DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 28 de febreiro de 2025 Páx. 14897

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2025 pola que se amplía e se redistribúe o crédito orzamentario recollido na Resolución do 26 de xullo de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos á mobilidade eléctrica (programa Moves III), no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (códigos de procedemento IN421Q e IN421R).

Os programas de incentivos ligados á mobilidade eléctrica (Moves III) no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo están regulados polo Real decreto 266/2021, do 13 de abril, e foron convocados en Galicia mediante a Resolución do Inega do 26 de xullo de 2021, publicada no DOG número 149, do 5 de agosto.

A Resolución do Inega do 26 de xullo de 2021 pola que se convoca o Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (Moves III) foi modificada pola Resolución do 21 de outubro de 2021 (DOG número 207, do 27 de outubro); pola Resolución do 23 de decembro de 2021 (DOG número 8, do 13 de xaneiro de 2022); pola Resolución do 13 de outubro de 2022 (DOG número 201, do 21 de outubro); pola Resolución do 12 de xuño de 2023 (DOG número 116, do 20 de xuño); pola Resolución do 15 de decembro de 2023 (DOG número 243, do 26 de decembro); pola Resolución do 6 de xuño de 2024 (DOG número 115, do 14 de xuño); pola Resolución do 16 de xullo de 2024 (DOG número 142, do 23 de xullo); pola Resolución do 18 de xullo de 2024 (DOG número 146, do 30 de xullo); pola Resolución do 6 de setembro de 2024 (DOG número 176, do 12 de setembro) e pola Resolución do 25 de outubro de 2024 (DOG número 212, do 4 de novembro). Conforme a Resolución do 18 de xullo de 2024, o prazo de presentación de solicitudes ampliouse ata o 31 de decembro de 2024. Neste sentido, cabe citar que a vixencia se ampliou novamente ata o 30 de xuño de 2025 mediante a Resolución do 26 de decembro de 2024 (DOG número 250, do 30 de decembro), segundo o establecido na disposición derradeira décima do Real decreto lei 9/2025, pero este real decreto lei foi derrogado mediante o Acordo do Congreso dos Deputados publicado no BOE do 23 de xaneiro.

En canto á posibilidade de ampliar e redistribuír o orzamento, o artigo 10.13 do Real decreto 266/2021, do 13 de abril, establece que, durante os dous meses seguintes a finalización da vixencia da correspondente convocatoria, poderá redistribuírse o orzamento entre programas a criterio da Comunidade Autónoma e poderán incorporarse, de ser o caso, os remanentes correspondentes ao orzamento que non se puidesen destinar aos investimentos directos. De acordo con isto, a Xunta de Galicia notificou con carácter previo a redistribución ao IDAE, organismo responsable da coordinación e seguimento do Moves III, conforme o artigo 9 do citado real decreto.

O artigo 4.1 da convocatoria establece que as subvencións previstas nesta convocatoria se financiarán con cargo aos orzamentos do Inega (...).

O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 43.888.930,71 euros, conforme a redacción recollida na Resolución do 6 de xuño de 2024.

O artigo 4.3 da convocatoria prevé a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios fixados nas bases que rexen esta convocatoria.

Conforme o disposto no artigo 4.3, de producirse a ampliación de crédito, publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e das condicións previstos na normativa anteriormente citada,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar e redistribuír os fondos destinados ao Moves III modificando os puntos 1 e 2 do artigo 4 da Resolución do 26 de xullo de 2021, que queda redactado do seguinte xeito:

«1. As subvencións previstas nesta convocatoria financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega, coa repartición plurianual recollida na táboa seguinte. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 45.988.930,71 euros.

Importe de 2022 (€)

Importe de 2023 (€)

Importe de 2024 (€)

Importe de 2025 (€)

Total

3.911.047,61

8.443.686,65

9.696.298,98

23.937.897,47

45.988.930,71

O orzamento por partida e anualidade redistribuírase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.703.1, 09.A3.733A.744.2, 09.A3.733A.745.4, 09.A3.733A.762.1, 09.A3.733A.772.1 e 09.A3.733A.782.1.

2. O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto será o seguinte:

Tipo de actuación

Orzamento total

Programa de incentivos 1: adquisición de vehículos eléctricos

34.488.930,71

Programa de incentivos 2: implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos

11.500.000,00

Total

45.988.930,71

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído pasados tres meses desde a apertura do prazo de solicitudes para adaptarse á evolución da axuda solicitada en cada unha das epígrafes. Esta redistribución, de producirse, respectará en todo caso as porcentaxes establecidas no artigo 10.10 do Real decreto 266/2021 ata que finalice a vixencia da convocatoria. Finalizada esta vixencia, poderá redistribuírse o orzamento nos termos recollidos no artigo 10.13 das bases reguladoras, polo que poderán tamén incorporarse, de ser o caso, os remanentes correspondentes ao orzamento que non se puidese destinar ao financiamento de investimentos directos pola Comunidade Autónoma».

Segundo. Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará a modificación do prazo establecido para presentar as solicitudes.

Terceiro. Esta modificación producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2025

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia