DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 28 de febreiro de 2025 Páx. 15017

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2025 pola que se anuncia o concurso público para a adxudicación, en compravenda ou dereito de superficie, de lotes de parcelas de solo residencial propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo no polígono 1 de San Paio de Navia (Vigo), con destino á construción de vivenda protexida (expediente SR25-P-VIGONAV-1-ECV).

1. Entidade adxudicadora.

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

2. Obxecto.

Constitúe o obxecto deste prego a regulación do concurso público para a adxudicación, en compravenda ou dereito de superficie, de lotes de parcelas de solo residencial propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) no polígono 1 de San Paio de Navia (Vigo), con destino á construción de vivendas de protección autonómica (en diante, VPA) con prezos/renda limitada. Poderá participarse no concurso en dúas modalidades, compravenda ou dereito de superficie.

Aquelas persoas que, en virtude dunha resolución administrativa ditada polo IGVS, teñan recoñecido un dereito de adquisición preferente para exercer nunha parcela edificable para unha vivenda unifamiliar nas etapas 3 (fase B), 4, 5 e 6 do solo residencial de San Paio de Navia só poderán ser adxudicatarias en compravenda. As parcelas que non lles sexan adxudicadas, por non exerceren o seu dereito, pasarán a formar parte de futuros concursos, a menos que o IGVS, por razóns de interese público debidamente xustificadas, as reserve para si coa finalidade de cumprir as funcións que ten encomendadas pola súa normativa reguladora.

3. Prezo das parcelas.

O prezo base de licitación de cada un dos lotes de parcelas é o que figura no anexo A do prego, baixo a referencia «Relación e características dos lotes e parcelas ofertados». Os ditos prezos teñen carácter de mínimos e non inclúen os impostos correspondentes, que se engadirán ao prezo de adxudicación no momento de se efectuar a formalización da compravenda ou, de ser o caso, da constitución do dereito de superficie.

4. Garantías.

Tanto para participar no concurso coma no proceso de acceso directo requirirase ter constituído previamente unha garantía do cinco por cento do prezo, en función do lote ou parcela e do réxime sobre o cal se realiza a oferta (especial, xeral ou concertado).

A persoa que pretenda solicitar varios lotes ou parcelas deberá constituír a correspondente garantía por cada un daqueles a que se presente.

Cando o licitador presente a súa proposición baixo a forma de UTE, a garantía poderase constituír por unha ou varias das empresas participantes, sempre que, en conxunto, se alcance a contía requirida e garanta solidariamente a todos os integrantes da unión.

5. Requisitos específicos dos participantes.

Poderá participar no concurso, nos termos previstos neste punto, calquera persoa física ou xurídica, española ou estranxeira, que teña plena capacidade de obrar e desenvolva, no exercicio da súa actividade empresarial, a promoción de vivendas.

Tamén poderán participar, nos termos previstos no artigo 69 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, as unións de empresarios que se constitúan temporalmente para o efecto (en diante, UTE).

Así mesmo, poderán participar as cooperativas, aínda que non figuren inscritas no correspondente rexistro administrativo, sempre que, nestes casos, acrediten documentalmente tela solicitado antes da presentación da súa oferta.

No procedemento de acceso directo só poderán participar as persoas que teñan recoñecido, por resolución administrativa do IGVS, un dereito de adquisición preferente dunha parcela edificable para unha vivenda unifamiliar nas etapas 3 (fase B), 4, 5 e 6 do solo residencial de San Paio de Navia, actualmente denominados polígonos 1, 2 e 3, segundo a modificación segunda do Plan parcial de Navia.

6. Obtención de documentación.

Os pregos do presente concurso e os seus anexos figurarán na páxina web do IGVS: https://igvs.xunta.gal/areas/solo-residencial/alleamento-de-solo-residencial, desde o momento en que o anuncio se publique no Diario Oficial de Galicia.

7. Lugar e prazo de presentación das ofertas.

O prazo para presentar as ofertas será de catro meses, contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG.

A presentación das ofertas só se poderá realizar dalgunha das seguintes formas:

• Presentación no Rexistro dos servizos centrais do IGVS, situado en Área Central s/n, polígono das Fontiñas, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

• Envío por correo certificado, dirixido ao IGVS, ao enderezo indicado no anterior parágrafo. Neste caso, a persoa licitadora deberá xustificar o envío da oferta o mesmo día da remisión ou, como máis tarde, antes do vencemento do prazo de presentación indicado no anuncio e, para eses efectos, deberá enviar un correo electrónico ao enderezo dtsoloresidencial.igvs@xunta.gal, indicando a data do envío e os datos identificables da persoa ou entidade que remite a proposición e documentación. De non concorrer este requisito, a oferta non será admitida, como tampouco será admitida unha vez transcorridos dez días hábiles, contados desde o último para a presentación da oferta, sen que esta se recibise.

As ofertas que se presenten fóra do prazo indicado ou de maneira diferente á sinalada non serán admitidas.

A forma de presentación, así como o contido de cada sobre, será o establecido no prego de bases do concurso.

8. Criterios de preferencia, de valoración e económicos do concurso.

Os criterios de preferencia rexen para os efectos de establecer unha prelación na adxudicación, con carácter previo á aplicación dos criterios de valoración. Estes criterios de preferencia veñen especificados no prego de bases do concurso.

Así mesmo, no prego veñen establecidos os criterios de valoración das ofertas presentadas.

9. Lugar, día e hora para a apertura dos sobres A e B.

A apertura do sobre A terá lugar na data que se indique con, polo menos, cinco días de antelación á súa realización, na páxina web do IGVS:

https://igvs.xunta.gal/areas/solo-residencial/alleamento-de-solo-residencial

A apertura dos sobres B e C terá lugar no salón de actos, 2º andar, das oficinas centrais do IGVS, en Santiago de Compostela, no día e na hora que se anuncien con polo menos cinco días de antelación á súa realización, na páxina web do IGVS (https://igvs.xunta.gal/areas/solo-residencial/alleamento-de-solo-residencial), que en ningún caso serán coincidentes cos sinalados para a apertura do sobre A.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2025

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo