DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Martes, 25 de febreiro de 2025 Páx. 14069

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2025 pola que se modifica a Resolución do 15 de decembro de 2023 pola que se convoca o proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira do corpo auxiliar da Administración xeral e do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial, subgrupo C2, por parte do persoal laboral fixo de diversas categorías e postos pertencentes aos grupos IV e V do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, mediante o seu cambio de vínculo xurídico.

No Diario Oficial de Galicia número 243, do 26 decembro de 2023, publicouse a Resolución do 15 de decembro de 2023 que se cita na cabeceira.

Consonte o recollido no anexo da Orde do 23 de decembro de 2024 pola que se modifica o Decreto 165/2019, do 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia (DOG número 2, do 3 de xaneiro de 2025), o persoal das categorías IV-4 e III-99 que dispoña da titulación necesaria para o acceso á escala de auxiliares de clínica poderá optar pola súa funcionarización na escala de auxiliares de clínica ou na escala auxiliar de coidadores do subgrupo C2.

A anterior previsión figurará nas convocatorias dos procesos de funcionarización para o acceso ás devanditas escalas.

Por conseguinte, de acordo co establecido na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e demais normativa concordante,

DISPOÑO:

1. Modificar a base I.2 da resolución de convocatoria para engadir o seguinte punto:

«I.2.10. Consonte o recollido no anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, o persoal da categoría 4 do grupo IV (auxiliar de fogar...) e da categoría 99 do grupo III (coidador/a a extinguir) que dispoña da titulación necesaria para o acceso á escala de auxiliares de clínica poderá optar pola súa funcionarización na escala de auxiliares de clínica ou na escala auxiliar de coidadores do subgrupo C2. O dito persoal que opte pola súa funcionarización na escala de auxiliares de clínica deberá presentar unha solicitude dirixida á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, a través do modelo normalizado PR004A dispoñible na sede electrónica, en que indique no campo “Solicita” que a súa elección para a funcionarización é a escala de auxiliares de clínica . No caso de non presentar o devandito escrito, entenderase que opta pola funcionarización na escala auxiliar de coidadores».

2. Establécese un novo prazo de quince (15) días hábiles para que as persoas aspirantes da categoría 99 do grupo III (coidador/a a extinguir) e da categoría 4 do grupo IV (auxiliar de fogar...) que figuran na listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas feita pública pola Resolución da Dirección Xeral da Función Pública, do 25 de marzo de 2024 (DOG número 63, do 1 de abril), poidan facer efectiva a súa solicitude. Este prazo comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade con establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal