DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Xoves, 27 de febreiro de 2025 Páx. 14520

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2025 pola que se convoca a primeira práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas.

Dentro das actividades programadas para o ano 2025, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria da primeira práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas, dos/das policías locais de Galicia, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Obxectivos:

– Facilitar o cumprimento do disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais.

– Dispoñer de persoal actualizado nas prácticas de armamento e tiro policial de defensa.

– Controlar a práctica anual e regulamentaria do cadro de persoal, mediante un control e unha cartilla de tiro individual.

– Establecer distintos niveis para categorías de tirador, segundo a seguridade e habilidade que demostre no manexo das armas.

Persoal destinatario:

A actividade vai dirixida aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan interese en cumprir co disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, relativo a garantir unha adecuada preparación no uso da arma regulamentaria para o persoal dos corpos de policía local.

Para tal fin, a Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública establece un plan anual de adestramento, no cal se inclúen dúas prácticas anuais para o persoal dos concellos interesados.

Solicitudes:

Os concellos interesados deberán remitir o formulario que está na páxina web https://agasp.xunta.gal/es á Academia Galega de Seguridade Pública, antes do día 10 de marzo de 2025.

As solicitudes deberán presentarse a través do correo electrónico formacion.agasp@xunta.gal, indicando no asunto: Plan de tiro 2025, ou ben a través do rexistro electrónico.

As solicitudes deberán estar autorizadas pola Alcaldía, concellaría ou xefatura, segundo proceda.

Todos aqueles concellos que adquirisen recentemente armas regulamentarias para a policía local terán preferencia para efectuar as prácticas regulamentarias, indispensables para un mellor coñecemento da nova arma e a adquisición da destreza suficiente para o seu manexo coa seguridade e habilidade necesarias.

Medios:

Para o desenvolvemento da actividade, o alumnado deberá traer a súa respectiva arma regulamentaria da dotación e a munición correspondente para as prácticas. A Academia Galega de Seguridade Pública nomeará os profesores e instrutores necesarios.

Determinación da data das prácticas:

A primeira práctica do plan terá lugar:

– Os días 17, 18, 20, 21, 24, 25, 27, 28 e 31 de marzo de 2025.

– Os días 1, 3, 4, 7, 8, 9, 10, 11, 14, 15, 16, 21, 22, 24, 25, 28, 29 e 30 de abril de 2025.

– Os días 5, 6, 7, 8, 9, 12, 13, 14, 15, 16, 19, 20, 21, 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de maio de 2025.

Configurado o calendario segundo as solicitudes recibidas comunicarase aos concellos coa finalidade de que, pola súa vez, informen con antelación suficiente da relación nominal do persoal participante na práctica.

Control e cartilla de tiro:

O control das prácticas do persoal xestionarano conxuntamente a Academia Galega de Seguridade Pública e a persoa designada polo concello.

Estableceranse niveis segundo a categoría e habilidade que cada tirador/a amose nos aspectos tanto de seguridade como de manexo coas armas, niveis a que irá accedendo paulatinamente cada policía, se é o caso. Estes niveis constarán na cartilla ou documento de control que se dispoña para as prácticas de tiro, tal e como se indicaba no punto anterior.

Lugar:

As prácticas desenvolveranse na galería de tiro da Academia Galega de Seguridade Pública, sita na rúa da Cultura, s/n, no concello da Estrada (Pontevedra).

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do Plan anual de actualización para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 19 de febreiro de 2025

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública