DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Luns, 10 de marzo de 2025 Páx. 16410

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 15 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Escolas Abertas para entidades galegas do exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR923E).

Mediante a Resolución do 15 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 27, do 10 de febreiro) reguláronse e convocáronse as subvencións correspondentes ao programa Escolas Abertas para entidades galegas do exterior para o exercicio 2025.

No artigo 7 da dita resolución establécese un prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, para a presentación de solicitudes, prazo que remata o vindeiro día 10 de marzo.

As especiais circunstancias sociopolíticas e económicas concorrentes actualmente nos países onde reside a maioría das persoas da colectividade galega no exterior están provocando grandes dificultades a esas persoas para poder reunir a documentación necesaria e para a presentación das súas solicitudes.

O artigo 4.2 da resolución establece a non realización dos obradoiros que non acaden un número mínimo de oito solicitudes.

Así, na falta de poucos días para que remate o prazo de presentación de solicitudes, o número de solicitudes presentadas que cumpren os requisitos é insuficiente para poder levar a cabo o programa.

Xa que logo, tendo en conta esas circunstancias, resulta aconsellable ampliar o prazo de presentación de solicitudes, o cal non prexudica dereitos de terceiras persoas.

Con carácter xeral, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), prevé a posibilidade de que a Administración poida conceder unha ampliación dos prazos establecidos se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiras persoas, por un período que non exceda a metade dos ditos prazos. Os acordos sobre ampliación non serán susceptibles de recurso.

Por todo o cal, de conformidade co disposto no artigo 32 da LPACAP e no resto da normativa aplicable,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Ampliar o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 7 da Resolución do 15 de xaneiro de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do programa Escolas Abertas para entidades galegas do exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2025, ata o 25 de marzo de 2025 incluído.

Santiago de Compostela,7 de marzo de 2025

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración