DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Venres, 14 de febreiro de 2025 Páx. 12097

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

DECRETO 10/2025, do 10 de febreiro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2025.

O artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establece que as necesidades de recursos humanos con asignación orzamentaria que non poidan ser cubertas cos efectivos de persoal existentes serán obxecto de oferta de emprego público.

O artigo 12.Un da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, prevé que, durante o ano 2025 só se poderá, no sector público delimitado no artigo 11, e no marco do disposto ao respecto na lexislación básica estatal, incorporar novo persoal con suxeición aos límites e aos requisitos establecidos na normativa básica que se estableza ao respecto, e en particular no referente á taxa de reposición de efectivos, respectando, en todo caso, as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I dos correspondentes orzamentos de gastos.

O artigo 20.Un.1 da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, establece que a incorporación de persoal de novo ingreso cunha relación indefinida no sector público, coa excepción dos órganos incluídos no punto Un. e) do artigo 19, se levará a cabo a través da oferta de emprego público. O artigo 20.Dous.1 desta lei establece que a oferta de emprego público se articulará a través da taxa de reposición do cento vinte por cento nos sectores prioritarios.

A letra a) do artigo 20.Dous.3 da mesma Lei 31/2022, do 23 de decembro, considera sectores prioritarios, para os efectos da taxa de reposición, as administracións públicas con competencias educativas para o desenvolvemento da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en relación coa determinación do número de prazas para o acceso aos corpos de persoal funcionario docente.

Do proceso selectivo convocado mediante a Orde do 31 de xaneiro de 2024, que se correspondía coa oferta de emprego público docente publicada no Decreto 13/2024, do 25 de xaneiro, soamente foi cuberto o 1,26 por cento das prazas reservadas a persoas con discapacidade. O artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establece que se as prazas cubertas da quenda de reserva para persoas con discapacidade non chega ao tres por cento do total, entón as prazas non cubertas do número total das reservadas se acumularán á porcentaxe do sete por cento da oferta seguinte, cun límite máximo do doce por cento.

Polo anterior, tendo en conta a planificación educativa e a taxa de reposición a que se fixo referencia anteriormente, así como as prazas da quenda de discapacidade non cubertas no anterior proceso selectivo, cómpre aprobar a oferta de emprego público relativa aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia, e de conformidade co establecido no artigo 13.2.g) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de febreiro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público dos corpos docentes

Apróbase a oferta de emprego público correspondente aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2025.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público relativa á taxa de reposición

O número de prazas que se convocan nesta oferta de emprego público relativas á taxa de reposición é de 1.356.

Artigo 3. Cuantificación da oferta de emprego público relativa á taxa de reposición distribuída por corpos

Corpo de mestres: 401.

Corpo de profesores de ensino secundario: 880.

Corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional: 75.

Artigo 4. Prazas de promoción interna

Ademais das prazas de reposición de efectivos a que se fai referencia nos artigos 2 e 3 deste decreto, ofertaranse as seguintes prazas de promoción interna:

Acceso ao corpo de inspectores de educación: 10.

Acceso ao corpo de profesores de ensino secundario: 220.

Artigo 5. Reserva para persoas con discapacidade

Do total de prazas ofertadas para ingreso e acceso reservarase unha cota do sete por cento do conxunto delas para seren cubertas por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao trinta e tres por cento. A reserva realizarase de maneira que polo menos o dous por cento das prazas ofertadas o sexa para ser cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, e o resto das prazas ofertadas o sexa para persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.

Debido a que o número de prazas cubertas da quenda de reserva para persoas con discapacidade no anterior proceso selectivo non chegou ao tres por cento do total, resulta necesario acumular ao sete por cento desta convocatoria 78 prazas da quenda de discapacidade non cubertas na anterior oferta do ano 2024, para chegar deste xeito ao máximo do doce por cento de reserva de persoas con discapacidade.

A reserva farase sobre o número total das prazas incluídas na respectiva oferta de emprego público e a distribución da dita reserva por especialidades efectuarase na convocatoria das probas selectivas. No suposto de que algunha persoa aspirante con discapacidade que se presente pola quenda de reserva supere a proba e non obteña praza na citada quenda, sempre que a súa puntuación sexa superior á obtida por outro persoal aspirante do sistema de ingreso ou de acceso, será incluída pola súa orde de puntuación no sistema que proceda.

Artigo 6. Admisión de persoas con discapacidade

1. Nas probas selectivas para o acceso ás prazas ofertadas serán admitidas as persoas con discapacidade en igualdade de condicións coas demais persoas aspirantes.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións físicas ou psíquicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. Nas probas selectivas estableceranse, para as persoas con discapacidade que o soliciten, as adaptacións de tempo e medios para a súa realización. Nas convocatorias indicarase claramente esta posibilidade, así como que o persoal interesado deberá formular a petición concreta na correspondente solicitude de participación.

Para tal efecto, os tribunais de selección poderán requirir informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración competente.

Artigo 7. Acumulación das prazas

1. Se as prazas reservadas e que sexan cubertas polas persoas con discapacidade non acadasen a porcentaxe do tres por cento das prazas convocadas, as prazas non cubertas do número total das reservadas acumularanse á porcentaxe do sete por cento da oferta seguinte, cun límite máximo do doce por cento.

2. As prazas que, se é o caso, queden vacantes dos sistemas de acceso non se acumularán as prazas do sistema de ingreso libre.

Artigo 8. Non superación do número máximo de prazas convocadas

Os tribunais non poderán declarar que superou as fases de oposición e concurso un número superior ao de prazas que lles sexan asignadas. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, se fose o caso, a través da estimación de recursos, non poderá declarar que superou as fases de oposición e concurso polo sistema de ingreso libre un número superior ao conxunto de prazas convocadas relativas á taxa de reposición.

Artigo 9. Presentación electrónica das solicitudes

As solicitudes de participación nos procedementos selectivos presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional única. Adquisición doutra especialidade

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional poderá, ademais, convocar o procedemento para que o persoal funcionario docente de carreira que dependa directamente dela poida obter unha nova especialidade dentro do corpo a que pertence.

Disposición derradeira primeira. Autorización de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para desenvolver este decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de febreiro de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades
e Formación Profesional