De conformidade co establecido na Resolución do 19 de decembro de 2022 (DOG núm. 245, do 27 de decembro), e a súa corrección de erros (DOG núm. 5, do 9 de xaneiro 2023) pola que se aproba a oferta de emprego público de persoal técnico, de xestión e de administración de servizos (PTXAS) para o ano 2022, esta xerencia, en uso das competencias atribuídas pola Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, e dos estatutos desta universidade, e en virtude da delegación de competencias operada pola Resolución reitoral do 10 de xullo de 2024, resolve convocar probas selectivas para o ingreso, pola quenda de promoción interna, como funcionarios de carreira, na escala técnica, de diferentes subescalas (subgrupo C2) da Universidade da Coruña (UDC), con suxeición ás seguintes:
Bases da convocatoria
1. Normas xerais.
1.1. Convócanse probas selectivas para a cobertura, polo sistema de promoción interna, das seguintes prazas:
|
Denominación |
Escala |
Subescala |
Subgrupo |
OEP 22 |
Total |
|
Auxiliar de servizos |
Técnica |
Auxiliar de servizos |
C2 |
15 |
15 |
|
Telefonista |
Técnica |
Telefonista |
C2 |
1 |
1 |
Esta convocatoria non xerará prazas vacantes no corpo ou na escala da cal procedan as persoas aspirantes e ás persoas aspirantes que superen o proceso de promoción interna adxudicaráselles destino no mesmo posto que viñan desempeñando con carácter definitivo.
1.2. Destas prazas, resérvase para a subescala de auxiliar de servizos unha (1) praza para as persoas que teñan recoñecida unha discapacidade de grao igual ou superior ao 33 %. No suposto de que estas prazas non sexan cubertas, sumaranse ás da oferta xeral.
Se algunha persoa aspirante con discapacidade que se presenta pola cota de reserva de persoas con discapacidade supera os exercicios, pero non obtén praza, e a súa puntuación é superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación neste sistema.
1.3. O sistema de selección é o de concurso-oposición, coas características que se especifican no anexo I (auxiliar de servizos) e anexo III (telefonista).
1.4. O temario que rexerá as probas selectivas é o que figura no anexo II (auxiliar de servizos) e anexo IV (telefonista).
1.5. A este proceso selectivo seranlle de aplicación a Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario; o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (TREBEP); a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (LEPG); o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección do persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia; os estatutos vixentes da UDC, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio, e modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro, e demais normativa concordante, así como o disposto nesta convocatoria.
1.6. Toda a información do proceso selectivo que se lles deba notificar ás persoas aspirantes se publicarán no taboleiro oficial da sede electrónica da UDC https://sede.udc.gal/services/electronic_board
1.7. Para os efectos de información e consultas, as persoas interesadas poden dirixirse por correo electrónico a servizo.pas@udc.gal
2. Requisitos das persoas aspirantes.
2.1. Para seren admitidas no proceso selectivo, as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, e manter ata a data de toma de posesión, os seguintes requisitos:
a) Idade: non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.
b) Nacionalidade: ser español/a, nacional dalgún Estado membro da Unión Europea ou país estranxeiro, nos termos previstos no artigo 52.1 da LEPG.
c) Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter a titulación exixida para o subgrupo correspondente. Así mesmo, observarase o establecido na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada mediante a Orde EDU/520/2011, do 7 de marzo.
En todos os casos as persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.
d) Capacidade funcional: non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das funcións e tarefas correspondentes. Para estes efectos, toda persoa aspirante, ao asinar o impreso de solicitude, declara que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto a que aspira e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar ese traballo. As persoas aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacidade deberán ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % o día de finalización do prazo de presentación das solicitudes de participación.
e) Habilitación: non estar separado/a do servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública, nin sancionado/a coa suspensión de dereito a concorrer a probas selectivas. No caso de ser nacional doutro Estado, aplicarase este requisito nos mesmos termos respecto do seu Estado de orixe.
f) O persoal que desexe participar nesta promoción debe ser funcionario de carreira da escala E-AP da Universidade da Coruña. Debe ter prestado servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como persoal funcionario da escala E-AP da UDC. Non poderá participar no proceso selectivo o PTXAS funcionario de carreira da UDC que xa pertenza á mesma escala e subescala obxecto desta convocatoria. Queda expresamente excluído o persoal laboral indefinido non fixo. Considéranse servizos efectivos os prestados nas situación previstas nos artigos 168, 176 e 177 e 177.bis da LEPG.
2.2. Acreditación da lingua galega: as persoas aspirantes deberán acreditar o coñecemento da lingua galega co certificado de competencia en lingua galega Celga 3 (subgrupo C2), ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia. De non acreditarse, deberán realizar unha proba eliminatoria de comprensión e expresión oral e escrita da lingua galega nos termos especificados no anexo I (auxiliar de servizos) e anexo III (telefonista).
3. Solicitudes.
As persoas que desexen tomar parte neste proceso selectivo deberán presentar:
3.1. Solicitude de participación.
A persoa aspirante que desexe tomar parte neste proceso selectivo deberá solicitalo a través do impreso que figura no anexo V destas bases, que tamén está dispoñible na páxina web da UDC: https://www.udc.gal/pas/impresos/
3.2. Prazo e lugar de presentación.
O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días naturais, que contarán a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes, dirixidas á xerente da Universidade da Coruña, poderán presentarse:
a) A través do Rexistro electrónico da UDC, ou nas oficinas de Rexistro da Universidade da Coruña.
b) A través de calquera das formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).
3.3. Cota de reserva.
As persoas que, cumprindo os requisitos establecidos na base 2.1.d), opten ás prazas reservadas para persoas con discapacidade deberán indicalo expresamente na solicitude (anexo V). Deberán indicar expresamente na solicitude o grao de discapacidade recoñecido polo órgano competente e achegar coa solicitude a documentación acreditativa correspondente. De non indicalo, entenderase que non optan por esta reserva. As persoas aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas.
No caso de necesitaren adaptacións de tempos e/ou medios para a realización dos exercicios, deberán indicar na solicitude o motivo e as necesidades de adaptación. A UDC poderá solicitarlle á persoa interesada o ditame técnico de adaptación do órgano competente.
3.4. Documentación complementaria á solicitude de participación.
A solicitude presentarase xunto coa seguinte documentación:
a) Fotocopia do documento nacional de identidade ou documento que acredite a súa nacionalidade en vigor. No caso de non ser español/a ou nacional dalgún Estado membro da Unión Europea deberá, ademais, presentarse a documentación acreditativa de cumprir o artigo 52.1 da LEPG e, se procede, unha declaración responsable de que a persoa aspirante non está separada de dereito do/da seu/súa cónxuxe e, se é o caso, de que vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.
b) Fotocopia da titulación académica requirida (non o pagamento das taxas do título) ou documento expedido polo Ministerio de Educación cuxa ligazón permita verificar a súa autenticidade.
c) Acreditación do coñecemento do español, de acordo coa base 6, para os/as aspirantes estranxeiros/as.
d) Acreditación do coñecemento do galego de acordo coa base 2.2.
3.5. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fagan constar na súas solicitudes de participación e unicamente poderán solicitar a súa modificación mediante un escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.2 para a presentación de solicitudes. Unha vez transcorrido este prazo, non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e apreciada polo tribunal.
3.6. Para o cómputo de prazos, o mes de agosto será inhábil para todos os efectos.
4. Admisión das persoas aspirantes.
4.1. Unha vez que remate o prazo de presentación de solicitudes, a xerente ditará unha resolución e declarará aprobada a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas, coa indicación das causas de exclusión que procedan e a exención ou non da realización da proba de coñecementos de lingua galega. Esta relación publicarase na sede electrónica da UDC.
4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren nas listaxes provisionais dispoñerán dun prazo de dez (10) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación da referida resolución, para alegaren ou emendaren o defecto que motivou a súa exclusión ou omisión. As reclamacións presentaranse nos lugares establecidos na base 3.2. De non realizaren este trámite, serán definitivamente excluídas do proceso selectivo.
4.3. Unha vez rematado o dito prazo, a xerente ditará unha nova resolución coa relación definitiva de persoas admitidas e excluídas e o lugar e a data do primeiro exercicio, que se publicará na sede electrónica.
4.4. O feito de figuraren na relación de persoas admitidas non prexulga que as persoas interesadas posúan os requisitos exixidos nestas bases, que se deberán acreditar, no caso de superaren o proceso selectivo, de acordo co previsto na base 10. Cando da documentación que deben presentar tras superar o proceso selectivo se desprenda que as persoas aspirantes non posúen algún dos requisitos, estas decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación.
4.5. Recurso contra a listaxe definitiva: contra a resolución de exclusión, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso potestativo de reposición, ante a xerente, no prazo dun mes, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados ambos os dous desde o día seguinte ao da súa publicación na sede electrónica, de conformidade coa lexislación vixente.
5. Tribunal cualificador.
5.1. Composición e nomeamento.
O nomeamento e a composición do tribunal cualificador do proceso selectivo serán publicados na sede electrónica cunha antelación de, polo menos, un mes respecto da data de inicio dos exercicios.
A súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, artigo 60 do TRLEBEP e artigo 152 da Lei 7/2023, de 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Os membros do tribunal deberán pertencer a un corpo, escala ou categoría profesional para o ingreso no cal se requira unha titulación de nivel igual ou superior ao exixido para participar no proceso selectivo.
O tribunal terá a categoría que lle corresponda segundo o Decreto 144/2008, do 26 de xuño, polo que se modifica o Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razóns de servizos ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador, realizada segundo o disposto nesta base, implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros se poidan desprazar ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas.
A composición do tribunal axustarase ao principio de composición equilibrada entre mulleres e homes.
5.2. Abstención e recusación.
As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir, e así llo notificarán á xerente, cando concorran nelas circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (LRXSP), e no artigo 59.2 de la LEPG, ou participasen en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.
O/a presidente/a deberá solicitar das persoas que formen o tribunal unha declaración expresa de que non se encontran incursas nalgunha das circunstancias previstas nesta base. Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar as persoas integrantes do tribunal cando concorran nelas algunha das circunstancias previstas no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (LRXSP).
De perder algún membro do tribunal a súa condición, por algunha das causas previstas nesta base, a xerente publicará a resolución pola que se nomean os novos membros, con anterioridade ao comezo do proceso selectivo, se procede.
5.3. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento do tribunal na sede electrónica da UDC. Nesa sesión, o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo. Para a constitución do tribunal, realización de sesións, deliberacións e toma de acordos requirirase a asistencia do/da presidente/a, do/da secretario/a ou, de ser o caso, daqueles/as que os/as substitúan, e, como mínimo, da metade dos seus membros.
De cada sesión que realice o tribunal, o/a secretario/a redactará unha acta, que se aprobará na mesma ou na seguinte sesión, co visto e prace do/da presidente/a ou de quen o/a substitúa.
5.4. Durante o proceso selectivo, o tribunal resolverá todas as dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas normas e determinará as actuacións convenientes nos casos non previstos, axustándose en todo momento ao disposto na LRXSP.
5.5. A xerente, por proposta do tribunal, poderá designar asesores/as especialistas. Estas persoas asesoras limitaranse a prestar colaboración naqueles exercicios relativos ás súas especialidades técnicas; terán voz, pero non voto, e seralles de aplicación o previsto na base 5.2.
5.6. O tribunal decidirá as adaptacións posibles en tempo e/ou medios para que aquelas persoas aspirantes con algunha discapacidade, que o soliciten na forma prevista na base 3.3, desfruten de similares condicións para realizar os exercicios que o resto das persoas aspirantes. Se, durante a realización do proceso selectivo, o tribunal ten dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo ou escala a que opta, poderá solicitar o ditame do órgano competente.
5.7. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir a confidencialidade do contido dos exercicios na fase de oposición. Os exames que sexan escritos deberán ser corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/das aspirantes, polo que o tribunal excluirá aqueles/as opositores/as que consignen nas follas de exame marcas ou sinais que permitan coñecer a súa identidade. As decisións e os acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para obter a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes ás cales corresponden os resultados obtidos.
5.8. Contra as resolucións do tribunal e os seus actos de trámite poderá interpoñerse un recurso de alzada, ante o reitor, nos termos previstos nos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).
5.9. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Reitorado da UDC (rúa Mestranza, 9, 15001 A Coruña).
5.10. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou o proceso selectivo un número superior de persoas aspirantes ao das prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.
6. Persoas aspirantes de nacionalidade estranxeira.
Con carácter previo á realización dos exercicios da fase da oposición, aquelas persoas que non posúan a nacionalidade española e non acrediten coa solicitude estaren en posesión do diploma de español como lingua estranxeira (nivel B2 ou superior), do título de licenciatura ou grao equivalente en Filoloxía Hispánica ou Románica ou doutros títulos homologados ou certificacións, ou seren nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español deberán realizar unha proba en que se comprobará que posúen un nivel axeitado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.
O contido desta proba axustarase ao disposto no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, polo que se regulan os diplomas de español como lingua estranxeira (DELE), para acreditar o nivel de competencia lingüística do idioma español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase de apto/a ou non apto/a e será necesario obter a valoración de apto/a para realizar os seguintes exercicios da fase de oposición.
7. Desenvolvemento das probas.
7.1. O lugar e a data do primeiro exercicio da fase de oposición publicarase na resolución da xerente que aprobe a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas.
7.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento e serán excluídas aquelas que non comparezan, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal. En cada exercicio deberán ir provistas de DNI ou acreditación equivalente. A orde de actuación das persoas aspirantes comezará por aquelas cuxo primeiro apelido comece pola letra «H», de conformidade coa Resolución do 31 de xaneiro de 2024 da Consellería de Facenda e Administración Pública.
Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das 48 horas seguintes ao anuncio da data do exame.
O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Este aprazamento non poderá demorar o proceso selectivo de maneira que menoscabe o dereito do resto das persoas aspirantes a unha resolución do proceso axustada a tempos razoables. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.
7.3. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditaren a súa identidade.
7.4. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal publicará a relación provisoria coa puntuación obtida polas persoas aspirantes que acadaron o mínimo establecido para superalo, en cada un dos postos convocados. As persoas aspirantes disporán de cinco días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación na sede electrónica da relación provisoria, para presentaren reclamacións ás cualificacións.
7.5. O tribunal publicará a relación definitiva de persoas aprobadas de cada exercicio e o anuncio do sucesivo exercicio nun prazo mínimo de 48 horas de antelación á data sinalada para o seu inicio.
7.6. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento de que algunha das persoas aspirantes carece dos requisitos exixidos por esta convocatoria, logo da audiencia do/da interesado/a, propoñeranlle a súa exclusión á xerente e comunicaralle as inexactitudes e falsidades formuladas polo/a aspirante na solicitude de admisión ás probas selectivas para os efectos procedentes. Contra a resolución de exclusión, que esgota a vía administrativa, poderanse interpoñer recursos ao abeiro da base 4.5.
8. Valoración dos méritos.
8.1. Unha vez finalizada a fase de oposición, o tribunal abrirá un prazo para a presentación dos méritos por cada aspirante que superase esta fase, que se poderá publicar simultaneamente á do resultado do último exercicio da fase de oposición. As persoas aspirantes que aleguen méritos na fase de concurso deberanos acreditar mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou de copias auténticas.
8.2. A Xerencia expedirá, de oficio, unha certificación que acreditará os servizos prestados e a antigüidade recoñecida referida á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.
Os servizos prestados noutras administracións públicas españolas acreditaranse mediante unha certificación dos servizos prestados referida á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Esta certificación será expedida por quen teña atribuídas as competencias en materia de persoal na Administración correspondente. Computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos prestados na Administración pública.
Non serán computables os méritos referidos a unha data posterior á do remate do prazo de presentación de solicitudes de participación no proceso selectivo.
8.3. Contra o acordo de valoración dos méritos poderán presentarse reclamacións, no prazo de cinco días hábiles, que serán resoltas polo tribunal mediante un acordo definitivo. No caso de non se presentaren reclamacións, o acordo provisional converterase automaticamente en definitivo.
9. Relación de persoas aprobadas.
9.1. A cualificación final do proceso selectivo será a suma das puntuacións que se obteñan na fase de oposición e na fase de concurso. Os puntos que se obteñan nesta última, en ningún caso poderán sumarse para os efectos de superar a fase de oposición.
En caso de empate, a orde establecerase atendendo á maior puntuación obtida nos exercicios e pola seguinte orde: último exercicio do proceso selectivo e, se persiste, atenderase á maior puntuación no penúltimo exercicio; de persistir aínda, atenderase á maior puntuación na fase de concurso. No caso de que continúe persistindo o empate, dirimirase por sorteo público en presenza dos/das opositores/as empatados/as.
9.2. O tribunal publicará a relación definitiva de persoas aprobadas, en que constará a puntuación das persoas aspirantes que, ao acadaren a puntuación mínima exixida para superar os exercicios da fase de oposición, obtiveron a maior puntuación final. Esta relación axustarase ao establecido na base 5.10. As persoas opositoras que non estan incluídas nas respectivas relacións terán a consideración de non apto/a para todos os efectos, único aspecto acerca do cal o tribunal poderá certificar.
Contra este acordo poderase interpoñer un recurso de alzada, ante o reitor, nos prazos e formas que establece a LPACAP.
9.3. O tribunal remitiralle á xerente a relación definitiva das persoas aspirantes aprobadas pola orde da puntuación final, coa proposta de que se lles formalice o correspondente nomeamento.
Cando se produza a renuncia dunha persoa seleccionada, antes da toma de posesión, ou non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, a xerente poderá requirirlle ao tribunal unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación as persoas propostas, para o seu posible nomeamento como persoal funcionario.
10. Presentación de documentos.
No prazo de vinte (20) días naturais, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación da relación definitiva das persoas aprobadas, estas deberán presentar no Servizo de Persoal Técnico, de Xestión e Administración e Servizos (rúa Mestranza, 9) a documentación acreditativa dos requisitos exixidos na convocatoria e os seguintes documentos:
a) Copia auténtica ou o orixinal do título exixido para acceder ás probas. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar unha credencial da súa validación ou homologación, ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.
b) Unha declaración responsable ou promesa relativa ao establecido na letra e) da base 2.1.
c) Un certificado médico oficial ou informe de saúde ou documento equivalente, acreditativo de non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que imposibilite o desempeño das correspondentes funcións segundo o que indica a letra d) da base 2.1. Os certificados ou informes no poderán ter unha data de emisión anterior aos tres (3) meses da súa presentación.
d) Os/as aspirantes con discapacidade recoñecida deberán presentar unha certificación dos órganos competentes do Ministerio de Traballo e Seguridade Social ou da consellería competente, que acredite tal condición, e igualmente deberán presentar un certificado dos citados órganos ou da Administración sanitaria, acreditativo da compatibilidade co desenvolvemento das tarefas e funcións correspondentes.
e) As persoas aspirantes estarán exentas de xustificar documentalmente as condicións e os demais requisitos xa probados para obteren o seu anterior nomeamento.
As persoas que, dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación ou do seu exame se deduza que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base 2 non poderán ser nomeadas funcionarios/as de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.
Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar a dita documentación, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.
11. Nomeamento.
11.1. Por resolución da xerente, e por proposta do tribunal cualificador, procederase ao nomeamento de funcionarios/as de carreira da escala técnica da UDC, subgrupo C2, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
11.2. Dadas as peculiaridades deste proceso de promoción interna, exclúese nel a adxudicación de destino de acordo coa orde de puntuación que se obtivo no proceso selectivo e, polo tanto, adscribiranse as persoas aspirantes ao mesmo posto que veñan desempeñando, como titulares.
11.3. A toma de posesión efectuarase no prazo máximo dun mes, contado desde o día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia do nomeamento de funcionario/a de carreira.
12. Protección e tratamento de datos de carácter persoal.
As persoas aspirantes aceptan a política de privacidade da UDC, recollida na páxina web (https://www.udc.gal/pe/politica_privacidade) e especificada no formulario de solicitude de participación no proceso selectivo.
13. Norma derradeira.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante o mesmo órgano que a ditou, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Previamente, e con carácter potestativo, poderase interpoñer un recurso de reposición, ante este reitorado, no prazo dun mes, de acordo co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A Coruña, 10 de febreiro de 2025
O reitor da Universidade da Coruña
P.D. (Resolución do 10.7.2024)
María Jesús Grela Barreiro
Xerente da Universidade da Coruña
ANEXO I
Normas específicas
Subgrupo C2
Escala técnica, subescala auxiliar de servizos
Procedemento de selección
Fase de oposición: 70 puntos.
Primeiro exercicio, de carácter obrigatorio e eliminatorio, para aqueles/as candidatos/as que non acrediten posuír, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, o Celga 3 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais, acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega; consistirá na realización dunha proba en que se comprobará que posúen o nivel de Celga 3 de comprensión e expresión oral e escrita da lingua galega, en especial da linguaxe administrativa, por ser unha linguaxe de especialidade presente na súa esfera profesional. Cualificarase de apto ou non apto. O tempo máximo de realización deste exercicio será de 60 minutos.
Segundo exercicio, de carácter obrigatorio e eliminatorio. 70 puntos.
Consistirá en contestar un cuestionario tipo test de carácter teórico-práctico constituído por 80 preguntas (máis cinco de reserva, que só se corrixirán no caso de anulación dalgunha pregunta), con tres respostas alternativas, das cales só unha delas é a correcta, baseado no temario que figura como anexo II a esta convocatoria. Todas as preguntas terán a mesma puntuación e non puntuarán negativamente as respostas incorrectas. O tempo máximo de realización deste exercicio será de 120 minutos. A puntuación será de 0 a 70 puntos e para aprobar será necesario obter un mínimo de 35.
Fase de concurso: 30 puntos.
A) Experiencia.
Ata un máximo de 20 puntos.
Por servizos prestados na Universidade da Coruña como funcionario de carreira ou interino, ambos da escala técnica auxiliar de servizos, subescala auxiliar de servizos, ou como persoal laboral fixo ou temporal do grupo IV en postos de funcións idénticas ou análogas á categoría convocada, ata a o remate do prazo de presentación de solicitudes, valorarase 0,24 puntos por mes.
Por servizos prestados noutras administracións públicas como funcionario de carreira ou interino, ambos da escala técnica auxiliar de servizos, subescala auxiliar de servizos, ou como persoal laboral fixo ou temporal do grupo IV en postos de funcións idénticas ou análogas á categoría convocada, ata o remate do prazo de presentación de solicitudes, valorarase 0,17 puntos por mes.
Computaranse como servizos efectivos prestados os períodos en situación de excedencia por coidado de fillo ou familiar e os prestados nas situación previstas nos artigos 168, 176, 177, 177.bis da LEPG. O cómputo dos meses realizarase por días naturais (30 días) e, para estes efectos, calcularase o número total de días correspondentes aos períodos computables, dividirase o resultado entre trinta (30) e multiplicarase o cociente, desprezando os decimais, pola puntuación que se sinala en cada epígrafe.
B) Formación.
A formación valorarase ata un máximo de 10 puntos.
1) Valoración dos certificados oficiais de nivel de idiomas, ata un máximo de 5 puntos e coa excepción do nivel de lingua galega, que se realizará segundo a epígrafe seguinte, realizarase de acordo coas recomendacións e recoñecemento de certificados oficias de acreditación de idiomas publicados nas mesas lingüísticas da CRUE:
A1: 0,50 puntos.
A2: 1 punto.
B2: 2 puntos.
B1: 3 puntos.
C2: 4 puntos.
C1: 5 puntos.
Valoraranse os certificados nun ou varios idiomas, e só o de nivel superior, ata o máximo de 5 puntos.
2) Cursos de lingua galega ata un máximo de 5 puntos:
– Curso de linguaxe administrativa nivel medio: 2 puntos.
– Curso de linguaxe administrativa nivel superior: 3 puntos.
– Celga 4: 4 puntos.
– Celga 5: 5 puntos.
Valoraranse en todos os casos se unha soa vez os cursos relativos a unha mesma materia, aínda que se repetise a súa participación, e unicamente o de nivel superior ou avanzado.
ANEXO II
Temario C2: auxiliar de servizos
Bloque I: Temario xeral.
1. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia: título III. Clases de persoal: artigo 20. Concepto e clases de empregados públicos. Artigo 21. Concepto. Artigo 22. Funcións e postos de traballo reservados ao persoal funcionario. Artigo 23. Concepto e requisitos. Artigo 24. Adquisición e perda da condición de persoal funcionario interino. Artigo 25. Réxime xurídico. Artigo 28. Persoal laboral indefinido. Título IV. Organización do emprego público: Artigo 40. Corpos e escalas.
2. Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario: título I: Funcións do sistema universitario e autonomía das universidades e título II: Creación e recoñecemento das universidades e calidade do sistema universitario.
3. Lei 6/2013, do 13 de xuño, do sistema universitario de Galicia: título V: Da comunidade universitaria. Capítulo I: Principios xerais.
4. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Título preliminar e título I: Dos interesados no procedemento.
5. Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia. Título I. Dereito á igualdade entre mulleres e homes.
6. Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais. Artigos 2, 4, 14, 15 e 29.
7. Plan de medidas antifraude da UDC: anexo IV: Código ético e principios éticos da UDC: artigos 73 e 74 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (LEPG).
8. Plan de medidas antifraude da UDC: número 4: Gobernanza: o Comité de medidas antifraude.
9. Resolución reitoral do 22 de xullo de 2019 pola que se aproba a política de seguridade da información e protección de datos persoais da UDC. 1. Introdución. 2. Obxecto. 3. Ámbito de aplicación.
10. Regulamento xeral de uso das tecnoloxías da información e a comunicación da UDC (aprobado polo Consello de Goberno do 23 de xullo de 2020). Artigo 2. Ámbito obxectivo de aplicación. Artigo 4. Dereitos das persoas usuarias. Artigo 5. Deberes das persoas usuarias.
Bloque II: Temario específico.
11. Información preventiva da UDC en materia de manexo de ferramentas manuais.
12. Información preventiva da UDC en materia de accidentes producidos pola electricidade.
13. Información preventiva da UDC en materia de pantallas de visualización de datos.
14. Plan de actuación en caso de emerxencias.
15. Protección contra incendios: clases de lume. Prevención e protección contra incendios.
16. Electricidade: unidades e apararellos de medida. Características dos compoñentes das instalación, cables, proteccións, tomas de terra, cadros eléctricos. Orixe do quentamento dos condutores e perigos derivados. Casos de avaría.
17. Iluminación: tipoloxías de lámpadas segundo tecnoloxía.
18. Fontanaría: ciclo da auga. Magnitudes. Abastecemento e AFCH. Esquemas e partes da instalación. Aparellos de uso. Saneamento.
19. Normas básicas no uso de extintores.
20. Localización de centros e servizos da UDC.
21. Atención e información ao público. Técnicas de atención ao público: a acollida, a escoita, as situacións de tensión: queixas e obxeccións. A información da UDC na páxina web: estrutura e contidos.
22. Produtos postais. Cartas ordinarias, urxentes e certificadas, nacionais e internacionais. Paquetaría nacional e internacional.
23. Organización de almacén. Almacenamento e conservación de materiais. Revisión e reposición de materiais.
24. Protocolo de control de acceso aos edificios e instalacións da UDC. Control de acceso, identificación, información, atención e recepción de persoal visitante.
NOTA. Debe entenderse que este temario se pode ver afectado polas modificacións normativas e lexislativas que se poidan producir ata a data de remate do prazo de presentación de solicitudes.
ANEXO III
Normas específicas
Subgrupo C2
Escala técnica, subescala telefonista
Procedemento de selección
Fase de oposición: 70 puntos.
Primeiro exercicio, de carácter obrigatorio e eliminatorio, para aquelas persoas candidatas que non acrediten posuír, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, o Celga 3 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais, acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega; consistirá na realización dunha proba en que se comprobará que posúen o nivel de Celga 3 de comprensión e expresión oral e escrita da lingua galega, en especial da linguaxe administrativa, por ser unha linguaxe de especialidade presente na súa esfera profesional. Cualificarase de apto ou non apto. O tempo máximo de realización deste exercicio será de 60 minutos.
Segundo exercicio, de carácter obrigatorio e eliminatorio. 70 puntos.
Consistirá en contestar un cuestionario tipo test de carácter teórico-práctico constituído por 80 preguntas (máis cinco de reserva, que só se corrixirán no caso de anulación dalgunha pregunta), con tres respostas alternativas, das cales só unha delas é a correcta, baseado no temario que figura como anexo IV a esta convocatoria. Todas as preguntas terán a mesma puntuación e non puntuarán negativamente as respostas incorrectas. O tempo máximo de realización deste exercicio será de 120 minutos. A puntuación será de 0 a 70 puntos e para aprobar será necesario obter un mínimo de 35.
Fase de concurso: 30 puntos.
A) Experiencia.
Ata un máximo de 20 puntos.
Por servizos prestados na Universidade da Coruña como funcionario de carreira ou interino, ambos da escala técnica de telefonista, ou como persoal laboral fixo ou temporal do grupo IV en postos de funcións idénticas ou análogas á categoría convocada, ata o remate do prazo de presentación de solicitudes, valorarase 0,24 puntos por mes.
Por servizos prestados noutras administracións públicas como funcionario de carreira ou interino, ambos da escala técnica telefonista, ou como persoal laboral fixo ou temporal do grupo IV en postos de funcións idénticas ou análogas á categoría convocada, ata o remate do prazo de presentación de solicitudes, valorarase 0,17 puntos por mes.
Computaranse como servizos efectivos prestados os períodos en situación de excedencia por coidado de fillo ou familiar e os prestados nas situación previstas nos artigos 168, 176, 177, 177.bis da LEPG. O cómputo dos meses realizarase por días naturais (30 días) e, para estes efectos, calcularase o número total de días correspondentes aos períodos computables, dividirase o resultado entre trinta (30) e multiplicarase o cociente, desprezando os decimais, pola puntuación que se sinala en cada epígrafe.
B) Formación.
A formación valorarase ata un máximo de 10 puntos.
1) Valoración dos certificados oficiais de nivel de idiomas, ata un máximo de 5 puntos e coa excepción do nivel de lingua galega, que se realizará segundo a epígrafe seguinte, realizarase de acordo coas recomendacións e recoñecemento de certificados oficiais de acreditación de idiomas publicados nas mesas lingüísticas da CRUE:
A1: 0,50 puntos.
A2: 1 punto.
B2: 2 puntos.
B1: 3 puntos.
C2: 4 puntos.
C1: 5 puntos.
Valoraranse os certificados nun ou varios idiomas, e só o de nivel superior, ata o máximo de 5 puntos.
2) Cursos de lingua galega ata un máximo de 5 puntos:
– Curso de linguaxe administrativa nivel medio: 2 puntos.
– Curso de linguaxe administrativa nivel superior: 3 puntos.
– Celga 4: 4 puntos.
– Celga 5: 5 puntos.
Valoraranse en todos os casos se unha soa vez os cursos relativos a unha mesma materia, aínda que se repetise a súa participación, e unicamente o de nivel superior ou avanzado.
ANEXO IV
Temario C2: telefonista
Bloque I: Temario xeral.
1. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia: título III. Clases de persoal: artigo 20. Concepto e clases de empregados públicos. Artigo 21. Concepto. Artigo 22. Funcións e postos de traballo reservados ao persoal funcionario. Artigo 23. Concepto e requisitos. Artigo 24. Adquisición e perda da condición de persoal funcionario interino. Artigo 25. Réxime xurídico. Artigo 28. Persoal laboral indefinido. Título IV. Organización do emprego público: artigo 40. Corpos e escalas.
2. Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario: título I: Funcións do sistema universitario e autonomía das universidades e título II: Creación e recoñecemento das universidades e calidade do sistema universitario.
3. Lei 6/2013, do 13 de xuño, do sistema universitario de Galicia: título V: Da comunidade universitaria. Capítulo I: Principios xerais.
4. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Título preliminar; título I: Dos interesados no procedemento.
5. Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia. Título I. Dereito á igualdade entre mulleres e homes.
6. Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais. Artigos 2, 4, 14, 15 e 29.
7. Plan de medidas antifraude da UDC: anexo IV: Código ético e principios éticos da UDC: artigos 73 e 74 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (LEPG).
8. Plan de medidas antifraude da UDC: número 4: Gobernanza: o Comité de medidas antifraude.
9. Resolución reitoral do 22 de xullo de 2019 pola que se aproba a política de seguridade da información e protección de datos persoais da UDC. 1. Introdución. 2. Obxecto. 3. Ámbito de aplicación.
10. Regulamento xeral de uso das tecnoloxías da información e a comunicación da UDC (aprobado polo Consello de Goberno do 23 de xullo de 2020). Artigo 2. Ámbito obxectivo de aplicación. Artigo 4. Dereitos das persoas usuarias. Artigo 5. Deberes das persoas usuarias.
Bloque II: Temario específico.
11. Información preventiva da UDC en materia de patoloxías de voz.
12. Información preventiva da UDC en materia de pantallas de visualización de datos.
13. Plan de actuación en caso de emerxencias.
14. Telefonía: redes de telefonía. Tipos de liñas e servizos. Rede telefónica convencional, RDSI e telefonía IP. Planos de numeración e encamiñamento.
15. Servizos e prestacións dunha central de telefonía privada. Tipos de centrais: analóxicas e dixitais. Tipos de extensións e servizos de valor engadido. Funcións do operador de telefonía.
16. Servizos de información telefónica: directorios telefónicos, bases de datos, guías telefónicas. Novas tecnoloxías nos servizos de información.
17. Terminais de operadora telefónica: tipos e funcións. Servizos de emerxencia, procedementos e secuencias de actuación.
18. Rede telefónica corporativa. Rede de telefonía da Universidade da Coruña. Topoloxía da rede de telefonía da UDC. Rede de telefonía móbil corporativa.
19. Atención e información ao público: a acollida e información. Regras básicas no trato co público. Calidade na atención ao público. Insatisfacción: a escoita, as situacións de tensión: queixas e obxeccións. Atención e información ao público. Técnicas de atención ao público: a acollida, a escoita, as situacións de tensión: queixas e obxeccións. A información da UDC na páxina web: estrutura e contidos.
20. A comunicación como ferramenta de traballo. Habilidades e técnicas de excelencia na comunicación telefónica. Comunicación con usuarios con alteracións da linguaxe.
21. Dereito á información e o principio de confidencialidade.
22. Localización de centros e servizos da UDC.
23. Pautas dunha chamada telefónica a un servizo de axuda exterior.
24. Diagrama de actuacións no centro de comunicacións do Reitorado.
Nota. Debe entenderse que este temario se pode ver afectado polas modificacións normativas e lexislativas que se poidan producir ata a data de remate do prazo de presentación de solicitudes.
