En Galicia, a evacuación das augas residuais domésticas mediante descarga a un sistema de sumidoiros colectivo non sempre é a solución máis axeitada, tanto desde o punto de vista técnico como desde o económico.
Todas as vivendas que non vertan as súas augas a unha rede pública de sumidoiros deben, obrigatoriamente, estar equipadas cunha solución de saneamento autónomo individual para xestionar de forma axeitada as súas augas residuais domésticas.
Factores como a elevada dispersión da poboación, unha topografía accidentada ou a elevada pluviometría fan que o saneamento autónomo sexa a solución óptima para resolver moitos problemas do saneamento nas contornas rurais. Así, ben que o saneamento autónomo foi considerado durante moito tempo como una solución temporal á espera da súa conexión ao sistema de saneamento municipal, os novos enfoques e criterios no deseño de esquemas de saneamento descentralizado mostran que, en moitas ocasións, son unha solución tecnicamente eficaz, económica e ambientalmente sustentable a longo prazo.
Ben que o obxectivo prioritario é previr calquera risco para a saúde, propia e da veciñanza, tamén o é limitar o impacto sobre o ambiente e participar así no esforzo colectivo de protección dos recursos hídricos.
Toda vivenda sen posibilidade de acometida aos sumidoiros públicos deberá utilizar sistemas individualizados separados, un para a evacuación de augas pluviais e outro de evacuación de augas residuais dotado dun sistema de depuración particular. As augas pluviais poderán almacenarse para a súa posterior utilización na propia vivenda, ou ben evacuarse ao terreo, preferiblemente, ou a unha canle natural ou a unha rede de drenaxe pluvial pública.
A evacuación de augas residuais deberá realizarse conectándoa ao sistema de sumidoiros públicos. Non obstante, as ordenanzas municipais reguladoras dos servizos de xestión de sumidoiros poden establecer unha distancia máxima a partir da que non é obrigatoria esta conexión. En ausencia desa ordenanza, será de aplicación a distancia de 50 metros recollida no Regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia, aprobado polo Decreto 141/2012, do 21 de xuño.
O artigo 30 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, configura a colaboración entre administracións como un principio para conseguir os obxectivos comúns nas políticas de abastecemento, saneamento e depuración de Galicia.
Por estes motivos, considerouse necesario cooperar cos concellos a través dunha convocatoria de subvencións destinada á realización de sistemas de depuración autónomos na Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.
A resolución que agora se aproba ten a vontade de continuar na liña de colaboración iniciada coas entidades responsables de sistemas de saneamento, para que estas poidan xestionar coa maior dilixencia, eficacia e eficiencia posibles as súas competencias nunha materia tan importante como é a prestación dos servizos de saneamento e depuración.
En consecuencia, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade coa Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a concellos para a instalación de sistemas de depuración autónomos na Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, e convocar estas subvencións para o ano 2025 (código de procedemento AU300B).
2. A finalidade destas subvencións é contribuír a que as vivendas unifamiliares dos núcleos rurais illados xestionen de forma axeitada as súas augas residuais domésticas a través dunha solución de saneamento autónomo.
Artigo 2. Réxime de concesión
A concesión destas subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
As solicitudes de subvención presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras recollidas nesta resolución de convocatoria resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude correcta e completamente presentada e ata o esgotamento do crédito.
Artigo 3. Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos que deban figurar como titulares dunha autorización de vertedura dun sistema de depuración autónomo dun núcleo rural illado de quince ou menos vivendas situado no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.
2. Para poder obter a condición de entidades beneficiarias, todos os concellos solicitantes deberán:
a) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
b) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.
3. Ningún solicitante poderá presentar máis dunha solicitude. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.
4. As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados pola persoa titular da alcaldía presidencia ou pola persoa en que estea delegada a competencia no momento da dita sinatura, acreditándose esta circunstancia.
Artigo 4. Actuacións subvencionables e requisitos das solicitudes
1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde a data de publicación desta convocatoria de subvencións destinados á instalación de sistemas de saneamento autónomo e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que os sistemas de saneamento autónomo que se instalarán se sitúen no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.
b) Que as augas residuais procedan de vivendas unifamiliares, ata un límite de quince. Non será subvencionable a instalación de sistemas de saneamento autónomo para máis de quince vivendas.
c) Que os rendementos de depuración que se acadarán coas instalacións de depuración ou as porcentaxes mínimas de redución, cumpran os seguintes valores, ben referidos ao límite de parámetros ou ben referidos á porcentaxe mínima de redución, alternativos:
|
Parámetros |
Límite |
Porcentaxe mínima de redución |
|
DBO5 |
200 mg/l |
20 % |
|
DQO total |
300 mg/l |
30 % |
|
Sólidos en suspensión |
150 mg/l |
50 % |
|
Aceites e graxas |
25 mg/l |
- |
|
Deterxentes |
3 mg/l |
- |
d) Que o volume de almacenamento total sexa igual ou maior a dous metros cúbicos e que teñan como mínimo dúas cámaras.
e) Que, cando resulte exixible para a obtención da autorización de vertedura, o sistema dispoña da preceptiva marcación CE conforme coa norma UNE-EN 12566, ou norma que no futuro a substitúa.
f) Que a vertedura se produza por infiltración no terreo mediante un sistema de evacuación soterrado.
g) Que non se instalen a menos de vinte metros dunha captación subterránea, consonte o disposto no artigo 23.3.a) da normativa do Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, aprobado polo Real decreto 48/2023, do 24 de xaneiro.
2. Os solicitantes desta subvención deberán contar con autorización de vertedura ou co xustificante de ter solicitado a dita autorización antes do momento da xustificación da subvención.
3. Non será subvencionable a instalación de sistemas de saneamento autónomo en lugares en que sexa obrigatorio conectarse á rede de saneamento municipal en virtude do disposto na ordenanza municipal reguladora do servizo de saneamento ou, en ausencia desta previsión, que se atopen a menos de cincuenta metros da rede de sumidoiros municipal, consonte o disposto no artigo 7.7 do Regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia, aprobado polo Decreto 141/2012, do 21 de xuño.
4. A entidade local solicitante deberá ser propietaria do terreo en que se pretende instalar o sistema de saneamento autónomo ou acreditar a súa dispoñibilidade.
Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase na fase de solicitude, mediante a sinatura da correspondente declaración responsable de propiedade e plena dispoñibilidade incluída no anexo I.
No caso de que o concello non sexa o titular do inmoble deberá achegarse a documentación acreditativa da dispoñibilidade dos terreos.
Todo isto sen prexuízo das comprobacións que se poidan realizar para tal efecto desde Augas de Galicia e que poden comprender a solicitude da documentación acreditativa da titularidade ao interesado.
5. Todas as actuacións deberán contar, sempre e en todo caso, cos informes ou autorizacións, municipais ou sectoriais, que sexan precisos.
O cumprimento deste requisito acreditarase na fase de xustificación, sen prexuízo da declaración responsable na fase de solicitude.
6. O incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste artigo constituirá causa de inadmisión da solicitude ou de perda do dereito ao cobramento da subvención, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.
Artigo 5. Gastos subvencionables
1. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
2. Será gasto subvencionable a adquisición dun sistema de saneamento autónomo. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda.
3. Non serán gastos subvencionables, ademais dos recollidos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os gastos de adquisición de equipamento e materiais de segunda man; de actuacións de mantemento que se realicen periodicamente para manter o sistema de abastecemento autónomo; de xuros; de recargas; de sancións administrativas; de sancións penais, nin de procedementos xudiciais.
Artigo 6. Crédito
1. As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe de setecentos dezaoito mil seiscentos setenta e sete euros (718.677,00 €).
2. Se antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes se esgota o crédito dispoñible, anunciarase esta circunstancia a través da páxina web de Augas de Galicia.
Artigo 7. Ampliación de crédito
Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, prevese a posibilidade de ampliar o crédito nas circunstancias previstas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
A ampliación de crédito queda condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
Augas de Galicia publicará a ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes, nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.
Artigo 8. Importe máximo das subvencións
1. O importe das subvencións será do 100 % do investimento da actuación proposta, ata esgotar o crédito da convocatoria e cos límites máximos por solicitude que se indican a seguir (IVE incluído):
a) Cinco mil euros (5.000 €) en núcleos rurais illados de menos de 4 vivendas unifamiliares.
b) Dez mil euros (10.000 €) en núcleos rurais illados de entre 4 e 8 vivendas unifamiliares.
c) Quince mil euros (15.000 €) en núcleos rurais illados de máis de 8 e ata un máximo de 15 vivendas unifamiliares.
Artigo 9. Compatibilidade das subvencións
1. Estas subvencións serán compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.
As entidades solicitantes deberán declarar todas as subvencións que teñan solicitado e/ou obtido para o mesmo fin.
2. As entidades beneficiarias están obrigadas a comunicarlles ás entidades concedentes a obtención de subvencións ou axudas que financien as actividades obxecto desta resolución.
3. A obtención de subvencións ou axudas concorrentes non poderá superar o custo total da actividade subvencionada. Cando se produza exceso das subvencións ou axudas percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade e estas fosen compatibles entre si, a entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación.
O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións outorgadas por cada unha delas. Con todo, cando sexa a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que advirta o exceso de financiamento, exixirá o reintegro polo importe total do exceso, ata o límite da subvención outorgada por ela.
Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 7 de marzo de 2025 e rematará ás 14.00 horas do día 7 de abril de 2025.
Artigo 11. Forma e lugar de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. No formulario, que figura como anexo I desta resolución, o solicitante declara o seguinte:
a) Que acepta as condicións e demais requisitos exixidos na resolución de convocatoria.
b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
c) O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou conceptos financiados ao abeiro da resolución de convocatoria, e o compromiso de comunicar de contado cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
d) Que a conta xeral do concello correspondente ao exercicio orzamentario de 2023 foi remitida ao Consello de Contas de Galicia antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes que regula esta resolución.
e) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Que cumpre os requisitos que para poder obter a condición de beneficiario se recollen no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
g) Que é propietario, ou ten a dispoñibilidade para realizar as actuacións obxecto da subvención, da parcela onde se pretende instalar o sistema de saneamento autónomo, coa referencia catastral que se indica.
h) Que a vertedura obxecto da solicitude non está obrigada a conectarse á rede de saneamento municipal en cumprimento do disposto na ordenanza municipal ou, subsidiariamente, no Regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia, aprobado polo Decreto 141/2012, do 21 de xuño.
i) Que ten autorización de vertedura de Augas de Galicia ou, na súa falta, que a solicitará antes da finalización do prazo de xustificación da subvención.
j) Que solicitou ou vai solicitar todos os informes ou autorizacións, municipais ou sectoriais, que sexan precisos antes da finalización do prazo de xustificación da subvención.
k) Que as actuacións para as cales se solicita a subvención teñen a consideración de gastos subvencionables e non estaban finalizadas con anterioridade á publicación da convocatoria destas subvencións.
l) O carácter repercutible ou non do imposto sobre o valor engadido por parte do beneficiario, de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido.
m) Que as augas residuais proveñen de vivendas unifamiliares, indicando o seu número.
n) Que a vertedura se producirá por infiltración no terreo mediante un sistema de evacuación soterrado.
ñ) Que o sistema de saneamento autónomo non se instalará a menos de vinte metros dunha captación subterránea.
3. Todo isto sen prexuízo das comprobacións que se poidan realizar desde Augas de Galicia e que poden comprender a solicitude da documentación que se considere necesaria para a tramitación do procedemento.
Artigo 12. Documentación complementaria
1. As entidade locais interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Unha memoria descritiva onde se detallen as actuacións que se van executar para a instalación do sistema de saneamento autónomo. O documento terá o seguinte contido mínimo:
1. Núcleo que estará conectado ao sistema de saneamento autónomo e o número de vivendas.
2. Caudal máximo de vertedura.
3. Localización exacta do punto de vertedura expresada en coordenadas UTM.
4. Descrición dos sistemas de saneamento autónomo (características construtivas e dimensións, funcionamento, mantemento e plano acoutado).
5. Plano de localización en que se reflicta o punto de vertedura.
b) Orzamento detallado. Os conceptos incluídos no orzamento deberán contar co detalle suficiente para que Augas de Galicia poida comprobar a natureza dos gastos e se estes son subvencionables segundo o regulado na convocatoria.
c) Documentación acreditativa da dispoñibilidade dos terreos no suposto de non ter a súa propiedade.
d) Aqueles solicitantes que non teñan ao seu nome na base de datos do catastro a parcela onde se pretende instalar o sistema de saneamento autónomo deberán presentar a documentación acreditativa da titularidade daquela: escritura de propiedade, nota simple informativa do rexistro da propiedade, testamento ou calquera outro título válido en dereito.
2. A falta de presentación da documentación indicada neste artigo poderá ser obxecto de requirimento de emenda e aplicarase o previsto nesta resolución no suposto de non atender ao requirimento.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algún dos solicitantes interesados presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. O tamaño máximo previsto para a presentación electrónica de documentos é de 2 GB por presentación.
7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
O procedemento que se seguirá para presentar documentación de gran tamaño pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia a través da seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/axuda/preguntas-frecuentes?content=pregunta-frecuente_0068.xml
Artigo 13. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas que deba emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria.
d) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social que deba emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
e) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
g) Concesión de subvencións e axudas.
h) Consulta da titularidade catastral.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos correspondentes.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 14. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efecturanse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efecturanse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 15. Publicación dos actos
1. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a ampliación do crédito da convocatoria e a relación de subvencións que se concedan.
2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal), a ampliación do crédito da convocatoria, o esgotamento do crédito da convocatoria e a relación de subvencións que se concedan.
Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 17. Órganos competentes e instrución
1. A unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento será a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico de Augas de Galicia, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.
2. Revisadas as solicitudes e a documentación que se presente con elas, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento requirirá o solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se considerará que desiste da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, despois de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.
Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal de Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou consellería competente en materia de facenda e da verificación do DNI/NIE.
Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa correcta e completamente presentada.
3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento poderá requirir os solicitantes para que presenten a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación das solicitudes presentadas.
4. Os requirimentos realizaranse nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
5. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nesta resolución e no resto de normativa aplicable para poder ser entidade beneficiaria das subvencións.
Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que se achegue.
6. En relación con aquelas solicitudes que estean completas e cumpran coas condicións exixidas, o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución en que consten esas circunstancias e que da información que ten no seu poder se desprende que os concellos propostos como beneficiarios cumpren todos os requisitos necesarios para acceder ás subvencións.
Artigo 18. Resolución, notificación e recursos
1. Unha vez realizada a proposta de resolución, a persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia ou a persoa en quen delegue ditará a resolución do procedemento.
A resolución acordará tanto o outorgamento das subvencións como a desestimación e a non concesión por desistencia, renuncia ao dereito, esgotamento do crédito ou imposibilidade material sobrevida.
2. O prazo para ditar a resolución do procedemento iniciado en virtude desta convocatoria será de tres meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
3. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entenderen desestimada por silencio administrativo a súa solicitude de concesión da subvención.
4. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.
Artigo 19. Modificación da resolución
O órgano competente para a concesión destas subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia do concello beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
A modificación da resolución nestes supostos non implicará o incremento do importe da subvención inicialmente concedida.
Artigo 20. Aceptación
1. Os concellos beneficiarios disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.
2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención, de conformidade co artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Os concellos beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos.
Artigo 21. Obrigas dos beneficiarios
Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os concellos beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:
1. Cumprir o obxectivo da subvención nos prazos establecidos e co contido indicado nesta resolución.
2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.
3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
4. Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento das actuacións obxecto da subvención de acordo co establecido no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. Proceder ao reintegro das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:
a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.
b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos nesta resolución.
c) Incumprimento da obriga, de ser o caso, de achegar os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.
d) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou en calquera outro que resulte da normativa aplicable.
6. No suposto de concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, tramitar e adxudicar os contratos necesarios conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa do sector público e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas.
7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
8. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme o previsto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.
9. En relación coa subvención concedida, someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
Artigo 22. Contratación
1. Os concellos beneficiarios poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actuación subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.
Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actuación subvencionada fronte á Administración concedente.
2. A tramitación dos expedientes de contratación que procedan será realizada polos concellos beneficiarios conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, e serán as entidades locais contratantes as responsables directas das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.
3. En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
A entidade beneficiaria deberá acreditar, de ser o caso, as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.
Artigo 23. Xustificación e pagamento
1. Os beneficiarios terán de prazo para presentar a xustificación do investimento da subvención concedida ata o 15 de outubro de 2025.
2. Para o cobramento da subvención outorgada deberá achegarse, segundo o modelo do anexo II desta resolución, solicitude de cobramento da subvención asinada electronicamente pola persoa representante da entidade beneficiaria, na cal se declara:
1º. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
2º. Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.
Para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.
3. Xunto co anexo II deberá achegarse a seguinte documentación:
a) Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a axuda, consonte o disposto no artigo 8 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
b) Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do concello beneficiario, co visto e prace do/da alcalde/sa, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, na cal se faga constar:
1º. O acordo de aprobación polo órgano competente do concello beneficiario das facturas e, no caso de obras, das correspondentes certificacións de obra, no cal conste que se cumpriu a finalidade para a cal foi concedida a subvención.
2º. Que, segundo informe da intervención municipal, se tomou razón na contabilidade, en fase de recoñecemento da obriga, dos gastos correspondentes á execución do proxecto subvencionado.
3º. Que, segundo informe da persoa secretaria do concello, na tramitación e contratación das obras e/ou equipamentos se cumpriu a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe os contratos do sector público.
c) Memoria explicativa asinada electronicamente do investimento realizado e dos resultados obtidos, que inclúa unha reportaxe fotográfica.
d) Facturas ou documentos con valor probatorio no tráfico mercantil e administrativo (identificarase o provedor, o NIF, o número da factura ou documento equivalente, o concepto, o importe, a data de emisión e a data de recoñecemento da obriga polo órgano competente), que xustifiquen a execución do proxecto que serviu de base á resolución de concesión.
Os gastos xustificados deberán axustarse aos conceptos incluídos no orzamento inicial. Non se aboará máis que o importe xustificado e ata o límite da subvención concedida.
As facturas que se presenten como xustificación dos gastos realizados deberán detallar as unidades e os prezos unitarios. De non vir correctamente tipificado o gasto nas facturas presentadas poderase perder o dereito a cobrar a subvención concedida.
e) Xustificante de estar en posesión da autorización de vertedura de Augas de Galicia ou de tela solicitado antes da finalización do prazo de xustificación da subvención.
f) Informes ou autorizacións, municipais ou sectoriais, que sexan precisos segundo o caso concreto, ou xustificantes de telos solicitado.
4. A entidade pública empresarial Augas de Galicia poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.
5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto no artigo 45.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
6. Augas de Galicia poderá realizar as visitas e inspección que considere necesarias para comprobar o cumprimento das obrigas asumidas polas persoas beneficiarias.
Artigo 24. Incumprimento das obrigas
1. O órgano concedente poderá revogar a concesión da subvención se a entidade beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.
2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na restante normativa que sexa de aplicación dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.
3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o procedemento de reintegro oportuno, que se axustará ao previsto no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
4. Aos concellos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Artigo 25. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 26. Medidas antifraude
1. É de aplicación ao procedemento recollido nesta resolución o Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da entidade pública empresarial Augas de Galicia, que pode consultarse na seguinte ligazón:
https://augasdegalicia.xunta.gal/c/document_library/get_file?file_path=/portal-augas-de-galicia/plans/resto_plans/PlanMedidasAntifraudeAugasdeGalicia.pdf
2. Augas de Galicia empregará como canle de denuncias o sistema posto en funcionamento, á disposición da cidadanía, a partir do 1 de xaneiro de 2022, no Sistema integrado de atención á cidadanía (Siaci) (https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencion-a-cidadania?langId=gl_ES), onde os cidadáns poden denunciar calquera irregularidade ou conduta de fraude. A presentación de denuncias nesta canle, que precisará da identificación electrónica da persoa denunciante para evitar suplantacións ou denuncias automatizadas, será tratada pola Administración autonómica garantindo o anonimato da persoa denunciante, de xeito que os órganos que deban investigar a denuncia non coñezan a identidade do denunciante.
A canle, ademais da cidadanía, poderá ser utilizada polos empregados públicos para presentar medidas de mellora dos procedementos ou das accións antifraude. Tamén na canle se poderán denunciar incidencias que sexan realizadas por empresas ou por beneficiarios de subvencións.
No punto de acceso electrónico á canle de denuncias, situado no Siaci, figurará unha declaración da Xunta en que constará expresamente que, con independencia da necesaria identificación electrónica para a presentación da denuncia, os datos serán tratados anonimizadamente mediante tecnoloxías de información para garantir a indemnidade da persoa denunciante e evitar calquera tipo de eventual represalia sobre ela, en termos semellantes aos establecidos na directiva europea.
A xestión da canle de denuncias corresponderá á Dirección Xeral de Simplificación Administrativa.
3. A investigación e tratamento das denuncias presentadas axustarase ao disposto nos puntos 2.3.2 e 2.3.3 do Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.
Disposición adicional primeira. Definición de vivenda unifamiliar
Para os efectos da consideración dunha vivenda como unifamiliar terase en conta o disposto na epígrafe C.2 do anexo I do Decreto 29/2010, do 4 de marzo, polo que se aproban as normas de habitabilidade de vivendas de Galicia.
Disposición adicional segunda. Ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa
O territorio da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa poderá consultarse no enderezo electrónico da páxina web do sistema de información IDE-DHGC (Infraestrutura de datos espaciais da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa), que estará dispoñible desde o enderezo electrónico da páxina web corporativa de Augas de Galicia (na actualidade, https://augasdegalicia.xunta.gal).
Disposición adicional terceira. Tramitación da autorización de vertedura
1. Os solicitantes da subvención deberán contar coa autorización de vertedura ou co xustificante de tela solicitado con anterioridade á xustificación da subvención.
Para a tramitación da autorización de vertedura atenderase o disposto no Regulamento do dominio público hidráulico, que desenvolve os títulos preliminar, I, IV, V, VI e VII da Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril, en xeral, e, en particular, e para o caso das verteduras de augas residuais domésticas que non superen os 50 habitantes equivalentes, atenderase o disposto no artigo 253.bis do dito regulamento.
O procedemento para a tramitación da autorización de verteduras detállase na web de Augas de Galicia na seguinte ligazón:
https://augasdegalicia.xunta.gal/seccion-tema/c/Tramitacion_AHG_obras_saneamento?content=/Portal-Web/Contidos_Augas_Galicia/Seccions/autorizacions-vertidos/seccion.html&sub=subseccion01/
2. A concesión da autorización de vertedura procedente do sistema de saneamento autónomo non supón que se cumpran os requisitos para conceder a subvención para a súa instalación, requisitos que deberán ser atendidos no correspondente procedemento de tramitación desta solicitude de subvención.
3. A concesión da subvención para a instalación do sistema de saneamento autónomo non supón que se cumpran os requisitos para conceder a autorización de vertedura, requisitos que deberán ser atendidos no correspondente procedemento de tramitación desta solicitude de autorización.
Disposición adicional cuarta. Guía para a configuración dun saneamento autónomo
Na seguinte ligazón de Augas de Galicia pode consultarse a Guía para a configuración de solucións de saneamento autónomo ata 10 habitantes: https://augasdegalicia.xunta.gal/c/document_library/get_file?folderId=738433&name=DLFE-68079.pdf
Disposición adicional quinta. Delegación de competencias
Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia a competencia para resolver o procedemento de concesión de subvencións, para ampliar o crédito da convocatoria, para ampliar o prazo de xustificación ou para calquera outra modificación da resolución e para outras incidencias que poidan xurdir na súa tramitación, así como a competencia para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Disposición adicional sexta. Impugnación da convocatoria
Contra esta resolución poderá interpoñerse, ante a Presidencia de Augas de Galicia, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da resolución
Facúltase a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia para ditar cantas resolucións sexan precisas para o desenvolvemento da convocatoria de subvencións.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2025
Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta de Augas de Galicia
