DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Mércores, 5 de marzo de 2025 Páx. 15673

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2024, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de arquivos e bibliotecas, convocado mediante a Resolución do 15 de novembro de 2023 (Diario Oficial de Galicia número 221, do 21 de novembro), pola que se dá publicidade a diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Resolución do 16 de novembro de 2024 (Diario Oficial de Galicia núm. 208, do 28 de outubro) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de arquivos e bibliotecas,

ACORDOU:

Primeiro. En sesión que tivo lugar o 19 de febreiro de 2024, ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, logo de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo realizado o 14 de decembro de 2024, e atendendo á correlación entre preguntas anuladas e preguntas de reserva prevista na base II.1.1.1:

Para a quenda de acceso libre:

– Estimar a impugnación e anular as preguntas número 27 e 37 da primeira parte do primeiro exercicio, que corresponde á parte específica do programa. Como consecuencia, acórdase substituír as devanditas preguntas polas preguntas de reserva 123 e 124 (primeira e segunda preguntas de reserva da parte específica), respectivamente.

– Estimar a impugnación á pregunta número 108 da segunda parte do primeiro exercicio da quenda de acceso libre, cambiando a resposta considerada como correcta, que pasa a ser a opción a).

Para a quenda de promoción interna:

– Estimar a impugnación e anular as preguntas número 5, 7 e 17 da primeira parte do primeiro exercicio. Como consecuencia, acórdase substituír as devanditas preguntas polas preguntas de reserva 101, 102 e 103, respectivamente.

– Estimar a impugnación á pregunta número 88 da segunda parte do primeiro exercicio da quenda de acceso libre, cambiando a resposta considerada como correcta, que pasa a ser a opción a).

Segundo. Desestimar na súa totalidade as restantes reclamacións e alegacións presentadas.

Terceiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, o exercicio cualificarase de 0 a 100 puntos e, para superalo, será necesario obter un mínimo de cincuenta (50) puntos. Para estes efectos, nos criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio aprobados polo tribunal na sesión do día 5 de decembro de 2024, en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio, e publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, estableceuse que, no acceso pola quenda de promoción interna, superarían o primeiro exercicio as persoas aspirantes presentadas que acaden en cada unha das partes o 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Na quenda libre, superarán este exercicio aquelas que obteñan as mellores puntuacións, ata completar o número máximo de corenta e catro (44) persoas, sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada que marque o corte se consideran igualmente aprobadas aínda que se supere o número de aspirantes antes indicado (44).

Asignarase unha puntuación de 50 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto de persoas aptas, terán unha cualificación distribuída entre os 50 e 100 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito asignarase a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Tendo en conta o anterior, e realizada a corrección nesta mesma sesión, na quenda de promoción interna acadaron a puntuación mínima de 50 puntos un total de sete (7) aspirantes e fixouse en cincuenta (50) o número de respostas correctas para obter a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base II.1.1.1 da convocatoria.

Na quenda de acceso libre acadaron a puntuación mínima de 50 puntos un total de corenta e cinco (45) aspirantes (tendo en conta o empate de puntuación entre os aspirantes número 44 e 45), e fixouse en oitenta e seis (86) o número de respostas correctas para obter a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base II.1.1.1 da convocatoria.

Cuarto. Publicar no portal web corporativo da Xunta de Galicia, funcionpublica.xunta.gal os resultados obtidos polas persoas aspirantes que se presentaron ao primeiro exercicio do proceso selectivo polas quendas de promoción interna e acceso libre.

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. De conformidade coa base II.1.1.2, respecto ao segundo exercicio, estarán exentas da súa realización as persoas aspirantes que acrediten, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia, posuíren o Celga 3 ou o título equivalente debidamente homologado, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro). Non terá que presentar a documentación xustificativa de exención quen xa teña acreditada a posesión do Celga 3 ou o título equivalente debidamente homologado e así conste na listaxe de persoas aspirantes publicada, xunto con esta resolución, pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Sétimo. Segundo o disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2025

Mª del Carmen Calviño Rodríguez
Presidenta do tribunal