DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Martes, 11 de marzo de 2025 Páx. 16631

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2025 pola que se notifican as resolucións de denegación da subvención do Programa de axuda ao alugamento de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia da convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento VI483C).

A Comunidade Autónoma de Galicia ten en marcha varios programas dirixidos ao acceso á vivenda para os colectivos con maiores necesidades, todos eles recollidos no Pacto de vivenda de Galicia 2021-2025, asinado polos representantes das entidades integrantes do Pleno do Observatorio da Vivenda de Galicia, documento que xorde da análise conxunta e da contribución de todos os representados no pleno do citado observatorio. No devandito pacto recóllense as liñas de actuación pública na materia, que constitúen un instrumento de planificación das políticas públicas neste eido para o período 2021-2025 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste sentido, para evitar a dispersión das axudas, foi preciso incluír nunhas únicas bases reguladoras tanto as axudas autonómicas como as do Programa de axuda ao alugamento de vivenda regulado no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o bono alugueiro á mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, modificado polo Real decreto 903/2022, do 25 de outubro.

De acordo con este marco normativo, no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 8, do 11 de xaneiro de 2024, publicouse a Resolución do 18 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2024 (códigos de procedemento VI483C e VI483D).

A Resolución do 18 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia, no ordinal primeiro, punto 3, dispón que a concesión das axudas recollidas nesta resolución se tramitará polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O ordinal cuarto da citada resolución establece que en todo o non recollido nesta resolución se aplicará o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o Bono alugueiro mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, no que sexa de aplicación, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O ordinal quinto da devandita resolución habilita a persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión destas axudas.

O ordinal décimo sexto da Resolución do 18 de decembro de 2023 establece que a instrución do procedemento é competencia da área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda obxecto do contrato e que corresponde á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver as solicitudes das axudas.

No ordinal décimo sétimo das bases reguladoras establécese, no seu punto 3, que as solicitudes se tramitarán en función da súa orde cronolóxica de entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria. Así mesmo, o seu punto 6 dispón que, unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da xefatura da correspondente área provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de concesión inicial ou de renovación de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido en cada convocatoria, resolverá o que en dereito proceda.

O ordinal vixésimo das citadas bases reguladoras establece que serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, segundo o previsto no punto 3 do ordinal décimo sétimo. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a denegación da axuda a todas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución poderá realizarse mediante publicación no DOG e producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS. Poderanse enviar mensaxes ao teléfono móbil ou ao correo electrónico das persoas interesadas avisando desta publicación. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán indicar no anexo de solicitude un teléfono móbil e/ou un correo electrónico de contacto para recibir as ditas comunicacións.

O 13 de decembro de 2024, a directora técnica de Axudas á Vivenda do IGVS certifica a data e hora en que se esgotou a dotación de crédito orzado para a convocatoria de 2024 das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento VI483C).

O 27 de febreiro de 2025, o director xeral do IGVS, por proposta das xefaturas das áreas provinciais do IGVS, ditou as resolucións polas que se denega a subvención do Programa de axuda ao alugamento de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento VI483C) a todas aquelas solicitudes presentadas ou emendadas con posterioridade á data de esgotamento do crédito orzado para esta convocatoria, así como a aquelas outras presentadas coa documentación necesaria incompleta, o que supón a non dispoñibilidade de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución.

Polo exposto, de conformidade co establecido nos ordinais quinto, décimo sexto, décimo sétimo e vixésimo da Resolución do 18 de decembro de 2023, e ao abeiro do establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, considerando o elevado volume de solicitudes presentadas nesta convocatoria de subvencións e atendendo ás razóns de interese público apreciadas,

RESOLVO:

Publicar as listaxes das persoas ás cales se lles denega a subvención do Programa de axuda ao alugamento de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento VI483C), por estaren as súas solicitudes presentadas ou emendadas con posterioridade á data de esgotamento do crédito orzado para esta convocatoria, así como a aquelas outras presentadas coa documentación necesaria incompleta, o que supón a non dispoñibilidade de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución.

As citadas listaxes poderán consultarse na páxina web do IGVS na seguinte ligazón:

https://igvs.xunta.gal/consultas_axudas

De acordo co previsto nos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no punto 4 do ordinal décimo oitavo da Resolución do 18 de decembro de 2023, as persoas interesadas poderán interpoñer contra esta resolución de denegación da subvención solicitada, que non pon fin á vía administrativa, un recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2025

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo