DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Xoves, 27 de febreiro de 2025 Páx. 14523

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para persoas galegas residentes no exterior para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalería de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2025/26 (código de procedemento TU200D).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das facultades que corresponden ao Estado.

A Axencia de Turismo de Galicia está a levar adiante unha política de asistencia económica ao estudantado do Centro Superior de Hostalería de Galicia (en diante, CSHG), que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a mobilidade, así como a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico dos/das estudantes que cursen as titulacións do CSHG. É preciso lembrar que o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras se implantou no curso 2022/23 e que no curso 2024/25 se comezou a impartir unha nova titulación propia do CSHG en Gastronomía, o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

A Lei 5/2021, do 2 de febreiro (DOG núm. 26, do 9 de febreiro), de impulso demográfico de Galicia, recolle no seu capítulo V do título II a adopción de medidas de fomento do retorno da poboación galega residente no exterior e a súa descendencia, a través de diferentes programas e actuacións para acadar a súa plena integración social e laboral.

Con este programa de bolsas, o CSHG oferta ás persoas galegas residentes no estranxeiro a posibilidade de formarse como directivos hostaleiros e xestores en cociña coa finalidade de que adquiran competencias e habilidades que favorezan a súa inserción laboral e futuro profesional con maiores garantías de éxito.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de bolsas e subvencións, e ao establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Atendendo a estas consideracións xerais, e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das bolsas para os/as alumnos/as que sexan galegos/as residentes no exterior que cursen as titulacións que impartirá no curso 2025/26 o Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG): grao en Xestión de Empresas Hostaleiras e curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría, así como efectuar a súa convocatoria para o curso 2025/26 (código de procedemento TU200D).

1.2. Conforme as titulacións que se imparten no CSHG, a través da presente convocatoria outorgaranse as seguintes bolsas para o curso 2025/26:

• 10 bolsas para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

• 12 bolsas para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

2. Solicitudes.

2.1. Para poder ser persoa beneficiaria das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 8 das bases reguladoras.

2.2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 7 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. Información ás persoas interesadas.

4.1. Sobre estes procedementos administrativos poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia de Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia: https://www.turismo.gal/canle-institucional/transparencia/axudas-e-subvencions?langId=gl_ES e https://www.cshg.gal/gl/direccion-hoteleira/tarifas-e-axudas

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, introducindo no buscador o código de procedemento TU200D.

c) Teléfonos de contacto: 981 54 25 59 e 981 54 25 93.

d) Correo electrónico: info@cshg.es

4.2. Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de presentación dos formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.gal. Se as dúbidas están relacionadas coas bases da presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no correo electrónico info@cshg.es

5. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

6. Base de datos nacional de subvencións.

De conformidade co establecido nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

7. Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2024

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das bolsas para persoas galegas residentes no exterior para a realización de estudos no CSHG para o curso 2025/26

Artigo 1. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto o establecemento de bolsas de matrícula ordinaria, aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido con pensión completa e viaxe desde o país de residencia, en réxime de concorrencia competitiva, para as persoas galegas residentes no exterior que cursen as titulacións que imparte o CSHG no curso 2025/26 (código de procedemento TU200D).

Artigo 2. Tipoloxía e número de bolsas

1. As bolsas serán unicamente de nova adxudicación para os/as alumnos/as que se matriculen por primeira vez nunha titulación do CSHG.

O número de bolsas será de:

• 10 bolsas para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

• 12 bolsas para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

2. As bolsas supoñen:

• Un desconto do 80 % no prezo da matrícula ordinaria e un desconto do 100 % no prezo do aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido con pensión completa, segundo se reflicte na Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia, modificada pola Orde do 29 de maio de 2024 (DOG núm. 110, do 7 de xuño).

• Unha axuda para a viaxe desde o país de residencia do alumnado por unha contía máxima de 500,00 euros, se procede dun país de Europa, ou de 1.000,00 euros, se procede dun país do resto do mundo.

Artigo 3. Persoas solicitantes

1. Poderá solicitar estas bolsas a cidadanía galega residente no estranxeiro que reúna os requisitos que establece esta resolución.

2. Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que xa fosen beneficiarias e gozasen desta bolsa na convocatoria anterior.

3. Así mesmo, quedan excluídas aquelas persoas que resultasen beneficiarias desta bolsa na convocatoria anterior e que causasen baixa ou renunciasen a ela.

Artigo 4. Financiamento

1. As bolsas previstas nesta resolución constitúen axudas en especie no caso da matrícula ordinaria no CSHG e no do aloxamento na residencia do CSHG.

2. A Axencia de Turismo de Galicia financiará a axuda para a viaxe con cargo á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.480.0, proxecto 2015 00006, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, cun crédito total de 22.000,00 euros.

3. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2025.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, a concesión das axudas de viaxe queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 5. Requisitos xerais

Para poder optar á concesión dunha bolsa deberán cumprirse as seguintes condicións:

1. Ter entre 18 e 30 anos (incluídos).

2. Estar en posesión da nacionalidade española.

3. Residir fóra de España.

4. Acreditar un mínimo de dous anos de residencia fóra de España inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.

5. Estar vinculado/a a Galicia dalgún destes xeitos:

• Ser persoa emigrante nacida en Galicia.

• Ser persoa emigrante non nacida en Galicia, pero ter residido en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar.

• Ser descendente por consanguinidade dunha persoa nacida en Galicia.

6. Ter solicitada a pre-admisión no curso 2025/26 nalgunha das titulacións que imparte o CSHG antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes destas bolsas.

7. Non estar incursa en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Requisitos específicos segundo a titulación

1. Para estudos de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras:

• Homologación do título de bacharelato.

• Vinculación con Galicia (persoa emigrante nacida en Galicia ou que residise en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar ou fillos/as dunha persoa nacida en Galicia ou netos/as, bisnetos/as e demais descendentes dunha persoa nacida en Galicia).

2. Para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría:

• Acreditar 6 meses de experiencia laboral en hostalaría e/ou estudos en cociña de nivel básico ou medio.

• Vinculación con Galicia (persoa emigrante nacida en Galicia ou que residise en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar ou fillos/as dunha persoa nacida en Galicia ou netos/as, bisnetos/as e demais descendentes dunha persoa nacida en Galicia).

Artigo 7. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

As persoas potencialmente beneficiarias das bolsas pertencen a colectivos de persoas físicas cuxa formación e capacidade técnica permite concluír que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios para relacionarse por este medio co sector público autonómico.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 21 de abril de 2025.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

3. As persoas solicitantes deberán declarar responsablemente, consonte a declaración do anexo II.

a) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

b) Que se comprometen a cumprir a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

c) Que, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, solicitaron e/ou se lles concederon outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos que financien o custo da matrícula solicitada, ou non.

d) Que non están incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Que non están incursas en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos apartados 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Que están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Que están ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

h) Que solicitaron a pre-admisión no curso 2025/26 nalgunha das titulacións que imparte o CSHG antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes destas bolsas.

Artigo 8. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

a) Pasaporte ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade española para as persoas solicitantes que non teñan DNI (documento nacional de identidade español).

b) Documentación acreditativa da residencia actual fóra de España.

c) Documentación xustificativa de ter residido fóra de España durante un mínimo de dous anos inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

d) Documentación acreditativa da súa vinculación con Galicia, segundo o caso:

1º. Persoas nacidas en Galicia: pasaporte ou certificado de nacemento en Galicia.

2º. Persoas non nacidas en Galicia, pero que residiron en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar: histórico do padrón municipal do/dos concello/s galego/s onde residiron.

3º. Descendentes por consanguinidade dunha persoa nacida en Galicia: certificados de nacemento ou libros de familia que acrediten toda a liña de parentesco por consanguinidade, desde a persoa nacida en Galicia ata o nacemento da persoa solicitante.

e) Se a solicitude é para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, deberán achegar o título de bacharelato homologado.

f) Se a solicitude é para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría, deberán acreditar seis (6) meses de experiencia laboral en hostalaría, mediante certificado do organismo público competente do país ou certificado emitido pola empresa onde prestaron os servizos, ou achegar un certificado de estudos en cociña de nivel básico ou medio.

g) Orzamento da viaxe de ida desde o país de residencia da persoa beneficiaria a Santiago de Compostela. As viaxes en avión desde o país de residencia serán, en todo caso, con destino e orixe nun aeroporto de Galicia.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Selección

1. Para as bolsas das persoas galegas residentes no exterior para cursar o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras:

A ordenación e selección faranse ordenando todas as solicitudes que cumpran os requisitos, segundo a seguinte valoración ata un máximo de 25 puntos, conforme o seguinte baremo:

a) Nota media do expediente académico na escala numérica de 0-10 de bacharelato que dá acceso ao grao: ata 20 puntos.

b) Vinculación con Galicia: ata 5 puntos.

• b.1. Persoa emigrante nacida en Galicia ou que residise en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar: 5 puntos.

• b.2. Fillos/as dunha persoa nacida en Galicia: 2 puntos.

• b.3. Netos/as, bisnetos/as e demais descendentes dunha persoa nacida en Galicia: 1 punto.

As persoas que obteñan as dez primeiras puntuacións serán as adxudicatarias das bolsas do grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

En caso de empate entre dúas ou máis persoas solicitantes, terase en conta a data de entrada da solicitude.

2. Para as bolsas das persoas galegas residentes no exterior para a obtención do curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

A ordenación e a selección faranse ordenando todas as solicitudes que cumpran os requisitos, segundo a seguinte valoración ata un máximo de 5 puntos, conforme o seguinte baremo:

a) Vinculación con Galicia: ata 10 puntos.

• Persoa emigrante nacida en Galicia ou que residise en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar: 5 puntos.

• Fillos/as dunha persoa nacida en Galicia: 2 puntos.

• Netos/as, bisnetos/as e demais descendentes dunha persoa nacida en Galicia: 1 punto.

b) Resultado dunha entrevista realizada pola Dirección do CSHG, antes de que remate o prazo de resolución das bolsas: ata 5 puntos.

As persoas que obteñan as doce primeiras puntuacións serán as adxudicatarias das bolsas do curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

En caso de empate entre dúas ou máis persoas solicitantes, terase en conta a data de entrada da solicitude.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 13. Compatibilidade con outras axudas

As bolsas reguladas ao abeiro desta resolución son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe das bolsas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da matrícula do curso solicitado.

Artigo 14. Órganos competentes

A Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da bolsa, e correspóndelle á persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia ditar a resolución de concesión, así como as demais resolucións que poñan fin ao procedemento.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Instrución

1. Unha vez finalizado o prazo de recepción de solicitudes, determinarase se reúnen os requisitos establecidos nestas bases, para logo expoñer as listaxes das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios do CSHG, con indicación das causas de exclusión. Así mesmo, estas listaxes tamén poderán ser consultadas na páxina web do CSHG (www.cshg.gal).

2. De conformidade co establecido nos artigos 68 e 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación das listaxes na páxina web do CSHG, para emendar a solicitude e/ou documentación a que se refiren estas bases reguladoras. Transcorrido o prazo sen que así se fixese, considerarase que a persoa solicitante desiste da súa petición.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte. Xunto cos expedientes o órgano instrutor remitirá unha proposta de puntuación correspondente a cada expediente, calculada en aplicación dos criterios de valoración previstos nos artigos 10 e 11.

Artigo 17. Comisión Avaliadora

1. A selección dos/das candidatos/as será realizada por unha Comisión Avaliadora integrada por:

– Presidente/a: a persoa titular da Xerencia da Axencia de Turismo de Galicia.

– Secretario/a: a persoa que ocupe a xefatura da Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial, que actuará con voz e voto.

– Vogais:

• A persoa responsable da Área de Docencia e Formación Continua do CSHG.

• O/a director/a do CSHG.

• A persoa responsable do Departamento de Márketing do CSHG.

2. Se por calquera causa, no momento en que a Comisión Avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia.

3. A Comisión redactará acta das súas deliberacións e elaborará un informe en que constarán:

– Relación de bolsas para persoas galegas residentes no exterior propostas para o alumnado do 1º curso do grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, de conformidade cos criterios de valoración fixados nestas bases.

– Listaxe de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia dalgunha delas, por orde de puntuación, para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

– Relación de bolsas para persoas galegas residentes no exterior para a obtención do curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría, de conformidade cos criterios de valoración fixados nestas bases.

– Listaxe de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia dalgunha delas, por orde de puntuación, para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

O informe coa puntuación provisional, no cal se detallarán as bolsas concedidas, a tipoloxía e as persoas beneficiarias, publicarase no portal web do CSHG, así como no taboleiro de anuncios do CSHG. As persoas solicitantes terán un prazo de dez (10) días para presentar as reclamacións oportunas dirixidas ao órgano instrutor.

Logo de resolver as reclamacións presentadas ao informe de puntuacións provisionais, o órgano instrutor emitirá o informe coa puntuación definitiva, que se publicará no portal web do CSHG, así como no taboleiro de anuncios do CSHG.

O órgano instrutor, á vista do dito informe, elevará unha proposta de resolución á persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia.

Artigo 18. Resolución

1. A persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, á vista da proposta de resolución, ditará a correspondente resolución. A resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia, así como nos lugares indicados no artigo 17.3 das bases reguladoras.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes a esta convocatoria será de cinco (5) meses, contados a partir do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra a devandita resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Axencia de Turismo de Galicia no prazo dun mes a contar desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, segundo o disposto nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, a obtención concorrente de bolsas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de conformidade cos requisitos establecidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente no cal se dará audiencia á persoa interesada, nos termos previstos no artigo 17.3.

3. Cando a persoa beneficiaria da bolsa poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da bolsa, e que poden dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da bolsa poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime a persoa beneficiaria das sancións que lle poidan corresponder conforme a citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á bolsa poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

3. No caso de que as persoas beneficiarias non acepten a bolsa, serán substituídas polas persoas que figuren na correspondente listaxe de reserva en función da súa puntuación.

Artigo 21. Aboamento e xustificación das bolsas

1. A bolsa de aloxamento e matrícula non supón a entrega efectiva de diñeiro ao alumnado ao cal lle foi concedida. A concesión da bolsa supón a posibilidade de matricularse nas titulacións sen necesidade de aboar o importe concedido segundo o tipo de bolsa.

Unha vez publicada a resolución de concesión no Diario Oficial de Galicia, a persoa beneficiaria poderá aplicar o desconto correspondente sobre o prezo da matrícula.

2. O aboamento da axuda para viaxe desde o país de residencia ata Santiago de Compostela realizarase unha vez que o alumnado estea admitido e matriculado no CSHG. As axudas serán transferidas directamente á persoa beneficiaria, a través dunha conta bancaria aberta en España. Para esta finalidade, as persoas beneficiarias deberán achegar o certificado de titularidade bancaria correspondente.

Xunto coa solicitude de cobramento (anexo IV), deberá achegarse a documentación que a seguir se indica:

• Se o transporte se realiza en avión, deberá achegarse a factura do avión e o billete ou as tarxetas de embarque dende o seu país de residencia. No caso de reserva electrónica, achegarase o pagamento do billete e a tarxeta de embarque.

• Se o transporte se realiza en tren ou bus, achegarase o billete e o pagamento deste.

En todo caso as datas de viaxe teñen que ser de data posterior á da obtención da bolsa de matrícula no CSHG.

En ningún caso se aboará un importe maior có xustificado polo alumnado nos documentos probatorios mencionados con anterioridade. O prazo de presentación da solicitude de cobramento é de catro meses a partir da data de matrícula no CSHG.

Artigo 22. Obrigas das persoas solicitantes e beneficiarias

As persoas solicitantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o indicado no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

O alumnado que resulte beneficiario destas bolsas comprométese a cumprir o establecido nesta convocatoria e na súa resolución, así como as seguintes obrigas:

a) Seguir durante o curso académico, con carácter presencial, os estudos en que estea matriculado e non anular a matrícula.

b) Cumprir os requisitos e condicións establecidos para a concesión e desfrute da bolsa.

c) Cooperar coa Administración nas actuacións de comprobación que sexa necesario verificar, se procede, do cumprimento e a efectividade das condicións determinantes da concesión da bolsa.

d) Abrir unha conta bancaria en España na cal figure como titular.

e) Comunicar por escrito calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias alegadas na solicitude ou na declaración responsable e de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Axencia de Turismo de Galicia.

f) Comunicarlle á Axencia de Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien o custo da matrícula solicitada, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da bolsa.

g) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das bolsas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Comunicar por escrito a renuncia á bolsa no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.

i) Subministrarlle á Axencia de Turismo de Galicia, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para que a Axencia de Turismo de Galicia cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

j) O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de perda do dereito ou do reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Duración das bolsas, condicións aplicables ao desfrute da bolsa e renovación

1. As bolsas para estudar o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras concédense para a primeira matrícula do curso da titulación. Poderán ser concedidas nos cursos posteriores sempre que se cumpran os requisitos para matricularse no curso completo seguinte e que o/a bolseiro/a cumpra os requisitos académicos previstos no artigo 22.a) para o seu mantemento.

2. As condicións aplicables para o desfrute da bolsa son as seguintes:

a) A concesión da bolsa para unha titulación non supón, en ningún caso, o seu mantemento se desexa iniciar unha titulación diferente.

b) O alumnado que cause baixa voluntaria implicará a perda da bolsa para reiniciar ese curso e cursar os seguintes.

c) O alumnado poderá solicitar o aprazamento da renovación da bolsa durante un curso lectivo, sempre que cumpra os requisitos polos que se lle concedeu e estea debidamente acreditado.

d) O alumnado que acumule dúas ou máis sancións por faltas graves ou unha moi grave poderá perder a bolsa.

Artigo 24. Remisión normativa

É de aplicación o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file