O día 14 de febreiro de 2025, no Diario Oficial de Galicia número 31, publicouse a Resolución do 13 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT207A).
O artigo 9, número 2, punto 2.3.6, no último guión, establece a exixencia da presentación de certificados de investimento por futuras operacións de desgravación fiscal acompañados dun aval bancario ou dunha sociedade de garantía.
Considérase que esta petición no momento procedemental da solicitude non é factible para as persoas que potencialmente presenten a súa candidatura e, ademais, resulta gravosa para os seus intereses. Tendo en conta que a finalidade da axencia é favorecer a creación de produtos audiovisuais e estimular a produción do sector, esta exixencia limitaría a concorrencia e, polo tanto, faise necesaria a súa supresión e a súa substitución por unha documentación acreditativa das posibles operacións de desgravación fiscal, de ser o caso, que se inclúan como parte do plan financeiro do proxecto que se presenta.
O prazo de presentación de solicitudes segundo o disposto no punto 4.2 da convocatoria e na base oitava das bases reguladoras da Resolución do 13 de xaneiro de 2025 comeza ao día seguinte da publicación e remata o mesmo día ordinal da publicación do mes seguinte, polo que a modificación para non vulnerar os dereitos dos solicitantes ampliaría o prazo de presentación de solicitudes en 20 días hábiles contados a partir da publicación desta última.
Así pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron concedidas,
RESOLVO:
Modificar a Resolución do 13 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT207A), do seguinte xeito:
«Primeiro. Modificar a redacción do artigo 9, número 2, punto 2.3.6, no último guión, e substituír a exixencia da presentación dos certificados de investimento por futuras operacións de desgravación fiscal xunto cun aval bancario ou cun aval dunha sociedade de garantía, por:
...
– Documentación xustificativa das operacións de desgravación fiscal que puidesen corresponder se é o caso».
Segundo. Modificar o prazo de presentación de solicitudes por un período de 20 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta modificación, polo que resulta ampliado o prazo regulado no punto 4.2 da convocatoria e na base oitava das bases reguladoras.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o presidente do Consello Reitor, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira única
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2025
José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais
