DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Mércores, 26 de febreiro de 2025 Páx. 14456

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Begonte

ANUNCIO da aprobación inicial do Plan parcial da ampliación do parque empresarial de Begonte-fase 1.

Mediante a Resolución da Alcaldía do 4 de febreiro de 2025 aprobouse inicialmente o Plan parcial de iniciativa particular para a ampliación do parque empresarial de Begonte-fase 1, promovido pola mercantil Berina Patrimonios, S.L. e redactado pola arquitecta Carmen Viño Vila.

De conformidade co disposto nos artigos 47.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 86 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, suspéndese o procedemento de outorgamento de licenzas de parcelación de terreos, edificación e demolición na totalidade do ámbito xeográfico ou área obxecto do plan parcial. Esta suspensión extinguirase coa aprobación definitiva do dito plan parcial e terá, en todo caso, a duración máxima dun ano.

O expediente aprobado sométese a información pública polo prazo de dous meses, mediante anuncios que se publicarán no Diario Oficial de Galicia, no xornal El Progreso de Lugo, no taboleiro de edictos do Concello e na páxina web, e así mesmo, en aplicación do disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, publicarase no BOE, que servirá de notificación para todas as persoas propietarias e interesadas directamente afectadas que por resultaren descoñecidas ou ignorarse o seu enderezo non poidan ser notificadas persoalmente ou, intentada a notificación, non se puidese efectuar.

Simultaneamente recadará das administracións públicas competentes os informes sectoriais e as consultas que resulten preceptivos.

O expediente completo estará á disposición das persoas interesadas no Departamento de Urbanismo do Concello, de luns a venres, das 9.00 ás 14.30 horas.

Begonte, 4 de febreiro de 2025

José Ulla Rocha
Alcalde