BDNS (Identif.): 817368.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos que deban figurar como titulares dunha autorización de vertedura dun sistema de depuración autónomo dun núcleo rural illado de quince ou menos vivendas situado no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.
Segundo. Obxecto
Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a concellos para a instalación de sistemas de depuración autónomos na Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa e convocar estas subvencións para o ano 2025 (código de procedemento AU300B).
Terceiro. Bases reguladoras
Publícase conxuntamente este extracto coa Resolución do 17 de febreiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas a concellos para a instalación de sistemas de depuración autónomos no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento AU300B).
Cuarto. Importe
As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe de setecentos dezaoito mil seiscentos setenta e sete euros (718.677,00 €).
O importe das subvencións será do 100 % do investimento da actuación proposta, ata esgotar o crédito da convocatoria e cos límites máximos por solicitude que se indican a seguir (IVE incluído):
a) Cinco mil euros (5.000 €) en núcleos rurais illados de menos de 4 vivendas unifamiliares.
b) Dez mil euros (10.000 €) en núcleos rurais illados de entre 4 e 8 vivendas unifamiliares.
c) Quince mil euros (15.000 €) en núcleos rurais illados de máis de 8 e ata un máximo de 15 vivendas unifamiliares.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 7 de marzo de 2025 e rematará ás 14.00 horas do día 7 de abril de 2025.
Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2025
Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta de Augas de Galicia
