A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dedica unha especial atención á educación de persoas adultas, co obxectivo de que todos os cidadáns teñan a posibilidade de adquirir, actualizar, completar ou ampliar os seus coñecementos e aptitudes para o seu desenvolvemento persoal e profesional. No seu artigo 69 establece que as administracións educativas, no ámbito das súas competencias, organizarán periodicamente probas para a obtención directa do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos.
A Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, introduciu importantes remodelacións no currículo e a organización do bacharelato, que foron desenvolvidas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia polo Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia. Este decreto recolle na disposición adicional terceira que a consellería con competencias en materia de educación organizará probas para que as persoas maiores de vinte anos poidan obter directamente o título de bacharel sempre que demostren alcanzar os obxectivos e as competencias clave do bacharelato.
O Decreto 118/2023, do 27 de xullo, polo que se modifica o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, determina que as probas para a obtención directa do título de bacharel que se realicen na Comunidade Autónoma de Galicia a partir do curso 2024/25 se organizarán baseándose na configuración curricular establecida no Decreto 157/2022, do 15 de setembro.
A Orde do 31 de xaneiro de 2025 regula a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos no ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia.
En consecuencia, e ao abeiro da autorización que figura na disposición derradeira primeira da mencionada orde,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
Esta resolución ten por obxecto convocar a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos correspondente ao ano 2025 na Comunidade Autónoma de Galicia, con código de procedemento administrativo ED534A, conforme se dispón nos artigos seguintes.
Artigo 2. Finalidade e efectos da proba
1. A proba ten por obxecto verificar se as persoas participantes alcanzaron os obxectivos e as competencias clave do bacharelato establecidos no Decreto 157/2022, do 15 de setembro.
2. As persoas participantes que superen a proba poderán solicitar o título de bacharel.
3. No caso de non superación da totalidade da proba, as cualificacións obtidas nos exames e exercicios superados manteranse para sucesivas convocatorias.
Artigo 3. Requisitos
1. Poderán participar nesta proba as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser maior de vinte anos ou facer esa idade no ano 2025.
b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para os efectos académicos.
c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2024/25.
2. O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria da proba e, se é o caso, dos posibles resultados académicos obtidos nela.
Artigo 4. Data e lugar de realización da proba
1. A proba realizarase en Santiago de Compostela os días 24 e 25 de abril de 2025 no IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.
2. Á vista das persoas inscritas, a Dirección Xeral de Formación Profesional poderá establecer outros centros de seren necesarios para a realización da proba.
Artigo 5. Características xerais da proba e estrutura
1. A proba organizarase de xeito diferenciado segundo as distintas modalidades de bacharelato convocadas e constará de dous exercicios:
a) Primeiro exercicio: consta de cinco exames correspondentes a materias comúns a todas as modalidades de bacharelato.
b) Segundo exercicio: consta de tres exames correspondentes a materias específicas de cada modalidade.
2. Cada persoa participante realizará os exames en que figure inscrita.
3. Os exames de que consta cada exercicio son os establecidos no anexo IV desta resolución.
Artigo 6. Modalidades convocadas
1. A proba convócase para as modalidades de Ciencias e Tecnoloxía e de Humanidades e Ciencias Sociais.
2. Porén, poderán inscribirse na proba e titular pola modalidade Xeral ou de Artes na vía elixida as persoas que estean en condicións de recoñecemento do segundo exercicio conforme o establecido no anexo VI desta resolución.
Artigo 7. Tribunais
1. Para avaliar e supervisar a proba, a persoa titular da Dirección Xeral Formación Profesional nomeará un tribunal constituído por un presidente ou presidenta e catro vogais, un dos cales actuará como secretaria ou secretario, pertencentes aos corpos de inspectores de educación, de catedráticos de ensino secundario ou de profesores de ensino secundario especialistas en cada un dos ámbitos obxecto da proba e que, preferentemente, estean impartindo bacharelato e sexan membros do claustro do profesorado do centro sede da proba; designará, así mesmo, un tribunal suplente (anexo XIII).
2. Para os efectos de colaboración cos tribunais na administración e na corrección dos exercicios, poderanse constituír comisións técnicas integradas por funcionarios e funcionarias dos corpos de catedráticos de ensino secundario ou de profesores de ensino secundario especialistas nas distintas materias que compoñen a proba.
3. Para os efectos de colaboración cos tribunais na realización de tarefas técnicas de apoio, poderase propoñer a incorporación de persoal auxiliar colaborador. O persoal auxiliar deberá ter a capacidade profesional propia da función para a cal sexa designado.
4. Á vista das persoas inscritas, a Dirección Xeral de Formación Profesional poderá establecer outros tribunais de seren necesarios para a realización da proba.
Artigo 8. Medidas de accesibilidade universal e adaptación da proba
1. As persoas con necesidades educativas especiais que acrediten estar en situación de discapacidade poderán solicitar ao tribunal a adaptación do acceso, dos medios, dos procedementos ou do tempo de realización da proba, así como recursos adicionais para a desenvolver.
2. Para os efectos desta resolución, enténdese por persoa en situación de discapacidade aquela que teña recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.
3. O tribunal correspondente determinará se procede a adopción das medidas solicitadas en cada caso, comunicaralle a cada persoa interesada a adaptación ou adaptacións autorizadas e adoptará as medidas e facilitará os recursos adicionais que se determinen.
4. As solicitudes de adaptación consignarase no formulario de inscrición na proba (anexo I).
Artigo 9. Recoñecemento de estudos previos
1. As persoas interesadas poderán solicitar o recoñecemento de estudos previos de acordo co establecido nos artigos 14, 15, 16 e 17 da Orde do 31 de xaneiro de 2025 e nos anexos VI, VII e VIII desta resolución.
2. A solicitude de recoñecemento de estudos previos consignarase no formulario de inscrición na proba (anexo I).
Artigo 10. Exención de Lingua Galega e Literatura I e II
1. Consonte o establecido no artigo 18.1 do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, as persoas participantes procedentes doutra comunidade autónoma ou dun país estranxeiro poderán solicitar a exención da realización do exame correspondente ás materias de Lingua Galega e Literatura I e II.
2. A solicitude de exención consignarase no formulario de inscrición na proba (anexo I).
Artigo 11. Forma, prazo e lugar de presentación de solicitudes de inscrición
1. As persoas interesadas en participar na proba presentarán unha única solicitude de inscrición (anexo I).
2. Na solicitude de inscrición deberase indicar a modalidade de bacharelato elixida e os exames en que se solicite inscrición.
3. O prazo de presentación de solicitudes será do 6 ao 19 de marzo de 2025, ambos os dous incluídos.
4. A identidade dos solicitantes quedará acreditada mediante DNI, NIE, pasaporte ou calquera outro documento acreditativo da identidade recoñecido en dereito.
5. Debido á imposibilidade funcional para a presentación electrónica das solicitudes nos centros educativos, as solicitudes de inscrición deberán presentarse presencialmente nos centros educativos sinalados no número 6 deste artigo ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, dirixido á Dirección Xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
6. Os centros habilitados para a recepción de solicitudes son os seguintes:
• IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.
• EPAPU Eduardo Pondal, rúa da Educación, 3, 2º andar, 15003 A Coruña.
• EPAPU Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, 27003 Lugo.
• EPAPU de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4, 32002 Ourense.
• EPAPU Río Lérez, avenida de Bos Aires, 26, 36002 Pontevedra.
• EPAPU Berbés, rúa Marqués de Valterra, 8, 1º andar, 36202 Vigo.
Artigo 12. Documentación complementaria
1. Cando proceda, presentarase a seguinte documentación complementaria presencialmente nos centros educativos sinalados no número 6 do artigo 11 ou en calquera dos lugares e os rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común:
a) Pasaporte ou documento acreditativo da identidade recoñecido en dereito.
b) Certificación do ditame de discapacidade, cando este fose emitido por unha Administración distinta da Xunta de Galicia.
c) Certificacións académicas que acrediten o dereito á concesión do recoñecemento de estudos previos.
2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 13. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás cando a persoa interesada se opoña á súa consulta:
• DNI/NIE da persoa solicitante.
• DNI/NIE da persoa representante.
Consultaranse, así mesmo, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
• Certificado do grao de discapacidade recoñecida pola Xunta de Galicia.
• Historial académico dos estudos cursados en centros dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites posteriores ao inicio do procedemento deberán realizarse presencialmente nos centros educativos sinalados no número 6 do artigo 11 ou en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos para facilitar a realización dos ditos trámites que poderán ser empregados por elas.
Artigo 15. Listaxes de persoas admitidas e excluídas e prazos de reclamacións
1. O día 28 de marzo de 2025 publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.gal as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas (anexos II e III), con expresión neste último caso das causas que motivaron a exclusión.
2. Xunto coa relación de persoas admitidas sinalaranse para cada persoa solicitante os exames en que figura inscrita, con indicación, se é o caso, do recoñecemento de estudos previos realizados e da concesión da exención do exame correspondente ás materias de Lingua Galega e Literatura I e II.
3. As persoas interesadas disporán dun prazo de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da listaxe provisional para reclamacións e emendas de solicitudes mediante escrito dirixido á presidencia do tribunal, presentando, se é o caso, a documentación que consideren oportuna.
4. O día 10 de abril de 2025 publicarase a listaxe definitiva das persoas admitidas e excluídas no portal educativo https://www.edu.xunta.gal
Artigo 16. Horario de realización dos exames
A distribución temporal para a realización dos exames é a establecida no anexo V desta resolución.
Artigo 17. Normas para a realización da proba
1. Para a realización da proba as persoas participantes acreditarán a súa identidade co DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito. Non se permitirá o acceso ás persoas que non estean correctamente identificadas.
2. As persoas participantes poderán utilizar os seguintes materiais na realización da proba:
a) Nos exames correspondentes a materias que implican operacións numéricas (exames con contidos de matemáticas, física, química, economía, tecnoloxía e enxeñaría) poderán utilizar unha calculadora científica, agás as que sexan programables, gráficas ou con capacidade para almacenar e transmitir datos alfanuméricos. Os membros do tribunal poderán comprobar se a calculadora cumpre os requisitos; de non ser así, será retirada e non poderá ser substituída por outra.
b) Nos exames correspondentes ás materias de Latín e Grego, dicionario desas linguas con apéndices gramaticais pero sen páxinas de contidos literarios.
c) Nos exames correspondentes ás materias de Debuxo Técnico e Tecnoloxía e Enxeñaría, portaminas ou lapis, goma, regra milimetrada, escuadro, cartabón e compás.
d) No exame correspondente á materia de Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais, regra, escuadro ou cartabón.
3. As persoas participantes non poderán acceder á proba con auriculares, teléfonos móbiles, reloxos intelixentes nin calquera outro dispositivo de almacenamento ou de transmisión de datos. Os membros do tribunal poderán comprobar en calquera momento o cumprimento desta norma.
4. Non respectar estas instrucións, copiar, valerse de información subministrada por terceiros, utilizar material non autorizado ou calquera tipo de actuación fraudulenta detectada durante a realización dos exercicios comportará a non superación da proba na súa totalidade.
Artigo 18. Cualificación e avaliación da proba
1. A cualificación de cada un dos exames de que consta cada exercicio expresarase mediante cualificación numérica de 0 a 10 puntos sen decimais. Considerarase superado un exame cando a puntuación obtida nel sexa igual ou superior a 5 puntos.
2. Cada exercicio da proba considerarase superado cando a media aritmética das cualificacións obtidas nos exames que o compoñen sexa igual ou superior a 5 puntos e se obteña un mínimo de 4 puntos en cada un deles.
3. A nota media do título de bacharel calcularase conforme o establecido no artigo 20 da Orde do 31 de xaneiro de 2025.
4. A acta de avaliación recollerá os resultados de cada un dos exames e exercicios realizados ou recoñecidos (anexo IX).
Artigo 19. Publicación das cualificacións provisionais e reclamacións
1. O día 6 de maio de 2025 faranse públicas as cualificacións provisionais e poderanse consultar de maneira presencial no centro sede da proba ou no espazoAbalar, ao cal se poderá acceder no enderezo web https://espazoabalar.edu.xunta.gal/ con certificado dixital ou Chave365, ou a través da aplicación abalarMóbil. O acceso á aplicación móbil tras a súa descarga farase mediante o número de teléfono móbil que se facilite no formulario de inscrición na proba (anexo I), no cal se recibirá o código de acceso.
2. Contra estas cualificacións poderase presentar reclamación mediante escrito motivado dirixido á presidencia do tribunal no prazo de tres días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación.
3. As reclamacións presentaranse na secretaría do centro sede da proba ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 20. Resolución
1. Resoltas as reclamacións, o día 14 de maio de 2025 faranse públicas as cualificacións definitivas e poderanse consultar seguindo o procedemento indicado no número 1 do artigo 19.
2. Contra estas cualificacións poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes ante a Dirección Xeral de Formación Profesional, que esgotará a vía administrativa.
Artigo 21. Superación da proba
A proba considerarase superada cando se superen os dous exercicios que a compoñen.
Artigo 22. Superación parcial da proba
As persoas que non superen a proba na súa totalidade manterán a cualificación obtida nos exercicios e exames superados para sucesivas convocatorias reguladas de acordo coa Orde do 31 de xaneiro de 2025.
Artigo 23. Expedición do título de bacharel
1. As persoas participantes que superen a proba poderán solicitar a expedición do título de bacharel na modalidade que corresponda.
2. De conformidade co artigo 25 do Decreto 157/2022, do 15 de setembro, as persoas participantes que superen o primeiro exercicio da proba e estean en posesión do título de técnica ou técnico en formación profesional obterán o título de bacharel na modalidade Xeral e as que estean en posesión do título de técnica ou técnico en Artes Plásticas e Deseño ou do título profesional de Música ou de Danza, obterán o título de bacharel na modalidade de Artes.
Artigo 24. Certificacións
1. As persoas participantes poderán solicitar a certificación dos resultados obtidos na proba, que o tribunal expedirá conforme os modelos dos anexos X, XI e XII desta resolución.
2. As certificacións da proba que se soliciten con posterioridade ao proceso de avaliación serán asinadas pola directora ou director e pola secretaria ou secretario do centro sede da proba.
Artigo 25. Publicación e información
1. A relación de persoas admitidas e excluídas publicarase no portal educativo https://www.edu.xunta.gal
2. As cualificacións provisionais e definitivas poderán ser consultadas seguindo o procedemento establecido no número 1 do artigo 19.
Disposición adicional única. Efectos económicos do tribunal e das persoas asesoras especialistas
Para os efectos previstos no artigo 26.2 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servicio ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, o tribunal, as comisións técnicas e o persoal auxiliar colaborador ateranse á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal da Consellería de Facenda e Administración Pública.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2025
María Eugenia Pérez Fernández
Directora xeral de Formación Profesional
