Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Terras de Pol, con domicilio na Praza de Galicia, número 1, en Pol (Lugo).
Feitos:
1. O 1 de agosto de 2024, Lino Rodríguez Ónega, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación Terras de Pol constituíuna o Concello de Pol, representado polo seu alcalde presidente Lino Rodríguez Ónega, mediante escritura pública outorgada o 24 de xullo de 2024, ante o notario de Lugo José Manuel López Cedrón, co número de protocolo 2.118.
Tras requirimentos do 13 de setembro e do 20 de decembro de 2024, a Fundación achega a escritura outorgada o 21 de xaneiro de 2025, na mesma cidade e ante o mesmo notario da anterior, co número 146 do seu protocolo, que inclúe a taxación por un experto independente do ben que forma parte da súa dotación.
3. A Fundación, consonte os artigo 6 e 7 dos seus estatutos, ten por obxecto o desenvolvemento rural e do territorio en distintos ámbitos de actuación, apoiando as funcións do Concello de Pol neste sentido. Os ámbitos de actuación son os seguintes:
– Acondicionamento e aproveitamento de bens e terras en desuso para destinalas á produción agrícola e gandeira en xeral e tamén á ecolóxica en diferentes modalidades.
– Deseño, promoción e execución de programas de integración social, prestacións sociais, asistencia social á xuventude e á terceira idade, así como a colectivos desfavorecidos.
– A promoción, desenvolvemento e fomento do deporte en xeral en Galicia, fundamentalmente nas especialidades de fútbol e baloncesto nas súas distintas modalidades, entre todos os sectores da poboación, masculino, feminino, en todas as franxas de idade, con especial atención e apoio a persoas con discapacidade, sen discriminación ningunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, promovendo así o deporte en xeral co fin de acadar hábitos de práctica deportiva na poboación en xeral, incorporando deportes minoritarios e novas modalidades deportivas e, tamén, fomentando a formación e cualificación profesional en materia deportiva.
– Desenvolvemento e impulso de todo tipo de manifestacións culturais no municipio de Pol e difusión e promoción da cultura no territorio do concello e na súa contorna facendo especial fincapé no desenvolvemento de actividades culturais de tradición e exaltación dos valores culturais autóctonos e de especial arraigo no territorio, colaborando, neste sentido, coas principais asociacións veciñais do municipio.
– Protección e mellora do ambiente, dedicando recursos a enerxías renovables e de nova creación.
– Contribuír á análise, deseño e execución de novas estratexias de funcionamento, desenvolvemento e prestación de servicios municipais, por petición do Concello de Pol.
– Constitución, promoción, mantemento e xestión de instalacións e servizos, incluíndo, se é o caso, a adquisición, cesión temporal de uso ou arrendamento de bens mobles e inmobles axeitados para permitir e facilitar o cumprimento dos fins fundacionais.
4. O padroado inicial da Fundación está formado polo alcalde presidente do Concello de Pol, Lino Rodríguez Ónega, como presidente; e dous patróns nomeados polo presidente de entre os concelleiros da Corporación Municipal do Concello: César Valiña Irimia, como vicepresidente, e Ana Belén Seco Morado, como secretaria.
5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como mixta da Fundación Terras de Pol, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.
6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.
7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Consideracións legais:
1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.
De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 11 de febreiro de 2025,
DISPOÑO:
Clasificar como mixta a Fundación Terras de Pol, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e pódese interpoñer, no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
