DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Mércores, 5 de marzo de 2025 Páx. 15449

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 4 de marzo de 2025 pola que se complementa o establecido na Orde do 30 de xaneiro de 2025 pola que se establece a cantidade que cómpre transferirlle ao Consello Galego de Procuradores dos Tribunais de Galicia para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura dos servizos de representación gratuíta do ano 2024 sobre o importe certificado o ano 2023.

A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, establece no seu artigo 38 que as administracións públicas competentes subvencionarán o custo que lles supoña aos consellos xerais e colexios profesionais de avogados e procuradores o funcionamento operativo dos servizos de asistencia xurídica gratuíta.

Por outra banda, mediante o Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, polo que se incluíu na letra B).1.c) do seu anexo a indemnización, de ser o caso, das actuacións correspondentes á defensa por avogado e representación por procurador dos tribunais na quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia e a asistencia letrada á persoa detida ou presa cando o lugar de custodia se sitúe no territorio da Comunidade Autónoma. Estas funcións transferidas foron asumidas mediante o Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, actual Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

No uso das súas competencias, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño, e polo Decreto 134/2017, do 7 de decembro. O devandito decreto establece no seu artigo 45 que a consellería competente en materia de xustiza determinará anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos de asistencia xurídica gratuíta e das unidades encargadas do asesoramento e orientación previos ao proceso á cidadanía e da cualificación provisional das pretensións solicitadas, polo que lle corresponde á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes publicou no Diario Oficial de Galicia a Orde do 30 de xaneiro de 2025 en que se fixaba que a cantidade para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta era o 2,1 % do importe total certificado durante o ano 2023 polos colexios de procuradores da Comunidade Autónoma de Galicia, en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas. As limitacións orzamentarias dese momento non permitiron que se fixase a porcentaxe no 8 %, tal e como establece o artigo 45 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta.

Unha vez iniciado o exercicio económico do ano 2025, e tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, preténdese complementar a porcentaxe fixada na mencionada Orde do 30 de xaneiro de 2025, de modo que o importe total acade o 8 % do certificado durante o ano 2023 polos colexios de procuradores de Galicia.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo único

A cantidade adicional destinada para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta fíxase nun 5,9 % do importe total certificado durante o ano 2023 polos colexios de procuradores da Comunidade Autónoma de Galicia, en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas, o que supón un total sesenta e dous mil cincocentos setenta e nove euros e cincuenta e dous céntimos (62.579,52 €).

Disposición derradeira primeira

Autorízase o director xeral de Xustiza para ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes