DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Venres, 21 de febreiro de 2025 Páx. 13651

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2025 pola que se convoca o curso monográfico Actualización de criterios de actuación no ámbito tributario autonómico galego.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) para o ano 2025, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Axencia Tributaria de Galicia (en diante, Atriga), o curso monográfico Actualización de criterios de actuación no ámbito tributario autonómico galego, de acordo coas bases que se indican a continuación:

Primeira. Obxectivos

Profundar a través do debate e a exposición sobre aspectos controvertidos na aplicación dos tributos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia, mediante a revisión desde un punto de vista normativo, doutrinal, académico e xurisprudencial e cunha clara orientación dinámica e práctica que permita o intercambio de información e coñecementos entre todos os axentes implicados na aplicación do sistema tributario.

Segunda. Contidos

Os temas principais que se van tratar nesta actividade formativa serán os seguintes:

• Tributación dos excesos de adxudicación.

• Tratamento das reducións do imposto de sucesións en negocios mortis causa sucesivos.

• Traballos preparatorios da comprobación tributaria e inicio do procedemento.

• Afectación de activos nos beneficios fiscais das empresas en ISD e IP: en especial investimentos financeiros e tesouraría. Medios de proba da afectación e carga da proba.

• Determinación da base impoñible na transmisión inter vivos ou mortis causa de bens inmobles.

• TPC, procedemento tributario ou medio de impugnación? O seu encaixe co procedemento liquidador. Consecuencias da mala praxe do perito terceiro.

• Residencia habitual como punto de conexión dos tributos cedidos e os procedementos de comprobación do domicilio fiscal. O dies a quo dos prazos de formulación do conflito ante a Xunta Arbitral.

• Novidades xurisprudenciais sobre aspectos procedementais tributarios; en especial, execución de resolucións e sentenzas.

Terceira. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ás seguintes persoas destinatarias:

• Persoal empregado público da Atriga e persoal das oficinas liquidadoras de distrito hipotecario (en diante, OOLLDH). Este persoal terá preferencia na selección.

• Persoal empregado público que desempeñe funcións do ámbito tributario (autonómico, estatal e local) aplicativas ou de revisión.

• Colectivo de colaboradores sociais da Atriga.

• Outro persoal empregado público das administracións públicas de Galicia e persoas interesadas en xeral.

Cuarta. Desenvolvemento

Datas: 6 e 7 de marzo de 2025.

Horario: de mañá e tarde o día 6 de marzo e só de mañá o día 7 de marzo.

Horas lectivas: 12.

Modalidades de impartición: presencial e telepresenza. As persoas solicitantes só poderán matricularse nunha das dúas modalidades.

Lugar de desenvolvemento na modalidade presencial: EGAP; rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Modalidade de telepresenza: seguimento a través da aula virtual da EGAP (https://egap.xunta.gal/aulavirtual/)

O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

1. Ordenador de sobremesa, portátil ou smartphone.

2. Conexión estable a internet.

3. Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

4. Altofalantes (se o monitor ou equipo non dispón deles).

Na web da EGAP está dispoñible un manual de axuda coa información necesaria para conectarse e utilizar a plataforma de telepresenza da EGAP. Pode accederse ao devandito manual desde a seguinte ligazón:

https://egap.xunta.gal/Documentos/recursos/[1646047015]MANUAL_TELEPRESENZA_PARA_USUARIOS.pdf

Quinta. Número de prazas

Modalidade presencial e telepresenza: ata completar o aforo.

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co requirido e establecido na base terceira desta resolución respecto das persoas destinatarias.

3. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar no nome do curso só unha das seguintes opcións:

• Curso monográfico Actualización de criterios de actuación no ámbito tributario autonómico galego: PRESENCIAL.

• Curso monográfico Actualización de criterios de actuación no ámbito tributario autonómico galego: TELEPRESENZA.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 2 de marzo de 2025.

6. A presentación da solicitude para participar na modalidade de telepresenza comportará o consentimento da persoa interesada para a gravación da sesión.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico <novas.egap@xunta.gal> ou, en horario das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Protección de datos persoais e comprobación de datos

1. Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación na modalidade de telepresenza da acción formativa convocada a través desta resolución, así como aqueloutros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento desta, serán tratados pola EGAP, na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección do alumnado, a impartición da formación e a xestión xeral desta.

A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público conforme o disposto no artigo 6.1.e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2.g) do RXPD). Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar na acción formativa mencionada anteriormente serán publicados conforme o detallado na base novena desta resolución. Así mesmo, os datos dos alumnos e das alumnas relativos á súa participación nesta acción formativa poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias.

As sesións das actividades impartidas na modalidade de telepresenza serán gravadas coa finalidade de ofrecer ao alumnado a posibilidade do seu visionado posterior como material de estudo, así como para a resolución de posibles reclamacións. En todo caso, o alumnado, se o xulga oportuno, poderá desactivar a súa cámara e/o micrófono e participar a través do chat de acordo coas indicacións do persoal docente. As ditas gravacións conservaranse ao dispor do alumnado e profesorado durante o tempo que dure a acción formativa ou, de ser o caso, ata que finalice a avaliación do alumnado. A retransmisión das sesións formativas, e a gravación destas, poderá ser accesible unicamente ao profesorado e alumnado ao que van dirixidas e ao persoal da EGAP autorizado.

Prohíbese expresamente a descarga, a difusión, a distribución ou a divulgación das gravacións, e particularmente a súa compartición en redes sociais xa que estes usos poden conculcar o dereito á protección de datos, o dereito á propia imaxe e os dereitos de propiedade intelectual, e poderían xerar responsabilidade disciplinaria, administrativa ou civil. As gravacións non poderán ser usadas para outros fins fóra do ámbito docente.

As persoas interesadas poderán solicitar ante a persoa responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos?langId=gl_ES. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos?langId=gl_ES

2. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opoñen que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte correo electrónico novas.egap@xunta.gal

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

5. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de selección

A admisión levarase a cabo de acordo co indicado na base terceira desta convocatoria respecto ás persoas destinatarias desta actividade.

Na orde de selección terá preferencia o persoal da Atriga e das oficinas liquidadoras de distrito hipotecario (OOLLDH).

Á parte da preferencia anterior, a orde de selección virá determinada, nunha e noutra modalidade (presencial e telepresenza), pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as relacións de persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas e, de ser o caso, as persoas excluídas nas dúas modalidades de impartición desta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia, asistencia e seguimento

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia deberá ser comunicada canto antes e, en todo caso e como máximo, o día 4 de marzo, por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e o seguimento, puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia presencial, ou o seguimento na modalidade de telepresenza, en todas as sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e seguimento, de puntualidade.

c) As faltas de asistencia, o seguimento da actividade:

c.1. As faltas de asistencia ou de seguimento desta actividade non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas. En todo caso, deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia ou o de seguimento superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia presencial ou de seguimento por telepresenza, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas rexistradas sempre que a súa asistencia ou seguimento fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de desenvolvemento, as datas e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Duodécima. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, nas dúas modalidades, así como a facultade de cancelala, se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización; nese caso, empregaranse os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2025

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública