Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición da Fundación Juan Tábara no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:
Feitos:
1. O 27 de setembro de 2023, Francisco Rodríguez-Gigirey Pérez, en representación do padroado da Fundación Juan Tábara, presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación Juan Tábara constituírona Ana Belén Tábara Rodríguez, María Herminia Tábara Rodríguez e Julia Tábara Rodríguez mediante escritura pública outorgada o 5 de decembro de 2022, ante o notario da Coruña José Manuel Lois Puente, co número de protocolo 2.133.
3. A Fundación, consonte o artigo 7 dos seus estatutos, ten como fin principal «promover e fomentar o estudo, a investigación e a prevención e seguridade no mar e, principalmente, nas praias e zonas costeiras».
4. Na escritura de constitución da Fundación constan os puntos relativos á identificación das persoas fundadoras, a súa capacidade e vontade de constituíla como de interese galego, conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, a dotación, os seus estatutos e a composición do padroado inicial.
5. Nos estatutos da Fundación constan a súa denominación e natureza; a súa finalidade e as principais actividades para o seu cumprimento; o seu domicilio e ámbito de actuación; as regras para a aplicación dos recursos para cumprir os fins fundacionais e para a determinación das persoas beneficiarias; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.
6. O padroado inicial da Fundación está formado por Ana Belén Tábara Rodríguez, como presidenta; María Herminia Tábara Rodríguez, como vicepresidenta, e Julia Tábara Rodríguez, como secretaria.
7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese marítimo da Fundación Juan Tábara, consonte os seus fins fundacionais, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006 e de conformidade co establecido nos artigos 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado da Fundación será exercido pola Consellería do Mar.
8. De conformidade con esta proposta, pola Orde do 29 de outubro de 2024, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, clasificouse de interese marítimo a Fundación Juan Tábara e adscribiuse á Consellería do Mar para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.
Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Juan Tábara, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.
Terceiro. A vista do disposto na Lei 12/2006, e nos decretos 14/2009 e 15/2009, e logo da emisión do regulamentario informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Juan Tábara, polo que,
RESOLVO:
1. Declarar de interese galego a Fundación Juan Tábara.
2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería do Mar.
3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería do Mar.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso de reposición ante o conselleiro do Mar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, consonte os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses.
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2025
O conselleiro do Mar
P.D. (Orde do 21.2.2022; DOG núm. 41, do 1 de marzo)
Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar
