DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Mércores, 5 de marzo de 2025 Páx. 15451

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 4 de marzo de 2025 pola que se complementa o establecido na Orde do 30 de xaneiro de 2025 pola que se establece a cantidade que cómpre transferirlle ao Consello da Avogacía Galega para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura dos servizos de asistencia letrada ao detido e defensa gratuítas do ano 2024 sobre o importe certificado o ano 2023.

A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, regula o dereito á asistencia xurídica gratuíta e no seu artigo 38 establece que as administracións públicas competentes en materia de Administración de xustiza subvencionarán os colexios de avogados para a implantación e o funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta.

Por outra banda, mediante o Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, polo que se incluíron na letra B), punto 1.c), do seu anexo as relativas á indemnización das actuacións correspondentes á defensa por avogado/a en quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia e mais as referentes á asistencia letrada á persoa detida ou presa cando o lugar de custodia estea situado no territorio da Comunidade Autónoma. Estas funcións transferidas foron asumidas mediante o Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e foron asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local; actualmente están atribuídas á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

No uso das súas competencias, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia (modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño, e mais polo Decreto 134/2017, do 7 de decembro), que establece no seu artigo 45 que a consellería competente en materia de xustiza determinará anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios de avogados para atender os gastos derivados do funcionamento e infraestrutura colexial que requiren os servizos de asistencia xurídica gratuíta, o cal lle corresponde á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes segundo o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes publicou no Diario Oficial de Galicia a Orde do 30 de xaneiro de 2025 na cal se fixaba que a cantidade para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta era o 0,98 % do importe total certificado durante o ano 2023 polos colexios de avogados da Comunidade Autónoma de Galicia, en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas. As limitacións orzamentarias dese momento non permitiron que se fixase a porcentaxe no 8 %, tal e como establece o artigo 45 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta.

Unha vez iniciado o exercicio económico do ano 2025, e tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, preténdese complementar a porcentaxe fixada na mencionada Orde do 30 de xaneiro de 2025, de modo que o importe total acade o 8 % do certificado durante o ano 2023 polos colexios de avogados de Galicia.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo único

A cantidade adicional destinada para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta fíxase nun 7,02 % do importe total certificado durante o ano 2023 polos colexios de avogados da Comunidade Autónoma de Galicia, en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas, o que supón un total de oitocentos dez mil novecentos trinta e oito euros e sete céntimos (810.938,07 €).

Disposición derradeira primeira

Autorízase o director xeral de Xustiza para ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes