A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG) (DOG núm. 92, do 16 de maio).
A LPCG, no seu artigo 1.1, establece que o seu obxecto é «a protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, de forma que lle sirva á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego, así como a súa investigación, valorización e transmisión ás xeracións futuras».
Así mesmo, o artigo 1.2 indica que o patrimonio cultural de Galicia está constituído, entre outros, polos bens inmobles que, polo seu valor etnolóxico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.
No artigo 8.3 da LPCG establécese que «Terán a consideración de bens catalogados aqueles bens e manifestacións inmateriais que, que polo seu notable valor cultural, sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia a través de calquera dos procedementos de inclusión previstos nesta lei. En todo caso, intégranse no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia os bens expresamente sinalados nesta lei. Os bens catalogados poden ser mobles, inmobles e inmateriais».
O artigo 25.1 da LPCG ditamina que «Os bens catalogados polo seu notable valor cultural serán incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, cuxa xestión corresponde á consellería competente en materia de patrimonio cultural».
Os hórreos galegos teñen unha especial consideración na LPCG e, como consecuencia disto, entre os seus obxectivos xerais está a súa protección. Así se recolle no seu capítulo III do título VII, referido aos bens que integran o patrimonio etnolóxico, e especialmente nos ditados do artigo 91.1 «Para os efectos desta lei, integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia», e segundo o artigo 91.3 «Para os efectos da súa posible declaración de interese cultural ou catalogación presúmese o valor etnolóxico dos seguintes bens sempre que conserven de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade». Os hórreos relaciónanse na alínea a) deste artigo.
Ben que no primeiro punto do artigo 92 a LPCG indica que serán bens de interese cultural os hórreos dos cales existan evidencias que poidan confirmar a súa construción con anterioridade a 1901, no artigo 92.2 dispón que «Os hórreos [...] cuxa antigüidade non poida ser determinada ou que fosen construídos con posterioridade á data sinalada no número 1 poderán ser declarados de interese cultural ou catalogados cando se lles recoñeza un especial valor cultural, principalmente etnolóxico».
O 2 de abril de 2021 entra no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia unha solicitude de catalogación dun hórreo situado no lugar da Gandarela, na parroquia de Labrada, no concello de Guitiriz.
No escrito de solicitude indícase que é un hórreo de cantaría e madeira duns 300 anos de antigüidade. Porén, na documentación que consta no expediente administrativo esta non queda acreditada. Segundo se recolle nos informes dos servizos técnicos do Servizo de Inventario, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, as características formais e construtivas do hórreo axústanse de forma suficiente á tipoloxía tradicional dos hórreos galegos, mantendo na mesma forma a antigüidade, integridade e autenticidade. Conclúen que o hórreo situado no lugar da Gandarela, da parroquia de Labrada, no concello de Guitiriz (Lugo), posúe un notable valor cultural que xustifica a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.
O 6 de setembro de 2023, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural resolve incoar o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do hórreo situado no lugar da Gandarela, da parroquia de Labrada, no concello de Guitiriz (DOG núm. 180, do 21 de setembro).
Nesta disposición establecíase un período de información pública dun mes, para que calquera persoa física ou xurídica puidese achegar as alegacións e informacións que considerase oportunas. Neste proceso presentouse un escrito de alegacións en que se solicitaba que o ben non fose catalogado, cuxos fundamentos foron desestimados.
Á vista dos documentos que forman parte do expediente, no cal se acredita a concreción da presunción de valores culturais legalmente recoñecidos, en especial un significativo valor etnolóxico, e no exercicio da competencia para acordar a inclusión dun ben no Catálogo do patrimonio cultural, prevista no artigo 28 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e a delegación destes asuntos na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pola Orde do 28 de xuño de 2024,
RESOLVO:
Primeiro. Acordar a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do hórreo situado no lugar da Gandarela, na parroquia de Labrada, no concello de Guitiriz, consonte a descrición que figura no anexo I e a delimitación detallada no anexo II desta resolución.
Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia, data a partir da cal se producirá a súa inclusión no catálogo con carácter definitivo.
Terceiro. Notificarlles esta resolución ás persoas interesadas no procedemento e ao Concello de Guitiriz.
Cuarto. Segundo o disposto no artigo 35.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, esta catalogación obriga o concello en cuxo territorio se localiza a incorporalo ao seu planeamento urbanístico e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación.
Disposición derradeira. Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Mª Elvira Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
ANEXO I
Descrición do ben
1. Denominación.
Hórreo no lugar da Gandarela.
2. Localización:
• Provincia: Lugo.
• Concello: Guitiriz.
• Parroquia: Labrada (Santa María).
• Lugar: A Gandarela.
• Coordenadas de localización (UTM ETRS89, fuso 29), X: 590034.23, Y:479085.54.
• Referencia catastral: 27022A220002690001QA.
3. Descrición:
Trátase dun hórreo mixto de pedra e madeira de planta rectangular estreita. A construción de dous claros vai apoiada sobre celeiro pechado orixinariamente con muros de cachotaría rematado na súa parte superior con tornarratos perimetral de pedra do tipo mesa, material tamén das columnas e dos penais, que tamén son de pedra. O cerramento dos costais e penais era de doelas ou táboas dispostas en vertical cunha travesa ou faixa horizontal en cada un dos claros. Destes só se conservan as madeiras dun dos costais e a porta, aínda que está apoiada no chan e no celeiro, baixo o penal polo que se debía entrar á cámara. Conserva os pinches e as sobrepenas, ademais do resto de elementos de cantaría. A cuberta a dúas augas é de lousas de pedra voadas sobre os costais. No pinche do penal de entrada ten un adorno tallado e sobre o pinche un lampión.
4. Usos:
O uso orixinal estaba asociado ás necesidades domésticas da casa, tanto de almacenamento como de conservación da colleita. Na actualidade, o estado ruinoso que presenta o inmoble non permiten o seu uso.
5. Estado de conservación:
O estado de conservación do hórreo é bo desde o punto de vista estrutural. A base do celeiro é de cachotaría e mantense en moi bo estado. Na parte superior apréciase unha faixa perimetral que semella ter sido revestida de cemento. As columnas de cantaría tamén se conservan en perfecto estado. Descoñécese de que material é a estrutura horizontal da cámara e da cuberta. Polo menos unha das lousas de pedra que conforman a cubrición está desprazada. O tornarratos rodea o perímetro do hórreo, salvo no penal da entrada. Posiblemente o acceso ao celeiro fose cunha escada de man de madeira.
Aínda que no costal dereito se mantén o taboado de madeira nos dous claros, faltan algunhas das táboas e, ao igual que o resto de elementos deste material, pola falta de mantemento é moi probable que se deban proceder substituír todos eles.
En xeral, a pesar de que a estrutura vertical non manifesta problemas de estabilidade, o inmoble precisa dunha rehabilitación urxente. Ademais da reparación da cuberta e do reforzo (no caso de que sexa necesario) da estrutura que a soporta, tamén é posible que sexa preciso actuar sobre o forxado e piso da cámara. As paredes costais e penais de madeira deben ser substituídas.
6. Natureza e categoría:
Natureza: ben inmoble.
Categoría: monumento.
Interese: etnolóxico.
7. Nivel de protección:
Estrutural.
8. Réxime de protección:
O hórreo, como elemento singular do patrimonio etnolóxico protexido, rexerase polos ditados do réxime de protección e conservación que definen os títulos II e IV da Lei 5/2016, do 5 de maio, do patrimonio cultural de Galicia; en concreto, pode resumirse en:
– Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.
– Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a permitirlles o acceso aos ditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora, nos termos previstos no capítulo I do título X, ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.
– Deber de comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a comunicarlle á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.
– Autorizacións: as intervencións que se pretendan realizar en bens catalogados, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección, terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural. A utilización dos bens catalogados quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.
– Nivel de protección estrutural: conservación dos elementos máis significativos e relevantes dos bens, así como daqueles que resulten máis característicos tipoloxicamente ou que sexan obxecto dunha concreta apreciación cultural.
ANEXO II
Delimitación e contorno de protección
En aplicación dos criterios sinalados no artigo 38 da LPCG, proponse un contorno de protección do elemento etnolóxico que se detalla graficamente no plano adxunto (anexo II). Este represéntase sobre a planimetría a 1:2000 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Guitiriz (plano/folla ON-048), con referencia á cartografía da sede electrónica do Catastro.
A delimitación queda literalmente xeorreferenciada mediante a cita das parcelas catastrais e o límite do solo de núcleo rural histórico-tradicional (en diante, SNR) do planeamento urbanístico vixente. Cara ao norte, sobre o solo rústico, a área que circunscribe o hórreo defínese mediante un arco. As parcelas identifícanse mediante dous grupos numéricos separados por unha barra que indican o polígono e parcela catastrais (polígono/parcela).
O contorno de protección queda definido polo perímetro que une os puntos A-B-C-D-E-F.
Tramo A-B: pártese do punto A ao nordeste da delimitación, situado na esquina noroeste da subparcela «e» da parcela 27022A220002690000MP. O punto B coincide coa esquina suroeste desta mesma subparcela «e». A liña que une os puntos A e B coincide co límite do SNR polo leste.
Tramo B-C: do punto B trázase unha liña ficticia ata o punto C, situado ao sueste da subparcela «c» da parcela 27022A220002690001QA (polígono 220/parcela 269). Esta liña atravesa a subparcela «a», na cal se sitúa o hórreo, polo que unha parte da súa superficie queda dentro do contorno de protección do ben.
Tramo C-D: seguindo desde o punto C polo límite desta subparcela «c», continúa cara ao oeste seguindo unha liña que remata cun tramo en curva e logo creba cara ao noroeste ata o punto D, situado ao final desta pequena creba.
Tramo D-E: desde o punto D trázase novamente unha liña ficticia que subdivide en dúas a superficie da subparcela «c» e continúa polo límite da parcela catastral 27022A220002690001QA, en dirección ao camiño que discorre paralelo ao límite do SNR polo norte. O punto E coincide co extremo noroeste desta parcela catastral.
Tramo E-F: desde o punto E continúa o contorno de protección polo norte, coincidindo coa delimitación do SNR definido no plano de ordenación ON-048 do PXOM, ata o punto F. Este sitúase no extremo máis ao orte da delimitación do SNR deste ámbito do núcleo da Gandarela.
Tramo F-A: o punto F anterior é o inicio dun arco de circunferencia con centro no elemento catalogado e raio de 22,50 m. Este arco remata no punto A, que coincide, así mesmo, co extremo nordeste da delimitación do SNR definida no planeamento urbanístico.
