O Consello da Xunta de Galicia aprobou o 15 de xuño de 2006 a creación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (en diante CGSIB) para a colaboración na xestión dos servizos sociais no ámbito territorial dos entes locais da Comunidade Autónoma e autorizar a sinatura do Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e os concellos de Portas, Taboadela, Vilamarín, Boimorto, Carnota, As Neves, Outes, Xove, Cerdedo, Allariz, A Illa de Arousa, Laza, Ribadeo e Carballeda de Avia para constituír o dito Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e figuran como anexo a este convenio os seus estatutos (DOG número 131, do 7 de xullo).
É unha entidade de dereito público de carácter interadministrativo, con personalidade xurídica propia e diferenciada da dos entes consorciados, da cal forman parte a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e os concellos galegos que concorreron inicialmente á súa formación, os cales subscribiron o Convenio do 6 de xullo de 2006 (en cuxo marco foi creado o Consorcio), así como todos aqueles incorporados con posterioridade a través dos correspondentes convenios. Na actualidade forman parte do Consorcio 286 concellos e 5 mancomunidades.
Segundo o previsto no artigo 3 do Convenio de colaboración entre a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e os concellos galegos que se relacionan para a constitución do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, ten carácter voluntario, constitúese por tempo indefinido e réxese polos seus estatutos, polo seu regulamento de réxime interno e polas disposicións legais que, para o efecto, se enumeran no artigo primeiro dos estatutos (concretamente: Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, e a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local), ademais de polas disposicións que, pola natureza do ente consorcial, resulten de aplicación.
De acordo co artigo 6 dos seus estatutos, publicados no DOG do 7 de xullo de 2006, ten como misión primordial a participación na dirección, avaliación e control da xestión dos servizos sociais de ámbito local (centros de prestación de servizos sociais de atención especializada e tamén centros de prestación de servizos sociais de atención primaria «cando así o solicite o concello interesado»), con especial atención na xestión integral das escolas infantís e na atención educativa e asistencial aos nenos e nenas menores de tres años na forma de recursos, equipamentos, proxectos, programas e prestacións no ámbito territorial dos municipios que o compoñen.
O CGSIB naceu así, de acordo coas súas finalidades e competencias, co obxecto de implantar un modelo homoxéneo de prestación de servizos sociais e desta maneira:
1. Garantir o acceso de todos os galegos e galegas a uns servizos sociais públicos de calidade, a través dunha oferta de recursos suficiente e equilibrada territorialmente.
2. Incrementar os niveis de cobertura, intensidade e calidade de atención dos distintos servizos e prestacións.
3. Realizar unha distribución efectiva dos servizos e prestacións co fin de dar resposta ás necesidades reais da poboación, asignando equitativamente o uso e o acceso aos recursos sociais dispoñibles, a través de procesos de planificación previa, e tendo como principio de actuación o mantemento das persoas no seu contorno propio.
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece nos seus artigos 64 e 64 bis que a Xunta de Galicia promoverá unha efectiva coordinación e cooperación cos concellos co fin de asegurar a calidade e cunha cobertura equilibrada dos servizos sociais en todo o territorio, especialmente no que atinxe á creación e ao mantemento de servizos sociais comunitarios específicos. Esta coordinación poderá levarse a cabo a través de fórmulas xurídicas adecuadas para tal fin, como as fórmulas de cooperación interadministrativa de natureza consorcial. Para estes efectos, a disposición adicional segunda da devandita lei fai referencia expresa ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para o cumprimento deses obxectivos, ao estipular que o Consorcio promoverá a coordinación e a cooperación efectiva cos concellos galegos co fin de asegurar unha cobertura equilibrada dos servizos sociais en todo o territorio de Galicia.
A aprobación da relación de postos de traballo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar xustifícase polas razóns indicadas no ordinal primeiro do acordo.
En consecuencia, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa de Negociación da Comunidade Autónoma e a Comisión de Persoal, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 27 de decembro de 2024, adoptou o seguinte
ACORDO:
Primeiro. Aprobar a relación de postos de traballo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar nos termos que se sinalan nos anexos deste acordo, como consecuencia das súas necesidades funcionais e organizativas actuais.
Segundo. Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia para os efectos da entrada en vigor a partir do día seguinte desta publicación.
Visto o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 27 de decembro de 2024, relativo á aprobación da relación de postos de traballo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, coa finalidade de cumprir o dito acordo, de conformidade coa Orde da Consellería de Facenda do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública (DOG número 16, do 24 de xaneiro), dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo desta resolución.
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2025
O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG número 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
