DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Xoves, 6 de marzo de 2025 Páx. 15782

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 28 de febreiro de 2025 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para realizar actividades formativas dentro do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa e se aproban as bases reguladoras para a súa convocatoria (código de procedemento PR816A).

De acordo co previsto na disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, as fundacións do sector público unicamente poderán conceder subvencións cando así se lle autorice á correspondente fundación de forma expresa mediante acordo do ministerio de adscrición ou órgano equivalente da Administración a que a fundación estea adscrita. Así mesmo, conforme establece a citada disposición, a aprobación das bases reguladoras será exercida polos órganos da Administración que financien en maior proporción a subvención correspondente.

Ao abeiro do establecido na disposición adicional segunda da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, a Fundación Galicia Europa (en diante, FGE, ou a Fundación) é unha entidade sen ánimo de lucro e entidade instrumental do sector público autonómico. De acordo co establecido na citada norma, a Fundación estará adscrita e sometida á tutela funcional do órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e de acción exterior da Administración autonómica.

A Fundación Pública Galicia Europa foi constituída pola Xunta de Galicia ao abeiro do dereito recoñecido no artigo 34.1 da Constitución española e réxese como fundación de interese galego pola Lei 12/2006, do 1 de decembro, sobre o réxime das fundacións de interese galego, e pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia.

A FGE ten entre os seus fins e actividades fundacionais servir ao interese xeral de Galicia, ao seu fortalecemento institucional, ao fomento da súa economía produtiva e social e mais á promoción de todas aquelas accións que acheguen Galicia á realidade europea, defendendo os seus intereses ante as institucións e os órganos da Unión e difundindo os valores europeos entre a sociedade galega. Para o cumprimento desta finalidade, a FGE poderá exercer a representación autonómica galega ante as institucións e os órganos da Unión Europea seguindo en todo caso as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado, apoiar e asistir a actuación do órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea ante os órganos e institucións da Unión Europea e as súas redes de cooperación territorial, atender as solicitudes de intermediación e apoio das distintas consellerías e entidades do sector público autonómico, así como das restantes administracións públicas, organismos e corporacións galegas, no exercicio da súa participación nos asuntos da Unión Europea, e formar a mocidade galega nos asuntos europeos mediante a convocatoria de bolsas de estudos co obxecto de realizar prácticas na propia FGE e naquelas outras institucións nacionais ou estranxeiras relacionadas cos fins da FGE.

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ten, entre outras funcións, a execución da actividade europea e da actividade exterior da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais que lle correspondan a cada departamento, así como a coordinación e seguimento técnico e da xestión da Fundación Galicia Europa, segundo o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Con base no establecido no artigo 18.c) dos estatutos da Fundación Galicia Europa, elevados a públicos o 26 de febreiro de 2024, correspóndelle ao presidente da FGE aprobar as bases das convocatorias públicas de axudas, subvencións e bolsas formativas da Fundación. Ao abeiro do artigo 13 dos anteriormente citados estatutos da Fundación Galicia Europa, a Presidencia do Padroado da Fundación Galicia Europa corresponde á persoa titular da consellería de que dependa o centro directivo con competencias en materia de relacións coa Unión Europea.

O traballo da FGE materialízase en tres grandes ámbitos de acción que responden aos obxectivos de defender os intereses de Galicia ante as institucións e órganos da Unión Europea, potenciar a participación de Galicia nas políticas e accións da Unión Europea e impulsar o coñecemento destas.

Conforme estes dous últimos obxectivos, a FGE afianzou un programa de formación de especialización en financiamento comunitario, programa TecEuropa, co que se pretende mellorar o coñecemento sobre as diferentes fontes de financiamento comunitario de xestión directa ou indirecta e impulsar a participación das entidades galegas na captación destes fondos, así como crear unha rede de técnicos en Galicia especialistas en financiamento comunitario que compartan coñecementos e desenvolvan proxectos conxuntos.

