Asunto: modificación puntual nº 3 do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque empresarial de Mondoñedo.
Concello: Mondoñedo.
Promotor: Concello de Mondoñedo.
En cumprimento do establecido no artigo 57 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, sométese a información pública durante o prazo dun mes, contado a partir da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, a aprobación inicial da modificación puntual nº 3 do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque empresarial de Mondoñedo.
Antecedentes:
Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia aprobou definitivamente o proxecto sectorial do parque empresarial de Mondoñedo mediante o Acordo do 16 de outubro de 2003. Mediante a Resolución do 3 de novembro de 2003, da Dirección Xeral de Urbanismo (DOG núm. 225, do 19 de novembro), fíxose pública a devandita aprobación.
Segundo. O proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque empresarial de Mondoñedo sufriu dúas modificacións. Mediante o Acordo do 29 de outubro de 2009, o Consello da Xunta de Galicia aprobou definitivamente a modificación puntual do proxecto sectorial do parque empresarial de Mondoñedo, mediante a Resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo, do 2 de novembro de 2009 (DOG núm. 238, do 4 de decembro), fíxose pública a devandita aprobación. Mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 14 de xuño de 2018, aprobouse a segunda modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque empresarial de Mondoñedo, a aprobación fíxose pública mediante a Resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo do 18 de xuño de 2018 (DOG núm. 123, do 28 de xuño).
Terceiro. O Concello de Mondoñedo insta a realizar unha terceira modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal co obxectivo de flexibilizar as condicións de volume e altura das edificacións previstas para o uso de solo industrial, co obxecto de acomodar as ordenanzas reguladoras do planeamento urbanístico á demanda existente de solo no ámbito.
Cuarto. Mediante a Resolución do 6 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, acórdase aprobar inicialmente a modificación nº 3 do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque empresarial de Mondoñedo e sometelo a información pública.
O que se fai público, de conformidade co artigo 57 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.
A documentación pode consultarse na páxina web da Consellería de Economía e Industria:
https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/solo-empresarial
Durante o prazo de información pública, as distintas administracións e entidades públicas e privadas, e calquera persoa interesada, poderán achegar cantas observacións, suxestións e alegacións consideren convenientes ante a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, por calquera dos medios que recolle o artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2025
Margarita Ardao Rodríguez
Directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial
