.
4. Excepcións para o traslado de madeira sensible e estelas de zona demarcada a zona non demarcada, ou de zona infestada a zona tampón.
Non obstante o disposto nos números 2 e 3, no caso de que non exista ningunha instalación de tratamento adecuada dentro da zona demarcada ou infestada, a madeira sensible poderá ser trasladada fóra da zona demarcada, ou da zona infestada ata a zona tampón, sempre e cando se traslade á instalación de tratamento autorizada situada á menor distancia para o seu tratamento inmediato. A excepción será aplicable se se cumpren as seguintes condicións:
a) A xestión, o tratamento, o almacenamento e o transporte das plantas sensibles cortadas garanten que o vector non pode estar presente na dita madeira nin escapar desta.
b) Os traslados deben realizarse fóra da temporada de voo do vector ou cunha capa protectora que garanta a imposibilidade de infestación doutras plantas, de madeira ou de casca polo NMP ou o vector.
c) Os traslados son obxecto dun control periódico por parte das autoridades competentes.
A madeira e casca sensibles convertidas en estelas de menos de 3 cm de grosor tamén poderá trasladarse fóra da zona demarcada sempre e cando o seu destino sexa a instalación de tratamento autorizada situada a menor distancia da dita zona, ou fóra de zona infestada ata a zona tampón, para ser utilizadas como combustible, coa condición de que se cumpran as alíneas b) e c) deste punto.
Sétimo. Os concellos total ou parcialmente incluídos na zona demarcada afectados polas medidas de contención son os que se indican no anexo II desta resolución.
Oitavo. O incumprimento na adopción destas medidas de contención poderá ser sancionado consonte a Lei 43/2002, de sanidade vexetal.
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2025
Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
ANEXO I
Mapa da zona demarcada do NMP das Neves

