DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Mércores, 12 de marzo de 2025 Páx. 16770

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 4 de marzo de 2025 pola que se recoñecen varias especialidades deportivas.

Antecedentes:

Primeiro. A Secretaría Xeral para o Deporte recibiu as solicitudes de catro federacións deportivas galegas para o recoñecemento de varias especialidades deportivas en Galicia, conforme o establecido no artigo 5.1.k) da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia:

1. O 7 de febreiro de 2024, a Federación Galega de Boxeo solicitou o recoñecemento da especialidade deportiva denominada lethwei (boxeo birmano).

2. O 25 de novembro de 2024, a Federación Galega de Loita e Disciplinas Asociadas solicitou o recoñecemento da especialidade deportiva denominada jugger e o 10 de xaneiro de 2025 solicitou o recoñecemento da especialidade denominada cómbatlon.

3. O 7 de febreiro de 2025, a Federación Galega de Tenis solicitou o recoñecemento da especialidade deportiva denominada pickleball.

4. O 11 de febreiro de 2025, a Federación Galega de Baile Deportivo solicitou o recoñecemento das seguintes especialidades deportivas: bailes standard, bailes latinos, 10 bailes, single, bailes caribeños, danza coreográfica, hip hop e tango arxentino.

Xunto coas solicitudes enviaron a seguinte documentación xustificativa:

– Descrición da especialidade deportiva.

– Grao de implantación da especialidade en Galicia e noutras comunidades autónomas ou países.

– A súa vinculación con modalidades deportivas xa recoñecidas e a súa relación con federacións existentes.

– A existencia de antecedentes históricos, regulamentarios e técnicos que avalen a súa diferenciación e a necesidade do seu recoñecemento.

– O volume de practicantes e a estrutura organizativa existente para o seu desenvolvemento.

Segundo. O 20 de febreiro de 2025, o secretario xeral para o Deporte, á vista do informe da Subdirección Xeral de Plans e Programas que conclúe que as solicitudes cumpren cos requisitos exixidos pola lei, propón o recoñecemento oficial das especialidades deportivas solicitadas.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O artigo 5.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, establece que lle corresponde á Administración autonómica o exercicio da seguinte competencia:

k) Recoñecer e cualificar novas modalidades e especialidades deportivas, así como establecer os criterios e requisitos para o seu recoñecemento.

Segunda. O artigo 17 da Lei 3/2012 define a especialidade deportiva como aquela práctica deportiva que, malia non reunir os requisitos para ser considerada modalidade deportiva, ten singularidade na súa práctica, aínda que vinculada ou organizada dentro dunha modalidade deportiva tanto por razóns históricas da súa práctica como pola existencia dun elemento de práctica común a todas elas.

Terceira. Segundo o artigo 40 da Lei do deporte, son entidades deportivas as constituídas, consonte as súas disposicións específicas, por persoas físicas ou xurídicas, con personalidade xurídica propia e capacidade de obrar, con domicilio na Comunidade Autónoma de Galicia, que teñan por obxecto primordial o fomento e o impulso da práctica continuada dunha ou varias modalidades deportivas, así como a participación en actividades e competicións deportivas calquera que sexa o seu nivel e destinatario.

Cuarta. O recoñecemento oficial das entidades deportivas galegas prodúcese pola súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, órgano administrativo pertencente á Administración autonómica. A inscrición no Rexistro é un requisito indispensable para optar ás axudas, a subvencións e a asesoramento ou para a participación en competicións oficiais autonómicas (artigo 66 e seguintes da Lei 3/2012).

Quinta. No Informe da Subdirección Xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte, do 17 de febreiro de 2025, determínase que as especialidades deportivas que cumpren os requisitos para o seu recoñecemento oficial en Galicia son:

1. Lethwei (boxeo birmano), especialidade da modalidade deportiva de boxeo.

2. Cómbatlon e jugger, especialidades da modalidade deportiva de loita.

3. Pickleball, especialidade da modalidade deportiva de tenis.

4. Bailes standard, bailes latinos, 10 bailes, single, bailes caribeños, danza coreográfica, hip hop e tango arxentino, especialidades da modalidade deportiva de baile deportivo.

Para a emisión do informe, analizáronse cada unha das solicitudes e a documentación presentada con cada unha delas, tendo en conta os criterios mencionados no artigo 17 da Lei do deporte:

– Desenvolvemento da práctica deportiva a nivel autonómico: interese da Federación Galega, practicantes e licenzas, clubs e asociacións de clubs galegos, competicións, práctica autóctona ou non.

– Representación e recoñecemento a nivel nacional: practicantes no territorio nacional, club e asociacións de clubs nacionais, recoñecemento pola Federación Española, recoñecemento polo Consello Superior de Deportes, competicións nacionais.

– Implicación a nivel internacional: existencia de federación internacional ou equivalente, recoñecida como especialidade na Federación Internacional, competicións internacionais.

– Análise técnico-deportiva: exixencias físicas, técnicas, tácticas e regulamentarias; existencia de regulamentación deportiva; persoal técnico, adestradores, xuíces e árbitros, practicada por mulleres e homes.

– Singularidade da práctica: autonomía funcional dentro da modalidade e interese para o deporte galego.

Sexta. O artigo 1 do Decreto 136/2024, do 20 de maio, establece que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de deportes.

En virtude do anterior, e de acordo coa proposta de resolución do secretario xeral para o Deporte,

DISPOÑO:

Primeiro. Recoñecer en Galicia as seguintes especialidades deportivas:

1. Lethwei (boxeo birmano).

2. Cómbatlon e jugger.

3. Pickleball.

4. Bailes standard, bailes latinos, 10 bailes, single, bailes caribeños, danza coreográfica, hip hop e tango arxentino.

Segundo. Autorizar a inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia daquelas entidades deportivas que a practiquen.

Terceiro. Ordenar a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento de todos/as os/as interesados/as.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes