DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Luns, 3 de marzo de 2025 Páx. 15137

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 24 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2025, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT238A).

De acordo coas atribucións que asigna o marco competencial, correspóndelle á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ao abeiro do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, favorecer a difusión da produción intelectual e creativa de Galicia noutras culturas.

Tamén é competencia da consellería a colaboración coas editoras galegas mediante accións específicas encamiñadas á promoción do libro galego tanto en Galicia como fóra da Comunidade Autónoma.

O sector editorial galego resulta clave para o desenvolvemento do país, o libro e a produción escrita constitúen na actualidade unha das bases do prestixio cultural de Galicia, por iso a Administración apoia as iniciativas profesionais da edición galega e a difusión dos seus produtos editoriais.

Por este motivo, dentro das responsabilidades que lle competen, no uso das facultades que se lle conferiron, e de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude establece subvencións de apoio ao sector editorial galego, relativas a cubrir os gastos de edición, distribución e comercialización das súas publicacións co fin de posibilitar a súa difusión, e que estas cheguen ao destinatario final, que é o público lector.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude quere, con esta orde, establecer un instrumento que, conforme a normativa legal vixente, marque as pautas para unha distribución, segundo os criterios de publicidade, obxectividade e non concorrencia, dos recursos destinados ao libro, axustada ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvención a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras de acordo co establecido na presente orde, para o que deberán estar dadas de alta antes do 1 de xaneiro de 2025, na epígrafe 476.1 edición de libros, do imposto de actividades económicas e que conten, tamén antes da citada data, cun departamento de edición en Galicia, de acordo co establecido na presente orde (código de procedemento CT238A).

As axudas van dirixidas á apoiar o sector editorial galego, no que se refire aos gastos derivados da edición (produción), publicación, distribución e comercialización das súas publicacións, nos idiomas cooficiais en Galicia ou noutros idiomas, publicadas e distribuídas entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025.

Para os efectos da presente orde, considéranse gastos de edición os de autoría, corrección, revisión, maquetación ou calquera outro gasto de similar natureza.

Publicación: custos de preimpresión, de impresión e dixitalización.

Distribución: transporte e calquera actuación que permita a chegada da obra ás canles de difusión, sexan físicas ou dixitais.

Comercialización: campañas de márketing e/ou publicidade en diferentes medios ou canles.

Só se financiarán os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para a súa realización.

De acordo co artigo 31.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a empresa beneficiaria da subvención deberá xustificar que os gastos subvencionables deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial de aplicación, ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, de morosidade nas operacións comerciais.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2025.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas físicas ou xurídicas a que se refire o artigo 1 da presente orde.

2. Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se atopen nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Libros obxecto de subvención e contía das axudas

1. A dotación total da subvención distribuirase entre os libros que cumpran os requisitos que establece esta orde.

2. Os libros obxecto de subvención deberán reunir as seguintes características:

a) Estaren editados en Galicia e cuxa produción sexa comercializada a través de librarías ou doutras plataformas de distribución física.

b) A publicación, distribución e comercialización das obras deberase realizar entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025, ambos inclusive.

c) Teren unha tiraxe mínima, incluídas reimpresións dentro do período establecido no punto anterior, de 400 exemplares, agás as obras de poesía, teatro e ensaio, que poderán ter un mínimo de 200 exemplares por tiraxe.

d) Seren unha primeira edición dunha obra inédita, ou ben dunha obra cuxa última edición, na lingua que se propón publicar, teña unha antigüidade de máis de 15 anos.

e) Posuíren un mínimo de 60 páxinas por exemplar, excepto os libros infantís, de teatro e de poesía.

f) Calquera outro tipo de publicación en que concorran as características establecidas na convocatoria de subvencións regulada por estas bases.

Unha obra que estea editada en varias encadernacións (rústica, cartoné, etc.) só poderá presentarse nunha delas.

3. O importe máximo adxudicado a cada editorial non pode superar os 25.000 €.

4. O importe final adxudicado a cada entidade determinarase en función do investimento presentado e de acordo cos seguintes porcentaxes:

– Ata 6.500 € de investimento por obra:

• En galego: ata un máximo do 80 %.

• Noutra lingua: ata un máximo do 50 %.

– De 6.501 € en diante de investimento por obra:

• En galego: ata un máximo do 90 %.

• Noutra lingua: ata un máximo do 60 %.

5. Cada editorial poderá solicitar axuda para un máximo de 15 libros.

Artigo 4. Supostos excluídos

Quedan excluídos expresamente das subvencións reguladas nestas bases:

a) Todos os libros de texto sen excepción, calquera que sexa o nivel ou tipo de ensino, os libros de exercicios e prácticas e as correspondentes claves de exercicios e libros do profesor, os temarios de oposicións, así como enciclopedias e dicionarios.

b) Os libros editados con algunha institución ou organismo público.

c) As obras editadas en fascículos.

d) Os libros conceptuados como de bibliófilos.

e) Todas as edicións facsímiles sen excepción, calquera que sexa a súa temática ou tipoloxía.

f) Os libros editados polos seus autores.

g) As obras que, editadas por clubs do libro e empresas similares, só son alcanzables aos respectivos socios ou adheridos, e os editados expresamente para a venda a prazos.

h) Os álbums, recortables, libros de pintar e colorear, cadernos de caligrafía e de exercicios, e, en xeral, todos aqueles en que se teña que traballar.

i) Os catálogos de exposicións.

j) Os anuarios, publicacións periódicas e separatas ou números monográficos destas.

k) As fotocopias encadernadas en forma de libro.

l) Os volumes soltos que formen parte dunha obra completa no caso de que non se comercialicen por separado.

m) As reimpresións de obras.

n) As obras subvencionadas con cargo á convocatoria anterior desta orde (Orde do 27 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2024, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG núm.13, do 18 de xaneiro).

ñ) Os gastos de tradución.

Artigo 5. Imputación orzamentaria

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A 770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, por un importe de 250.000,00 €.

2. O importe inicial da convocatoria pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Natureza e concorrencia das axudas

1. As empresas quedan suxeitas ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, L).

2. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites sinalados no Regulamento (UE) nº 2023/2831. A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 300.000,00 € durante o período dos tres anos previos á data da concesión. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

3. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 7. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se incorpora como anexo I.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365 ) e o sistema cl@ve da Administración xeral do Estado.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día 12 de marzo de 2025 ata o día 11 de abril de 2025, ambos incluídos. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. Non serán admitidas en ningún caso solicitudes presentadas fóra do prazo e da forma establecida nesta orde.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar, coa solicitude, a seguinte documentación:

A. Documentación de carácter xeral:

– Escritura pública da constitución da entidade ou equivalente, de ser o caso

– Poder do representante legal, de ser o caso

– Copia do último recibo do pagamento do imposto de actividades económicas, de ser o caso.

– Certificado de exención do pagamento do imposto de actividades económicas, emitido pola Axencia Tributaria, de ser o caso.

– Declaración responsable de exención do pagamento do imposto de actividades económicas, de ser o caso.

– Certificación de situación no Censo de actividades económicas da Axencia Estatal da Administración Tributaria, onde se acredite que a editorial dispón dun departamento de edición en Galicia, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2025. Esta certificación só se debe achegar no caso de que a editorial teña o domicilio fiscal fóra de Galicia.

B. Documentación específica:

– Memoria explicativa do proxecto (máximo 3 páxinas por obra).

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Alta no imposto de actividades económicas (IAE).

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

i) Certificado de domicilio fiscal.

j) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

l) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada é incompleta ou presenta erros emendables, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se terá por desistida da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 12. Procedemento de instrución

1. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Correspóndelle á Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro a instrución do procedemento de concesión de subvencións e desenvolverá, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase mediante o rateo do orzamento existente entre as entidades solicitantes que cumpran as condicións establecidas, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Ás solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria asignaráselles unha cantidade final para o cumprimento da finalidade desta orde. Esta cantidade será a resultante da repartición da cantidade total, entre a totalidade das solicitudes correctamente recibidas, segundo os criterios previstos no punto 4 do artigo 3 desta orde.

5. De conformidade co artigo 31.4 da Lei de subvencións de Galicia, inadmitiranse as solicitudes posteriores ao esgotamento do crédito orzamentario, aínda que a publicidade da dita circunstancia polo órgano xestor se produza a posteriori do dito esgotamento.

Artigo 13. Proposta de resolución

Realizada a repartición, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, quen resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Artigo 14. Resolución

1. A persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nesta resolución incluirase a relación de beneficiarios, as cantidades concedidas así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

Así mesmo, farase pública no portal https://www.cultura.gal

2. Tamén deberá comunicarse ás persoas beneficiarias o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, L).

3. O prazo para ditar e notificar ás persoas interesadas a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. O vencemento do dito prazo sen que se notifique a resolución expresa faculta a persoa interesada para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

5. O procedemento tramítase como abreviado de acordo co artigo 22 da Lei de subvencións de Galicia, xa que o procedemento de xestión da axuda é o descrito no artigo 31 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento e que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución definitiva, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web https://www.cultura.gal

Artigo 17. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 18. Aceptación das axudas

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de 10 días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada pola representación da persoa beneficiaria.

Artigo 19. Xustificación

1. As editoriais beneficiarias das axudas, para percibir a subvención, quedan obrigadas a acreditaren a realización das actividades subvencionadas.

2. Para a xustificación das axudas deberá presentar a seguinte documentación ata o 30 de setembro de 2025 (inclusive):

– Anexo II.

– Certificación expedida pola editorial onde consten os gastos subvencionables efectuados con medios humanos e materiais propios da entidade, de ser o caso. Tamén debe constar o tempo dedicado a estas tarefas, a súa cuantificación e o importe por hora. Así mesmo, deberán acreditar que as persoas que desenvolven estas tarefas están incluídas no seu cadro de persoal (nóminas, contratos ou calquera outra documentación acreditativa).

– Documentos xustificativos do pagamento (facturas e transferencias bancarias).

3. No momento da xustificación a persoa peticionaria deberá presentar unha declaración das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas coma das pendentes de resolución, para as mesmas actividades, das distintas administracións públicas competentes, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (anexo II).

4. As editoriais beneficiarias das axudas, para percibir a subvención, quedan obrigadas a acreditaren a realización dos proxectos subvencionados e a xustificaren a totalidade do orzamento, no prazo establecido na presente orde. No caso de non xustificarse a totalidade do orzamento previsto do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

Artigo 20. Pagamento

1. Para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considerase gasto realizado e pagado o que se acredite no período subvencionable a que se refire o artigo 1 da presente orde.

2. Considéranse documentos xustificativos do pagamento os seguintes:

– Xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento.

– Identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda.

– Identificación da persoa destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e entidade que emitiu a factura.

3. Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 €. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «recibín en metálico».

4. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que se efectúe ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

5. A Dirección Xeral de Cultura poderá requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.

6. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias desta axuda quedan suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas beneficiarias deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

3. Si para a realización da actividade obxecto da subvención se utiliza calquera elemento susceptible de xerar dereitos de autor, debe cumprirse co que dispón a normativa sobre propiedade intelectual.

4. As persoas beneficiarias das axudas terán a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 22. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigacións estipuladas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

3. Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 23. Controis

A consellería competente realizará actuacións de seguimento e control das axudas concedidas que considere oportunas, ben con medios propios ou externos, co fin de comprobar o cumprimento dos requisitos para a percepción da axuda e o destino definitivo. O beneficiario estará obrigado a colaborar no labor de control, proporcionando os datos requiridos.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Remisión normativa

No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

E, supletoriamente:

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma, e consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

e) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 26. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa, poderá interpoñer o interesado recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución, ou potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Disposición adicional. Base de datos nacional de subvencións e Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios

1. En cumprimento do disposto nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do artigo 20 será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS), que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións e axudas públicas. A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

A entidade outorgante das axudas consignará na BDNS, no prazo de 20 días hábiles a partir da concesión da axuda, a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, Serie L).

2. As subvencións outorgadas ao abeiro desta orde figurará no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para que dite as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024, DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura,
Lingua e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file