BDNS (Identif.): 811922.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarios desta subvención os concellos de Galicia, de forma individual.
Segundo. Obxecto e período subvencionable
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública para o ano 2025 da concesión de axudas para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos (programa Galicia refuxio climático), para o ano 2025 (código de procedemento MT975Y).
A súa finalidade é colaborar cos concellos galegos para fomentar actividades que contribúan ao impulso da infraestrutura verde e a conectividade dos espazos verdes, para incrementar a biodiversidade, mellorar a súa conservación, a adaptación ao cambio climático, a mellora da calidade ambiental e a creación de espazos saudables.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. O período subvencionable será, con carácter xeral, o comprendido entre o día da publicación da presente convocatoria no DOG e o 17 de novembro de 2025, ambos inclusive.
Terceiro. Proxectos subvencionables
1. Serán subvencionables os proxectos que integren as seguintes actuacións:
Proxectos tipo A. Intervencións en espazos públicos orientados a atenuar o efecto illa de calor urbana:
a) Sombreado natural de rúas e prazas, con especial preferencia de utilización de especies autóctonas.
b) Redución de impermeabilidade do solo.
c) Creación de microclimas con láminas de auga.
Proxectos tipo B. Incremento da biodiversidade urbana e aumento de zonas verdes urbanas:
a) Implantación de xardíns verticais.
b) Cubertas verdes en infraestrutura urbana.
c) Restauración e rehabilitación de zonas húmidas.
Proxectos tipo C. Mellora da infraestrutura urbana verde e azul:
a) Restauración de treitos urbanos de ríos.
b) Mellora da conectividade natural entre o medio urbano e periurbano.
2. Os proxectos serán completos e de fase única, susceptibles da súa posta en servizo inmediata como consecuencia directa da execución do proxecto subvencionado. En ningún caso se admitirán fases de proxectos.
Un proxecto poderá incluír, se é o caso, algunha actuación correspondente a outro tipo de proxecto. Neste senso, o tipo de proxecto (A, B ou C) clasificarase polo concello solicitante, tendo en conta as actuacións que máis peso económico teñan.
Cuarto. Bases reguladoras e convocatoria
Orde do 29 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas a entidades locais de Galicia para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos (programa Galicia refuxio climático), e se convocan, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2025 (código de procedemento MT975Y).
Quinto. Financiamento e contía das axudas
As subvencións financiaranse cun crédito total de 2.000.000,00 €, con cargo á aplicación orzamentaria 06.02.541E.760.1, código de proxecto 2025 00029 (impulso ao desenvolvemento da infraestrutura verde), dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
O importe máximo da subvención será do 80 % do investimento subvencionable aceptado de cada proxecto, co límite máximo de 60.000 € por proxecto, ata o esgotamento do crédito consignado.
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
As solicitudes poderanse presentar desde as 12.00 horas do sétimo día natural seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 31 de marzo de 2025.
Sétimo. Outros datos
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975Y).
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2025
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático
