DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Martes, 18 de febreiro de 2025 Páx. 12918

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 29 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas a entidades locais de Galicia para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos (programa Galicia refuxio climático), e se convocan, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2025 (código de procedemento MT975Y).

O Pacto verde europeo expresa o compromiso da Comisión Europea de responder aos desafíos do cambio climático e á perda de biodiversidade a través dun paquete de iniciativas cuxo obxectivo é alcanzar a neutralidade climática en 2050. Unha destas iniciativas é a Estratexia da Unión Europea sobre biodiversidade para 2030, que persegue protexer a natureza e reverter a degradación dos ecosistemas. Esta estratexia establece entre os seus compromisos conferir protección ao 30 % da superficie terrestre e ao 30 % da mariña; definir unha Rede transeuropea de espazos naturais coherente e resiliente, a creación de corredores ecolóxicos e o fomento da infraestrutura verde; conseguir un bo estado ambiental dos ecosistemas mariños; deter a perda de ecosistemas verdes urbanos mediante a promoción da infraestrutura verde e de solucións baseadas na natureza integradas na planificación urbanística; lograr que polo menos o 25 % das terras agrarias se dedique á agricultura ecolóxica, estender as prácticas agroecolóxicas e aumentar a cantidade, calidade e resiliencia dos bosques.

Adicionalmente, para garantir a restauración dunha natureza rica en biodiversidade e resiliente na Unión Europea, aprobouse o Regulamento (UE) nº 2024/1991 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, relativo á restauración da natureza e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2022/869. O citado regulamento exíxelles aos Estados membros que adopten e apliquen as medidas para restaurar conxuntamente polo menos o 20 % das zonas terrestres e marítimas da UE de aquí a 2030. Para iso, o Regulamento establece as medidas que se deberán establecer para os diversos ecosistemas terrestres, costeiros e de auga doce, forestais, agrícolas e urbanos, incluídas as zonas húmidas, os pasteiros, os bosques, os ríos e os lagos, así como ecosistemas mariños. Establece diferentes requisitos para cada ecosistema co fin de previr a súa deterioración, mellorar o seu estado de conservación, incrementar a súa biodiversidade, manter as funcións e servizos que prestan e establecer unha conectividade ecolóxica.

Con iso contribuirase a acadar os obxectivos xerais da Unión en materia de conservación de hábitats e especies, á mitigación e adaptación ao cambio climático, á neutralidade na degradación das terras, á mellora da seguridade alimentaria, así como ao cumprimento dos compromisos internacionais da Unión.

O aumento do consumo de enerxía, a sobreexplotación dos recursos naturais e a transformación sen precedentes das paisaxes nos últimos 150 anos, entre outros, provocaron cambios no clima e o declive acelerado da diversidade biolóxica en todo o mundo. Así, o 77 % da terra (excluída a Antártida) e o 87 % dos océanos foron modificados polos efectos directos das actividades humanas, segundo o informe sobre biodiversidade e cambio climático da Plataforma intergobernamental científico-normativa sobre diversidade biolóxica e servizos dos ecosistemas (IPBES) e o Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC).

Ante estes retos, a infraestrutura verde, entendida como unha rede ecoloxicamente coherente e estratexicamente planificada de zonas naturais e seminaturais en áreas terrestres (naturais, rurais e urbanas) e mariñas, deseñada e xestionada para a conservación dos ecosistemas e o mantemento dos servizos que provee, pode ser unha ferramenta eficaz. Esta rede de espazos achega beneficios ecolóxicos, económicos e sociais mediante solucións naturais, pon en valor os beneficios que a natureza lle proporciona á sociedade e contribúe a evitar a dependencia de custosas infraestruturas artificiais.

Unha actuación en infraestrutura verde mellora o funcionamento autónomo do ecosistema, facéndoo menos dependente da intervención humana. Esta autonomía implica biodiversidade e resiliencia. Os compoñentes construídos mantéñense ou diminúen. As necesidades de achegas de fertilizantes, pesticidas, tratamentos e reposición de poboacións tenden a diminuír.

A infraestrutura verde debe ter unha aproximación multiescalar con accións apropiadas a cada grao de detalle territorial, desde actuacións de detalle no tecido urbano, como implantación de hortos urbanos ou tellados verdes, ou no medio rural, como seres vivos ou agricultura ecolóxica, ata proxectos de grande extensión territorial, como corredores ecolóxicos. A infraestrutura verde é, polo tanto, o aliado perfecto para lograr a adaptación das cidades e os municipios á nova realidade climática e de afrontar todos eses retos e camiñar cara a un futuro máis ecolóxico, máis sostible, máis resiliente.

O cambio climático é unha das principais presións que impulsan a perda da biodiversidade no mundo. Coñecer as áreas que lles permitan sobrevivir a determinados organismos no actual escenario de quecemento global constitúe un primeiro paso na conservación da biodiversidade. Neste sentido, é necesaria a aplicación práctica do concepto de «refuxios climáticos» como ferramenta emerxente para a conservación da biodiversidade.

O IPCC, no seu Sexto informe de avaliación (AR6), destaca que as especies e ecosistemas están suxeitos a riscos crecentes como consecuencia do cambio climático, identificando entre as medidas de maior eficacia para a conservación da biodiversidade terrestre fronte aos impactos potenciais derivados do cambio climático:

– O axuste das estratexias de conservación e obxectivos das áreas protexidas, para reflectir os cambios na distribución das especies e as características dos hábitats.

– A conservación de microrrefuxios climáticos.

En Galicia é a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, segundo o establecido no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica, o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponden, entre outras, as competencias e funcións en materia de ambiente, conforme o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia, nos termos sinalados na Constitución española.

Segundo se sinala no citado decreto, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático exercerá as competencias, entre outras, sobre o impulso de actuacións a prol da consecución dos obxectivos de descarbonización e neutralidade climática, así como o fomento e promoción da investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación para o logro da adecuada protección ambiental e loita contra o cambio climático.

A loita contra o cambio climático articúlase a través da redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, así como do incremento das absorcións (mitigación) e da adaptación aos impactos que este está a provocar e se prevé que sucedan. Ambos os tipos de resposta están estreitamente vinculados, e é necesaria a posta en marcha de medidas en ambos os ámbitos.

Os entes locais e rexionais están en primeira liña para facer fronte aos impactos do cambio climático a escala local e aumentar a resiliencia dos seus territorios ante os retos climáticos. Por conseguinte, é necesario facer fronte ao problema do cambio climático tanto desde unha aproximación global como local, tendo en conta as características e circunstancias de cada realidade territorial, municipio ou barrio.

Os municipios contan cunha importante capacidade adaptativa a través de políticas locais especialmente relevantes, como son a planificación urbanística, o abastecemento de auga potable, as redes de saneamento e o tratamento de augas residuais, a xestión de vías e espazos públicos, a protección ambiental ou a saúde pública.

Neste sentido, a presente convocatoria de axudas pretende apoiar as entidades locais na súa actuación na loita contra o cambio climático, tanto en accións de mitigación como de adaptación a este fenómeno.

En consecuencia, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publica, por medio desta orde, as bases reguladoras e a convocatoria destas axudas para o ano 2025 destinadas a subvencionar as actuacións que se sinalan no ámbito das competencias atribuídas á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, coa finalidade de mellorar as condicións ambientais e acadar un desenvolvemento sustentable na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, establece que os expedientes de gasto se poderán iniciar, sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente, no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia. Por iso, a eficacia desta convocatoria queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2025 no momento da resolución de concesión.

No anteproxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 existe crédito adecuado e suficiente para poder tramitar esta orde.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2017), así como en uso das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública para o ano 2025 de concesión de axudas para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos (programa Galicia refuxio climático), para o ano 2025 (código de procedemento MT975Y).

A súa finalidade é colaborar cos concellos galegos para fomentar actividades que contribúan ao impulso da infraestrutura verde e á conectividade dos espazos verdes, para incrementar a biodiversidade, mellorar a súa conservación, a adaptación ao cambio climático, a mellora da calidade ambiental e a creación de espazos saudables.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Concellos beneficiarios e requisitos das solicitudes

1. Poderán ser beneficiarios desta subvención os concellos de Galicia, de forma individual.

2. As solicitudes presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Cada concello poderá presentar solicitudes para un máximo de 3 proxectos, conforme o disposto no artigo seguinte.

b) O concello debe ter a plena dispoñibilidade sobre os terreos ou predios en que se pretende realizar as actuacións.

Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante a certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo II.

c) De seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar coas autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais que resulten preceptivas, tanto das entidades locais como por parte doutros organismos ou administracións públicas. Para estes efectos, o cumprimento do dito requisito, acreditarase na fase de xustificación.

d) Que exista acordo do concello polo cal se decide solicitar a subvención para as obras ou actuacións concretas que se pretenden executar ao abeiro desta orde con base no proxecto ou memoria valorada presentado, e se aceptan expresamente as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

3. O incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste artigo na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, coa excepción do requisito previsto na letra c do número anterior, constituirá causa de inadmisión da solicitude, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.

4. Para poderen ser beneficiarias destas axudas, as entidades locais deberán ter presentado as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda, no Consello de Contas de Galicia.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Proxectos subvencionables

1. Serán subvencionables os proxectos que integren as seguintes actuacións:

Proxectos tipo A. Intervencións en espazos públicos orientados a atenuar o efecto illa de calor urbana:

a) Sombreado natural de rúas e prazas, con especial preferencia de utilización de especies autóctonas.

b) Redución de impermeabilidade do solo.

c) Creación de microclimas con láminas de auga.

Proxectos tipo B. Incremento da biodiversidade urbana e aumento de zonas verdes urbanas:

a) Implantación de xardíns verticais.

b) Cubertas verdes en infraestrutura urbana.

c) Restauración e rehabilitación de zonas húmidas.

Proxectos tipo C. Mellora da infraestrutura urbana verde e azul:

a) Restauración de treitos urbanos de ríos.

b) Mellora da conectividade natural entre o medio urbano e periurbano.

2. Os proxectos serán completos e de fase única, susceptibles da súa posta en servizo inmediata como consecuencia directa da execución do proxecto subvencionado. En ningún caso se admitirán fases de proxectos.

Un proxecto poderá incluír, se é o caso, algunha actuación correspondente a outro tipo de proxecto. Neste senso, o tipo de proxecto (A, B ou C) clasificarase polo concello solicitante, tendo en conta as actuacións que máis peso económico teñan.

3. No caso de que un concello presente solicitudes para máis de tres proxectos, consideraranse subvencionables exclusivamente os tres primeiros proxectos, atendendo á orde cronolóxica de presentación das solicitudes conforme o establecido no artigo 7.4 e, de ser necesario, á orde destes dentro da propia solicitude.

Artigo 4. Contía da subvención e gastos subvencionables

1. O importe máximo da subvención será do 80 % do investimento subvencionable aceptado de cada proxecto, co límite máximo de 60.000,00 € por proxecto, ata o esgotamento do crédito consignado.

2. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados a partir do día seguinte ao de publicación desta orde. En ningún caso o custo de adquisición e execución dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

3. Ao abeiro do regulado nestas bases, serán gastos subvencionables os seguintes:

a) A execución de obras e a adquisición de equipamentos que sexan imputables ao capítulo VI do orzamento de gastos da entidade local, de conformidade coa clasificación económica establecida pola Orde EHA/3565/2008, do 8 de decembro, pola que se aproba a estrutura dos orzamentos das entidades locais.

b) Os custos de servizos directamente relacionados cos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de arquitectura e enxeñaría.

c) No tocante ao imposto sobre o valor engadido, os concellos non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13.1 da Directiva 2006/112/CE do Consello, polo que o IVE soportado por estes considerarase subvencionable.

4. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta orde ou na normativa xeral de subvencións, en ningún caso serán subvencionables:

a) Os gastos non xustificados correctamente ou que non sexan obxecto de subvención, así como os gastos non imputables ao investimento.

b) A adquisición de terreos.

c) Os gastos correntes en bens e servizos necesarios para o exercicio das actividades das entidades locais.

d) Os investimentos de carácter inmaterial non incluídos no número 1 deste artigo.

e) Os gastos financeiros derivados do investimento.

f) Os investimentos realizados mediante contrato de arrendamento financeiro ou leasing.

g) Os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos dos procedementos xudiciais.

5. En ningún caso serán subvencionables os gastos realizados con anterioridade á data de publicación desta orde no DOG.

6. Os concellos solicitantes poderán subcontratar a totalidade da actuación subvencionable, de conformidade co disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Deberase observar o disposto na normativa aplicable en materia de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación e, se é o caso, respecto do contrato menor con adxudicación directa.

Artigo 5. Período subvencionable e prazo de execución

1. O período subvencionable será, con carácter xeral, o comprendido entre o día de publicación da presente convocatoria no DOG e o 17 de novembro de 2025, ambos inclusive.

2. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados con data límite do 17 de novembro de 2025.

Artigo 6. Financiamento e compatibilidade

1. As subvencións financiaranse cun crédito total de 2.000.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 06.02.541E.760.1, código de proxecto 2025 00029 (Impulso ao desenvolvemento da infraestrutura verde), dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.

Este crédito poderá aumentarse nos supostos previstos no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria, sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.

2. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. Por iso, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2025 no momento da resolución de concesión. No anteproxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 existe crédito adecuado e suficiente para poder tramitar esta orde.

3. As subvencións reguladas nestas bases serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais ou de organismos internacionais, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actuación subvencionada.

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa da execución do servizo.

O incumprimento do disposto neste artigo poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos nestas bases reguladoras ou, de ser o caso, á iniciación do procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención ou para o seu reintegro.

Artigo 7. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975Y).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes poderanse presentar desde as 12.00 horas do sétimo día natural seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 31 de marzo de 2025.

4. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes, validamente presentadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considerarase data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo e conste nel a solicitude, correctamente cuberta, e toda a documentación complementaria exixida na presente orde.

Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste artigo, poderán seguirse rexistrando solicitudes para a súa incorporación, por rigorosa orde de entrada e de acordo cos criterios fixados no parágrafo anterior, nunha lista de reserva provisional, para os efectos previstos no artigo 23.

O órgano concedente anunciará o esgotamento do crédito no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, de acordo co establecido no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O esgotamento do crédito comportará a inadmisión de todas aquelas solicitudes que se instrúan con posterioridade, do mesmo xeito que se inadmitirán todos aqueles expedientes que non teñan entrada na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta ao que se establece nesta orde.

5. A presentación da solicitude leva consigo a aceptación por parte de quen as formule dos termos desta convocatoria.

6. Do mesmo xeito, a presentación da solicitude implica a sinatura da declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante do concello solicitante, incluída no anexo I desta orde, na cal se fai constar:

a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b) Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención, particularmente as referidas a estar ao día das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia e consonte co disposto no artigo 11.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

c) Que todos os datos contidos na solicitude, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso, e nos documentos que se achegan son certos.

d) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Que cumprirá a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

f) Que se compromete a cumprir as obrigas e os requisitos que se sinalan nas bases reguladoras.

g) Que as actuacións para as cales se solicita subvención teñen a consideración de gastos subvencionables e non estaban iniciadas con anterioridade á publicación da convocatoria destas axudas.

h) Que no caso de que sexa preceptivo, se compromete, de non contar con elas, a solicitar as autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais, tanto municipais como doutros organismos ou administracións públicas que resulten preceptivas para a execución da actuación prevista.

7. Para a resolución de dúbidas sobre esta convocatoria a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático pon á disposición das persoas interesadas o seguinte enderezo de correo electrónico: sxccol.medioambiente@xunta.gal

Artigo 8. Documentación complementaria

1. Os concellos interesados deberán achegar co anexo I de solicitude, debidamente cuberto, a seguinte documentación:

a) Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do concello solicitante no modelo do anexo II, na cal se faga constar:

1º. O acordo do concello polo cal se decide solicitar a subvención para as obras concretas que se pretenden executar ao abeiro desta orde e se aceptan as condicións de financiamento e os demais requisitos establecidos nela, ao cal fai referencia o artigo 2.2.d).

No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e os demais requisitos establecidos na orde, e deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

2º. Que se cumpriu coa obriga e remisión das contas do concello ao Consello de Contas de Galicia, á cal fai referencia o artigo 2.4.

3º. A plena dispoñibilidade do concello sobre os terreos e predios en que se van desenvolver as actuacións. Deberá quedar acreditado que o concello, antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, xa ten a dispoñibilidade sobre eles, nos termos establecidos no segundo parágrafo do artigo 2.2.b).

4º. Dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III do estado de ingresos) do orzamento liquidado da entidade, do ano que corresponda, para o cálculo do esforzo fiscal do concello.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para os cales se solicita a subvención, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade local.

c) Ademais da documentación indicada nos puntos anteriores, nas solicitudes de subvención para obras deberá achegarse un documento co nivel de proxecto ou memoria valorada da obra que se vai realizar, asinado electronicamente polo técnico ou pola técnica que o redacte, co seguinte contido mínimo:

1º. Memoria explicativa que defina co detalle suficiente as características e alcance das actuacións obxecto da subvención.

2º. Medicións e orzamento das actuacións, que inclúa unha relación valorada das diferentes partidas de obra, ordenadas por capítulos, coas medicións das unidades para executar e os prezos unitarios. Incluirase tamén un resumo do orzamento de execución material por capítulos, con aplicación das porcentaxes de gastos xerais, beneficio industrial e impostos que procedan en cada caso. En ningún caso se admitirán orzamentos a tanto global (partidas alzadas ou similares).

3º. Referencia catastral e planos de situación/coordenadas que permita xeolocalizar con exactitude as actuacións obxecto das axudas.

4º. Planos a escala e detalle suficientes para definir adecuadamente as actuacións.

5º. Reportaxe fotográfica do ben e da súa contorna onde se aprecia o estado actual que presenta.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente, segundo o indicado no artigo 7 para a presentación das solicitudes.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial (gravado nun soporte físico tipo CD, DVD ou dispositivo extraíble) dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

1. DNI/NIE da persoa representante.

2. Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

3. Consulta de concesións de subvencións e axudas.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 12. Órganos competentes

A Subdirección Xeral de Cambio Climático e de Ordenación do Litoral será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático ditar a resolución de concesión, por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en virtude do recollido na disposición derradeira primeira.

Artigo 13. Procedemento de concesión

1. O procedemento que se empregará para a concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva, recollido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Estas subvencións serán tramitadas polo procedemento abreviado regulado no artigo 22 da dita norma, sen que sexa necesaria a intervención dun órgano avaliador.

2. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria en concorrencia non competitiva, as solicitudes de subvención tramitaranse por orde de entrada.

3. As resolucións de concesión poderán ditarse sucesivamente, de forma individual para cada unha das solicitudes presentadas, a medida que se vaia verificando que toda a documentación requirida é correcta e está completa, ata o esgotamento do crédito consignado na correspondente partida orzamentaria.

Sen prexuízo dos límites dispostos no artigo 4.1, a subvención asignada poderá ser inferior á solicitada cando o crédito dispoñible non sexa suficiente para cubrir a totalidade do importe do último proxecto que cumpra os requisitos para a concesión. Neste caso, asignaráselle o remanente dispoñible da convocatoria.

4. Na fase de instrución realizaranse de oficio cantas actuacións sexan necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, de acordo co establecido no artigo 21.2 da Lei 9/2007. En particular, o instrutor terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1º. Examinar as solicitudes e a documentación presentadas.

2º. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

3º. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada, propoñendo, segundo proceda, a inadmisión da solicitude ou a concesión ou denegación da subvención solicitada.

5. No caso de estar incompleta, ter erros ou non presentar toda a documentación necesaria, o defecto nas solicitudes seralles notificado ás persoas interesadas, e de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, con indicación de que, de non facelo así, se considerará que desisten da súa petición, logo de resolución, que deberá ditarse nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Se se lles requirise aos solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou documentación presentada, entenderase por rexistro de entrada da solicitude presentada a data en que o dito requirimento estivese correctamente atendido.

6. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria e das bases reguladoras, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 14. Resolución da convocatoria

1. Unha vez concluída a instrución, o órgano instrutor elevará as correspondentes propostas de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, quen resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

2. De acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano competente resolverá o procedemento de concesión no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución.

3. En todo caso, o procedemento de concesión resolverase no prazo máximo de 3 meses desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007.

4. Nas resolucións figurarán os seguintes aspectos:

a) O nome da entidade local beneficiaria.

b) A liña de axuda da cal é beneficiaria.

c) O importe dos gastos considerados subvencionables sobre os cales se fai o cálculo da contía.

d) A porcentaxe de cofinanciamento por parte da entidade beneficiaria.

e) A contía da axuda.

f) O prazo para a execución do proxecto.

g) As obrigas que corresponden ao beneficiario, os requisitos específicos relativos ao proxecto subvencionable, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa aplicable.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou medio electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e, rexeitadas cando transcorran dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben impugnala ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses se a resolución fose expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para realizar a actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións autorizadas na resolución de concesión, non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas e en ningún caso poderá implicar o incremento na contía da axuda concedida.

3. Para modificar la resolución non se poderán ter en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveren lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, a persoa solicitante da modificación deberá presentar: memoria xustificativa da modificación, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano competente, logo da instrución do correspondente expediente.

Artigo 18. Aceptación e renuncia

1. Unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, a entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez (10) días hábiles para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Neste caso, a persoa titular da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias das axudas adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

3. Xustificar ante o órgano concedente, nos prazos e na forma establecidos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación, o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción de comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

4. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que lle correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e prestar colaboración e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

6. Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a solicitude ou obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou privados. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza.

8. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención e a obriga do mantemento da documentación soporte.

9. Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

10. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

11. Adoptar as medidas de difusión adecuadas para darlle publicidade ao carácter público do financiamento do proxecto subvencionado, de acordo co artigo 20.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En toda actividade, investimento ou material que se realice (incluído o que se difunda de maneira electrónica ou empregando medios audiovisuais) debe incluírse a imaxe institucional da Xunta de Galicia e lendas relativas ao financiamento publico do proxecto.

A persoa beneficiaria seguirá, en todo o material de difusión que se produza, tanto dixital como impreso, as normas que se indican na Guía de identidade corporativa da Xunta de Galicia, dispoñible na ligazón web: https://www.xunta.gal/identidade-corporativa

Cando o proxecto gozase doutras fontes de financiamento e o beneficiario estivese obrigado a dar publicidade desta circunstancia, os medios de difusión da subvención concedida, así como a súa relevancia, deberán ser análogos aos empregados respecto das outras fontes de financiamento.

12. Facilitar a recollida de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do proxecto subvencionable, nun prazo de entre seis (6) meses e tres (3) anos despois da finalización.

13. Subministrar toda a información necesaria para que a Consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

14. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e o artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A aceptación da axuda supón a súa publicación nunha lista pública de beneficiarios.

Artigo 20. Xustificación e pagamento

1. A data límite para a xustificación da subvención será o 24 de novembro de 2025.

2. Para o cobramento da subvención outorgada deberá presentarse, segundo o modelo do anexo IV, declaración responsable e solicitude de pagamento asinada electronicamente pola persoa representante da entidade beneficiaria e na que se fai constar:

1º. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados, e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

2º. Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

3. A documentación xustificativa, que en todo caso incorporará a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento para a finalidade para a cal foi concedida a axuda, consonte o disposto no artigo 8 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, é a seguinte:

a) Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do concello beneficiario, co visto e prace do/da alcalde/sa, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, segundo o modelo do anexo V, na cal se faga constar:

1º. O acordo de aprobación polo órgano competente do concello beneficiario das facturas e, no caso de obras, das correspondentes certificacións de obra, no cal conste que se cumpriu a finalidade para a cal foi concedida a subvención.

2º. Que, segundo informe da intervención municipal, se tomou razón na contabilidade, en fase de recoñecemento da obriga, dos gastos correspondentes á execución do proxecto subvencionado.

3º. Que, segundo informe da persoa secretaria do concello, na tramitación e contratación das obras e/ou equipamentos se cumpriu a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe os contratos do sector público.

b) Facturas e, no caso de obras, certificación con relación valorada e tramitada conforme o procedemento que rexe para a Administración local. En todo caso, a relación valorada das diferentes partidas de obra, ordenadas por capítulos, debe axustarse, en canto á definición das unidades de obra executadas e aos seus prezos unitarios, ao xa detallado na documentación achegada coa solicitude de subvención.

Nesta relación recollerase a medición das unidades efectivamente executadas de cada partida e no resumo do orzamento aplicarase, se procede, o coeficiente de baixa correspondente á oferta da empresa finalmente contratada.

En ningún caso serán computables para os efectos de cálculo do orzamento subvencionable aceptado os importes correspondentes a unidades de obra non incluídas na relación valorada inicial.

c) Fotografías do lugar ou lugares onde se efectuasen as actuacións, así como dos inmobles obxecto de intervención, tomadas antes, durante e con posterioridade á súa realización. A presentación das fotografías farase de xeito que permita identificar os lugares e o momento da execución a que correspondan. A documentación fotográfica debe incluír o estado inicial e o estado posterior ás actuacións subvencionadas, co detalle axeitado para comprobar a efectiva execución destas.

d) Xustificación das medidas de publicidade adoptadas ao abeiro do artigo 20.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o previsto no artigo 19.11 destas bases reguladoras.

e) Nos supostos en que sexa exixible, consonte o artigo 4.6, a entidade beneficiaria deberá presentar:

1º. Documento acreditativo da publicación do anuncio da licitación do contrato por calquera dos medios establecidos no artigo 347 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

2º. Copia da resolución de adxudicación da obra ou equipamento onde quede acreditado que a elección entre as ofertas se realizou con base en criterios de adxudicación fundados na mellor relación calidade-prezo ou, nos supostos permitidos pola lei, nun único criterio de adxudicación relacionado cos custos.

4. Os gastos xustificados deberán corresponderse coas actuacións para as cales concedeu a axuda.

Se a xustificación non alcanza o 100 % do investimento subvencionable, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe subvencionada do orzamento aceptado pola Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, sempre que se cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

5. O órgano instrutor poderá solicitar calquera outra documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

6. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

7. As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar, no prazo máximo a que se refire este artigo, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

Artigo 21. Pagamentos anticipados

1. Unha vez acreditada a aceptación da subvención, co obxectivo de acadar unha maior eficacia e eficiencia na xestión destas axudas e se así o solicita a entidade beneficiaria, naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos, poderase facer efectivo en concepto de pagamento anticipado ata o 50 % do importe da subvención concedida no número de conta indicado na solicitude, segundo o previsto nos artigos 63 e 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A concesión deste anticipo farase mediante resolución motivada segundo o disposto no artigo 6.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

2. Os concellos beneficiarios estarán exentos de constituír garantías, de conformidade co establecido no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 22. Incumprimento, perda do dereito ao cobramento, reintegros e sancións

1. Ademais das causas indicadas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de acordo co establecido no artigo 14.1.n), dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas e, concretamente:

a) Non presentar a documentación xustificativa en tempo e/ou en forma ou a súa presentación insuficiente ou incompleta con respecto aos termos exixidos polos artigos 5 e 20.

b) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención. Sen prexuízo doutros supostos aplicables, consideraranse incumprimento das condicións establecidas para a concesión as seguintes:

1º. Non executar o proxecto completo que fundamentou a resolución de concesión. Para estes efectos, considerarase execución incompleta a xustificación de conceptos e elementos que representen menos do 60 % do orzamento dalgunha das actuacións subvencionables.

Exceptúanse as reducións no custo final do proxecto respecto do orzamento que derivan de baixas de licitación a favor da proposición economicamente máis vantaxosa.

2º. Incumprimento da normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas na tramitación e contratación das obras e/ou equipamentos que constitúen o obxecto da subvención.

3º. Calquera outra causa que poña de manifesto que a entidade non reunía os requisitos para ser beneficiaria destas subvencións ou a alteración dos supostos que serviron de base para a avaliación das solicitudes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro. Esta devolución efectuarase mediante ingreso, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 23. Cantidades dispoñibles

As cantidades que resultaren sobrantes por causa de renuncia, falta de presentación das xustificacións correspondentes por parte dos concellos beneficiarios, por desestimacións das solicitudes de axuda previa ou por incremento do crédito nos supostos previstos no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderán dedicarse, sen necesidade de nova convocatoria, a subvencionar os concellos incluídos na lista de reserva provisional do artigo 7.4, que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta resolución, e que reúnan todos os requisitos para poder ser beneficiarios da axuda.

Artigo 24. Control

1. O órgano instrutor poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000,00 €, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009.

3 Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 25. Publicidade

1. No prazo máximo de tres (3) meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Igualmente, publicarase na correspondente páxina web oficial, nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, e de conformidade cos artigos 18.3 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicaráselle a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

4. Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións, dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude, así como na Base de datos nacional de subvencións.

Artigo 26. Normativa reguladora

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións, contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais de no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, así como supletoriamente as disposicións da Lei 39/2015, do 1 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición derradeira primeira

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático as competencias que corresponden da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións e resolucións precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2025

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file