Atendendo a estas consideracións xerais, e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

DISPOÑO:

Primeiro. Autorización

Autorizar a Fundación Galicia Europa a convocar actividades formativas dentro do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa.

Segundo. Bases reguladoras

Aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de prazas para o desenvolvemento de actividades formativas dentro do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa.

Terceiro. Réxime de recursos

Contra estas bases reguladoras cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
de prazas para o desenvolvemento de actividades formativas dentro
do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa
(código de procedemento PR816A)

Artigo 1. Obxecto

Estas bases regulan as condicións polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de prazas para o desenvolvemento de actividades formativas dentro do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa (código de procedemento PR816A).

Artigo 2. Condicións xerais e obxectivos das actividades formativas

1. A FGE poderá convocar actividades formativas dentro do programa TecEuropa especificando, para cada convocatoria, o número de edicións, as prazas convocadas, a duración e o lugar de realización das actividades formativas. As convocatorias poderán establecer a especialización dunha ou varias edicións das actividades formativas nos diferentes tipos de fondos estruturais.

2. As actividades desenvolveranse en Bruxelas, co obxectivo de coñecer de primeira man as institucións comunitarias e as políticas impulsadas pola UE, especialmente a política de cohesión. De forma complementaria, en Santiago de Compostela poderanse organizar sesións sobre a xestión de fondos estruturais e sobre a preparación e desenvolvemento de proxectos europeos.

3. Estas actividades terán por obxectivo:

a) Familiarizar os participantes coas distintas fontes de financiamento comunitario existentes e coas políticas comunitarias en que se encadran.

b) Dar a coñecer a política de cohesión da UE: obxectivos, fondos e instrumentos, xestión e comunicación.

c) Pór en contacto xestores de fondos europeos en Galicia para facilitar o intercambio de coñecementos e experiencias, e fomentar o desenvolvemento de proxectos conxuntos.

4. Durante o desenvolvemento das actividades formativas, levarase a cabo un control de asistencia en cada unha das sesións a través da sinatura das persoas participantes.

Artigo 3. Financiamento da actividade

1. As convocatorias establecerán o financiamento das actividades formativas presenciais.

2. As convocatorias establecerán a asignación aos participantes en compensación polos gastos realizados polo desprazamento e estadía en Bruxelas.

3. Este financiamento é incompatible con subvencións ou axudas coa mesma finalidade, con independencia das cantidades que se poidan percibir da entidade en que se prestan servizos en concepto de axudas de custo ou indemnizacións por razón do servizo.

Artigo 4. Requisitos das persoas beneficiarias

Poderán optar a participar no programa TecEuropa as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

1. Pertencer a algunha das seguintes categorías de entidades:

a) Persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial nalgunha das entidades membros do Padroado da FGE, na actualidade: Xunta de Galicia (Administración xeral da Comunidade Autónoma ou entidades instrumentais do sector público autonómico), Abanca, Consorcio Zona Franca de Vigo, Deputación Provincial da Coruña e Deputación Provincial de Lugo ou outras entidades que poidan formar parte do padroado no futuro.

b) Persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial nalgunha das entidades locais galegas (concellos e deputacións).

c) Persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial en entidades públicas e privadas, con ou sen ánimo de lucro, que deben ter o seu domicilio social e realizar as súas actividades maioritariamente en Galicia.

As convocatorias poderán limitar a participación a unha ou varias das entidades anteriormente citadas.

2. Non estar incursas en ningún dos supostos de prohibición para obter subvencións do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Presentación de solicitudes e prazo

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que se incluirá como anexo na correspondente resolución de convocatoria e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Debido á formación académica exixida ás persoas beneficiarias desta axuda, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente dos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente neste procedemento, de acordo co establecido no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

5. O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria e méritos, de acordo cos anexos que acompañarán a correspondente resolución de convocatoria, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

6. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nas bases reguladoras e na resolución de convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo improrrogable de dez (10) días, e indicaralle que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo III, autorización do responsable da entidade, que figurará na correspondente resolución de convocatoria, e que incluirá a seguinte documentación:

I. Memoria explicativa da motivación e interese da acción formativa para a entidade para a que traballa.

II. Exposición dos fondos estruturais en cuxa xestión participa a persoa candidata (Feder e FSE/outros).

III. Exposición da experiencia da entidade en proxectos europeos e ideas de proxectos en que estea a traballar.

IV. No caso de que a persoa solicitante pertenza a unha entidade que xa participase con anterioridade no programa TecEuropa, deberá achegar unha relación dos proxectos europeos en que colaborase a súa entidade desde a edición de TecEuropa en que participou.

b) Documentos acreditativos das horas de formación en asuntos, proxectos ou fondos europeos.

c) Documentos acreditativos do nivel de coñecemento nas linguas inglesa ou francesa.

2. Sen prexuízo dos puntos anteriores, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos e aclaracións resulten procedentes para a tramitación do procedemento.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Instrución do procedemento, tramitación e resolución

1. A competencia para resolver as solicitudes de concesión corresponderalle ao director da Fundación Galicia Europa.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea que, de conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, realizará cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

3. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea aprobará a listaxe provisional das persoas candidatas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, que será publicada na páxina web da FGE.

4. As persoas candidatas excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderase implícita na listaxe definitiva das persoas candidatas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, que será publicada na páxina web da FGE e remitida á Comisión para que valore as solicitudes das persoas candidatas admitidas.

5. A Comisión valorará os méritos acreditados polas persoas candidatas e, tras a avaliación, publicarase na páxina web da FGE a listaxe provisional das persoas candidatas beneficiarias do programa.

Contra esta listaxe poderán presentarse reclamacións no prazo de tres (3) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio. Non se terá en conta neste prazo de reclamacións a achega de novos méritos que non fosen acreditados documentalmente no prazo de presentación das solicitudes.

Logo de resolverse as reclamacións, a Comisión de Valoración formulará un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a listaxe definitiva das persoas candidatas beneficiarias do programa. A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita nesta listaxe definitiva. O informe será remitido ao órgano instrutor.

6. O órgano instrutor elevaralle o informe xunto coa proposta de adxudicación e a listaxe de suplentes ao órgano competente para resolver.

7. A resolución definitiva publicarase na páxina web da FGE:

http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/ e notificaráselle a/as persoa/s adxudicataria/s que, nun prazo de dez (10) días hábiles, estarán obrigadas a comunicarlle á Fundación Galicia Europa a súa aceptación ou renuncia por escrito. Se transcorrido o prazo non se producise manifestación expresa, esta entenderase tacitamente aceptada. Se a persoa beneficiaria renuncia expresamente á axuda, esta concederase á seguinte persoa con mellor puntuación da lista de suplentes.

8. O prazo máximo para a tramitación e resolución da concesión será de catro meses, desde a data de publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

9. A resolución do director da FGE pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer, potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 66.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sen prexuízo de que se poida exercer calquera outro recurso que se xulgue pertinente.

Tamén poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Transcorrido este prazo sen terse presentado o dito recurso, esta resolución adquirirá firmeza na vía administrativa.

Artigo 10. Comisión de Valoración

1. Dentro dos 15 días naturais seguintes ao da publicación da correspondente convocatoria do programa TecEuropa, o director da FGE designará unha Comisión de Valoración, que será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios de adxudicación sinalados no artigo 11, así como de elevar ao órgano instrutor a proposta de concesión ou denegación.

O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ou normativa que a modifique.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

Presidencia: a directora da oficina da FGE en Bruxelas ou persoa en quen delegue.

Secretaría: a persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ou a persoa en quen delegue.

Vogais: ata un máximo de tres vogais, que serán designados entre o persoal da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE e a FGE.

A composición da Comisión de Valoración farase pública na páxina web da FGE:

http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/

3. A Comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico que considere necesario, o cal asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

Artigo 11. Criterios de adxudicación

A Comisión avaliará as solicitudes admitidas de acordo cos seguintes criterios:

1. De existiren máis persoas candidatas que prazas, aplicarase o seguinte sistema de adxudicación:

a) En primeiro lugar, terán preferencia as persoas que xestionen fondos estruturais en que a edición está especializada ou ben as persoas que traballen en entidades con experiencia na participación en proxectos europeos ou que estean a preparar algunha candidatura específica para un proxecto europeo coa participación do solicitante. Estes criterios valoraranse a través do anexo III, que figurará na correspondente resolución de convocatoria.

b) En segundo lugar, terán preferencia as persoas candidatas que acrediten máis horas de formación en fondos estruturais, proxectos ou asuntos europeos, ata un máximo de 100 horas.

c) Finalmente, valorarase o nivel de coñecemento das linguas inglesa e/ou francesa.

2. As convocatorias poderán establecer para cada edición unha reserva mínima de prazas para cada unha das categorías do artigo 4.1, co fin de asegurar unha representación equilibrada do persoal das distintas entidades. Neste caso, aplicaranse os criterios do punto 1 para a selección de candidatos dentro dunha mesma categoría.

No caso de non cubrirse as prazas reservadas nunha categoría, as prazas vacantes asignaranse proporcionalmente ás outras categorías.

Así mesmo, as convocatorias poderán establecer unha limitación de persoas beneficiarias dunha mesma entidade por cada edición, salvo no caso de vacantes na categoría. As entidades do artigo 4.1.a) quedan exceptuadas do anterior.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan obrigadas a:

1. Aceptar en todos os seus termos esta resolución. A comprobación de datos non axustada á realidade, tanto na solicitude como na documentación achegada, poderá supoñer a denegación ou revogación da concesión da axuda.

2. Xestionar a organización da viaxe e estadía en Bruxelas.

3. Realizar as actividades de formación nas datas que figuren na convocatoria. Salvo causas de forza maior, a asistencia ás actividades formativas deberá realizarse na súa totalidade.

4. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

5. A asignación é incompatible con outras que se poidan percibir pola mesma actividade.

Artigo 14. Compromisos da FGE

A FGE comprométese a:

1. Facer o pagamento das obrigas económicas derivadas da concesión das prazas formativas.

2. Organizar as actividades formativas.

3. Outorgar un certificado de asistencia aos participantes que completen satisfactoriamente as actividades formativas.

Artigo 15. Incidencias no desenvolvemento das accións formativas

1. O incumprimento dos compromisos adquiridos de acordo coas bases precedentes dará lugar á revogación da axuda concedida e, de ser o caso, á reclamación das contías xa pagadas, de conformidade co disposto na lexislación vixente.

Tanto a alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto desta resolución como a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes privados nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. As funcións derivadas do reintegro e, de ser o caso, de imposición de sancións, así como as funcións de control e demais que supoñan o exercicio de potestades administrativas, serán exercidas pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Artigo 16. Xustificación e pagamento

1. Para ter dereito ao pagamento das axudas, as persoas beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación, axustada aos modelos que figurarán na páxina web da FGE.

a) Unha declaración responsable de que non se obtiveron outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, de que se está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma (modelo 1).

b) Unha relación dos gastos realizados e pagados polo desprazamento e estadía en Bruxelas dentro do período de realización dos gastos (modelo 2).

Con esta relación xuntarase a documentación acreditativa dos gastos, que consistirá en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa e da documentación acreditativa da realización dos pagamentos.

2. O período de realización dos gastos comprenderá desde o día seguinte ao da publicación na web da FGE da resolución de adxudicación e ata cinco días seguintes á realización da actividade de formación en Bruxelas.

3. A xustificación debe presentarse no prazo máximo de 15 días desde a finalización da actividade formativa.

4. O pagamento da asignación efectuarase tras a presentación da xustificación unha vez verificada a asistencia as actividades formativas a través do control efectuado en cada unha das sesións.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude que se acompañará coa resolución de convocatoria, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 19. Remisión normativa

En todo o non recollido na presente resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade correspondente.