DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 19 de febreiro de 2025 Páx. 13165

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 12 de febreiro de 2025 pola que se modifica a Orde do 3 de abril de 2009 pola que se aproba o Regulamento de funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

O Regulamento de funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia aprobouse mediante a Orde da Consellería do Medio Rural do 3 de abril de 2009 (DOG núm. 70, do 14 de abril). Posteriormente, este regulamento modificouse mediante as ordes desa mesma consellería do 4 de febreiro de 2011 (DOG núm. 28, do 10 de febreiro), do 14 de decembro de 2018 (DOG núm. 244, do 24 de decembro) e do 31 de maio de 2022 (DOG núm. 109, do 8 de xuño).

O Pleno do Consello Regulador, na súa reunión do día 8 de marzo de 2024, aprobou solicitar unha modificación puntual do artigo 9 do seu regulamento de funcionamento, dedicado ás baixas nos rexistros do Consello Regulador.

Esta modificación consiste na supresión do contido do número 3 do dito artigo, que impide que unha persoa operadora que se dea voluntariamente de baixa nun rexistro poida logo volver darse de alta se non transcorreu un período mínimo de dous anos. Entende o dito órgano de goberno do Consello Regulador que eliminar esta restrición é positiva para o desenvolvemento do sector na medida en que facilita que as persoas operadoras que se desen voluntariamente de baixa por non atopar saída comercial para o produto certificado, unha vez que a teñen poden reingresar no sistema de certificación sen ter que agardar un longo período de tempo.

Por todo o anterior, tras a proposta do Pleno do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia e de acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do anexo da Orde do 3 de abril de 2009 pola que se aproba o Regulamento de funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia

Suprímese o número 3 do artigo 9 (baixa nos rexistros) do anexo da Orde do 3 de abril de 2009 pola que se aproba o Regulamento de funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural