BDNS (Identif.): 818569.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas físicas, sexan autónomas ou non, ou xurídicas, que sexan escritoras, ilustradoras, tradutoras ou editoras que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no sector do libro maioritariamente no ámbito da Comunidade Autónoma galega, que cumpran, ademais, todos os seguintes requisitos debidamente acreditados:
a) Terse inscrito, ter asistido ou participado nunha actividade subvencionable realizada no sector do libro fóra de Galicia, no prazo establecido na presente convocatoria.
b) Acreditar o desenvolvemento do seu traballo no sector do libro, maioritariamente no ámbito da Comunidade Autónoma galega.
c) Ter publicado obra en Galicia, polo menos unha obra, como persoa escritora, ilustradora, tradutora ou editora, para a cal se solicita a subvención, nos cinco anos anteriores á publicación da presente orde.
2. Non se poden beneficiar das axudas recollidas nesta orde aquelas solicitantes que se encontren nos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As persoas xurídicas deben acreditar a condición de editoras ou tradutoras de acordo co establecido nesta orde, para o que deberán estar dadas de alta, antes do 1 de xaneiro de 2025, na epígrafe 476.1, edición de libros, ou 774, tradutores e intérpretes, do imposto de actividades económicas, de acordo co establecido na presente orde.
Segundo. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións a persoas, físicas ou xurídicas, que sexan escritoras, ilustradoras, tradutoras ou editoras e que desenvolvan o seu traballo no sector do libro e no ámbito da Comunidade Autónoma galega, facilitando a súa participación en actividades do dito sector que se celebren no ano 2025, desde o 1 de xaneiro ata o 15 de decembro (código de procedemento CT221A).
2. Serán obxecto de subvención os gastos de viaxe referidos ao aloxamento e transporte que permitan a asistencia fóra de Galicia, ata un máximo de dúas actividades por solicitante, realizadas no sector do libro, de entre as seguintes: feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros, estadías creativas e eventos de similar natureza.
Enténdese por evento calquera actividade cuxo contido inclúa a transmisión de coñecementos, contactos e intercambio entre profesionais e expertos nos sectores da creación literaria, tradución, ilustración e edición.
As empresas editoras poderán designar un máximo de dúas persoas do seu cadro de persoal para que asistan a un evento cada unha, un único traballador para que asista a un máximo de dous eventos ou dous traballadores para que asistan ao mesmo evento.
3. Financiaranse unicamente os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para a súa realización. Non se subvencionarán gastos de ida e volta reiterados ao mesmo evento pola mesma persoa.
4. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2025.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 25 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras, tradutoras e editoras nas actividades que se celebren no sector do libro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT221A).
Cuarto. Importe
1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.770.01 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, por un importe de 30.000,00 €.
2. O financiamento dos gastos da viaxe refírese ao aloxamento e ao transporte e terá o seguinte importe por ámbito xeográfico de destino, sempre que se xustifique:
– España, agás a Comunidade Autónoma galega: 500 €.
– Resto de Europa ou países ribeiregos do Mediterráneo: 900 €.
– Resto do mundo: 1.600 €.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día 17 de marzo de 2025 ata o 1 de xullo de 2025, ambos incluídos.
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
