Examinado o expediente iniciado por solicitude de Iberdrola Renovables Galicia, S.A., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Muras (repotenciación), constan os seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. O 25 de novembro de 1997, a Dirección Xeral de Industria resolveu recoñecer ao parque eólico Muras I a condición de instalación acollida ao réxime especial de produción eléctrica regulado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables.
Segundo. Pola Resolución do 17 de abril de 1998, a Dirección Xeral de Industria autorizou á empresa Grupo Auxiliar Metalúrgico, S.A. (Gamesa) as instalacións electromecánicas e aprobou o proxecto de execución do parque eólico denominado Muras I.
Terceiro. Pola Resolución do 29 de abril de 1998, a Dirección Xeral de Industria autorizou a transmisión de bens e dereitos derivados da autorización das instalacións, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial do parque eólico denominado Muras I, a favor da sociedade Sistemas Energéticos Muras, S.A.
Cuarto. Pola Resolución do 7 de outubro de 1999, a Dirección Xeral de Industria autorizou a Sistemas Energéticos Muras, S.A. as instalacións electromecánicas, aprobou o proxecto de execución e recoñeceulle ao parque eólico denominado Muras II a condición de instalación acollida ao réxime especial de produción eléctrica regulado polo Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración.
Quinto. Pola Resolución do 31 de maio de 2004, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou o cambio de titularidade e a subrogación dos dereitos e obrigas asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas á empresa Sistemas Energéticos Muras, S.A. para os parques eólicos denominados Muras I e Muras II a favor da sociedade Iberdrola Energías Renovables de Galicia, S.A.
Sexto. Pola Resolución do 3 de maio de 2006, a Dirección Xeral de Industria, Enerxías e Minas autorizou a unificación dos parques eólicos Muras I e Muras II nun único parque eólico denominado Muras.
Sétimo. O 26 de marzo de 2024, a promotora, Iberdrola Renovables Galicia, S.A., presentou a solicitude de autorización administrativa da modificación das instalacións de produción de enerxía eléctrica e das súas infraestruturas de evacuación do proxecto denominado Parque eólico Muras, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, consistente en forma xeral na retirada das actuais infraestruturas (cunha potencia total de 48,84 MW repartida en 74 aeroxeradores de 660 kW de potencia unitaria) e a instalación de novas máquinas e infraestruturas de conexión entre elas, reducíndose o número de aeroxeradores a 11 unidades, aumentando a dimensión e a potencia unitaria de cada un e modificando a actual subestación transformadora, reducindo a potencia total evacuada a 47,3 MW. O 12 de abril de 2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle a promotora o cumprimento dos requisitos da súa solicitude de modificación substancial.
Oitavo. O 12 de abril de 2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou o informe a que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.
Noveno. O 23 de maio de 2024, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33 da Lei 8/2009, onde se indica que «comprobados os planeamentos vixentes nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (normas subsidiarias de planeamento do Concello de Muras, do 18.9.1987, e do Concello de Ourol, do 9.10.1984), e as coordenadas dos 11 aeroxeradores especificadas no número 4 do apéndice 1, memoria do proxecto de renovación tecnolóxica, conclúese que todos os aeroxeradores cumpren a citada distancia mínima coas diferentes delimitacións de solos urbanos, urbanizables e de núcleo rural con carácter residencial».
A disposición adicional quinta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, indica:
«Como medio para asegurar a compatibilidade do desenvolvemento eólico coa ordenación do territorio e o urbanismo, a distancia dos aeroxeradores ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado será a maior destas dúas: 500 metros ou 5 veces a altura total do aeroxerador (buxa máis pa).
Estes requisitos de distancias serán aplicables ás solicitudes de autorización administrativa previa e de construción de parques eólicos cuxa implantación se proxecte no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Non serán aplicables estes requisitos de distancia aos proxectos de modificacións substanciais (repotenciacións) de parques que estean en funcionamento antes da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, nas cales, para manter a súa potencia total en funcionamento, exista imposibilidade técnica xustificada da súa implantación. En todo caso, os aeroxeradores deberán situarse á máxima distancia posible, cun mínimo de 500 metros, ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado».
Iberdrola Renovables Galicia, S.A. non indicou ou xustificou imposibilidade técnica ningunha na súa solicitude do 26 de marzo de 2024, ao respecto do mencionado no parágrafo anterior polo que, de acordo co establecido na disposición adicional quinta da Lei 8/2009 a distancia mínima á núcleos rurais, urbanos e urbanizables delimitado para a modificación substancial (repotenciación) do parque eólico Muras será a maior destas dúas: 500 metros ou 5 veces a altura total do aeroxerador (buxa máis pa).
Neste caso, a distancia mínima que se terá en conta será a seguinte: 5 × (84 + 58,5) = 712,5 metros.
Décimo. O 23 de maio de 2024, a daquela Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Muras repotenciación á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo para a continuación da tramitación, de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009.
Décimo primeiro. Mediante o Acordo do 23 de agosto de 2024, da Dirección Territorial de Lugo, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública (DUP), en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental (EIA) do proxecto de modificación substancial das instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto de renovación tecnolóxica do parque eólico de Muras, nos concellos de Muras e Ourol (expediente IN408A 2024/010).
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 169, do 3 de setembro de 2024. Así mesmo, foi remitido para a exposición ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Muras e Ourol) e nas dependencias da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático do Departamento Territorial de Lugo. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.
Décimo segundo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o Departamento Territorial de Lugo remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Muras, Concello de Ourol, Deputación Provincial de Lugo, Viesgo Distribución Eléctrica, S.L., Corporación Acciona Eólica, S.L., Red Eléctrica de España, S.A., Retegal, S.A. e Cellnex Telecom, S.A.
A seguir relacionanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia -Demarcación Galicia Costa o 4 de outubro de 2024, Axencia Galega de Infraestruturas o 26 de setembro de 2024, Deputación Provincial de Lugo o 15 de outubro de 2024, Red Eléctrica de España, S.A. o 26 de setembro de 2024 e Retegal, S.A. o 22 de setembro de 2024.
A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.
Respecto do resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.
Décimo terceiro. O 21 de outubro de 2024, Iberdrola Renovables Galicia, S.A. achegou ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) do 27 de maio de 2024.
Décimo cuarto. O 20 de decembro de 2024, o departamento territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
Décimo quinto. O 23 de decembro de 2024, Iberdrola Renovables Galicia, S.A. achegou ante esta dirección xeral o proxecto de execución refundido, unha declaración responsable do técnico redactor e o arquivo shape do parque eólico Muras repotenciación, tras os diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública.
Décimo sexto. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Axencia de Turismo de Galicia, Concello de Muras, Concello de Ourol, Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.
Cumprida a tramitación ambiental, o 30 de xaneiro de 2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 31 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto parque eólico Muras (renovación tecnolóxica), nos concellos de Muras e Ourol (Lugo) (expediente 2024/0307) (DOG núm. 30, do 13 de febreiro).
Décimo sétimo. O 17 de febreiro de 2025, o Servizo de Enerxías Renovables do Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido do parque eólico denominado Proxecto modificado de renovación tecnolóxica. Parque eólico Muras 47,3 MW, asinado electronicamente o 17 de decembro de 2024 polo enxeñeiro industrial Javier Amian Sánchez, colexiado núm. 21090 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid, e visado polo mesmo colexio o 19 de decembro de 2024, con núm. 202405068, concluíndo que: «De acordo co anterior e realizada a análise do contido do proxecto de execución Proxecto modificado de renovación tecnolóxica. Parque eólico Muras 47,3 MW, de decembro de 2024, quen subscribe emite informe favorable sobre o dito proxecto respecto do cumprimento da normativa analizada e co alcance establecido, para a obtención das autorizacións administrativa previa e de construción, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións, permisos e licenzas que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración».
Décimo oitavo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 48,84 MW.
Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, no Decreto 192/2024, do 9 de decembro, polo que se modifica o Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
Terceiro. No que respecta ás alegacións recibidas durante a tramitación do expediente, e vistas as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:
1. En relación coas distancias a núcleos de poboación, hai que indicar que o 23 de maio de 2024 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33 da Lei 8/2009, onde se indica:
«2.1. Segundo se desprende do contido da nota interior coa que se solicita o informe, a distancia mínima que se terá en conta é a prevista na disposición adicional quinta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, introducida pola da Lei 18/2021, do 25 de febreiro, de medidas económicas e financeiras de Galicia. É dicir: cinco veces a altura do aeroxerador (buxa+pa). Neste caso: 5 × (84 + 58,5) = 712,5 m.
2.2. Comprobados os planeamentos vixentes nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (normas subsidiarias de planeamento do Concello de Muras, do 18.9.1987, e do Concello de Ourol, do 9.10.1984), e as coordenadas dos 11 aeroxeradores especificadas no número 4 do apéndice 1, memoria do proxecto de renovación tecnolóxica, conclúese que todos os aeroxeradores cumpren a citada distancia mínima coas diferentes delimitacións de solos urbanos, urbanizables e de núcleo rural con carácter residencial, o que se informa para que sexa tomado en conta pola DXPERN na tramitación do proxecto».
2. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 30 de xaneiro de 2025, na cal se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.
Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que foi sometido o proxecto, e tal e como se recolle no antecedente de feito décimo segundo, recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia Demarcación-Galicia Costa, Axencia de Turismo de Galicia, Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.
3. En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas e corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador por non ser obxecto desta resolución a declaración de utilidade pública, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.
No que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, só no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólico e os afectados durante o procedemento expropiador se fixarán as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.
4. En relación coa alegación en que solicitan o mantemento da rede de camiños principais que dan acceso ao parque eólico, pois vertebran o territorio, facilitan o acceso aos gandeiros para atender o seu gando e explotar as parcelas, o acceso en caso de incendios e por estaren plenamente integrados no contorno, hai que indicar que Iberdrola Renovables Galicia, S.A. respondeu que non ten inconveniente ningún e se compromete a manter a dita rede viaria.
Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Muras repotenciación, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, e Sostibilidade o 30 de xaneiro de 2025:
a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do proxecto de renovación tecnolóxica do parque eólico Muras, nos concellos de Muras e Ourol (Lugo), promovido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A., en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, concluíndo que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado e o programa de vixilancia e seguimento ambiental que figuran neste documento, que prevalecerán sobre todo o anterior».
b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Muras.
Nas epígrafes 5 e 6 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:
5. Condicións ambientais.
5.1. Condicións particulares.
5.2. Condicións xerais.
5.2.1. Protección da atmosfera.
5.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.
5.2.3. Protección do solo e infraestruturas.
5.2.4. Xestión de residuos.
5.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.
5.2.6. Integración paisaxística e restauración.
5.3. Outras condicións.
6. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.
6.1. Aspectos xerais.
6.2. Aspectos específicos.
6.3. Informes do programa de vixilancia.
De acordo con todo o que antecede,
RESOLVO:
Primeiro. Outorgar a autorización de desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Muras, que ten as seguintes características principais:
Solicitante: Iberdrola Renovables Galicia, S.A.
Enderezo: r/ Circunvalación, 17, A Rúa (Ourense).
Denominación do proxecto: parque eólico Muras.
Potencia instalada: 48,84 MW.
Potencia autorizada/evacuable: 48,84 MW.
Concellos afectados: Muras e Ourol (Lugo).
Orzamento de execución material (sen IVE): 2.003.812,73 €.
Instalacións que se desmantelarán:
• 74 aeroxeradores G47-0,66 MW HH 45 m de 660 kW de potencia nominal unitaria e cunha altura da buxa de 45 m e cun diámetro de rotor de 47 m.
• 74 centros de transformación instalados no interior das góndolas dos aeroxeradores.
• Cimentacións, plataformas de montaxe e canalizacións eléctricas subterráneas de media tensión e liña de evacuación que queden sen uso.
• 2 torres meteorolóxicas.
• Desmantelamento e restauración dos vieiros que queden sen uso.
Segundo. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do modificado parque eólico Muras, sito nos concellos de Muras e Ourol (Lugo) e promovido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A., para unha potencia de 47,3 MW.
Terceiro. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Muras (repotenciación), composto polo documento Proxecto modificado de renovación tecnolóxica. Parque eólico Muras 47,3 MW, asinado electronicamente o 17 de decembro de 2024 polo enxeñeiro industrial Javier Amian Sánchez, colexiado núm. 21090 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid, e visado polo mesmo colexio o 19 de decembro de 2024, con núm. 202405068.
As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:
Solicitante: Iberdrola Renovables Galicia, S.A.
Enderezo social: r/ Circunvalación, 17, A Rúa (Ourense).
Denominación: parque eólico Muras (repotenciación).
Potencia instalada: 47,3 MW.
Potencia autorizada/evacuable: 47,3 MW.
Produción neta: 155.886 MWh/ano.
Horas equivalentes netas: 3.296 h.
Concellos afectados: Muras e Ourol (Lugo).
Orzamento de execución material (sen IVE): 41.005.967,3 €.
Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico a que se circunscriben as autorizacións:
|
Vértice poligonal |
Coordenadas UTM |
|
|
(Fuso 29 ETRS89) |
||
|
X |
Y |
|
|
1 |
601.390 |
4.819.283,00 |
|
2 |
601.390 |
4.819.783 |
|
3 |
601.890 |
4.819.783 |
|
4 |
601.390 |
4.821.783 |
|
5 |
602.890 |
4.821.783 |
|
6 |
603.240 |
4.819.283 |
|
7 |
602.903 |
4.818.290 |
|
8 |
603.653 |
4.817.520 |
|
9 |
603.584 |
4.817.167 |
|
10 |
605.140 |
4.816.033 |
|
11 |
605.890 |
4.817.533 |
|
12 |
605.890 |
4.820.533 |
|
13 |
606.390 |
4.821.033 |
|
14 |
608.140 |
4.821.033 |
|
15 |
608.390 |
4.820.533 |
|
16 |
607.140 |
4.820.033 |
|
17 |
606.890 |
4.819.783 |
|
18 |
606.890 |
4.818.783 |
|
19 |
606.640 |
4.818.533 |
|
20 |
606.838 |
4.817.484 |
|
21 |
605.580 |
4.816.235 |
|
22 |
605.140 |
4.815.945 |
|
23 |
604.768 |
4.815.531 |
|
24 |
604.500 |
4.815.453 |
|
25 |
604.500 |
4.815.033 |
|
26 |
603.390 |
4.815.033 |
|
27 |
603.329 |
4.817.054 |
Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:
|
Aeroxerador |
Coordenadas UTM |
|
|
(Fuso 29 ETRS89) |
||
|
X |
Y |
|
|
14.1 |
602.055 |
4.821.324 |
|
14.2 |
602.524 |
4.820.648 |
|
14.3 |
602.520 |
4.819.180 |
|
14.4 |
602.575 |
4.818.739 |
|
14.5 |
602.887 |
4.818.016 |
|
14.6 |
607.455 |
4.820.695 |
|
14.7 |
606.293 |
4.820.379 |
|
14.8 |
606.255 |
4.819.743 |
|
14.9 |
606.095 |
4.817.237 |
|
14.10 |
605.835 |
4.816.766 |
|
14.11 |
606.287 |
4.818.200 |
Coordenadas da subestación Muras 30/132 kV:
|
SE |
Coordenadas UTM |
|
|
(Fuso 29 ETRS89) |
||
|
X |
Y |
|
|
1 |
602.648 |
4.818.542 |
|
2 |
602.661 |
4.818.573 |
|
3 |
602.672 |
4.818.568 |
|
4 |
602.679 |
4.818.585 |
|
5 |
602.717 |
4.818.570 |
|
6 |
602.719 |
4.818.566 |
|
7 |
602.701 |
4.818.521 |
|
Centroide |
602.684 |
4.818.554 |
Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:
• Once (11) aeroxeradores Vestas V117-4.3 HH84, de 4,3 MW de potencia unitaria, diámetro de rotor 117 metros e altura de buxa 84 metros.
• Once (11) centros de transformación, instalados no interior da torre de cada un dos aeroxeradores, formados por transformadores trifásicos, encapsulados en seco, de 5.150 kVA de potencia aparente e relación de transformación 0,72/30 kV e clase de illamento 36 kV.
• Rede colectora de media tensión, de conexión entre aeroxeradores e conexión coa subestación para o parque eólico Muras 47,3 MW, conformada polos cables de evacuación de enerxía a 30 kV, con condutores tipo RH5Z1 con illamento 18/30 kV unipolares que unen os aeroxeradores entre si e coa subestación colectora do parque.
• Actuacións sobre a subestación existente SET Muras 20/132 kV. Substitución de celas de MT de 20 kV existentes por outras novas de 30 kV e retirada de dous transformadores de potencia 132/20 kV de 30 MVA existentes para instalar un único transformador 132/30 kV 55 MVA con cambiador de tomas en carga.
• Actuacións sobre a liña aérea de media tensión que conecta a zona leste de parque coa subestación: desmantelamento do circuíto central de 3,61 km de lonxitude, mantendo os outros dous circuítos (aluminio tipo RH5Z1 con illamento 18/30 kV unipolares), que se explotarán a 30 kV.
• Obra civil necesaria para a instalación, operación e mantemento dos equipamentos que constitúen o parque: rede viaria de acceso ao parque e rede viaria interior, cimentacións e plataformas de aeroxeradores, zona de aprovisionamento, arquetas e gabias para tendido de cables de media tensión, comunicacións e rede de terras, elementos de drenaxe de auga e obras auxiliares.
Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Iberdrola Renovables Galicia, S.A. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras e na fase de desmantelamento. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, en 307.545 e 410.059 euros, respectivamente.
A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.
2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.
3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).
4. Os traballos de desmantelamento e renovación arqueolóxica previstos realizaranse baixo control e seguimento arqueolóxico. Para tal fin a promotora, antes do seu inicio, deberá presentar un proxecto arqueolóxico axustado ao establecido na Lei do patrimonio cultural de Galicia e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica da Comunidade Autónoma de Galicia, tal e como establece a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural nos seus informes, e que deberá ter en conta as medidas protectoras e correctoras indicadas no anexo V do estudo de impacto ambiental, e mais as sinaladas no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de acordo co punto 5.1.3 da declaración de impacto ambiental (DIA).
As actuacións de desmantelamento das instalacións iniciais do parque eólico realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como as consideracións efectuadas pola Subdirección Xeral de Residuos de acordo co punto 5.1.6 da DIA.
En todo caso, a retirada da cablaxe existente deberá xestionarse a través dun xestor autorizado.
Respecto aos traballos de eliminación das cimentacións, en particular as dos aeroxeradores, priorizarase que a súa realización sexa conforme o sinalado polos organismos que se pronunciaron ao respecto (Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal), de acordo co punto 5.1.7 da DIA.
5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 30 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras de construción, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Saúde Pública, de acordo cos puntos 5.1.2 e 5.1.5 da DIA.
6. A promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras de construción, coa autorización do Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo para o proxecto de execución obxecto desta resolución.
7. A promotora deberá comunicar o inicio das obras, con anterioridade ao prazo de dez (10) días, á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, achegando toda a documentación necesaria establecida nesta resolución e na declaración de impacto ambiental.
8. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar o Plan de vixilancia e seguimento ambiental ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, de acordo coas consideracións establecidas no punto 6 da declaración de impacto ambiental.
9. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.
No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.
En todo caso, tal e como indicou como resposta ao informe de Retegal, S.A., do 22 de setembro de 2024, deberá realizar unha campaña de medidas de cobertura de TDT nas localidades do contorno.
10. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.
11. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Servizo de Enerxías Renovables e Infraestruturas do Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.
12. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.
13. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para la Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.
14. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 30 de xaneiro de 2025, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.
15. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.
16. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
17. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2025
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
