DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 28 de febreiro de 2025 Páx. 14856

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2025 pola que se publica o Plan de formación continua dos corpos da Policía Local de Galicia para o primeiro semestre do ano 2025.

Tras ser aprobado o Programa anual de actividades para o ano 2025 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) polo Consello Reitor con data do 19 de febreiro de 2025 e de acordo co establecido no artigo 9.2.b) da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, faise público o plan de formación continua do ano en curso, dirixido ao persoal dos corpos da Policía Local de Galicia, no anexo I desta resolución, así como as bases xenéricas que rexen a súa convocatoria.

A Estrada, 20 de febreiro de 2025

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Primeiro. Plan de formación

Os cursos de formación continua aprobados polo Consello Reitor da Agasp con data do 19 de febreiro de 2025, dirixidos ao persoal dos Corpos da Policía Local de Galicia, divídense nas seguintes áreas temáticas:

1. Tráfico e seguridade viaria.

2. Policía comunitaria, de proximidade e de convivencia.

3. Informática.

4. Xurídica e administrativa.

5. Táctica policial.

6. Utilización de medios de dotación policial.

Así, a listaxe das accións formativas aprobadas é a que se sinala a seguir:

FC. Tráfico e seguridade viaria

Operadores de radar

Detección de drogas na condución

Cultura viaria e xestión do tráfico

Investigación e reconstrución de accidentes de tráfico

Avanzado en VPM. Mobilidade urbana e informe pericial

Análise dos vehículos na mobilidade urbana

Avanzado en matriculación de vehículos

Actualización en materia de tráfico e seguridade viaria

FC. Policía comunitaria. Policía de proximidade. Convivencia

Mediación e resolución de conflitos veciñais

Técnicas de comunicación e escalada de conflitos

Igualdade e diversidade no ámbito policial

Policía de proximidade. Plans de seguridade participativa

Investigación dos delitos de odio

Atención a persoas con discapacidade e mobilidade reducida

Novas drogas. Consumo xuvenil: detección e intervención

Menores en situación de risco: detección e intervención

Abuso do alcohol en adolescentes: prevención e control policial

Intervención policial con persoas con trastornos psiquiátricos

Perfís de persoas maltratadoras

Violencia filio-parental

Actuación en crises de persoas suicidas ou crises autolesivas

Aspectos básicos dos trastornos de personalidade

Síntomas dos brotes psicóticos e como actuar na vía publica

Pornografía infantil

Intervención nas festas xuvenís e botellóns, a seguridade e saúde públicas

A ludopatía na adolescencia

Alcoholismo: ferramentas e recursos

O ocio nocturno

FC. Área informática

Proba dixital e confidencialidade

Privacidade das redes sociais e APP de mensaxaría

Elaboración de informes de correcta recolección de evidencias (HASH)

Tecnoloxía Blockhain

Aplicacións espía, malware e dispositivos IOT

Iniciación na intelixencia artificial. Aplicación policial

Deseño e implementación dos sistemas de xestión de calidade nos servizos policiais

FC. Área xurídica. Policía administrativa

Protección ambiental

Videovixilancia e protección de datos

Novas drogas de síntese: identificación e efectos

Aspectos legais e éticas nas entrevistas con menores

Detención policial. Procedemento integral. Aspectos xurídicos

Delitos contra a liberdade sexual

Aspectos básicos da criminoloxía

Espectáculos públicos e actividades recreativas

Función da policía local en materia de urbanismo

FC. Táctica policial

Grappling policial

Actuación con persoas axitadas e emocionalmente descontroladas

Reacción armada e sanitaria como primeiro interveniente

Procedementos de interceptación operativa de vehículos. Ed. 1

Procedementos de interceptación operativa de vehículos. Ed. 2

Procedementos de intervención policial por binomios e equipos

Entrada, progresión e rexistro de inmobles. Ed. 1

Entrada, progresión e rexistro de inmobles. Ed. 2

Entrada, progresión e rexistro de inmobles. Nivel 2

Reacción armada e sanitaria como primeiro interveniente (nivel 2)

Negociación policial do axente. Defensa verbal e persuasión

Curso básico de tiro + stop the bleed

Intermedio de tiro + stop the bleed

Avanzado de tiro + stop the bleed

Operativa policial

Xestión do estrés e benestar

Intervención en incendios urbanos. Coordinación co persoal de emerxencias

Microexpresión e linguaxe non verbal

Protección de personalidades en edificios públicos

FC. Utilización de medios de dotación policial

Formación integral de tiro con arma curta AC1

Formación integral de tiro con arma curta AC2

Formación integral de tiro con arma curta TTAC

TBL. Tiro en condicións de baixa luminosidade

Introdución á operativa policial en dispositivos con guías caninos de cans detectores. Ed. 1

Introdución á operativa policial en dispositivos con guías caninos de cans detectores. Ed. 2

Básico de operativa policial en dispositivos de guías caninos

Instrutor de tiro

Monitor de educación viaria

Real decreto 517/2024, do 4 de xuño, de réxime xurídico para a utilización civil de UAS

Inmobilizador electrónico

Segundo. Programación, datas, horas, contidos e convocatoria

A programación e a convocatoria dos cursos descritos con anterioridade realizaranse a través da páxina web da Agasp (https://agasp.xunta.gal/es) de forma individual ou agrupados por materias, dependendo da formación convocada.

A información relativa ao horario, datas de realización e modalidade de impartición estará dispoñible no momento da súa convocatoria na ficha de cada curso, de acordo co código numérico polo cal se convoque.

Todos os cursos convocados a través de resolucións publicadas na páxina web da Agas, pecharán a súa inscrición, sempre que se completasen as prazas previstas, con 10 días hábiles de antelación ao inicio de cada curso.

No anexo desta resolución publícanse as bases xenéricas que rexerán os cursos publicados nela e que serán convocados a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública.

Naqueles cursos que, pola súa especificidade, requiran requisitos individuais ou criterios específicos para o acceso a eles, estes serán establecidos na súa convocatoria.

ANEXO II

Bases

Primeira. Persoal destinatario

Poderán participar nos cursos convocados por esta resolución os/as policías locais de Galicia que se encontren en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que, de se producir esta situación, os/as interesados/as deberán comunicarllo á Agasp de maneira inmediata. No caso de non facelo serán penalizados coa non participación en accións formativas da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte a aquel en que se teña coñecemento do feito, e no caso de estar a realizar efectivamente un curso, non se emitirá diploma deste.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

Con carácter xeral, reservarase o 10 % das prazas convocadas para persoal das forzas e corpos de seguridade do Estado que traballen en Galicia, porcentaxe que poderá ser superada no suposto de quedaren prazas vacantes.

Así mesmo, no caso de haber prazas vacantes, poderá acceder aos cursos convocados a través desta resolución o persoal dependente da Axencia Galega de Emerxencias e do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112-Galicia.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Segunda. Solicitudes

1. O persoal que desexe participar nos cursos que sexan convocados deberá facelo a través da solicitude que se xera automaticamente cando se convoca na páxina web da Agasp.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non ser correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos/ás interesados/as.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano, computado desde o momento en que se detecte o feito.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. No caso de encontrarse nalgún dos supostos que a continuación se indican, o/a solicitante deberá remitirlle á Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación (non será preciso se tal documentación xa consta en poder da Agasp; neste caso deberá comunicalo na propia solicitude):

a) Profesionais que estean gozando ou gozasen nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

5. Cando o curso para o que presenta a solicitude requira a presentación de documentación complementaria co obxecto de acreditar circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, deberá remitir tal documentación por correo electrónico (formacion.agasp@xunta.gal) ou segundo o establecido no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. O prazo de presentación de solicitudes será desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación da convocatoria dos cursos ata as 14.00 horas do día final de inscrición, que se indicará na propia convocatoria e que en todo caso non pode ser inferior aos 10 días hábiles anteriores á súa realización.

7. O número máximo de cursos que se poden realizar por semestre limítase a 5, pero poderá ser admitido/a en máis cursos, unha vez superado este límite, se hai prazas vacantes nos cursos solicitados.

8. Non está permitido realizar cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro en que xa foi seleccionado debe renunciar a un deles. No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades non se expedirá certificación de ningunha delas e o/a alumno/a non poderá participar noutros cursos durante un ano desde que se detecte este feito.

A previsión contida neste punto número 8 inclúe as clases de telepresenza dos cursos convocados na modalidade de teleformación deste organismo.

Terceira. Criterios xerais de selección

Os criterios xerais de selección son os que a continuación se indican, sen prexuízo de que para cursos específicos se requiran outros diferentes, o cal se indicará na ficha de cada acción formativa concreta:

1. Menor número de cursos realizados na Agasp nos dous últimos anos.

2. Por orde de inscrición.

Terán preferencia na selección os/as candidatos/as que estean gozando ou gozasen, nos dous últimos anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución da xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares, sempre que cumpran cos requisitos obxectivos para ser destinatarios/as do curso.

Ademais, de conformidade co establecido no artigo 37 bis da Lei 7/2004, para a igualdade de homes e mulleres, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas organizadas ou financiadas pola Administración pública galega reservarase un 50 % das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

Cuarta. Admisión

1. A Agasp publicará na súa páxina web a relación de persoas seleccionadas para participar en cada curso, así coma un número adecuado de reservas, polo menos 5 días antes do inicio de cada curso.

O alumnado seleccionado será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitarlles aos concellos de procedencia todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

2. O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas ou necesidades do servizo, sempre que se acredite documentalmente o feito alegado polo/a xefe/a do corpo da Policía Local do concello en que traballe ou pola persoa responsable del.

No caso de cambios de cuadrante ou quendas de traballo, deberán quedar acreditados suficientemente os seus motivos e que se coñeceron con posterioridade á solicitude de inscrición no curso.

A renuncia debe ser comunicada por escrito a través do modelo que figura na páxina web da Agasp e cunha antelación de 3 días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A renuncia non xustificada ou a non acreditación documental da causa que a produce suporá a exclusión da persoa seleccionada nos seguintes 10 cursos que convoque o Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp e nos que a persoa figure como posible destinataria, sen contar edicións repetidas, cursos xa realizados e que, como mínimo, teñan a mesma carga horaria do curso polo cal foi penalizada.

Quinta. Asistencia aos cursos

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos.

Durante a realización dos cursos levarase un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto, e poderán realizarse controis de asistencia extraordinarios.

Unicamente se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente acreditadas e, en ningún caso, poderá superar o 10 % das horas lectivas.

A ausencia xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma. No caso de haber unha segunda edición do curso en cuestión, o Servizo de Formación en Seguridade Pública poderá valorar a posibilidade de que o/a alumno/a poida recuperar as horas non realizadas na edición anterior. En todo caso, para poder valorar esta posibilidade non poden transcorrer máis de seis meses entre unha edición e a seguinte.

A falta de asistencia dun número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou a falta de acreditación documental da causa alegada no só dará lugar á perda do dereito ao diploma do curso, senón tamén á penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte ao da finalización do curso.

2. O alumnado asistirá aos cursos co uniforme regulamentario. No caso de non facelo, e non existir causa suficientemente xustificada, a Agasp poderá impedir a asistencia ao curso e non emitirá diploma nin certificado acreditativo ningún.

En relación cos cursos que se realizarán na modalidade en liña, telepresenza e/ou formación semipresencial:

Todas as edicións dos cursos en liña, de telepresenza e/ou formación semipresencial que se convocan na presente resolución desenvolveranse da seguinte maneira:

• Lugar: a través da plataforma de formación en liña. Todos os cursos contan cunha proba final presencial na sede da Agasp.

• Estableceranse sesións de videoconferencias ou clases en directo, de obrigada asistencia, e no suposto de non asistir, non se terá por realizado nin superado o curso.

• Horario: segundo a disposición e necesidade do alumnado, agás as clases programadas por videoconferencia, en directo ou presenciais na sede da Agasp.

Cuestionarios e tarefas: durante o desenvolvemento dos cursos, o alumnado participante deberá realizar unha serie de cuestionarios e tarefas de acordo cun calendario de presentación; a non realización dalgún deles no prazo establecido será sancionada coa baixa no curso. No caso de que os exercicios non consigan un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do/da profesor/a, faráselle unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado/a de baixa no curso.

Os cuestionarios, agás a proba presencial final, e a realización das tarefas faranse a través da plataforma de formación en liña.

Aquelas actividades recollidas no anexo cuxa modalidade de impartición sexa a formación semipresencial establecerán na plataforma de teleformación o horario das clases presenciais na Agasp.

É obrigatorio conectarse nas clases de telepresenza ou clases en directo con imaxe e son (é dicir, é obrigatorio para acceder a estes cursos dispor dunha cámara web e dun micrófono ou conectarse a través dun dispositivo móbil). De non facelo, terase como non asistente.

Sexta. Certificación

– Asistencia: poderase obter o certificado de asistencia sempre que se asistise a un mínimo do 90 % das horas lectivas e se xustifiquen documentalmente, no prazo máximo de cinco días hábiles inmediatamente posteriores ao remate do curso, as faltas de asistencia que representen o 10 %.

– Aproveitamento: esta certificación expediráselle exclusivamente ao alumnado que supere as probas que se determinen sobre os coñecementos impartidos en cada curso e non supere o 10 % de faltas de asistencia xustificadas documentalmente.

Os certificados serán postos á disposición do alumnado no seu espazo persoal da páxina web da Agasp no prazo máximo de dez días hábiles desde o remate de cada curso.

Sétima. Desenvolvemento dos cursos

1. A Agasp poderá suspender a realización de actividades formativas convocadas cando sexa necesario, por motivos técnicos ou por insuficiencia de solicitudes de participación.

2. A Agasp poderá modificar as datas, os horarios, os contidos e o desenvolvemento dos cursos, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir.

3. A Agasp poderá programar cursos diferentes cando así o exixan circunstancias que afecten a organización, a xestión e a docencia.

4. A Agasp, como consecuencia da entrada en vigor de novidades lexislativas, de novos procedementos administrativos ou técnicos ou da detección de novas necesidades operativas, ou por consideralo de interese para o persoal dos corpos da Policía Local, poderá formular novas accións formativas non expostas nesta resolución ou ben modificar as aprobadas para axustar os seus contidos.