DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Martes, 4 de marzo de 2025 Páx. 15390

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, pola que se convoca para o levantamento das actas de pagamento e ocupación dos bens e dereitos afectados do proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos terreos que se precisan ocupar para a execución da ampliación do parque empresarial de Meira-Lugo (polígono C).

Asunto: convocatoria para o levantamento de actas de pagamento e ocupación do expediente de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución do parque empresarial de Meira (polígono C).

Concello: Meira.

Promotor: Xestión do Solo de Galicia, S.A. (en diante, Xestur).

Expropiador: Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial. Consellería de Economía e Industria.

Mediante a Resolución do 21 de novembro de 2024, da Consellería de Economía e Industria, aprobouse definitivamente o proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución da ampliación do parque empresarial de Meira-Lugo (polígono C) (DOG núm. 241, do 16 de decembro). A aprobación definitiva declara a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación.

De conformidade co artigo 118 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o pagamento ou depósito do importe da valoración establecida producirá os efectos previstos nos números 6, 7 e 8 do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, sen prexuízo de que continúe a tramitación do procedemento para a definitiva fixación do prezo xusto.

Polo exposto, cómpre convocar e citar o titular que aparece no expediente aprobado para proceder ao levantamento das actas de pagamento e ocupación, de conformidade co artigo 48 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa e demais normativa que resulte de aplicación.

En consecuencia,

RESOLVO:

Convocar e citar o titular dos bens e dereitos afectados que constan neste expediente para o levantamento das actas de pagamento e ocupación, que se levará a cabo no Concello de Meira, praza do Concello s/n, 27240 Meira, o xoves 20 de marzo de 2025, no horario comprendido entre as 11.00 e as 12.00 horas, para o caso de pagamento e posterior levantamento das actas. Así mesmo, o levantamento da acta de ocupación, para o caso de que se producise a consignación do prezo xusto, será o mesmo día ás 12.15 horas.

Para os ditos actos deberá terse en conta:

Primeiro. Que o pagamento do prezo xusto só se fará efectivo, consignándose en caso contrario, cando se acredite en legal forma a titularidade e, para tal efecto, o interesado achegará certificación rexistral ao seu favor, na cal conste que se redactou a nota do artigo 32 do Regulamento hipotecario ou, na súa falta, os títulos auténticos xustificativos do seu dereito completados coa certificación negativa do Rexistro da Propiedade referida ao mesmo predio descrito nos títulos. De existiren cargas, deberán comparecer os seus titulares.

Segundo. Para os casos de sucesión dos dereitos derivados do expediente expropiatorio, ademais, achegaranse os documentos suficientes acreditativos da sucesión alegada e da lexitimidade da persoa interesada para o cobramento das cantidades en cuestión (certificado de defunción, actos de última vontade, liquidación do imposto de sucesións, testamento, operacións particionais, etc.).

Terceiro. Que se a persoa expropiada non quixer aceptar o pagamento ou non achega títulos suficientes xustificativos do dominio ou existe contenda respecto á titularidade do ben ou dereito expropiado ou, en xeral, se concorre algún dos supostos do artigo 51 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, consignarase o importe do prezo xusto na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda.

Cuarto. Que para o cobramento do prezo xusto é necesaria a comparecencia da persoa interesada, por si mesma ou debidamente representada con poder suficiente, e no caso de que o predio ou dereito pertenza a varias persoas é necesario que comparezan todas elas, por si mesmas ou debidamente representadas con poder suficiente.

Quinto. Este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos do Concello de Meira e notificaráselle ao Ministerio Fiscal, para os efectos do establecido no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa. Así mesmo, publicarase no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado, o que servirá de notificación para os interesados descoñecidos, para aqueles dos que se ignore o lugar de notificación ou aos que, intentada a notificación, non se puidese efectuar, de conformidade co artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Ademais, notificáranselle individualmente ao titular dos predios que figuran na lista anexa a data, a hora e o lugar en que se procederá ao levantamento das actas de pagamento e ocupación.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2025

Margarita Ardao Rodríguez
Directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial

ANEXO

Relación das persoas titulares dos bens e dereitos que se expropiarán para
a execución da ampliación do parque empresarial de Meira (polígono C)

Núm. de orde

Referencia catastral

Persoas titulares

Data citación

Hora citación

1

27029A02900133

Gra do País, S.L.

20.3.2025

11.00

2

27029A02900134

Gra do País, S.L.

20.3.2025

11.00

3

27029A02900135

Gra do País, S.L.

20.3.2025

11.00

4

27029A02900139

Gra do País, S.L.

20.3.2025

11.00

5

27029A02900140

Gra do País, S.L.

20.3.2025

11.00

6

27029A02900141

Gra do País, S.L.

20.3.2025

11.00

7

27029A02900142

Gra do País, S.L.

20.3.2025

11.00

8

27029A02900143

Gra do País, S.L.

20.3.2025

11.00

9

27029A02900144

Gra do País, S.L.

20.3.2025

11.00

10

27029A03000065

Gra do País, S.L.

20.3.2025

11.00