DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Luns, 3 de marzo de 2025 Páx. 15164

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 24 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2025, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT238A).

BDNS (Identif.): 817561.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras de acordo co establecido na presente orde, para o que deberán estar dadas de alta antes do 1 de xaneiro de 2025, na epígrafe 476.1 edición de libros, do imposto de actividades económicas e que conten, tamén antes da citada data, cun departamento de edición en Galicia.

As axudas van dirixidas á apoiar o sector editorial galego, no que se refire aos gastos derivados da edición (produción), publicación, distribución e comercialización das súas publicacións, nos idiomas cooficiais en Galicia ou noutros idiomas, publicadas e distribuídas entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025.

Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se atopen nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvención, a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras de acordo co establecido na presente orde.

As axudas van dirixidas á apoiar o sector editorial galego, no que se refire aos gastos derivados da edición (produción), publicación, distribución e comercialización das súas publicacións, nos idiomas cooficiais en Galicia ou noutros idiomas, publicadas e distribuidas entre o 1.10.2024 e o 30.9.2025.

Para os efectos da presente orde, considéranse gastos de edición, os de autoría, corrección, revisión, maquetación ou calquera outro gasto de similar natureza.

Publicación: custos de preimpresión, de impresión e dixitalización.

Distribución: transporte e calquera actuación que permita a chegada da obra ás canles de difusión, sexan físicas ou dixitais.

Comercialización: campañas de márketing e/ou publicidade en diferentes medios ou canles.

Só se financiarán os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para a súa realización.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2025.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 24 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2025, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT238A).

Cuarto. Importe

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, por un importe de 250.000,00 €.

2. O importe inicial da convocatoria pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día 12 de marzo de 2025 ata o día 11 de abril de 2025, ambos incluídos. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude