DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Xoves, 27 de febreiro de 2025 Páx. 14550

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para persoas galegas residentes no exterior para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalería de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2025/26 (código de procedemento TU200D).

BDNS (Identif.): 816582.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Tipoloxía e número de bolsas

1. As bolsas serán unicamente de nova adxudicación para os/as alumnos/as que se matriculen por primeira vez nunha titulación do CSHG.

O número de bolsas será de:

• 10 bolsas para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

• 12 bolsas para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

2. As bolsas supoñen:

• Un desconto do 80 % no prezo da matrícula ordinaria e un desconto do 100 % no prezo do aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido con pensión completa, segundo se reflicte na Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia, modificada pola Orde do 29 de maio de 2024 (DOG núm. 110, do 7 de xuño).

• Unha axuda para a viaxe desde o país de residencia do alumnado por unha contía máxima de 500,00 euros, se procede dun país de Europa, ou de 1.000,00 euros, se procede dun país do resto do mundo.

Segundo. Persoas beneficiarias

Para poder optar á concesión dunha bolsa deberán cumprirse as seguintes condicións:

1. Ter entre 18 e 30 anos (incluídos).

2. Estar en posesión da nacionalidade española.

3. Residir fóra de España.

4. Acreditar un mínimo de dous anos de residencia fóra de España inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.

5. Estar vinculado/a a Galicia dalgún destes xeitos:

• Ser persoa emigrante nacida en Galicia.

• Ser persoa emigrante non nacida en Galicia, pero ter residido en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar.

• Ser descendente por consanguinidade dunha persoa nacida en Galicia.

6. Ter solicitada a preadmisión no curso 2025/26 nalgunha das titulacións que imparte o CSHG antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes destas bolsas.

7. Non estar incursa en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ademais, para os estudos de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras exíxese a homologación do título de bacharelato e para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría exíxese acreditar 6 meses de experiencia laboral en hostalaría e/ou estudos en cociña de nivel básico ou medio.

Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que xa fosen beneficiarias e gozasen desta bolsa na convocatoria anterior.

Así mesmo, quedan excluídas aquelas persoas que resultasen beneficiarias desta bolsa na convocatoria anterior e que causasen baixa ou renunciasen a ela.

Terceiro. Obxecto e réxime

Estas bases teñen por obxecto o establecemento de bolsas de matrícula ordinaria, aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido con pensión completa e viaxe desde o país de residencia, en réxime de concorrencia competitiva, para as persoas galegas residentes no exterior que cursen as titulacións que imparte o CSHG no curso 2025/26 (código de procedemento TU200D).

Cuarto. Financiamento

1. As bolsas previstas nesta resolución constitúen axudas en especie no caso da matrícula ordinaria no CSHG e no do aloxamento na residencia do CSHG.

2. A Axencia de Turismo de Galicia financiará a axuda para a viaxe con cargo á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.480.0, proxecto 2015 00006, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, cun crédito total de 22.000,00 euros.

3. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2025.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, a concesión das axudas de viaxe queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Quinto. Bases reguladoras

Resolución do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para persoas galegas residentes no exterior para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalería de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2025/26 (código de procedemento TU200D).

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 21 de abril de 2025.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Sétimo. Aboamento e xustificación

1. A bolsa non supón a entrega efectiva de diñeiro ao/á alumno/a a que lle foi concedida. A concesión da bolsa supón a posibilidade de matricularse nas titulacións sen necesidade de aboar o importe que lle foi concedido segundo o tipo de bolsa.

Unha vez publicada a resolución de concesión no Diario Oficial de Galicia, a persoa beneficiaria poderá aplicar o desconto correspondente sobre o prezo da matrícula.

2. O aboamento da axuda para a viaxe desde o país de residencia ata Santiago de Compostela realizarase unha vez que o alumnado estea admitido e matriculado no CSHG. As axudas serán transferidas directamente á persoa beneficiaria, a través dunha conta bancaria aberta en España.

En todo caso, as datas de viaxe teñen que ser posteriores á data da obtención da bolsa de matrícula no CSHG e o prazo de presentación da solicitude de cobramento é de catro meses a partir da data de matrícula no CSHG.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2024

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia